A Educación para a saúde na formación docente

Neste estudo ofrécese unha visión xeral sobre: a) os contidos que recibiron na formación preuniversitaria 84 futuros mestres de educación infantil en relación coa saúde; b) a formación que esperan recibir ao respecto na universidade e c) os contidos que lle ensinarían a un hipotéticos alumnado de infantil sobre esta temática. Para a recollida de datos empregouse un cuestionario aberto. Os resultados amosan que existe unha visión restrinxida dos contidos que se van ensinar.

Juan Carlos Rivadulla López
Profesor da Facultade de Ciencias da Educación (Departamento de Pedagoxía e Didáctica). Universidade da Coruña
juan.rivadulla@udc.es

 

Introdución

O que o ser humano considerou como saúde foi evolucionando paulatinamente ao longo da historia. Así, ata a década de 1940 a saúde tiña unha concepción negativa e era definida como a ausencia de enfermidade, mais posteriormente tornouse nunha concepción positiva, como a que propón a OMS no artigo 1 da súa acta constitucional (1946), na que establece que a saúde é o estado completo de benestar físico, mental e social. Cabe destacar que esta descrición idealista e integradora non estivo exenta de críticas xa que foi considerada ás veces como inalcanzable e, en gran parte, inaplicable para a vida da maioría das persoas.

Entendendo a educación para a saúde como aquela que intenta mellorar ou protexer a saúde a través de cambios voluntarios na conduta como unha consecuencia das oportunidades de aprendizaxe (Dapía, 2000), resulta importante recoñecer que é un instrumento imprescindible na promoción da saúde das poboacións, polo que é necesario, e incluso esencial, poñer en práctica na escola un programa normalizado que lle permita a toda a cidadanía  dun país adquirir os suficientes coñecementos, actitudes, habilidades e destrezas para enfrontarse á solución dos problemas de saúde que poida ter na súa vida cotiá (García, Sáez e Escarbajal, 2000; Castillo, Naranjo e Gil, 2003).

Así, a escola constitúe un dos principais escenarios educativos para desenvolver actividades saudables (Leger, 2001; Gutiérrez, 2003), onde se traballa con alumnado que está en período de formación física, psíquica e social que posúe unha gran capacidade para a aprendizaxe e a asimilación de hábitos, e tamén está aberta á familia e á comunidade. De feito, existen traballos nos que se destaca a importancia de tratar temas de saúde con nenos e nenas de educación infantil en Galicia, e máis concretamente experiencias innovadores que se levaron a cabo nesta etapa educativa (Doval, 2013). Ademais, a EpS é un tema recorrente nos currículos tanto de educación infantil coma de primaria.

Neste contexto, o mestre é o axente fundamental da EpS na escola, pois a partir da entrada dos nenos nesta institución educativa, a responsabilidade  da súa educación pasa a ser compartida entre familia e mestres (Castillo e outros, 2003). Por iso a posta en funcionamento dunha estratexia educativa no campo da saúde require de docentes que  teñan os coñecementos e o interese necesarios para facelo (Talavera y Gavidia, 2007). Desta forma, nas facultades de Educación, inclúense materias relacionadas coa EpS. Nos plans de estudo tanto no Grao de Educación Infantil coma no Grao de Educación Primaria da Universidade da Coruña (UDC) ofértanse materias específicas sobre esta temática. Concretamente, no Grao de Educación Infantil proponse no ámbito dunha materia optativa de terceiro curso denominada Ensino do corpo humano e de hábitos saudables. Pero no segundo curso do grao hai unha materia obrigatoria denominada Ensino das Ciencias da Natureza na que se desenvolven (aínda que non de forma tan especificada coma na optativa) aspectos científicos e didácticos relacionados coa saúde na etapa da educación infantil (o corpo humano, hábitos saudables, prevención de riscos e enfermidades...).

Metodoloxía

Na investigación participaron 84 mestres en formación de terceiro curso do Grao de Educación Infantil da Universidade da Coruña no marco da materia optativa Ensino do corpo humano e de hábitos saudables. Empregouse un cuestionario aberto como instrumento para a recollida de datos, o cal incluía preguntas sobre dous aspectos: a) identificación de cada participante (sexo e idade) e b) sobre a EpS (os contidos recibidos antes de chegar á universidade sobre a saúde, os que esperaban recibir na materia optativa que estaban a piques de cursar e os que lle ensinarían ao seu futuro alumnado de 0-6 anos tendo en conta a formación recibida tanto fóra coma dentro da universidade en relación coa saúde). Os participantes responderon as preguntas do cuestionario antes de comezar a impartirse a materia optativa, aínda que, como xa comentamos anteriormente, os alumnos xa cursaran una materia obrigatoria de didáctica das ciencias (Ensino das Ciencias da Natureza) na que se traballaron aspectos científicos e didácticos sobre a saúde. Para analizar as respostas, elaboráronse categorías en función da súa similitude.

Resultados

A gran maioría dos participantes son mulleres (92,86 %) de entre 20 e 25 anos (76,19%) e, excepto oito participantes, todos recibiron algún tipo de formación relacionada coa EpS, xa sexa nos seus anos de escolarización obrigatoria e/ou postobrigatoria (55,26 %), en distintos cursos específicos sobre esta temática (10,53 %) ou en ambas as situacións (34,21 %) (figura 1).

 

Figura 1. Datos persoais dos participantes no estudo

 

En canto aos contidos recibidos na súa formación, a maioría dos mestres en formación refírese a hábitos saudables (78,95 %) e, en menor medida, a enfermidades e/ou accidentes (44,74 %) e/ou a outros aspectos relacionados coa saúde (31,58 %) (táboa 1). Dos participantes que traballaron hábitos saudables, a maioría fíxoo sobre aspectos relacionados coa alimentación/nutrición e hixiene persoal. Dos futuros mestres que recibiron formación sobre enfermidades/accidentes, fixérono tanto sobre prevención e control de enfermidades coma sobre seguridade e primeiros auxilios. Tamén hai participantes que recibiron outra formación relacionada, sobre todo, coa saúde e a sexualidade.

En referencia aos aspectos que lles gustaría tratar ao longo dos catro anos de estudo no Grao de Educación Infantil, atópanse tanto contidos conceptuais coma procedementais. Concretamente, dos contidos conceptuais, consideran importante tratar tanto hábitos saudables (52,38 %) coma enfermidades/accidentes (50 %) e/ou, en menor medida, outros aspectos relacionados coa saúde (26,19 %). A meirande parte dos participantes que se refiren a hábitos saudables fíxoo sobre aspectos relacionados coa hixiene persoal e/ou alimentación/nutrición. Dos futuros mestres que citaron aspectos sobre enfermidades e/ou accidentes, a maioría céntrase na seguridade/primeiros auxilios. Ademais, hai participantes que citaron outros aspectos, sobre todo relacionados coa saúde e o medio. Finalmente, dos futuros docentes que se refiren a contidos procedementais, a maioría considera imprescindible adquirir estratexias metodolóxicas e que se lles ofreza a oportunidade de realizar casos prácticos que lles facilite o desenvolvemento do proceso ensino/aprendizaxe que realizarán no futuro cos seus alumnos.

Por último, en relación cos contidos concretos que tratarían cos seus futuros alumnos, a meirande parte deles céntrase en hábitos saudables (97,62 %) e, en menor medida, en aspectos sobre enfermidades/accidentes (59,52 %) e/ou noutros aspectos relacionados coa saúde (38,10 %). Dos participantes que citan hábitos saudables, a maioría céntrase na hixiene persoal e/ou na alimentación/nutrición. Dos futuros mestres que citaron aspectos sobre enfermidades/accidentes, a maioría fixa a súa atención na seguridade/primeiros auxilios. Ademais, hai participantes que nomearon outros aspectos, sobre todo relacionados coa saúde e o medio.

 

Táboa 1. Contidos recibidos polos mestres en formación, os que esperaban recibir na facultade e os que lle ensinarían ao seu futuro alumnado.

 

Conclusións

O traballo realizado permítenos entrever que o futuro profesorado, aínda que recibiu formación sobre hábitos e/ou enfermidades/accidentes e que, ademais, espere que eses mesmos contidos sexan tratados na materia que van cursar no Grao de Educación Infantil sobre o corpo humano e hábitos saudables, á hora de comunicar os aspectos que eles ensinarían como mestres a nenos de educación infantil, céntrase moi especialmente en hábitos saudables e, en menor medida, en enfermidades/accidentes. Hai que destacar o positivo de que teñan intención de aprender procedementos relacionados co ensino.

Estes datos constitúen unha chamada de atención para a formación docente, pois amosan que, a pesar de que os alumnos recibiron formación científica e didáctica sobre saúde na materia obrigatoria que cursaran o ano anterior, fan unha selección parcial dos contidos que lle ensinarían ao seu futuro alumnado de educación infantil. Por iso consideramos que, aínda que a introdución da Educación para a Saúde como materia optativa nos plans de estudo das carreiras de Maxisterio das universidades españolas é habitual e desexable, e sen dúbida ningunha favorece a formación docente, é importante que a través dela se insista nos contidos que deben ser ensinados e se complemente o ensino de hábitos de hixiene, alimentación... coa prevención de enfermidades e de accidentes domésticos (Rivadulla López, 2013).

Para finalizar, hai que indicar que, tendo en conta que a principal causa de absentismo escolar vén provocada polas enfermidades infectocontaxiosas, sería adecuado que os futuros mestres comezasen a ter a consideración de coidar con esmero a integridade biolóxica dos nenos fronte ás agresións externas (Perea, 2009), ensinándoos a previr enfermidades tan comúns como os catarros ou as gripes. Ademais, é importante que os mestres en formación tomen conciencia de que serán “educadores sanitarios” por atoparse nun lugar privilexiado para seren imitados polos seus alumnos e pola posibilidade de involucrar as familias na EpS.

 

 

 


 

Bibliografía: 

 

 

CASTILLO, M. D.; NARANJO, B. e GIL M. T. (2003). “Implicación del profesorado en educación para la salud en los centros docentes”. Revista de la SEMG (52), 181-189.

DAPÍA, M. D. (2000). A educación para a saúde como reto do século XXI. Orientacións para a súa avaliación. Vigo: Universidade de Vigo.

DOVAL, L. M. (2013). “Saúde integral”. Eduga: Revista Galega do Ensino (66).

GARCÍA, A.; SÁEZ, J. e ESCARBAJAL A. (2000). Educación para la salud. La apuesta por la calidad de vida. Madrid: Arán Ediciones, S. A.

GUTIÉRREZ, J. J. (2003). Formación en promoción y educación para la salud. Madrid: Ministerio de Sanidade e Consumo, Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

LEGER, L. (2001). “Schools, health literacy and public health: possibilities an challenges”. Health Promotion International (16: 2), 197-205.

OMS (1946). Constitution of the World Health Organization. Xenebra: OMS.

PEREA, R. (2009). Promoción y educación para la salud. Tendencias innovadoras. Madrid: Díaz de Santos.

RIVADULLA LÓPEZ, J. (2013). El desarrollo del currículum desde la perspectiva del profesorado. La nutrición humana. A Coruña: Universidade da Coruña.  

TALAVERA, M. e GAVIDIA, V. (2007). “Dificultades para el desarrollo de la educación para la salud en la escuela. Opiniones del profesorado”. Didáctica de las Ciencias Experimentales y Sociales (21), 119-128.

Sección: