Protocolo xeral de prevención, detección e tratamento do acoso escolar

Trátase dunha ferramenta fundamental para a protección do alumnado, que guía a actuación do profesorado nestes casos, recollendo medidas no centro e na aula, así como a normativa relativa a este proceso.

 

 

 

 

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou o 22 de maio diante da comunidade educativa o protocolo xeral de prevención, detección e tratamento das situacións de acoso escolar que converte a Galicia na primeira comunidade autónoma que recolle nun mesmo protocolo o tratamento do acoso e do ciberacoso. Non en balde, este novo documento contén un apartado específico a este conflito, de actualidade coa extensión do uso das redes sociais. Trátase, así, dunha ferramenta fundamental para a protección do alumnado, un documento base que facilitará aos centros a intervención temperá e a adopción das medidas oportunas, adaptándoas á súa realidade, e que dá continuidade á Lei de Convivencia, texto pioneiro na definición legal do ciberacoso.

Grazas a este documento o  alumnado contará cunha maior protección fronte ás situacións de acoso, posto que ao existir un protocolo estandarizado, garántese que non transcorran máis de doce días desde que se detecta a posibilidade da existencia dun caso de acoso escolar ata que se confirma, se instrúe e se resolve o correspondente expediente corrector.

O protocolo, ademais, facilitará que se faga máis efectivo o principio de protección á vítima desde o momento en que se detecte unha situación susceptible de provocar dano, xa que desde ese primeiro instante a potencial vítima contará cunha persoa de atención e de apoio.

O protocolo busca ser unha guía de axuda na prevención das situacións de acoso, na detección de posibles situacións e no tratamento cando a situación xa se produciu e o centro debe intervir. Tanto o documento como os anexos que o acompañan, pretenden facilitar e axilizar a súa posta en práctica, recollendo estratexias de prevención e de actuación, así como a lexislación relativa a todo o procedemento. O obxectivo é a prevención e erradicación das posibles situacións de acoso escolar que poidan xurdir nos centros educativos galegos.

 O devandito protocolo dá continuidade á Lei 4/2011 de convivencia e participación da comunidade educativa, e proximamente publicarase o decreto que a desenvolva, así como outros recursos para o asesoramento na elaboración de plans de convivencia para cada centro de ensino.

Fases do proceso

O protocolo establece catro fases diferenciadas para o tratamento dos conflitos:

1.coñecemento, identificación e comunicación da situación.

2. recollida e rexistro de información.

3. análise da información e adopción de medidas.

4.seguimento, avaliación e rexistro das medidas adoptadas.

Neste sentido, márcase, por exemplo, que a persoa que ocupa a dirección do centro deberá ter sempre coñecemento da situación, cuxa identificación deberá recollerse por escrito e sempre baixo a máxima confidencialidade e discreción.

Na 1ª fase  preséntanse  ademais:

  • as medidas urxentes de protección á presunta vítima que se poderán tomar.
  • indicacións para a comunicación do caso ás familias do alumnado implicado, así como - de ser oportuno- a outros profesionais educativos e axentes externos (membros da comunidade educativa, instancias sociais, sanitarias, xudiciais...).
  • recóllese a posibilidade de designar a unha persoa responsable de apoiar e atender á presunta vítima.
  • establécense os pasos para o  nomeamento, entre o profesorado do centro, da persoa responsable da tramitación do proceso que -segundo indica o protocolo-, será tamén a instrutora do expediente disciplinario, de ser o caso.

Na 2ª fase o documento ofrece aos docentes:

  • pautas para o rexistro e levantamento de acta das entrevistas individuais que se realicen co alumnado e familias implicadas.
  • pautas para a recompilación de calquera outro tipo de documentación.
  • a posibilidade de solicitar asesoramento ou apoio técnico tanto do departamento de orientación do centro como, especialmente no caso de ciberacoso, doutros organismos como os servizos sociais, sanitarios, corpos e forzas de seguridade do Estado, entre outros.

Na 3ª fase resulta de especial interese, sobre todo desde o punto de vista xurídico, a orientación que o protocolo proporciona á comunidade educativa respecto dos pasos a seguir. Así:

  • ofrece información sobre os diferentes expedientes disciplinarios que se poderán abrir no caso de estar diante dunha situación de acoso constatada.
  • os responsables de desenvolver o devandito expediente.
  • as fases de cada un.
  • as persoas ás que debe ser comunicada a incoación do expediente.
  • a normativa relativa ao mesmo, por exemplo no que atinxe á gradación das medidas que se poderán adoptar:

                                        - antes e despois da resolución do expediente, para a protección da vítima (vixilancia, titorías, grupos de axuda...)

                                        - para a reeducación dos presuntos acosadores,

                                        - medidas correctoras destes últimos (que só se poderán adoptar unha vez resolto o expediente e de acordo co establecido na Lei 4/2011 e o Decreto que a desenvolva).

                                        - actuacións co grupo ou clase, coas familias e co equipo docente.

Na 4ª fase deséñase o seguimento da situación, que quedará a cargo da persoa directora ou aquela na que delegue, coa intención de comprobar o cumprimento e a pertinencia das medidas adoptadas, para o que se deberán programar encontros periódicos, especialmente coa vítima, para comprobar a eficacia da actuación.

Ademais, no documento que contén as fases do protocolo tamén se considera un apartado no que se recollen diferentes estratexias de prevención para tratar de evitar que situacións  desde tipo alteren a convivencia dos centros educativos galegos.

Non podemos esquecer tampouco que se engade un apartado coas particularidades e medidas de prevención e actuacións que require o ciberacoso.

 

Acceder ao PROTOCOLO

INSTRUCIÓNS DO 17 DE XUÑO DE 2013

Acceder aos ANEXOS

 

Sección: