O noso departamento de Convivencia e Mediación nunha agrupación ARCE

Creación e traxectoria do Departamento de Convivencia e Mediación do IES Isidro Parga Pondal de Carballo
A historia do Departamento de Convivencia e Mediación do IES Isidro Parga Pondal de Carballo comeza no curso 2006/2007, cando un grupo de profesoras e profesores elaboran o proxecto Mediación e resolución de conflitos no ámbito escolar que contaba, ademais, coa participación da asociación de pais e nais, do alumnado e da asociación Vieiro, e que foi premiado pola Xunta de Galicia dentro do plan Valora-Convivencia.

Mª Jesús Pérez Alvariño
mpalvarino@edu.xunta.es

 

O obxectivo fundamental deste proxecto era dotar o noso centro de novas estratexias, ferramentas, capacidades e estruturas que nos achegasen a un modelo integrado de convivencia. Entendiamos que no contexto social actual os conflitos xorden con máis asiduidade e a exclusiva aplicación do Regulamento de réxime interno (RRI) non resolve a problemática de fondo existente nos centros educativos. Partiamos da crenza de que é posible darlles outra resposta aos conflitos que xurdan e que toda actuación debe pasar polo diálogo compartido e pola resolución pacífica dos problemas.

Este proxecto levou implícita a formación do Departamento de Convivencia e Mediación que desde ese momento dirixe e organiza toda a xestión da convivencia do centro. Este departamento está constituído pola xefa do departamento, que é a dinamizadora da convivencia, e todos os membros da comunidade educativa que se formen como mediadores. Coma calquera outro departamento ten espazo propio, asignación económica e horas de dedicación que a Dirección do centro lle asigna a cada membro; era sumamente importante que este departamento tivese certo rango oficial aínda que no ámbito legal non está recoñecido dentro da normativa vixente.

Puxéronse en marcha accións para a mellora da convivencia centradas en medidas curriculares, modificación das normas de organización e funcionamento, elaboración do plan de convivencia, elaboración do plan de acción titorial, elaboración do protocolos de acollida, protocolo de disrupción, protocolo de absentismo, protocolo de acoso, mediación escolar, aula de traballo individualizado (ATI) e aula de convivencia.

Co interese de atopar outros centros que traballasen na mesma liña, participamos en abril do 2010 nas Xornadas para a Realización de Proxectos Comúns dentro do programa ARCE do Ministerio de Educación, coa idea de atopar centros interesados en formar unha agrupación ARCE. Este programa ten como finalidade establecer canles de colaboración que permitan o establecemento de agrupacións ou redes de centros para desenvolver proxectos comúns que deben levarse a cabo en equipo entre todos os centros.    

O deseño de proxectos comúns busca impulsar os intercambios entre os centros, a mobilidade de alumnado (co cal se contribúe á adquisición e mellora das súas aptitudes) e consolidar redes educativas para unha mellora na calidade da educación.

Xorde así o proxecto Redes de convivencia en positivo (programa ARCE - Resolución do 16 de marzo de 2011- Modalidade A). Nel participan, xunto ao noso, os centros: CEIP PEDRO I. de Tordesillas (Valladolid), IES PUÇOL de Puçol (Valencia), IES LOS MORISCOS de Hornachos (Badaxoz), IES JANDÍA de Fuerteventura (Canarias) e IES CIUDAD DE LUNA de Huete (Cuenca).

Esta agrupación ten como principais OBXECTIVOS:

1. Sensibilizar a comunidade educativa no interese pola resolución pacífica de conflitos.

2. Potenciar a autonomía do alumnado na busca de solucións aos potenciais conflitos interpersoais que poidan xurdir nos centros educativos.

3. Aplicación das novas tecnoloxías aos sistemas de axuda entre iguais.

4. Promover o intercambio de persoas e experiencias sobre as medidas organizativas de xestión de conflitos.

5. Intercambiar experiencias sobre a organización e xestión de medidas resolutivas pacíficas de conflitos (aulas de convivencia, mediación, titorías entre iguais etc.).

6. Deseñar materiais propios de formación para o alumnado mediador e axudante.       

7. Establecer vínculos de colaboración entre todos os centros participantes, que perduren máis alá da temporización establecida no proxecto.

As ACTIVIDADES PROGRAMADAS son:

A) Encontros

Realizaranse un total de catro encontros dunha duración de catro días nos dous cursos de duración da agrupación. A cada encontro asistirán catro alumnos/as e dous profesores ou profesoras. O alumnado será acollido en familias.

B) Difusión da agrupación

Elaboración da Aldea Arce en cada centro.

Wiki: redesparaconvivirenpositivo.wikispaces.com

Enderezo-e: convivirenpositivo@gmail.com

Blog: www.mediacionpargapondal.blogspot.com

Enderezo-e: mediacionpargapondal@gmail.com

C) Elaboración de materiais

Indicadores para a avaliación da convivencia nun centro.
Protocolos para a posta en marcha do alumnado axudante e da titoría entre iguais.
 

D) Concursos abertos ao alumnado dos cinco centros participantes

Certame Cartas de Amor de San Valentín
Concurso de fotografías Coñece o meu Pobo
Concurso fotográfico Convivir en Positivo
 

E) Utilización de redes sociais

As ACTIVIDADES REALIZADAS ata este momento son:

  • 1º encontro: Valencia, 22-25 abril de 2012                            

  •  
  •  
  • 2º encontro: Fuerteventura, 15-19 outubro de 2012

 

 

 

OUTRAS ACTIVIDADES realizadas:

  • Organización no noso centro dos obradoiros: "Puberdade e adolescencia", "Autoridade e límites" e "A adolescencia hoxe"  dentro da Escola de Pais, promovida pola asociación local Vieiro, coa colaboración da ANPA.
  • Exposición do alumnado mediador das accións levadas a cabo polo Departamento de Convivencia e Mediación aos seus compañeiros de primeiro da ESO, publicitando o curso de formación de mediadores.
  • Presentación a todo o claustro da agrupación ARCE
  • Organización do obradoiro "Reflexións sobre o rol do profesorado e o sentido da tarefa educativa".
  • Revisión, posta ao día e optimización do blog do Departamento de Convivencia e Mediación e colaboración na wiki da agrupación, cuxos enderezos son:

www.mediacionpargapondal.blogspot.com;

www.redesparaconvivirenpositivo.wikispaces.com

  • Participación de alumnado mediador e profesorado do departamento nos II Encontros de Centros con Servizos de Mediación en Galicia, organizados polo IES Fin do Camiño de Fisterra.


  • Colaboración co CFR da provincia de Pontevedra para o asesoramento dun grupo de traballo do IES Valle Inclán para a posta en marcha de estratexias pacíficas de resolución de conflitos.
  • Deseño das actividades para a formación de alumnado mediador.
  • Deseño de actividades para impartir o curso de Habilidades Sociemocionais, levado a cabo en segundo da ESO nas horas de Atención Educativa.
  • Organización dun obradoiro de Habilidades Socioemocionais para o alumnado con problemas socioemocionais de especial dificultade coa colaboración da asociación Vieiro e a asociación de pais e nais.

 

As ACTIVIDADES PREVISTAS son:

  • 3º encontro: Hornachos (Badaxoz), marzo de 2013
  • 4º encontro: no noso centro en abril de 2013

 

 

 

OUTRAS ACTIVIDADES PREVISTAS son:

- Elaboración do protocolo de actuación de alumnado axudante e titoría entre iguais: organización, funcionamento e dinamización.

- Poñer en marcha a rede de alumnado axudante e titoría entre iguais.

- Deseñar un servizo informático de axuda e resolución de conflitos.

- Revisión do plan de convivencia do centro, introducindo nel todos os cambios necesarios para integrar os novos protocolos de xestión do servizo informático de axuda, alumnado axudante e titoría entre iguais.

- Realización do curso de formación de novos mediadores e mediadoras

 

CONCLUSIÓNS:

Participar nunha agrupación ARCE permitiunos:

Aos membros do Departamento de Convivencia e Mediación:

  • Compartir experiencias dos centros participantes e coñecer de primeira man o que acontece noutras autonomías.
  • Favorecer a comunicación e o traballo en rede entre todos os socios da agrupación, tanto dos profesionais implicados coma do alumnado participante no proxecto.
  • Ter materiais relacionados coa mediación e convivencia elaborados nos outros centros e de utilizade no noso.
  • Divulgar o noso traballo mediante a páxina web da agrupación.

Ao alumnado participante:

  • Vivir noutras realidades sociais, culturais, educativas... distintas á súa.
  • Coñecer e compartir tempo con outros adolescentes que teñen inquedanzas parecidas.
  • Coñecer outros xeitos de xestionar a convivencia.
  • Mellorar a súa autonomía persoal, potenciar a súa autoestima e enriquecemento persoal.

 

 

 

 

 
Sección: