2 de abril. Día do Autismo

Celebración desta xornada no CEIP Salgado Torres da Coruña
Escolma de actividades desenvolvidas no centro con motivo desta conmemoración.

Patricia Corderí Fernández
Rosa Pernas Cortiñas
CEIP Salgado Torres (A Coruña)
patricia.corderi@edu.xunta.es
rosapernas@edu.xunta.es

 

No ano 2008, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas designou o día 2 de abril como Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, co fin de dar a coñecer a necesidade de axudar a mellorar as condicións de vida dos nenos e adultos que sofren este trastorno.

Cremos que tanto o sistema educativo en xeral como os mestres e mestras en particular xogamos un papel importante na consecución deste fin. Desde o CEIP Salgado Torres, centro de escolarización preferente de alumnos con TXD, realizamos todos os anos diferentes actividades para conmemorar este día.

 

OBXECTIVOS

O noso principal obxectivo é a concienciación e a sensibilización do noso alumnado fronte ás características do alumnado con TXD.

Saber poñerse no lugar doutra persoa e comprender que cada un de nós somos diferentes, que pensamos e sentimos de maneiras distintas debe supoñer un principio fundamental na nosa práctica educativa diaria. Para poder poñelo en práctica faise imprescindible empregar unha metodoloxía centrada na coordinación e no traballo en equipo, así como dispoñer de estratexias e de ferramentas adaptadas para lograr un desenvolvemento axeitado do alumnado con TXD.

Por outra banda, coa realización destas actividades intentamos acadar outro obxectivo: darlle a coñecer ao noso alumnado o traballo que as persoas adultas con discapacidade intelectual da asociación LIMISI (Asociación para a Promoción de Minusválidos Psíquicos da Limia) realizan desde Ourense.

 

ACTIVIDADES

A elaboración dos materiais realizouse nas semanas previas ao día da conmemoración.

  • CHAPAS. A idea de crear esta actividade xurdiu coa intención de levar a cabo unha tarefa que perdurase no tempo.

Puxémonos en contacto coa asociación LIMISI, para lle mostrar ao noso alumnado o traballo que realizan as persoas con discapacidade intelectual na nosa comunidade autónoma. Deste xeito, promóvense as relacións con entidades que favorecen a inclusión e fomentan o emprego.

 

Desde o centro elaboramos o deseño co que máis nos identificabamos e os traballadores de LIMISI encargáronse de darlle forma á nosa idea. As chapas foron repartidas entre os alumnos á primeira hora da mañá, para que puidesen levalas durante todo o día. 

  • MURAIS. Creamos e expuxemos dous murais, un deles realizado polos alumnos de educación infantil e outro polos de primaria. Nesta actividade participaron alumnos de todos os ciclos.

Os alumnos con TXD foron acompañados polas súas mestras de apoio e participaron conxuntamente co resto do alumnado. As tarefas foron repartidas: mentres os máis cativos se encargaban do traballo sinxelo (colorear), os maiores elaboraban as letras que logo recortaron para pegar nos murais. Estes murais foron unha copia a grande escala da nosa chapa.

 

  • VÍDEOS. Despois do recreo, en cada aula o alumnado puido ver dúas curtas relacionadas coas características dos nenos e nenas con autismo e reflexionar sobre elas:

O viaxe de María. Fundación Orange. Curtametraxe de animación realizada polo debuxante Manuel Gallardo.

Academia de especialistas. Fundación Orange. Curtametraxe de animación realizada polo debuxante Manuel Gallardo.

  • MÚSICA. Durante esa semana, a música seleccionada para as entradas e saídas foi a canción “Unha marea de xente” de Macaco, unha versión adaptada con pictogramas. Pareceunos que a súa letra podía representar o espírito deste día.

 

POR QUE USAMOS PICTOGRAMAS?

Os nenos e as nenas con autismo, xeralmente, presentan dificultades na comunicación oral e escrita, polo que precisan dun sistema alternativo ou aumentativo de comunicación. Un dos máis empregados na actualidade son os pictogramas.

Os pictogramas son debuxos sinxelos que expresan estados de ánimo, necesidades ou hábitos. A partir destas imaxes, os alumnos non só se comunican, tamén aprenden. Poden utilizalos para comprender o seu contorno a través de paneis ou dunha axenda de actividades (estruturando espazo e tempo), ou para comunicarse cos demais (sinalándoos para pedir algo). Así pois, os pictogramas poden representar unha realidade concreta (por exemplo, un obxecto, animal, persoa etc.), unha realidade abstracta (por exemplo, un sentimento), unha acción (por exemplo, mirar) e mesmo un elemento gramatical (por exemplo, adxectivos, conxuncións, artigos, preposicións etc.).

Para alguén que non comprende as regras sociais, as intencións ou a linguaxe verbal pode ser moito máis sinxelo apoiarse nunha estrutura visual. A comprensión dos pictogramas é fundamental para as persoas con autismo que os utilizan, xa que a través deles poden desenvolverse axeitadamente no seu día a día.

 

VALORACIÓN DA ACTIVIDADE

Os alumnos mostráronse moi receptivos ante as dificultades que os seus compañeiros con TXD afrontan día a día, o cal provocou sentimentos de empatía, comprensión e tolerancia. Ao mesmo tempo, serviulles para reflexionar e decatarse de que son moitos os nenos e nenas que viven con este trastorno e que é moi importante fomentar a inclusión e a non discriminación destes alumnos.

 

“Sigamos traballando coas persoas que padecen trastornos do espectro autista, axudándoas a cultivar as súas aptitudes e a facer fronte aos desafíos cos que se enfrontan para que poidan levar a vida produtiva que lles corresponde como dereito inalienable.” Ban Ki-moon (2013).

 

 

Bibliografía: 

 

 

Asamblea Xeral das Nacións Unidas (A/RES/62/139)

Ban Ki-moon (2013). Mensaxe do secretario xeral das Nacións Unidas no Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo.

A viaxe de María. Fundación Orange. Curtametraxe de animación realizada polo debuxante Manuel Gallardo.

Academia de especialistas. Fundación Orange. Curtametraxe de animación realizada polo debuxante Manuel Gallardo.

Pictogramas realizados a través do creador de frases de ARASAAC. http://www.catedu.es/arasaac/

“Unha marea de xente”. Canción de Macaco adaptada. Pictogramas Sergio Palau. ARASAAC. http://bibliotecasalgadotorres.blogspot.com.es/

Pictogram room. Guía para padres y educadores.

Los niños pequeños con autismo. Equipo Deletrea. Cepe.

 

Sección: