Maimiño e o espello máxico

Unha experiencia de cine para os máis pequenos

Título: Maimiño e o espello máxico

Ano: 2014

Nacionalidade: Galego-cubana

Xénero: Animación

Director e guionista: Ernesto Padrón

Director convidado: Bruno López

Banda sonora orixinal: Silvio Rodríguez

Música: Manuel Riveiro

Duración: 78 minutos

Sinopse:

Maimiño conta a historia dun pequeno campesiño que quere sacar a súa familia da pobreza e se lanza á cidade xunto aos seus irmáns. Alí descobren que un enorme carballo encantado ten o palacio do rei na penumbra e sen auga, e que o soberano prometeu outorgarlle o título de marqués e darlle á súa filla, a princesa Denise, en matrimonio, a quen corte a árbore e abra o pozo.

Maimiño e o espello máxico é o único filme de animación infantil galego e en galego.Trátase dunha coproducción galego-cubana (Ficción Producciones e ICAIC de La Habana), baseada na adaptación que sobre o clásico Polgariño  escribiu o gran escritor cubano José Martí, e que publicou no ano 1889 na revista La edad de oro.

Dirixido por Ernesto Padrón, que contou coa colaboración como director convidado do galego Bruno López, Maimiño conta unha historia chea de ritmo e enerxía, que incorpora na súa trama algúns dos valores más relevantes a trasladar na primeira infancia: a amizade, a xustiza social, o amor ou a importancia do esforzo para acadar os obxectivos.

Estreada en La Habana no verán de 2014, rapidamente converteuse no filme máis taquilleiro na historia da illa caribeña. Avalada por ese éxito, o lanzamento en Galicia e no resto de España desta historia, á que lle poñen as voces en galego algúns dos principais actores e actrices do panorama actual como María Castro, Javier Rey, Carlos Blanco, Monti Castiñeiras e Antonio Mourelos, entre outros, resultou igualmente exitoso.

Tamén como valor de produción destaca a banda sonora asinada polo gran autor cubano Silvio Rodríguez, xunto co compositor galego de música para cine e televisión Manu Riveiro. Maimiño conta, ademais, na interpretación dos temas en galego con cantantes da talla de Uxía Senlle e Xoán Curiel.

 



 

Sección: