Entrevista a Manuel Fernández Blanco

Autoridade e crise de autoridade; valores e dor de existir en tempos de reconsideración e recapitulación

Por Juan Granados. Director da Revista Galega do Ensino

 

Manuel Fernández Blanco é psicanalista e psicólogo clínico. Adxunto do Servizo de Psiquiatría no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Foi presidente da Escola Lacaniana de Psicanálise, secretario do Bureau da Asociación Mundial de Psicanálise e membro do Consello da Escola Europea de Psicanálise. É o director da Clínica do Campo Freudiano na Coruña (destinada a posibilitar un tratamento psicanalítico a persoas con escasos recursos económicos) e docente do Instituto do Campo Freudiano. Autor de numerosas publicacións, de difusión internacional, no ámbito da psicanálise e da saúde mental. É tamén colaborador do programa de televisión Vía V e da sección de Opinión do diario La Voz de Galicia baixo o título de “Os síntomas da civilización”.

No hospitalario marco do IES Imaxe e Son da Coruña –ao seu director, Xulio Xermade, e ao excelente grupo de alumnos que fixeron posible esta entrevista, dámoslles as máis expresivas grazas–, entrevistamos a Manuel Fernández Blanco para conversar, en primeira instancia, sobre a crise do concepto de autoridade na sociedade actual. Adiantamos nestas liñas fragmentos da conversación, que se pode ver completa no vídeo incrustado ao final do texto.

 

PRIMEIRA PARTE: autoridade e crise de autoridade

Autoridade á hora de educar e autoridade tamén no fogar e na familia. Á pregunta de "por que hai que educar?", Manuel, criticando a tradición roussoniana, defende vivamente a tarefa de educar porque "o primario no ser humano é a satisfacción", moitas cousas que consideramos malas son pracenteiras para o neno; polo tanto, toda educación implica certa coerción para renunciar ao máis primario. Ao fío diso, o que máis teme un neno é a perda do amor do pai ou do adulto que o educa.

Conscientes de que a figura de autoridade cambiou globalmente, de modo que é difícil atopar alguén que posúa per se verdadeira autoridade,  Manuel apunta que  a autoridade debe existir porque é garantía fronte á violencia.

A figura do "pai banalizado", sen caer en eloxios nostálxicos do pasado, abunda máis do que debería; esta igualdade ao neno é unha auténtica desprotección da infancia, pois a maior igualdade maior violencia.

Na Declaración universal dos dereitos do neno (1989) hai un punto cuestionable –asegura Fernández Blanco–: a defensa dun neno libre de toda influencia... isto só é posible no neno autista. Un neno normal carga coa biografía familiar, cos desexos non realizados dos seus pais, tamén cos seus anhelos. Hai un deber de influenciar os fillos.

Por exemplo, a autoridade no colexio, antes talvez excesiva, hoxe permanentemente cuestionada. Hai prácticas moi nobres, como a do mestre, que agora se conciben como servizos e entran na lóxica dos dereitos do consumidor; se eu agora levo o neno ao colexio, espero o mesmo que se levo o coche ao taller, e non se trata para nada do mesmo. O saber depreciouse e foi da man dos que o transmiten que son os docentes. Ao ser o saber menos agalmático, hai menos entrega e menos capacidade de sacrificio; posto que aprender supón o consentimento de quen aprende e ese consentimento é cada vez menor. Por que? Pola lóxica presentista do gozo, onde o gozo está de máis, o saber está de menos. E por certo, hai profesións, como a de profesor, nas que hai que estar posuído polo desexo de saber, senón non se pode transmitir.

Quen pide autoridade debe encarnala e debe someterse a ela, non se pode pedir algo no que non se cre, educamos co que facemos, non co que dicimos. De aí o valor do exemplo auténtico. O neno vai quedar sempre co que facemos, non co que dicimos.

O modo en que combaten a soidade os nenos son as pantallas e as pantallas son moi aditivas, é un uso que convén limitar moito. Un neno, por moito que lle guste o fútbol, ás dúas horas cansou, isto non acontece coas pantallas, o neno aí sempre quere mais, o que xera unha fonte inmensa de conflitos pola hiperexcitación dos nenos.

Ao fío disto, hai que ter en conta que se xeneralizou moito o diagnóstico de hiperactividade, parece que toda dificultade se encaixa niso. Iso leva nalgúns casos a unha medicación en ocasións excesiva. Téñase en conta que agora os profesores apenas poden aplicar medidas disciplinarias, entón esa impotencia conduce a que o neno se calme de calquera outro xeito, o que leva unha excesiva medicalización da infancia. A neuroquímica cerebral non variou nas tres últimas décadas, o que variaron son os métodos da transmisión simbólica. A palabra tranquiliza, sen palabra hai inhibición ou tamén a pasaxe ao acto continuo. Moitos nenos están orfos da súa propia historia.

Autoritas vs potestas, o exercicio do poder, a súa forza vén cando a autoridade declinou. Cando unha práctica do humano se degrada, o vixilante de seguridade aparece rapidamente. A autoridade é o poder que nos recoñece o outro e non está garantida para ninguén. Pero –asegura Manuel Fernández Blanco– aínda hai un lugar para a autoridade auténtica.

 

SEGUNDA PARTE: valores e dor de existir

Por que a proliferación da inxestión de ansiolíticos na sociedade actual? Está a sociedade tan triste como parece? Á marxe da crise –asegura Fernández Blanco–, pois curiosamente o maior consumo de antidepresivos e ansiolíticos non aumentou substancialmente respecto de épocas de bonanza, porque en bonanza a felicidade miraba os obxectos de consumo, obxectos de caducidade crecente que, en canto se teñen, se renova a insatisfacción. De aí que a dor normal de existir se trata a través dos psicofármacos, calquera contratempo resulta insoportable, o que sitúa un horizonte dunha sociedade globalmente adictiva, hai que falar máis e tragar menos pílulas. O paradigma dos síntomas psíquicos na actualidade son as adiccións. Vivimos nun "capitalismo bulímico". Domina o pulo cara ao gozo sen límite.

Como se pode protexer un ser humano do século XXI ante esta avalancha de pulsións? Habería que tomar apoio no desexo máis particular de cada un, ter a lucidez suficiente para recoñecerse nese desexo único é a maior garantía contra os efectos do consumo descontrolado, porque o desexo non vive de obxectos; tamén deberiamos asumir que non é posible a satisfacción plena, cando se persegue a satisfacción plena, o que se atopa é a morte.

 

Sección: