Federación Autismo Galicia

A Federación Autismo Galicia nace no ano 1995 como unha iniciativa de asociacións e entidades de familias e profesionais que se dedican ao tratamento de persoas con autismo na comunidade autónoma.
Velar polos dereitos destas persoas e traballar de forma conxunta para obter servizos de calidade que sexan coherentes e se adapten á súa especificidade estaba na mente de cantos se uniron nesta experiencia. A piques de cumprir 16 anos, a nosa misión é mellorar a calidade de vida das persoas con trastornos do espectro do autismo e das súas familias. As persoas destinatarias dos servizos da Federación Autismo Galicia son as entidades galegas que desenvolven o seu labor coas persoas con TEA e coas súas familias e que son membros da federación.
Tempo de lectura: 
12 minutos

Que son os trastornos do espectro do autismo?

O autismo é un trastorno do desenvolvemento infantil que se manifesta nos tres primeiros anos de vida e que se caracteriza por unha alteración ou ausencia de desenvolvemento das competencias sociais e comunicativas, así como un patrón de condutas anómalas ou peculiares.

Trátase dun proceso de elevada prevalencia (estímase que un de cada 150 nenos poden presentalo) e de orixe neurobiolóxica, no que se implican principalmente causas xenéticas ou ben, e en menor proporción, procesos adquiridos prenatais ou perinatais.

Tres son os grupos de síntomas que se consideran nucleares e que inclúen:

 

  • O desenvolvemento da interacción social recíproca: podemos atopar desde persoas con illamento social significativo ata persoas que se relacionan con outras aínda que de forma estraña.
  • A comunicación verbal e non verbal: desde persoas sen ningún tipo de linguaxe a outras que poden posuír unha linguaxe oral moi elaborada.
  • Un perfil de intereses e comportamentos restrinxidos e peculiares: dificultades no xogo, movementos repetitivos, resistencia a cambios imprevistos...

O autismo, en sentido estrito, constitúe só unha parte dun grupo máis amplo que se coñece como trastornos xeneralizados do desenvolvemento (TGD) e que inclúe:

 

  • Trastorno autista.
  • Trastorno de Asperger.
  • Síndrome de Rett.
  • Trastorno desintegrativo infantil.
  • Trastorno xeneralizado do desenvolvemento non especificado.

A ampla variabilidade individual fixo que se acuñase o termo trastornos do espectro do autismo (TEA). Este concepto de continuo facilita a comprensión da realidade social destes trastornos e impulsa o establecemento de apoios para as persoas afectadas e as súas familias.

Polo momento, non existe cura para os TEA. Non obstante, existen factores que van influír de maneira importante no desenvolvemento da persoa que os presenta e na súa calidade de vida. É fundamental que o diagnóstico se realice de maneira precoz e que o neno ou nena reciban unha axeitada intervención temperá. Tamén é fundamental que os recursos educativos e comunitarios sexan os axeitados ás súas necesidades individuais e que dispoña dunha rede de apoio que facilite a súa participación social. Sen esquecer que, como calquera outra persoa, as persoas con TEA van seguir desenvolvéndose e aprendendo ao longo de toda a vida, as súas características non desaparecen na vida adulta, aínda que si van cambiar co tempo. Así, a súa calidade de vida vai depender das posibilidades de acceder ás intervencións e apoios axeitados que se adapten ás súas necesidades individuais e maximicen as oportunidades de aprendizaxe, inclusión social e desenvolvemento persoal, mantendo todos estes elementos ao longo da vida.

A quen se dirixen as nosas accións?

 

  • Ás persoas con trastornos do espectro do autismo.
  • Ás familias que teñen un fillo ou filla afectado ou sospeitan que poidan ter un TEA.
  • Aos profesionais que traballan con eles nas asociacións, no eido educativo, no eido social, sanitario...
  • Á sociedade da que as persoas con TEA forman parte como cidadáns de pleno dereito.

 

Que servizos presta a rede asociativa da Federación Autismo Galicia?

Autismo Galicia está constituída por 11 asociacións e entidades que prestan servizos nas catro provincias galegas, 296 profesionais, 490 persoas con TEA e 1960 familias.

Servizos que se prestan:

  • Servizos de diagnóstico, valoración e orientación.
  • Servizos de atención temperá.
  • Centros de educación especial.
  • Centros de día.
  • Pisos e vivendas tuteladas.
  • Residencias.
  • Inclusión social.
  • Servizos xurídicos: tutelas, incapacidade...

 

Dentro destes servizos xerais desenvólvense proxectos específicos que abranguen áreas sociais, educativas, asistenciais ou sanitarias, con actividades deseñadas para atender as necesidades específicas das persoas con TEA, familias e profesionais: actividades de inclusión social, desenvolvemento e autonomía persoal, formación continua, asesoramento, orientación e colaboración con outros organismos ou entidades que atendan algunha persoa con autismo.

Que servizos presta Autismo Galicia?

A Federación Autismo Galicia desenvolve programas para:

Persoas con TEA:

  • Ocio e tempo libre: campamentos de verán e equinoterapia.
  • Emprego e inclusión social: integración sociolaboral e desenvolvemento de prácticas formativas de emprego con apoio na empresa ordinaria.
  • Saúde: mellora da atención sanitaria aos pacientes con TEA: tarxeta dobre AA.

 

Familias:

  • Formación e grupos de autoapoio: xornadas con temáticas específicas para nais e mulleres coidadoras, pais e nais, irmáns...
  • Asesoramento e derivación.

 

Colectivo e sociedade en xeral:

  • Formación interna e externa para persoal da federación e entidades e asociacións membros e actividades formativas dirixidas a persoas desempregadas.
  • Voluntariado (www.autismogalicia.org): faite voluntario, cursos de formación e divulgación en congresos.
  • Difusión e sensibilización: xornadas, campañas divulgativas, charlas formativas, Día Mundial do Autismo, concienciación sobre o tratamento do autismo nos medios.
  • Participación en organizacións: CERMI GALICIA, EAPN Galicia, Confederación Autismo España, Autismo Europa.

 

Publicacións

Federación Autismo Galicia

Sede social
Rúa do Home Santo de Bonaval, 74
15703 Santiago de Compostela

Centro de recursos
Rúa de Rodríguez de Viguri, 35
15703 Santiago de Compostela
Teléfono: 981 589 365 - Fax: 981 589 344
Enderezo-e: info@autismogalicia.org
www.autismogalicia.org
 

Asociacións da Federación

A Coruña

Asociación ASPANAES (Asociación de Pais de Persoas con Trastornos do Espectro Autista da Provincia da Coruña)
Rúa do Camiño da Igrexa, 40, baixo - 15009 A Coruña
Teléfono: 981 130 044 - Fax: 981 130 787
Enderezo-e: administracion@aspanaes.org

Fundación Autismo Coruña
Rúa do Camiño da Igrexa, 40, baixo - 15009 A Coruña
Teléfono: 981 130 553 - Fax: 981 130787
Enderezo-e: autismocoruna@yahoo.es

Ourense

Asociación Autismo Ourense
Rúa de Alférez Provisional, 2, entresollado - 32003 Ourense
Teléfono - Fax: 988 219 389
Enderezo-e: info@autismourense.org

Lugo

Asociación Raiolas - Lugo
Rúa de Lamas de Prado, 75, baixo - 27003 Lugo
Teléfono: 982 214 504
Enderezo-e: raiolaslugo@gmail.com

Pontevedra

Fundación Menela
Avda. do Marqués de Alcedo, 19 - 36203 Vigo 
Teléfonos: 986 423 433 / 902 502 508 - Fax: 986 484 228
Enderezo-e: fundacion@menela.org

Fundación Tutelar Camiño do Miño
Rúa de Xoanelo, 2 - 36202 Vigo (Pontevedra)
Enderezo-e: fundacion_tutelar@cmino.org 

Asociación Autismo Vigo
Rúa das Camelias, 108, ofic. 2 - 36211 Vigo
Teléfono: 986 437 263
Enderezo-e: autismovigo@gmail.com

Asociación APACAF (Asociación de Pais de Persoas con Trastornos do Espectro Autista e Centros de Apoio Familiar)
Rúa do Pracer, 5, 3.º B - 36202 Vigo
Teléfono - Fax: 986 226 647
Enderezo-e: info@apacaf.org

Asociación APACA (Asociación de Pais de Persoas con Autismo)
Rúa da Moreira, 29 - 36613 Vilagarcía de Arousa
Teléfono: 986 501 548
Enderezo-e: a.apaca@wanadoo.es

Asociación de Pais do Centro Os Mecos
Baión - 36614 Vilanova de Arousa.
Enderezo-e: apamecos@hotmail.com

Asociación de Pais do Centro de EE Menela
Camiño da Veiguiña, 15 (Alcabre) - 36212 Vigo
Teléfono: 986 240 703                 

Asociación de Pais do Centro Ocupacional Residencial Castro Navás
Rúa Navás, 11 (Priegue) - 36391 Nigrán
Teléfono: 986 365 558

Palabras clave: 
Sección: