A educación audiovisual nas bibliotecas escolares

As bibliotecas escolares experimentaron un avance tan grande na súa dimensión física e no seu contido que quedaron definidas dentro do centro educativo como o eixe de onde parte toda a información e do que participan todos as materias curriculares. Unha das transformacións máis destacada é a que se refire aos medios e materiais audiovisuais, o que xera unha necesidade de educar no seu uso tanto ao docente como ao alumnado.

Susana Godoy Varela
Coordinadora da biblioteca escolar no CEIP Filomena Dato, Barbadás (Ourense)
sgodoy@edu.xunta.es

Contexto

Podemos mirar ao redor e observar como a tecnoloxía invadiu as nosas vidas. En poucos anos, a terminoloxía referida a este ámbito incrementouse de tal modo que convivimos con sistemas totalmente arcaicos para o noso alumnado, pero que os adultos mantemos por cuestións sentimentais (cintas, VHS, LP), e aparellos que caben na palma dunha man ou que funcionan con simples ordes de voz (mp3, móbiles...). Estamos a vivir nun mundo onde o audiovisual adquire dimensións espectaculares e está ao alcance dos nenos e nenas desde idades moi temperás (cromos con realidade aumentada, tabletas, televisión interactiva, cine e televisión en 3D), pero falla a xestión por parte das familias en canto a un consumo responsable dos medios.

Moito do noso alumnado está formando a súa personalidade copiando os modelos que se lles presentan a través da televisión, do cine e internet, o que vai derivar na ausencia de determinados valores humanos e sociais positivos, imprescindibles para se converteren en cidadáns responsables.

Está claro que hoxe día todo ten cabida (por exemplo, vólvese editar música en formato disco), pero ao referirnos ao noso labor docente debemos de ter moi claro que lle temos que ofrecer ao noso alumnado e que material debemos adquirir para as nosas bibliotecas escolares. Deben estar dotadas dun material audiovisual práctico, útil e que contribúa a desenvolver as competencias clave recollidas na LOMCE, principalmente as referidas a competencia dixital, aprender a aprender e competencia en ciencia e tecnoloxía.

Non se trata só de coñecer as novas tecnoloxías, senón as linguaxes que se utilizan, as estratexias comunicativas e os contidos das súas mensaxes. A escola debe utilizar o audiovisual como forma de expresión e comunicación social e ser conscientes, ademais, da repercusión que ten na sociedade.

Falamos entón de alfabetización mediática como instrumento imprescindible para conseguir unha educación en valores e que desenvolva no noso alumnado unha actitude crítica ao redor de toda a información que recibe a través dos medios.

Marco lexislativo

Partindo de que as bibliotecas escolares contribúen á aprendizaxe das diferentes materias curriculares, gustaríame sinalar en que normas lexislativas actuais se fai referencia á educación audiovisual.

1. Currículo de educación primaria en Galicia (Decreto 105/2014)

1.1. Obxectivo da educación primaria:

j) Utilizar diferentes representacións e expresións artísticas e iniciarse na construción de propostas visuais e audiovisuais.

1.2.Título II, capítulo I, artigo 11: elementos transversais: “sen prexuízo do seu tratamento específico nalgunhas materias de cada curso, a comunicación audiovisual traballarase en todas as disciplinas”.

1.3. Na área de Ciencias da Natureza: “observar seres vivos a través de medios audiovisuais e tecnolóxicos da maneira máis precisa posible”.

1.4. Na área de Primeira Lingua Estranxeira: “a utilización dos recursos audiovisuais, de gravacións, uso de internet e material multimedia como compensador de carencias”.

1.5. Na área de Educación Plástica: “o alumnado utilizará os recursos audiovisuais para deseñar as súas propias creacións”.

1.6. Na área de Lingua Castelá e Literatura: “iniciarse na utilización guiada dos medios audiovisuais e dixitais para obter información”.

1.7. Na área de Educación Artística aparece no bloque 1 a educación audiovisual: “recoñecer, diferenciar e utilizar a expresividade de diversos materiais e soportes audiovisuais”; “traballo da fotografía a través dos medios tecnolóxicos e audiovisuais”, “creación de pezas musicais e sonorización de imaxes e representacións dramáticas”.

1.8. Na área de Lingua Galega e Literatura: comprensión global e específica de informacións audiovisuais moi sinxelas procedentes de diferentes soportes, empregar os documentos audiovisuais como documentos de aprendizaxe.

2. Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia

2.1. Na exposición de motivos dise que “a expansión das novas tecnoloxías de acceso á información e á documentación, das que nacen as denominadas bibliotecas dixitais”.

2.2. Título III, das bibliotecas universitarias, escolares e especializadas, artigo 31, punto 2: “as bibliotecas escolares poñen ao servizo de toda a comunidade escolar os fondos documentais existentes no centro, en soporte impreso, audiovisual, multimedia ou en calquera outro soporte ou medio de transmisión de contidos culturais ou informativos” e “colaborarán coas bibliotecas públicas da súa área de referencia na consolidación de hábitos de lectura e na formación para o acceso á información”.

3. A convocatoria anual do Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non-universitarios: fai referencia ás leis anteriores e ao papel de liderado das bibliotecas escolares á hora de introducir metodoloxías e propostas de carácter interdisciplinar; á incorporación de novos recursos tecnolóxicos ás prácticas educativas cotiás e aos cambios en canto ao acceso á información.

4. Instrucións do 1 de setembro sobre organización e funcionamento das bibliotecas escolares: “unha biblioteca escolar que favoreza o achegamento a recursos informativos, en soporte impreso, audiovisual ou electrónico, presentes ou a través de internet”.

 

Nas bibliotecas escolares

Despois da exposición anterior queda claro a obrigatoriedade que temos como docentes de lle ofertar ao noso alumnado un ensino do currículo empregando os recursos audiovisuais. Sorprende que, malia darlle lexislativamente moita importancia, aparece a educación audiovisual relegada a un bloque temático dentro da área de Educación Plástica, que só conta cunha sesión á semana.

A tarefa das bibliotecas escolares será presentarlle a toda a comunidade educativa e concretamente aos claustros dos centros unha serie de medios e materiais didácticos audiovisuais que favorezan os procesos de ensino e aprendizaxe. Isto supón tamén unha formación docente que lle permita á escola poñerse ao día en todos os avances tecnolóxicos e sociais. Sabedores de que isto resulta utópico por moitas razóns, a escola sempre vai ir detrás dos avances sociais, xa que conserva elementos da escola tradicional cos que resulta imposible competir (véxase a presentación “La educación explicada por un niño”, publicada por Redes, Divulgación y Cultura).

Pero son as bibliotecas escolares as que están revolucionando esta parálise educativa ao integraren cada vez con máis forza os medios audiovisuais, arrastrando a un traballo máis dinámico e por proxectos ao resto da comunidade. A aposta da Administración educativa co Plan LIA en Galicia e a motivación de moitos docentes por participar nos equipos de biblioteca nos centros está dando os seus froitos.

 

Accións

Analizarei que tipo de medios audiovisuais poderiamos adquirir para a biblioteca escolar dun centro de educación infantil e primaria e que uso lle poderiamos dar. Non son todos imprescindibles, pero poden facilitar o traballo docente.

  1. Ordenadores con acceso a internet. Sería interesante que a aula de informática estivese cerca da biblioteca e, se non é posible, cando a demanda supere a oferta resulta práctico facer quendas de utilización por días e cursos. O alumnado pode acceder no tempo de recreo para buscar información e investigar sobre algún tema do currículo e estaría controlado polo docente responsable nese momento.

  2. Proxector. Permite a presentación de xeito grupal de pequenos vídeos que apoien o traballado na aula.

  3. Cámara ou cámaras fotográficas. É moi estimulante para o alumnado facer as súas propias composicións, fotográficas e de vídeo, e crear presentacións que logo poden ser publicadas no blog.

  4. Tabletas. Estanse incorporando en moitos centros educativos pola riqueza en canto á interacción dos contidos. Un avance tecnolóxico moi motivador é a realidade aumentada aplicada aos contos.

  5. Libros electrónicos.

  6. Encerado dixital. A tarefa individual pode ser compartida co resto do grupo, ademais de contar cun importante número de recursos na rede.

  7. Reprodutor DVD portátil, para ver individualmente no tempo de recreo ou para préstamo coma os libros electrónicos.

  8. Móbiles. Cada día somos máis os mestres que o utilizamos nas nosas clases, xa que nos permite recoller imaxes e vídeos en momentos importantes e podelos publicar nos blogs do centro sen necesidade de dispoñer dun ordenador. A cantidade de aplicacións que podemos empregar enriquecen as publicacións e motivan máis o alumnado.

Non cito outros medios que podemos ter nos centros, pero que xa foron substituídos polos anteriores (proxector de diapositivas, de transparencias, lector de documentos, gravadora, reprodutor de VHS...). Con todo, servirán para que o alumnado coñeza o avance tecnolóxico que experimentaron.

En canto aos documentos audiovisuais, referímonos aos formatos en DVD, CD-rom, blu-ray que aparecen como películas, enciclopedias, videoxogos, música, que o alumnado pode utilizar de forma autónoma e baixo o préstamo da biblioteca escolar.

A inclusión do cine como material audiovisual merecería un estudo detallado, xa que supón un dos mellores recursos educativos. A selección do material que se merque ou vexa a través da rede debe ser coidadosa e que cumpra cunha serie de condicións: accesible ás idades, de boa calidade visual e sonora e que facilite a consecución dos obxectivos do currículo para o que foi seleccionado.

A través da biblioteca pódese elaborar ou proxectar material audiovisual sobre:

  1. Diferentes áreas curriculares que logo son traballadas con guías xa elaboradas (cineyeducacion, uhu.es, por exemplo) ou fichas preparadas polo docente.

  2. Documentos audiovisuais históricos que nos ofrecen unha visión real da historia da humanidade.

  3. A historia do cine, desde o cine silente ata o 3D (ver en youtube “Historia del cine. Por y para niños”). Isto suporía poder elaborar aparellos caseiros na materia de Plástica (zoótropo).

  4. Curtametraxes educativas que contribúen a formar a personalidade do alumnado (educacion 3.0: 40 cortometrajes para educar).

  5. Proxectos do propio alumnado en formato cine a través de aplicacións informáticas (imovie, kizoa, vivavideo...), para presentar a biblioteca, promover a Feira do Libro, facerlles enquisas aos compañeiros, formación de usuarios...

Sería interesante presentar algunha pequena produción no OUFF (Festival de Cine de Ourense), na sección escolar.

É fundamental que a biblioteca teña un blog a través do que publicar todos os traballos elaborados polo alumnado, presentacións que o profesorado pode amosarlle nun momento puntual ou enlaces a páxinas que consideremos importantes para a adquisición de hábitos lectores. Son moitas nas que podemos buscar recursos audiovisuais:

  1. Biblioteca virtual galega

  2. Recursos dixitais da Fundación Germán Sánchez Ruipérez

  3. Páxina “Conoce al autor”

  4. Youtube (curtametraxes, documentais...). O propio centro ten a súa canle de vídeos.

  5. Páxina eduCaixa: ofrecen un planetario para o centro de xeito gratuíto, así como diversos materiais en préstamo.

  6. Páxina web do Loro Parque de Tenerife, coa posibilidade de levar a cabo unha videoconferencia con outros centros en directo.

  7. Los oficios de la cultura, de RTVE, onde podemos atopar moitos oficios relacionados co mundo do libro: editor, bibliotecaria, debuxante de cómic...

  8.  

Proxecto do centro

No curso 2014/15 —desde novembro de 2014 a maio de 2015—, levouse a cabo no CEIP Filomena Dato o proxecto 5 e Acción, no que o voluntariado da biblioteca escolar organizou e desenvolveu unha selección de actores e actrices dentro dos grupos de teatro do colexio, tanto do Concello como da ANPA. Houbo catro fases:

1. Os voluntarios recibiu unhas cartas elaboradas polo equipo da biblioteca e debidamente asinadas nas que se lles dicía que foran seleccionados para levar a cabo o proxecto 5 e Acción e que as ditas cartas debían ser entregadas aos seus titores para que desen a súa autorización, xa que implicaba ter que vir ao centro algunhas tardes, fóra do horario lectivo.

2. Baixo a supervisión de dúas mestras do equipo da biblioteca, o alumnado voluntario elaborou un calendario de actuacións para presentar a convocatoria dunha selección a cargo da produtora Claqueta Coqueta e baixo a dirección do actor e director galego Rubén Riós. As ditas actuacións foron:

2.1. Familiarizarse coa linguaxe do mundo audiovisual e os elementos que interveñen nunha selección, así como coñecer máis a figura de Rubén, tanto humana como profesionalmente (actor, director, empresario...).

2.2. Deseñar e confeccionar o cartel que se ía presentar aos aspirantes.

2.3. Falar co profesorado dos grupos de teatro para explicarlles o proxecto.

2.4. Preparar con diverso material e de xeito teatralizado a presentación ante os grupos de teatro do que era unha selección e presentar o cartel elaborado, co día e horario do evento.

2.5. Preparar unha presentación sobre Rubén Riós para cando nos visite no centro, con carteis sobre a súa vida e traballos feitos.

3. Rubén Riós visita o centro e mantén unha charla co alumnado de primaria desde terceiro curso ata sexto sobre o mundo audiovisual e presenta a curtametraxe Adeus Edrada.

4. Rubén Ríos leva a cabo a selección no centro educativo coa súa produtora Claqueta Coqueta; o voluntariado é o encargado de organizar as familias e os actores e actrices, desde as 16.00 ata as 19:00.

 

Recursos

No derradeiro certame de SIMO EDUCACIÓN 2015 (do 28 ao 30 de outubro) tiveron un especial protagonismo temas como intelixencias múltiples, recursos educativos abertos, estratexias TIC, metodoloxías activas, flipped classroom, aprendizaxe baseada en proxectos, tecnoloxía 3D, realidade aumentada, robótica, gamificación, mobile learning, ou ciberseguridade, entre outros. Nas nosas bibliotecas xa nos soan moitos destes termos, pero queda un camiño moi longo para que sexa toda a comunidade educativa a que se contaxie desta dinámica. Na nosa contra está o tradicional pero cómodo libro de texto que custa deixar de lado, xa que esixiría un cambio na mentalidade de moitos docentes.

A continuación, nomearei unha serie de blogs moi interesantes onde mergullarse para obter recursos audiovisuais e reflexionar sobre a práctica docente:

Ayuda para maestros: blog de Manu Velasco, profesor de infantil e primaria.

El blog de Manu Velasco: a innovación educativa, metodoloxías activas, xogar na escola e o cambio educativo son algúns dos temas sobre os que reflexiona.

CITA (Centro Internacional de Tecnoloxías Avanzadas): formación en liña e presencial, talleres TIC, proxectos de investigación, iniciativas educativas para asesorar sobre as TIC, talleres de boas prácticas son algunhas das actividades que leva a cabo esta institución que trata de implantar a sociedade da información e o coñecemento no medio rural.

Educación 2.0: blog con información sobre todos os niveis educativos (é posible acceder aos contidos para infantil, primaria, secundaria), sobre unidades didácticas e sobre material educativo. Pertence á rede de blogs Bitácoras.es.

EDUC@CONTIC: imprescindible para atopar recursos educativos (ordenados por niveis educativos), estar ao día en novidades tecnolóxicas en educación, saber como utilizar unha ferramenta en concreto ou coñecer experiencias prácticas de docentes.

EducaLAB: o lugar de encontro para a educación, o seu obxectivo é apoiar os docentes e, en sentido amplo, a todo o sistema educativo español desde o coñecemento e a proximidade, desde os datos e a análise, e desde a investigación, a experimentación e a innovación.

Eduteka: é o portal educativo e en aberto da Fundación Gabriel Piedrahita Uribe (FGPU), con sede en Cali (Colombia), que leva publicando información de interese para os docentes desde 2001.

En la nube TIC: de Juan Carlos Guerra (@juancarikt), conta cun equipo de colaboradores (son xa preto de 70 docentes) que escriben as entradas con información útil e práctica sobre software, widgets... Ademais de modelos, titoriais ou recursos.

Escuela 2.0: para facilitar a procura de información, este portal publica as súas informacións en diferentes apartados: estudantes, familias, centros e docentes. Tamén existe a posibilidade de acceder por categorías: artigos e actualidade, recursos TIC, blog...

Fundación Telefónica: esta web é imprescindible para estar ao tanto das novidades que se producen no sector educativo e como as novas tecnoloxías aplicadas ao coñecemento, a cultura e a sociedade permitirán transformar con éxito a sociedade. Publican monográficos, convocan premios, organizan xornadas…

INED21: é un medio dixital de educación e aprendizaxe en español fundado por Víctor González e José Luis Coroado, que publica diferentes tipos de contidos: propio e segundo os seus principios; de autores seleccionados e colaboracións exclusivas sobre a actualidade educativa.

Justifica tu respuesta: o blog de Santiago Moll é outro dos espazos en liña sobre educación de lectura recomendada.

TotemGuard: no blog desta empresa tecnolóxica especializada na xestión de aulas TIC, dispositivos móbiles e helpdesk, é posible acceder a recursos, información de interese sobre o uso de determinadas ferramentas, vídeos titoriais ou cursos en liña (de pagamento), entre outros.

Maestros Innovadores, Alumnos Competentes (MIAC): é unha contorna de aprendizaxe en rede creada por un equipo de docentes cuxo obxectivo é servir de punto de encontro para que todos os profesionais relacionados coa educación poidan participar, interactuar e colaborar sobre temas de actualidade e interese educacional.

Nuevas Tecnologías para la Educación: neste blog podemos atopar información sobre redes sociais infantís.

Wwwhat?s new: aínda que non é 100 % educativa, esta web é imprescindible para estar ao día das últimas novidades tecnolóxicas que poden ser utilizadas na aula.

Tamén podemos atopar blogs moi interesantes das bibliotecas dos nosos centros escolares galegos.

 

Conclusión

As bibliotecas escolares galegas están demostrando a súa capacidade de introducir os medios audiovisuais no proceso de ensino-aprendizaxe, cunha metodoloxía que propicia o avance paralelo da escola e a sociedade.

 

Bibliografía: 

 

BAZALGETTE, C. (1991). Los medios audiovisuales en la educación primaria. Madrid: MEC/Ediciones Morata.

Blog Donlibro de Paseo

Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia.

LOMCE (Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa)

MINISTERIO DE EDUCACIÓN, CULTURA E DEPORTE (Bibliotecas Escolares, formación en rede, La colección).

MESA, R.: Breve resumen de la LOMCE, aspectos básicos y novedades

YOUTUBE: La educación vista por un niño.

www.simoeducacion.