Coa ciencia si se xoga

Dentro de calquera concepto de aprendizaxe, no noso caso nas ciencias, podemos empregar diferentes tipos de metodoloxías para a asimilación dos contidos de xeito eficaz. Propoño xogar coas mates non só desde a papiroflexia senón tamén desde o xadrez, só hai que ter ganas de divertirse ou lembrar ese espírito de nenos que bole nos recunchos máis insospeitados da xente das ciencias que queremos divulgar os coñecementos desde os nosos campos espiñosos e arduos.

Miguel Ángel Vidal Martín
Profesor de Matemáticas no IES Pedro Floriani, Redondela (Pontevedra)
miguelavidal@edu.xunta.es

 

Os días 17 e 18 de outubro do 2014 realizáronse en Etopia, Centro de Arte e Tecnoloxía (Zaragoza), as II Xornadas de Divulgación Innovadora ás que fun invitado para expoñer a miña visión sobre o xogo e a ciencia. Un dos prerrequisitos que se nos pediu no mes de xuño foi que mandásemos unhas liñas sobre as nosas perspectivas arredor desa idea. A miña resposta foi o seguinte “poema” (pido desculpas por anticipado á xente especializada nas linguas pois son profesor de Matemáticas e chamarlle poema a estas liñas pode ser certamente atrevido pola miña parte) en castelán:

   ¿Juegas conmigo?

¡Albricias! Tanto monta monta tanto
el jugar y las ciencias con encanto.

Un duende, un hada encantada,
algo mágico o ciencia inexplorada.

Fantasía y magia con gotas de ilusión
para el aprendizaje son su bastión.

Empuño mi bastión de ordeno y mando
y a alquimistas juego de vez en cuando.

¿Juegas un rato conmigo?,
con las ciencias te haré cosquillas en el ombligo.

Unos faunos o el mago Merlín
brincan entre estos versos sin fin,
raudos y veloces van contando sus letras con mimo
¡EUREKA! Siempre van saliendo números primos.

 

As devanditas xornadas empezaron o venres 17 cun programa moi variado: charlas con persoeiros de moitísima relevancia nos seus campos de traballo e investigación, un vermú científico, un taller de Creativity in motion, a maxia da táboa periódica e, para rematar o día, un concerto dos Gandules. Tamén había un espazo denominado Déixate ver, onde puidemos expoñer os nosos traballos.

Na mañá do sábado 18 tivemos a honra de escoitar unha charla de Ariane Koek (RU) que dirixe o programa de artistas en residencia no CERN, Organización Europea para a Investigación Nuclear, sinxelamente impresionante. Logo dun comezo tan incrible no programa aparecía:

11:30-12:30  Coa ciencia si se xoga. Proxectos colaborativos nos que se aprende a través do xogo e a acción común.

Nesta mesa de faladoiro atopeime con xente tan destacada como:

  • LEGO e a ciencia. Jetro de Château, Mindstorms Community Partner e editor de HispaBrick Magazine.
  • CSI Zaragoza. Agustín Camón, Instituto de Ciencia de Materiais de Aragón (CSIC-Universidade de Zaragoza). Divulgación para secundaria a través da resolución dun crime.
  • Programa a túa obra. Ricardo Domínguez, O Caleidoscopio. @l_caleidoscopio O alumnado de secundaria crea unha obra de teatro e programa os robots que a representan.

O meu relatorio empeceino facendo alusión ao método que emprego co meu alumnado para explicar Matemáticas a través da papiroflexia modular desde hai 8 anos aproximadamente, como, por exemplo, o teorema de Pitágoras, conceptos de xeometría e ata fractais.

Cara ao final comenteilles que nestes últimos meses estou traballando en colaboración co Dr. Joaquín Fernández Amigo con metodoloxías xadrecísticas para mellorar as competencias matemáticas e lingüísticas dentro da aula, elaborando materiais tanto para primaria como para secundaria. Comenteille ao público asistente que un dos materiais nos que estou centrado na actualidade eran os sudochesskus (sudokus de xadrez).

Como empezou todo?

Cóntovos! Alá polos comezos do ano 2013 propúxenlle tanto ao equipo directivo do IES Pedro Floriani como ao Concello de Redondela organizar o I Festival de Origami a favor de UNICEF, expliqueilles o proxecto que tiña en mente e aceptaron a suxestión (sorprendeume gratamente que o Concello aceptase, pois eles ían asumir uns gastos económicos de certa relevancia).

Os obxectivos para este proxecto que pretendiamos cumprir (tanto a curto como a medio prazo) ían discorrer por dous camiños ben diferentes: papiroflexia e xadrez, que tiñan un nexo común que foi construír un xadrez xigante en papiroflexia dunha superficie de 25 metros cadrados e máis de 100 kg de peso.

Obxectivos en origami (papiroflexia):

  • Deseños sinxelos e orixinais das pezas de xadrez.
  • Reaxustar os tamaños das pezas para que o conxunto fose visualmente harmonioso, sen esquecer todos os problemas referentes ao peso e á estabilidade das pezas grandes (o rei tiña unha altura de 140 cm aproximadamente).

Obxectivos no xadrez (esencialmente un só):

  • Promover en España o proxecto Chess in schools, coa visita de don Silvio Danailov, presidente da European Chess Union, para que xogara con nós a primeira partida no xadrez xigante o 21 de xuño do 2013.

Logo das vacacións do verán e do merecido descanso do estrés da organización do evento, estivemos falando co Concello de Redondela para iniciar (en xaneiro do 2014) un proxecto educativo chamado Xadrez nas escolas, tanto para centros de primaria como  de secundaria, co obxectivo primordial de mellorar os resultados académicos en alumnado con importante fracaso escolar nas competencias matemáticas e lingüísticas esencialmente.

 

Por que esta nova suxestión?

Xa que nos honrou coa súa presenza o señor Danailov, quixemos seguir unha serie de recomendacións legais para a implantación do xadrez nos centros educativos como:

  • 1994: o Senado español insta o Goberno para que recomende a introdución do xadrez como materia optativa nos centros de EXB.
  • 1995: a UNESCO recoñece o xadrez como patrimonio cultural e insta a todos os países membros a incluír o xadrez no sistema educativo.
  • 13 marzo 2012: o Parlamento europeo declara a introdución do programa Xadrez na escola nos centros educativos da UE como área dentro do currículo.
  • Decembro 2012: o Parlamento canario insta o Goberno a que se incorpore o xadrez como materia educativa tanto en primaria como en secundaria en horario lectivo, de acordo coas recomendacións da UNESCO. 

Dentro deste marco legal pareceunos oportuno dar un pasiño máis alá e que esta visita fose o comezo dun proxecto educativo interesante para o alumnado, co obxectivo no horizonte máis próximo de implantar novas metodoloxías dentro da aula para a mellora das competencias mediante aspectos lúdicos.

Como dicíamos, en xaneiro de 2014 o Concello de Redondela puxo en marcha o proxecto Xadrez nas escolas no que iamos participar os seguintes colexios e institutos:

En primaria: CEP Santa Mariña, CEIP Alexandre Bóveda, CEIP de Cedeira, CEIP Igrexa, CEIP de Laredo, CEIP Outeiro das Penas, CEIP Porto-Cabeiro, CEIP Quintela, CEIP Santo Paio de Abaixo.

En secundaria: IES Chapela, IES Illa de San Simón, IES Mendiño, IES Pedro Floriani.

Tiñamos os seguintes obxectivos:

1. Mellorar as competencias matemáticas e lingüísticas dos grupos seleccionados.

2. Acceder ao xogo do xadrez tanto de xeito teórico como práctico.

3. Mellorar os aspectos educativos que relacionamos: atención, memoria, capacidade reflexiva, secuencia causa-consecuencia, razoamento lóxico e matemático.

4. Mellorar as habilidades sociais dentro dos centros.

5. Mellorar a integración escolar.

6. Potenciar os valores educativos e formativos da persoa: tolerancia, igualdade, empatía, paciencia, capacidade de análise.      

7. Conseguir que o xadrez poida ser introducido nas aulas coma programa innovador de educación e abrir as vías normativas para que se poida incluír nun medio prazo dentro do currículo escolar.

A metodoloxía

Cada grupo, nos horarios convidos cos centros, recibirá:

1. Formación teórica e práctica do xadrez, seguindo unha guía de contidos nos que irán avanzando segundo vaia o grupo. Esta formación será impartida por xadrecistas expertos tamén no eido da formación e/ou na pedagoxía, psicoloxía etc. Proponse unha hora semanal.

Ao inicio do proxecto estes monitores expertos en xadrez terán que facer unha pequena avaliación para coñecer o nivel de coñecemento inicial de cada grupo. Ao final do curso, tamén será o encargado de valorar o nivel alcanzado por cada membro do grupo.

2. Reforzo nas materias de Matemáticas e Lingua, impartidos por mestres/profesores, que utilizarán os materiais didácticos e as fichas que se lles subministrarán para ir experimentando con esta nova metodoloxía dentro da aula.

Estas fichas (incluídas dentro do proxecto “Xaques curriculares” deseñado por Joaquín Fernández Amigo para esta segunda parte de Xadrez nas escolas) consisten nunha serie de problemas e exercicios desas dúas materias, vinculados tematicamente co xadrez, de xeito que ao mesmo tempo se reforce a materia e o coñecemento do xadrez. A modo de exemplo:

CADEA NUMÉRICA

Realiza as operacións que se che indican na cadea para completar a táboa da dereita.


EXERCICIO DE ARITMÉTICA

Completa o cadro con pezas de xadrez (lembra canto valía cada peza):

No IES Pedro Floriani puxemos en marcha a actividade na hora de titoría de alumnos en terceiro PDC, onde se impartía (exclusivamente) o temario do xogo de xadrez, e durante as clases de Ámbito Científico experimentamos coas fichas que Joaquín mais eu elaboraramos durante todos estes meses atrás onde puidemos valorar o máis ou menos acertado deste novo material didáctico.

 

Nos outros colexios e institutos estas clases de xadrez impartíronse como actividade  extraescolar, e queda pendente para o 2015 poñer en práctica todos os materiais didácticos experimentados co alumnado de IES Pedro Floriani.

Unha das actividades que compoñen este material didáctico son os sudochesskus. Elaborei diferentes tipos para traballar a competencia matemática desde o xogo. Explícovolos  a continuación (tamén estamos traballando co entorno LIM para xogar cos sudochesskus):

 

  • a. SÓ COLOCAR PEZAS DE XADREZ NOS SUDOCHESSKUS:

FIGURAS PARA COLOCAR NO SUDOCHESSKU 4X4:

                          

SUDOCHESSKU: xogaremos do mesmo xeito ca nos sudokus convencionais (en vez de poñer números poremos pezas de xadrez), onde non se poden repetir as pezas nin en horizontal, nin en vertical, nin dentro de cada zona da mesma cor delimitada cun trazo máis groso.

 

  • b. SUDOCHESSKU CO VALOR DAS PEZAS DE XADREZ

Podemos introducir unha lixeira variante nos sudochesskus, vounos distinguir dos anteriores co nome de newdochesskus, na honra ao mestre de escola elemental Tetsuya Miyamoto, quen quería axudar os seus estudantes a mellorar a súa competencia matemática dunha forma divertida e para isto inventou o newdoku. Fixen unhas modificacións para poder xogar (aprender) cos valores das pezas de xadrez.

Regras do xogo

1. As táboas (3 x 3, 4 x 4…) deben encherse coas pezas de xadrez que se indican ao principio do newdochessku, polo que debes saber que o valor do peón é 1, o do cabalo/alfil é 3, o da torre é 5 e o da dama é 9.

2. Coma nos sudochesskus, cada peza debe aparecer unha soa vez en cada fila e en cada columna.

3. Neste tipo de sudochesskus hai 2 ou máis cadrados (celas da táboa) agrupados cunha liña máis grosa polo bordo exterior (dentro desta zona as pezas de xadrez poden repetirse se é necesario) e na parte superior esquerda aparece un número (“codificado” ou non) cunha operación aritmética (+, -, x, ÷), por exemplo, 4 -: isto significa que, se restamos as pezas que poñamos nesas celas agrupadas, ten que dar de resultado 4.

 

SUDOCHESSKU CO VALOR DAS PEZAS (NEWDOCHESSKUS)

Coloca estas pezas nos 2 newdochesskus que tes a continuación: 

                            

  • c. SUDOCHESSKUS COS MOVEMENTOS DAS PEZAS DE XADREZ

Agora imos traballar cos movementos das pezas. O número que vai aparecer na esquina superior esquerda da cela indicará a cantidade de ameazas que recibe a dita cela polas pezas de xadrez colocadas no sudochessku.

Exemplo:

Nota: Tanto os peóns brancos como os negros van avanzar sempre na dirección a1-a8 (“ascendente”).

 

SUDOCHESSKU COS MOVEMENTOS DAS PEZAS

Coloca estas pezas no seguinte sudochessku:  

Este tipo de pasatempos están sendo publicados na revista dixital El rincón del ajedrecista, que se pode ver no blog da liña de investigación ajEdu (xadrez e educación) da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB).

 

Avaliación dos sudochesskus

Estes sudochesskus foron valorados polo público que asiste aos talleres/conferencias que imparte o Dr. Joaquín Fernández Amigo:

Os sudochesskus foron incorporados aos talleres FERAMI no mes de xuño de 2014. Estreáronse o pasado día 28 de xuño de 2014 na localidade tarraconense de Masdenverge, próxima a Amposta, no marco do III Open Internacional da devandita poboación. Como clausura, impartín unha conferencia sobre os beneficios do xadrez, e na sesión da tarde realizáronse os talleres FERAMI. Unha das tipoloxías dos devanditos talleres son os sudochesskus, consistentes en sudokus de diversas tipoloxías (4 x 4, 5 x 5 e 6 x 6), plastificados e a toda cor, nos que os participantes (nenos e nenas dende os 5 anos cos seus familiares) debían de colocar as pezas do xadrez que constaban en cada sudochessku, de maneira que non se podían repetir nin en horizontal nin en vertical nin en cada sector (diferenciados por cores). Participaron unhas 30 persoas que, nun ambiente distendido e festivo, gozaron e exercitaron a mente coa resolución dos devanditos sudochesskus: http://issuu.com/manoloalcover/docs/ajedu_magazine__n__m_1/0


O 3 de xullo experimentáronse nos talleres do II Congreso de Buitrago onde impartín a conferencia “Os enfoques transversais do xadrez na aula”, onde ademais de incluír os sudochesskus nas diapositivas do meu relatorio, as  analizaron e avaliaron os asistentes e relatores do congreso con loables comentarios e algunhas propostas como a de converter o formato DIN A4 en DIN A3 para que as pezas tivesen máis espazo para ser colocadas e ofrecer unha visión máis completa. Participaron unhas 35 persoas adultas, na súa maioría profesores e monitores de xadrez.

Tamén se mostraron os sudochesskus nas diapositivas dos meus relatorios nos seguintes eventos:
1. Congreso da FIDE en Yerevan (Armenia), do 17 ao 19 de outubro, onde presentei o artigo “Teaching math using chess ás a resource in the classroom”, que foi publicado nas actas do devandito congreso.
2. Seminario para a capacitación e certificación para formar profesores de xadrez, organizado pola Fundación Kasparov para Iberoamércia, do 24 ao 29 de outubro, en México DF, onde foron expostos no meu relatorio “Recursos de xadrez para ensinar Matemáticas”.
3. Festival EXPOCHESS, en Azkoitia (Guipúscoa), os días 20 e 30 de novembro, no meu relatorio “Implementar xadrez”.
4. No Congreso de Londres, o día 7 de decembro, onde presentei o relatorio “Play with chess resources in order to improve your maths abilities”, exposto por Leontxo García.

 

Conclusións das mostras e experimentacións

Grande acollida dos sudochesskus por parte do público, expresada polos comentarios e interese no xeito de deseñar este recurso tan orixinal e manipulativo que invita ao traballo sistemático do razoamento lóxico. As actividades formuladas na realización dos talleres cativaron os usuarios, que comentaban que os aplicarían nas aulas co seu alumnado por ser un recurso moi motivador, doado de construír, aplicar e avaliar. Ademais trátase dun magnífico instrumento para traballar a dinámica de grupos e favorecer a cohesión social na aula.

Tamén foron valorados polos profesorado dos centros CEIP Valle-Inclán. CEIP Illas Cíes, CEIP Santa Tegra, CEIP Carballal-Cabral, CEIP Paraixal, CEIP Santa Mariña e CEIP Plurilingüe Sobreira-Valadares, participantes nun grupo de traballo realizado no CEIP Valle-Inclán durante o primeiro trimestre do curso 2014/15, no que expliquei e experimentaron os materiais didácticos que traballamos no IES Pedro Floriani xunto cos sudochesskus. Tiveron unha boa aceptación xeral debido á súa orixinalidade.

 

Conclusión

A aplicación de metodoloxías a modo de xogo permiten darlle un novo aire ao traballo na adquisición das distintas competencias. O emprego dos sudochesskus non deixa de ser unha das moitas metodoloxías que cada un pode elixir para desenvolver o seu traballo de xeito eficaz e eficiente. Calquera outra opción metodolóxica sería igual de válida sempre e cando se creen dinámicas dentro da aula que estimulen o alumnado a gozar aprendendo.


 


 

Bibliografía: 

 

 

FERNÁNDEZ AMIGO, J. (2014). “Jaques-Mates”. El rincón del ajedrecista (5) 20-23.

MIN, P. (2010). Newdoku, vol. I e II. Italy. Alpha Test S.r.l.

VIDAL MARTÍN, M. Á. (2011). Doblando las mates. Proyecto con papiroflexia de toda una tribu. Santiago de Compostela: Auga Editora.

Sección: