Bibliotecas escolares

Unha biblioteca en evolución

No CPI Dr. López Suárez de Friol ninguén recorda como era a súa biblioteca, un lugar lúgubre, almacén de volumes pouco atractivos. Esquecemos o que foi, o seu recente pasado, demasiado longo, que aínda sería unha realidade se non fose pola incorporación ao PLAMBE (Plan de mellora de bibliotecas escolares). Este texto céntrase no que agora é, nos obxectivos marcados e nas dinámicas actuais, condicionadas por unha realidade concreta. O que “está sendo” será decisivo para o seu futuro, que esperamos que sexa un aliciente para o ensino.

Modesto Fernández Gómez
Profesor e responsable de biblioteca do CPI Dr. López Suárez (Friol)
modestofernandez@edu.xunta.es

Blanca Castro Gerpe
Profesora e membro do equipo de biblioteca
blan@mundo-r.com

Ana Vázquez Rodríguez
Profesora e membro do equipo de biblioteca
anaceide@edu.xunta.es

 

Introdución

A incorporación ao PLAMBE no curso 2011/12 supuxo unha renovación integral da nosa biblioteca. Desde o principio entendemos a necesidade dun cambio radical en todos os sentidos: espazo, xestión e organización, dinámicas etc; en definitiva, tiñamos en mente un concepto de biblioteca acorde cos novos tempos. Unha experiencia que compartimos cos asistentes ás Xornadas de Bibliotecas Escolares no presente ano nun relatorio de título “A renovación como proxecto”. En catro anos conseguimos crear unha biblioteca atractiva, versátil e confortable, melloramos a xestión, dotámola do equipamento necesario e constituímos un equipo estable, algo fundamental á hora de adaptar as actividades aos diferentes ciclos e niveis dun CPI e trasladar eficazmente os obxectivos e procedementos ao profesorado.

 

 

Debuxo descritivo da biblioteca

Inténtanse facer actividades encamiñadas á creación propia, á expresión individual (aínda que o traballo se realice en grupo, de xeito colaborativo), a espertar a curiosidade e o pracer polo descubrimento, incluíndo unha visión multidisciplinar. Neste sentido, seguiremos animando a porcentaxe de profesorado que aínda non deu o paso a unha educación por proxectos, rica e diversa, na que o alumnado sempre está disposto, pois atopan unha conexión entre contidos e intereses, que lle permite ser protagonista da súa formación.

Para entender o porqué dalgunhas das actividades que se realizan desde e na nosa biblioteca, debemos ter en conta que o noso centro está situado nun contorno rural, polo que algunhas das ditas actividades non terían tanta razón de ser nun contexto máis urbano.

Contexto

Friol é o sétimo concello de Galicia en extensión (arredor de 295,5 km2), aínda que a poboación aquí censada é de tan só 4202 habitantes, polo que a densidade de poboación é moi débil (15 habitantes por km2) e dispersa. Esta realidade dificulta as interrelacións do alumnado fóra do horario escolar, así como unha cultura de asociacionismo que dinamice a vida do concello. A pesar de estar tan só a 25 km de Lugo, hai unha especie de fronteira invisible que impón máis distancia. Friol está situado en terra de ninguén, nunha posición periférica e de illamento, afastado das grandes vías de comunicación... a onde hai que ir adrede. É perceptible unha evidente brecha cultural con respecto á capital, constatada, entre outros aspectos, nun acceso a internet aínda deficiente e que condiciona e limita o noso traballo docente. A dispersión de poboación e o feito de que algunhas parroquias están especialmente afastadas da capital dificulta o acceso a eventos ou actividades culturais, proba disto é que unha boa porcentaxe do noso alumnado nunca foi ao cine ou ao teatro. Compensar estas carencias é todo un reto para a nosa actividade como docentes.

Centro escolar

O noso centro é un CPI e engloba, polo tanto, alumnado desde a etapa de infantil ata cuarto da ESO. Isto proporciónanos, baixo o noso punto de vista, unha riqueza e unhas posibilidades únicas das que tentamos sacar proveito. O equipo de biblioteca está formado por membros de primaria e secundaria, o que nos permite un intercambio que enriquece mutuamente os dous ámbitos.

O feito de contar cun horario escolar de xornada partida cun lecer de mediodía despois de xantar bríndanos a posibilidade de utilizar a biblioteca neste tempo no que intentamos atraer o alumnado con actividades lúdicas. Ademais, proporciona unha oportunidade para socializar, compartir e intercambiar experiencias, contrarrestando así unha carencia visible nun concello tan grande no que a maior parte do alumnado depende do transporte escolar para reunirse e enriquecerse de forma mutua.

Obxectivos

  • Contrarrestar o baleiro institucional en ofertas culturais, educativas e mesmo socializadoras.
  • Dar voz propia á cultura rural e descubrir a potencialidade da riqueza patrimonial material e inmaterial do concello.
  • Romper as barreiras que os libros de texto impoñen ao ignorar as realidades culturais que son máis próximas.
  • Gozar co proceso de ensino-aprendizaxe.

Dinámicas

Un dos principais obxectivos que nos marcamos este ano foi levar a cabo con especial coidado a elección de novos fondos. Mostramos grande atención ás suxestións lectoras tanto do alumnado como do profesorado, ademais de realizar un esforzo extra na reflexión e procura de libros necesarios para unha boa formación e que ao tempo contribuísen a potenciar o pracer pola lectura.

Outra parte dos fondos adquiridos está destinada a facilitarlle ao profesorado e alumnado material para traballar unha competencia tan fundamental coma a emocional desde idades temperás e que poucas veces está prevista nos currículos.

Para conseguir, entre outros, estes obxectivos, no presente curso adquirimos unha cantidade de volumes moi superior á de anos anteriores e os resultados positivos estanse apreciando, posto que as estatísticas constatan o incremento de préstamos ano tras ano tanto para a lectura persoal por parte do alumnado como para o traballo na clase. Co fin de facilitar a xestión do préstamo ao grupo clase, creamos uns carnés de aula.

Así como se viu incrementado notoriamente o número de lectores tamén aumenta de forma moi significativa o alumnado que asiste voluntariamente ás actividades programadas polo equipo de biblioteca no tempo de lecer.

Deste modo, a biblioteca converteuse nun verdadeiro recurso para algúns proxectos que se realizaron en infantil arredor do hospital e do corpo humano, sobre Exipto e sobre a vaca, animal de gran protagonismo na contorna. En primaria o tema que se traballou foi a Idade Media.

Outro dos recursos encamiñado a conseguir o obxectivo de crear hábito de lectura entre o noso alumnado é a oferta da prensa diaria e dun bo número de revistas de diversas temáticas situada no espazo de relax e lectura compartida da biblioteca.

Co ánimo de atraer á biblioteca o alumnado que non é asiduo, fixemos exposicións dos novos fondos fóra deste espazo, nos corredores do centro, e a moitos deles sorprendéronos as novas adquisicións.

Tamén con especial coidado se puxeron en marcha as mochilas viaxeiras, unha actividade que iniciou o camiño de implicar as familias nunha relación máis estreita co centro e coa biblioteca. Seleccionáronse libros de lectura axeitados ás idades do alumnado e acompañáronse con libros especializados en educación para a formación das familias. Elixíronse coidadosamente distintas temáticas e enviáronse as que se consideraron máis axeitadas en cada caso. Ademais na nosa biblioteca contamos cun fondo importante de libros sobre manualidades (tanto que lle dedicamos o número baleiro da CDU a esta temática) polo que, ao deseñar a actividade, decidimos tamén aproveitar estes fondos para enviar algún exemplar en cada mochila. A acollida deste tipo de material foi un éxito que superou todas as nosas expectativas. Enseguida empezaron a chegar traballos realizados polas familias cos seus fillos e fillas seguindo as indicacións dos libros. Estes traballos foron tamén expostos na biblioteca. Esta actividade pareceunos moi completa xa que, ademais de fomentar o hábito de lectura na familia e crear unha semente de escola de nais e pais, provocou a implicación das familias cos seus fillos e fillas en actividades lúdicas e educativas axeitadas á súa idade. Entendemos que deste xeito achegamos tamén modelos máis positivos de compromiso e responsabilidade por parte das familias na educación.

As actividades que levamos a cabo dunha forma continuada nos tempos de lecer son as seguintes:

  • Creación dun club de lectura, que se reúne unha vez por semana co obxectivo de fomentar a lectura, compartir impresións e investigar sobre os textos. Se é posible, tentamos invitar a autora ou autor como remate da actividade. Este ano visitounos Sabela Núñez Singala unha vez lido o seu libro O agasallo de Anya, e a charla coa autora resultou moi gratificante e emotiva para os compoñentes do club.

 Reunión do club de lectura

  • Acurta pola biblio é unha actividade que consiste na proxección de curtametraxes, formato moi axeitado pola súa duración, cantidade, calidade e diversidade. Comezamos con curtas de carácter lúdico para, pouco a pouco, darlles cabida a outras de ámbitos curriculares: bioloxía, xeografía, arte… que moitas veces non son vistos nas aulas por falta de tempo ou polas ataduras das programacións. Cabe destacar os vídeos que perseguen a difusión de puntos de vista alternativos aos hexemónicos e que, polo tanto, se afastan do pensamento único. A nosa intención é fomentar a reflexión e a crítica no alumando de secundaria. Polo que respecta a infantil e primaria, o contido destas proxeccións está moi centrado na educación emocional e en valores.
  • Canta e non chores converteuse este ano nunha das actividades estrela. Naceu como ás veces nacen as cousas, por casualidade, e despois fanse costume. Un grupo de rapaces estaban o ano pasado cantando unha canción na biblioteca e non podían continuar pois non sabían a letra. En vez de dar o feito por rematado, cousas de cativos, recomendámoslles consultar no móbil. Nun momento estaban cantando a canción enteira. Desta anécdota a crear unha actividade que está funcionando semanalmente no ámbito xeral só hai un paso. Un grupo de profesoras das distintas linguas creron acertado traballalo nas clases ao dárense de conta das posibilidades desta actividade que fomenta a lectura e mellora a memoria e a fonética. Concluíndo, na biblioteca estanse a reunir durante o curso para cantar en inglés, francés, galego, castelán e latín. Desta anécdota podemos extraer a seguinte reflexión: cantas actividades deixamos de facer por non estar atentos, por non advertir un xerme e artellar un modo de atraer o alumnado.
  • Introdución de lectores electrónicos grazas ao proxecto E-LBE que, polo de agora, non xorde efecto a grande escala. Co fin de estimular o seu uso deseñouse unha actividade para formar no seu manexo os potenciais lectores e difundiuse o contido dos ditos lectores electrónicos nun blog asociado a unha pestana do blog de biblioteca.
  • Polo que respecta ao blog da biblioteca como medio de difusión non acaba de conectar co alumnado como quixésemos, é evidente a súa ausencia de protagonismo nel, o que nos obriga a ensaiar novas fórmulas: un blog paralelo e enlazado feito polo propio alumnado podería ser unha posibilidade.
  • Durante o tempo de lecer tamén estamos realizando un obradoiro de xadrez de forma que poidan achegarse a este xogo tan beneficioso para o seu desenvolvemento formativo.

En relación coa programación das actividades de conmemoración de datas sinaladas, levamos a cabo as seguintes:

  • No tempo de Nadal introducimos a figura do Apalpador coa intención de que o alumnado coñeza esta figura tradicional e as características, lendas e tradicións do Courel dunha forma dramatizada. O equipo de biblioteca ten que facer de actores e actrices cando o orzamento non nos permite contratar máis contacontos, obradoiros ou charlas.

 

 O Apalpador na biblioteca

 

  • Outra actividade que logrou establecer unha relación máis estreita entre o centro e as familias foi a conmemoración do Samaín. Este ano, ademais das actividades de teatro e escenografía, poesía terrorífica e vídeo-art, conseguiu reunir unha longa comitiva que partiu do centro para chegar á praza da vila onde se expuxeron as cabazas anteriormente creadas grazas á implicación das familias. A imaxe nocturna de multitude de xente de todas as idades ao redor dun cento de cabazas iluminando ten que ver cunha educación socializadora, na que cremos e na que seguiremos traballando.

 

Traballando para celebrar o Samaín

  • Para conmemorar o Día da Prensa, o equipo de biblioteca programou unha actividade adaptándoa ás distintas etapas educativas e que se desenvolveu ao longo dun trimestre do seguinte xeito:
  • Educación infantil e primeiro ciclo de primaria traballaron cos xornais buscando fotos que tivesen que ver cos fenómenos meteorolóxicos. Posteriormente, fixeron debuxos relacionados con estes fenómenos e puxeron o seu nome con letras recortadas dos xornais que manexaran. Tamén traballaron na biblioteca desde a área de psicomotricidade (fai vento, temos moito frío, chove, fai moita calor…). En primeiro ciclo de primaria: por equipos buscaron e seleccionaron fotos da mesma temática, intercambiaron as imaxes e elaboraron unha noticia do que lles suxería unicamente a foto que lles tocou. Logo foron ver a exposición dos seus traballos á biblioteca e púxoselles un vídeo sobre o tema para motivalos.
  • En segundo e terceiro ciclo de primaria e en secundaria, despois de que o profesorado explicase os conceptos necesarios e proporcionase o material axeitado para levala a cabo, a actividade centrouse nos aspectos que a continuación se describen. Análise da imaxe ilustrativa dunha noticia da actualidade (espazos, persoas, obxectos, accións, temática, feito da actualidade, continente onde crían que se desenvolvía a noticia e redacción dun titular axeitado). Cos datos obtidos elaborouse un texto cohesionado e coherente. Cotexouse a noticia real coa elaborada polo alumnado, o exame das coincidencias e diverxencias entre ambas e, ao mesmo tempo, reflexionouse sobre os prexuízos, tópicos, ideas preconcibidas, coñecemento da actualidade… que os conduciron a asignarlle unha determinada temática, unha localización xeográfica concreta, a acción que se desenvolve... Expuxéronse os traballos elaborados polo alumnado e fíxose unha análise global dunha noticia: sección na que se sitúa, estrutura (entradiña, corpo, número de columnas…), situación na páxina, tamaño e situación da imaxe, axencia, fotógrafo...
  • Outras actividades máis ambiciosas que requiren moito traballo organizativo e documental, ás que pouco a pouco se van unindo máis departamentos, son os traballos por proxectos. Entre eles destacamos o proxecto de Caligrafía e rotulación que integramos no proceso de renovación e que pode servir de exemplo do noso modus operandi. Para crear os rótulos da biblioteca e coa idea de que o alumnado se sentise partícipe dos cambios e melloras deseñamos unha actividade que dividimos en distintas fases:
  • 1.ª fase. Achegamento ao mundo da escritura. O alumnado buscou información sobre a historia da escritura, os distintos alfabetos do mundo, a evolución sobre distintos tipos de soportes e utensilios de escritura e tintas. Tamén se proxectaron vídeos referentes a esta temática. Posteriormente, organizaron a información e realizaron traballos que foron expostos na biblioteca.

Exposición sobre a escrita

  • 2.ª fase. Obradoiro de Caligrafía. Organizouse un obradoiro de caligrafía destinado a alumnado e profesorado impartido polo profesor Jesús María Juaristi, experto calígrafo con ampla experiencia no mundo do deseño gráfico e da ilustración; nel tratáronse os aspectos básicos para iniciarnos nesta arte (a construción da letra, o manexo da pluma, a fonte caligráfica e o achegamento aos distintos modelos de alfabeto).
  • 3.ª fase. A elaboración dos rótulos. Nas clases de Plástica o alumnado profundou nas técnicas desenvolvidas no obradoiro e realizou diversos deseños de rótulos que se expuxeron na biblioteca, destes seleccionáronse varios modelos cos que se elaborou a rotulación definitiva das distintas seccións da biblioteca seguindo a CDU.
  • En infantil e primaria realizáronse as mesmas actividades adaptándoas aos distintos niveis: indagaron e experimentaron sobre a historia do noso alfabeto e a súa evolución, usos dos diferentes soportes e instrumentos de escritura... e realizaron modelos de letras en barro, madeira e outros materiais.
  • Outra das actividades interdisciplinares que se programaron xirou arredor dun animal mítico na cultura de Friol: a serpe. Cada departamento, ciclo e etapa encargouse de deseñar unha actividade relacionada con este animal co obxectivo de ser estudado desde múltiples perspectivas: lendas no mundo e en Galicia; creacións literarias ao redor desta figura; a serpe na historia da arte, nas ciencias, na mitoloxía; a serpe como deseño (ourivería, artes plásticas)...
  • Unha actividade en estado embrionario é a creación dun programa de radio. A lectura, busca e contraste de información, a necesidade da análise e síntese, a creación do texto, o ensaio vocal e rítmico e, por último, o dominio das tecnoloxías para gravar e editar, fan desta actividade, levada a cabo en colaboración con Obradoiro de Iniciativas Emprendedoras, un excelente recurso para alfabetizacións informacionais e dixitais, que desexamos que saia á luz.

Avalación

En liñas xerais, a valoración que facemos da biblioteca desde que se puxo en marcha o PLAMBE é moi positiva. Os aspectos que consideramos máis salientables en canto á súa mellora son:

Que pasamos de ter un espazo morto a un espazo dinámico e catalizador de case todas as actividades que se fan no centro, caracterizado por unha versatilidade que permite unha rápida e fácil relocalización do mobiliario, o que posibilita o seu tratamento como espazo multiusos, pois é tamén o noso salón de actos.

Que o propio alumnado valora a biblioteca como un lugar atractivo onde tamén se socializa e se intercambian experiencias. Ademais de que, como xa sinalamos con anterioridade, os préstamos de fondos foron aumentando curso tras curso de forma espectacular.

Por último, a ampliación de horario foi fundamental para revitalizar unha biblioteca que levaba anos sendo un cemiterio de libros.

Conclusión

A estabilidade do equipo de biblioteca é un valor engadido para a consecución de obxectivos. Con todo, temos a esperanza de ir pouco a pouco mellorando o feed-back entre este equipo e o profesorado do centro. A fluidez dos intercambios de propostas entre uns e outros é mellorable, pois pensamos que o ideal sería que as ditas propostas non só fosen unidireccionais da biblioteca ao resto do profesorado senón nas dúas direccións, posto que limaría certas resistencias que aínda se aprecian e espertaría o entusiasmo colectivo ao ser todo o centro partícipe de calquera iniciativa.


 

 

Sección: