Lectores electrónicos na educación primaria

Experiencia de introdución de dispositivos electrónicos de lectura nun centro de primaria; pasos que se foron dando no seu coñecemento e fórmulas para o seu uso polo alumnado.

Aurora Ramilo Alfaya
Responsable da Biblioteca Escolar do CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño)
ramiloalfaya@edu.xunta.es

Introdución

Todo elemento novo, sorprendente ou diferente do habitual, introducido nos programas de fomento da lectura, resulta motivador e esperta a curiosidade. Así ocorreu cos lectores electrónicos adquiridos mediante a participación do noso centro no proxecto E-LBE (lectores electrónicos na biblioteca escolar) da Consellería de Educación. Estes dispositivos foron acollidos polo alumnado con moito interese e actualmente están incorporados na actividade cotiá.

Obxectivos

O que se pretendía cando solicitamos a participación neste proxecto era fomentar a práctica da lectura dixital no contexto actual, que demanda alfabetizacións múltiples, incorporar novos soportes de lectura á nosa biblioteca e darllos a coñecer ao noso alumnado para seren utilizados como un recurso máis de aprendizaxe e lecer.

O dispositivo, unha descuberta

Proceso de implantación

1. Coñecendo

No comezo do curso escolar 2013/14, coa asignación económica correspondente, mercamos cinco lectores electrónicos. Os primeiros usuarios fomos os mestres e mestras que non utilizabamos este soporte, para iniciarnos no seu manexo e no uso do software de xestión do contido.

Introducimos varios libros dixitais en cada un deles, todos de descarga libre de dereitos e adaptados ás idades dos alumnos, para logo pasar a mostrarlles os dispositivos e practicar os usos máis básicos: acender e apagar, buscar e escoller un libro, navegar polas páxinas, modificar tamaño de letra… o que non supuxo apenas dificultade, e a que xurdía era solucionada entre eles.

Decidimos situalos nas bibliotecas de aula de cuarto, quinto e sexto de primaria (no noso centro, unha aula de cada nivel), para usar durante a actividade de lectura silenciosa sostida (hora de ler) que se realiza todos os días durante quince minutos. Estableceuse un calendario e cada semana un alumno ou alumna le nel. Desta forma a totalidade do alumnado destes niveis utilizou de forma individual, unha ou máis veces, un lector electrónico en dous trimestres.

As primeiras opinións son positivas: son cómodos, non pesan, podes elixir lecturas, non molestan a vista…pero tamén hai quen di que, a pesar de todo, prefire os de papel. É doado chegar á conclusión de que poden convivir ambos os formatos.

Para protexelos e facelos máis atractivos elaboramos unhas fundas con capas de libros descatalogados, coa ilustración orixinal ou pegándolle outras ilustracións.

 

Familiarizándose cos lectores

Os aparatos nas súas fundas

2. Outros usos

Ademais da lectura de lecer, pensamos que tamén poderiamos incorporar os dispositivos na actividade docente, como material para traballar a competencia informacional e dixital.

Introducimos nos lectores textos de información preparados polo profesorado en formato pdf ou epub relacionados con temas que se estaban traballando nas aulas, para utilizalos nas consultas e traballos coa información, como os demais fondos da biblioteca de aula. Utilizamos o conversor do programa libre Calibre, que temos instalado no ordenador de xestión da biblioteca.

Chegado o terceiro trimestre, dedicamos unha sesión en cada nivel a coñecer e practicar outras utilidades: subliñar, tomar notas e buscar en internet. Axudados dunha presentación dixital, o alumnado foi experimentando en equipo as distintas posibilidades que se ían presentando.

Comprobamos que a función de subliñado e toma de notas é útil para practicar a elaboración de resumos dun xeito diferente ao habitual, e complétase coa posibilidade de facer unha busca puntual dun significado ou información adicional na rede.

Temos en proxecto a idea de introducir os textos elaborados polo alumnado, para compartir cos demais lectores e lectoras, favorecendo así simultaneamente o uso do procesador de textos. O LibreOffice ten a posibilidade de converter o texto directamente ao formato epub.


Lemos tamén en pantalla

3. O préstamo

No actual curso 2014/15 iniciamos xa o préstamo domiciliario de dous lectores no grupo de sexto nivel, tras o coñecemento e autorización das familias, e contribuímos, deste modo, a desenvolver actitudes de responsabilidade cara aos bens comúns e a autonomía persoal. Cada alumno dispón del durante dúas semanas. Deste xeito as familias terán a oportunidade de coñecer e usar estes dispositivos de lectura, un paso máis na compensación de desigualdades sociais desde a biblioteca escolar.

O préstamo foi moi ben acollido polo alumnado, incluso houbo quen se atreveu a redactar opinións no propio lector ou escribir unha posible continuación da historia, o que demostra que adquiriron habilidades no uso e unha boa dose de iniciativa.

Os outros dispositivos continúan nas aulas de cuarto e quinto niveis, nas mesmas condicións do curso anterior.

 

Lecturas de todo tipo

Valoración

Todos os alumnos e alumnas de cuarto, quinto e sexto de primaria saben utilizar un lector electrónico de forma autónoma e responsable e enriqueceron a súa experiencia lectora, de modo que as nosas expectativas nestes aspectos vense cumpridas.

Atopamos dificultade para adquirir libros dixitais de temática variada, actuais, en lingua galega e adaptados aos niveis do noso alumnado. Outro impedimento apareceu por cuestións formais, no momento de realizar compras por internet coa conta bancaria do colexio.

Aínda nos queda algunha incerteza sobre a compra de libros dixitais, como rexistralos na base de datos da biblioteca ou aspectos legais sobre os préstamos. Agardamos poder seguir aprendendo ao mesmo tempo que se vaia xeneralizando o uso destes dispositivos de lectura nas escolas e se amplíe a oferta de libro dixital infantil.

 

Sección: