#Lectura, Papel, Pantalla

Autor: Lluch, Gemma
Editorial: Coedco, 2022

Autor da recensión: Javier Pintor Elizalde
jjpinel@edu.xunta.gal
Centro de Formación e Recursos da Coruña

 

GemmaLluch é catedrática da Universidade de Valencia do Departamento de Filoloxía Catalá. Ten unha ampla traxectoria como investigadora en temáticas como a análise da literatura para mozas, a promoción virtual da lectura, o deseño de plans de lectura, as narrativas para adolescentes e o uso das redes sociais como ferramenta para estimular a lectura na mocidade.

A autora fala de como evolucionou a lectura nestes anos e recolle o resultado das investigacións máis recentes neste ámbito. A autora avoga porque os estudos se baseen en datos científicos e non en experiencias persoais.

O libro consta de oito capítulos que abordan diferentes aspectos relacionados coa lectura. A autora formula unha serie de preguntas que, ao longo dos diferentes capítulos, intenta responder de forma clara e concreta. Todas as cuestións tratan temas de máximo interese no ámbito educativo: Por que ler? Que efectos ten a lectura? Como len os mozos? Pose ou políticas de lectura? Que formatos de lectura? Como inflúe o audiovisual? Como educamos a lectura?

Comeza o libro trazando un itinerario lector formado por obras clave da literatura universal que nos servirán de guía e orientación para a formación integral do noso alumnado. Continúa resaltando a importancia das bibliotecas e sinalando os desafíos aos que nos enfrontamos na actualidade. Os cambios que as redes sociais e Internet provocaron no eido da lectura son tratados ao longo de toda a obra, concretamente nos capítulos terceiro, quinto e sexto.

Resulta sumamente interesante o capítulo cuarto dedicado á necesidade de establecer plans de lectura nas políticas públicas. A autora reflexiona sobre este aspecto desde o rigor, pero cun certo sentido do humor cando se refire aos intelectuais que se gaban do seu capital cultural. Nestas políticas, en ocasións, prevalece máis o márketing ou os intereses editoriais ca o seu impacto real na educación e no tecido cultural. 

A irrupción das pantallas como soporte de lectura e a influencia que poden ter no desenvolvemento lector, a necesidade de determinar a validez dos contidos que consumimos, as novas narrativas trasmedia son outros dos aspectos tratados no libro.

O sétimo capítulo aborda cuestións fundamentais arredor da lectura literaria e do tipo de lecturas que se realizan nos centros. Gemma dá pautas para que a elección das lecturas teña en conta o tipo de lectores que temos nas aulas e os cambios tecnolóxicos na sociedade. A autora insiste en que é necesario crear itinerarios lectores que non se esquezan das obras clásicas nin obvien os recursos audiovisuais.

O libro formula unha análise esmiuzada sobre o ecosistema actual da lectura, a súa evolución e as múltiples formas e funcións que adquiriu. Estamos ante un libro imprescindible para entender o ecosistema do libro e a lectura na actualidade que ofrece, asemade, pautas moi útiles para docentes e bibliotecarios no seu traballo diario.

 

 

Sección: