A biblioteca: o sol que ilumina o centro
Verónica Guardado Gesto (veronicaguardado@edu.xunta.es)
Diego A. López Rodríguez (diall@edu.xunta.es)
Cristina París Padilla (cristina.paris@edu.xunta.es)
Susana Rodríguez Mourelle (rodriguezmourella@edu.xunta.es)
CEIP Canosa-Rus, Coristanco (A Coruña)
A posta en marcha dos proxectos documentais integrados (PDI) nos centros é un excelente modo de potenciar e comprometer o alumnado na súa aprendizaxe. Neste escenario a biblioteca ten un rol fundamental e debe ser a dinamizadora destes procesos, incentivando, promovendo e involucrando a toda a comunidade educativa no seu desenvolvemento.
Os procesos de elaboración e posta en marcha dos PDI non serían posibles sen a participación de toda a comunidade educativa, en particular referímonos ao claustro, equipo directivo e equipos de dinamización. Consideramos que, malia que a coordinación e planificación do proxecto deben ser levadas a cabo polo equipo de dinamización da biblioteca escolar, por ser fonte de recursos documentais, os PDI deben ser proxectos de centro nos que a comunidade educativa sexa partícipe das diferentes fases e sexa un paso máis cara a un cambio metodolóxico nas aulas.
Esta é a nosa experiencia no desenvolvemento do proxecto documental integrado Rus entre Planetas, no que realizamos unha investigación sobre o Sistema Solar. No seguinte CANVAS facemos un esbozo dos diferentes apartados, fases e datos fundamentais que guiaron o proxecto.
Como en todo proxecto, tal como nos indica Rosa Piquín,1 comezamos pola pregunta ou reto que tratariamos de solucionar, que xurdiu desde o equipo de biblioteca. No noso caso sería construír un planetario, xunto cunha exposición que explicase os astros que compoñen o Sistema Solar. Ao longo do desenvolvemento, ademais dos coñecementos que puideron adquirir sobre o tema, tratamos que o alumnado se familiarizase coa procura de información, como tratala, de comunicala e difundila ao exterior do centro. A partir de aquí, comezariamos coa fase de investigación.
Fase de investigación
No proceso de investigación marcamos unha serie de contidos que serían imprescindibles para a fase posterior. Deste xeito, comezamos cunha actividade de motivación que incitase o alumnado a involucrarse no desenvolvemento de Rus entre Planetas. Esta foi unha visita ao planetario da Casa das Ciencias da Coruña. Neste movemento cara a fóra do centro, os nenos coñeceron a instalación e asistiron a diferentes proxeccións relacionadas co tema e adaptadas ás idades dos alumnos.
A partir deste momento, co profesorado e alumnado involucrado, tratamos de facer conscientes as familias de todo o proxecto, para o cal enviamos notas dirixidas a estas nas que as informabamos e lles pediamos a súa colaboración para as diferentes actividades que se foron formulando. Ao mesmo tempo, o equipo da biblioteca elaborou un cartel interactivo no que se recompilaban diferentes recursos web, así como unha exposición permanente na que se mostraban os fondos presentes na biblioteca para facilitar a procura de información sobre o tema. Para realizala achegóuselle ao profesorado unha guía que axudase a realizar este labor co alumnado
Neste período quixemos tamén que houbese movementos de entrada ao centro, polo que recibimos a visita do astrónomo Pedro Pablo Campos e dunha cooperativa dedicada ao cultivo da pataca, que nos explicaron, ademais das diferentes especies deste tubérculo, a influencia da Lúa no seu labor, co que tamén achegabamos a realidade exterior á biblioteca. Estas actividades previamente tiveron que ser preparadas nas aulas a través da elaboración de diferentes tipos de textos e realizando debates na clase sobre as cuestións máis relevantes, expoñendo dúbidas, para posteriormente realizar unha selección da información. O traballo do alumnado continúa analizando o contido e volvendo facer unha selección crítica do aprendido, filtrando o máis importante.
Esta fase de investigación remata coa montaxe dun panel no que cada aula achegou o seu coñecemento, no que cabían desde experiencias de astronomía, novas do xornal, aspectos sobre a carreira espacial, o papel do espazo na música, no cine ou na literatura, entre outros.
Destacaremos a grande implicación que houbo en toda a comunidade educativa, xa que na fase de investigación tamén colaboraron os mestres especialistas de Educación Artística, Educación Física, Lingua Estranxeira, así como os diferentes equipos: TIC, EACE e EDLG, que foi decisiva para a culminación deste proxecto. Entre as numerosas achegas que realizaron cada un deles destacamos a ambientación da audioteca, organización do festival de Nadal e Entroido, elaboración dun proxecto artístico relativo ao acrosport, posta en marcha do concurso Interestelar, coa biblioteca como centro neurálxico, e colaboración nos diferentes produtos finais (videografías, vídeos...), recollida de información sobre a influencia da Lúa na vida diaria e creación dun cartel con todas as “crenzas da Lúa”.
Fase de análise
Tras centrar o tema e procurar información relativa ao espazo, a astronomía, a carreira espacial... chegou o momento de afondar en cada un dos astros que compoñen o Sistema Solar e que nos conducise á construción do planetario. Desexabamos que cada aula elixise o que máis lle gustase ou aquel que máis os atraía, pero tampouco queriamos atoparnos con varias versións dun mesmo planeta, polo que a elección foi dirixida a que non quedasen “ocos”, e conseguir que cada aula lle achegase diferente información ao resto do centro.
Cada aula volveu facer unha procura, centrando agora o interese no astro que se seleccionou e tendo na mente como querían expoñer toda esa información e como elaborarían o planeta fisicamente, adaptándose, dentro do posible, á realidade.
Para a construción dos planetas utilizáronse diferentes técnicas. Unha delas foi pintar con cores sobre bólas de poriespan as distintas tonalidades e “realidades” dos diferentes astros (continentes, cráteres, tormentas…). A outra foi cubrir en varias capas uns globos de diferentes tamaños cunha mestura de auga e cola con papel de xornal e deixala secar. Neste proceso tratamos de respectar a escala á que estaban creados os planetas, explicándolle deste xeito o significado desta terminoloxía e utilidade na súa vida real. A continuación, colgamos do teito da sala de exposicións os planetas; intentamos respectar a escala, pero neste caso non foi posible debido ao espazo do que dispoñiamos, aínda que tratamos de que fose o máis realista posible.
Nas monografías os nenos explicaron os aspectos que consideraron máis relevantes: as características físicas, se poderían albergar vida, existencia de atmosfera, cando se descubriron, entre outros. Para este traballo utilizáronse cartolinas nas que se distribuíron tanto a información escrita como imaxes e debuxos do alumnado.
Fase de difusión
A penúltima fase do proxecto foi presentar todos estes produtos elaborados ante a comunidade educativa. Para nós, esta fase ten moita importancia xa que neste momento ése consciente de todo o aprendido, coa asimilación do traballo realizado ao longo do curso. Os nenos son protagonistas ante as súas familias, o centro ábrese ao exterior facendo partícipe o “mundo enteiro” e finalízase a aprendizaxe colaborativa que se desenvolveu durante o curso.
No noso caso colocamos os planetas no planetario, así como as monografías relativas aos astros. Tamén se dispuxeron uns códigos QR que dirixían ás videografías elaboradas polas clases. A decoración do centro guiaba a este espazo a través dun “camiño” de estrelas nas que se podían ler citas ou frases relativas ao espazo ou ao Universo. No chan do planetario pegamos unhas estrelas en espiral nas que cada neno escribira un adxectivo ou nome que lle suxerise o astro sobre o que investigara.
Con todo montado, o día da exposición as nais e pais gozaron da explicación de cada unha das seccións realizada polo alumnado e tamén puideron ver as videografías elaboradas polas clases. Esta exposición quedou aberta para que todo aquel que a quixese visitar tivese a oportunidade de facelo.
Todo o proceso quedou recollido nunha páxina web3 dedicada ao proxecto. Tanto na web do centro,4 no espazo dedicado á biblioteca, como no blog5 da biblioteca recolléronse diferentes actividades que se fixeron ao longo do curso (carteis, concurso, imaxes, vídeos...).
Fase de avaliación
Nesta última etapa o equipo de biblioteca facilitoulles aos mestres unha rúbrica de avaliación coa que poder facer un seguimento da aprendizaxe do seu alumnado. Coa mesma rúbrica, os propios nenos realizaron unha autoavaliación do proceso. Elaborouse tamén un cuestionario para as familias que nos permitise coñecer a súa opinión sobre Rus entre Planetas. Enviouse ás casas e tamén se facilitou o acceso a través da páxina web do proxecto.
Nesta fase detectamos diferentes aspectos relacionados coa planificación que teremos que mellorar en posteriores proxectos, xa que houbo momentos nos que as diferentes actividades programadas estaban próximas a outras celebracións, coa carga de traballo que supuxo para profesorado e alumnado. Fomos conscientes de que algunhas familias, por careceren de conexión a internet nas súas casas, non tiñan coñecemento das diferentes fases do proxecto. Por outra parte, constatamos que o alumnado quedou plenamente satisfeito con esta forma de traballar, aspecto que nos anima a continuar cos PDI, tratando de mellorar aqueles puntos nos que tivemos máis dificultades.
Conclusións
Consideramos que esta forma de traballo, que prioriza a aprendizaxe colaborativa, cumprimos os cinco principios que enumeran David W. Johnson e Roger T. Johnson2 para que esta sexa de calidade:
- Interdependencia positiva.
- Interacción cara a cara.
- Responsabilidade individual e grupal.
- Desenvolvemento de destrezas interpersoais e grupais.
- Avaliación grupal.
Cremos que mediante os PDI cumprimos estes principios, ademais de dotar o alumnado dunha serie de estratexias e fundamentos que o axude a ter un pensamento crítico, a procurar e seleccionar información veraz, a utilizar os recursos que lle ofrece o centro e internet e a introducir o uso das TIC (tecnoloxías da información e a comunicación) como paso previo á implantación das TAC (técnicas de aprendizaxe colaborativo).
Queremos, a través da biblioteca, fomentar a transformación da escola e desenvolver a competencia informacional entre o alumnado. A biblioteca, tal e como nos indica G. Durban, debe ser unha porta ao mundo informativo e facilitar o acceso físico, simbólico e formativo.
Por último, volver resaltar a colaboración de todos os axentes implicados no proxecto, para nós básica no desenvolvemento dos PDI.
- PIQUÍN, R. (2012). Proyectos documentales integrados. Pamplona: Gobierno de Navarra.
- JOHNSON, DAVID W.; JOHNSON, ROGER T. What is cooperative learning? Dispoñible en http://www.co-operation.org/what-is-cooperative-learning/
- EQUIPO DE BIBLIOTECA E EQUIPO DINAMIZACIÓN DAS TIC DO CEIP CANOSA-RUS. Web do proxecto Rus entre Planetas. Dispoñible en https://sites.google.com/a/ceipcanosarus.net/rus-entre-planetas/home
- CEIP CANOSA-RUS. Espazo da biblioteca dedicado ao PDI Rus entre Planetas. Dispoñible en http://www.edu.xunta.es/centros/ceipcanosarus/taxonomy/term/105
- EQUIPO DE BIBLIOTECA DO CEIP CANOSA-RUS. Leoteca en Rus. Dispoñible en http://bibliocanosa.blogspot.com.es