Titoría do alumnado, camiño da docencia á mestría

O valor do primeiro trimestre
Reflexión sobre a titoría do alumnado como ámbito excepcional para o proceso educativo e orientador, especificamente no marco presencial en cuarto curso da ESO en cinco cursos consecutivos, de 2012 a 2017.

Gonzalo Xosé Francisco da Rocha
Profesor de Ciencias Sociais
IES S. Basanta Silva (Vilalba-Lugo)

 

 

Introdución

Entre as funcións docentes, a titoría do alumnado ten o obxectivo de dirixir a súa aprendizaxe, transmitir valores e axudalo, en colaboración cos pais e nais, a superar as súas dificultades. Ese proceso desenvólvese, no ciclo da ESO, mediante unha sesión presencial semanal no grupo-aula de referencia, tratando a integración social respectando a diversidade coa arela da integración e participación na dinámica do centro, espello da sociedade democrática.

A titoría culmina a función docente complementando a instrución propia da materia con principios, actitudes e valores. En definitiva, a docencia ascende á mestría para falar da plenitude educativa, pois o titor ten a tarefa e o desafío de ser o coñecedor privilexiado de todos e cada un dos educandos e para iso a literatura científica pedagóxica dispón a intelixencia emocional na xestión do capital humano nesta empresa formativa. O primeiro obxectivo da ESO na citada lei establece «asumir responsablemente os seus deberes e exercer os seus dereitos no respecto aos demais, practicar a tolerancia e a solidariedade entre as persoas e exercitarse no diálogo afianzando valores comúns dunha sociedade participativa e democrática». En definitiva, fortalecer o civismo e a urbanidade na vía da consolidación das institucións como lugar de solución das disidencias de xeito pacífico. Canalizar as ilusións e a forte emotividade da adolescencia para que se implique na súa educación, no seu crecemento intelectual e emocional e sinta que o seu esforzo contribúe a unha sociedade mellor.

A titoría queda, polo tanto, inserida na función orientadora do sistema formativo xeral, un proceso permanente que axuda nos ámbitos persoal, educativo, social e profesional co gallo de potenciar o desenvolvemento integral ao longo da vida partindo —e isto é o máis interesante— de cada individuo coas súas capacidades, intereses e actitudes cara a unha realización óptima do seu ser.

No derradeiro curso da educación secundaria obrigatoria (ESO), esta misión cobra especial relevancia diante das rutas alternativas que se presentan e, nun momento, arredor dos 16 anos, no que vive a súa adolescencia con determinadas características relacionadas con cambios no proceso intelectivo. A psicoloxía evolutiva identifica a incorporación do pensamento formal coa capacidade hipotético-dedutiva fronte á resposta concreta da infancia. Ao mesmo tempo, carácter interproposicional, a capacidade de vehicular esas hipóteses de forma simbólica polo que a palabra e a linguaxe adquiren un valor instrumental superior.

Estamos, polo tanto, diante dunha «investigación aplicada» que pretende unha resposta a cuestións específicas, é dicir, ensaiando sobre as posibilidades dunha teoría científica, non unha «investigación básica» que trata de establecer unha nova teoría. Asemade resulta unha investigación cualitativa, aproveitando as palabras e a linguaxe dos suxeitos para comprender os fenómenos alén da investigación cuantitativa na que se rexistran valores numéricos para as estatísticas. Xeralmente ambas son complementarias. Finalmente, resulta non tanto unha investigación avaliativa das accións como unha investigación-acción para que o profesor acade a mestría educativa recapacitando sobre a súa praxe coa intelixencia emocional.

 

Obxectivos

  • Coñecer a importancia da titoría do alumnado como ámbito privilexiado para a orientación socioafectiva e emocional.
  • Ensaiar sobre a necesaria resposta ás necesidades particulares dos grupos-aula ao longo da carreira docente.
  • Valorar o esforzo vocacional no ámbito titorial para a excelencia e mestría educativa.

 

Descrición da praxe no primeiro trimestre do curso

O curso comeza coa conformación do grupo-aula e coa presentación do alumnado e do profesor-titor durante a sesión-titoría. Esta relación privilexiada queda baixo a coordinación da xefatura de estudos e en colaboración co departamento de orientación no desenvolvemento do plan de acción titorial do centro; polo tanto, non é unha relación persoal privada ou particular, senón no marco do sistema educativo público.

 

 

1. Na primeira sesión titorial procédese a un cuestionario inicial de información que inclúe:

A. Unha autoavaliación do curso anterior con cuestións sobre os resultados, grao de satisfacción, materias preferidas e complexas, hábitos de traballo.

B. Unha planificación para o presente curso con cuestións sobre as materias escollidas, a vocación profesional e o camiño que cómpre seguir e, unha avaliación xustificada —non numérica— do ánimo ou confianza para afrontar o novo curso.

C. Unha valoración da identidade propia por medio do relato das virtudes e tachas que considera, así como das afeccións no tempo de lecer.

D. Unha porta aberta ás suxestións para o curso.

Ser escoitado activamente é o mellor comezo para unha boa relación de confianza. A lectura da seguinte escolma ofrece información individual e do grupo que comeza a definirse.

ÁNIMO E CONFIANZA

Curso 2012/13. Si, porque estudo o que me gusta. Si, porque sei que vou ter que me esforzar, pero creo que son capaz de levalo adiante. Si, porque é o derradeiro ano da ESO e teño que comezar a prepararme para bacharelato. Si, porque teño forza de vontade e quero chegar lonxe. Si, porque quero conseguir os meus propósitos. Si, porque creo que podo superalo, xa que me tocou un bo grupo e uns bos profesores. Estou decidido a estudar o que me gusta e non quero renunciar ao meu soño. Non, din que terceiro era máis difícil, pero eu creo que non porque se o curso é superior será porque é máis difícil.

Curso 2013/14. Si, porque este curso voume esforzar máis para poder sacar todas as materias, incluída a pendente. Si, porque quero irme deste sitio. Non, porque levo bastante tempo sen estudar e entón vaime resultar moi difícil. Non, porque non me gusta nada estudar. Si, para acabar canto antes de estudar algo que non me gusta e poder desfrutar estudando algo que me gusta. Atópome regular porque teño algunha pendente do curso anterior e non sei se darei aprobado todo. Atópome con forza, pero fáltame confianza porque me resulta difícil estudar. En parte si, porque estou repetindo e creo que o vou dar sacado, pero tamén é un curso moi complicado.

Curso 2014/15. Si, porque este ano é o último da ESO e hai que ter boa nota para bacharelato. Si, porque penso que vai ser máis fácil que o curso anterior. Si, porque son moi segura de min mesma. Si, creo que, se me aplico, podo sacar todo fácil. Si, porque procuro levar as cousas ao día. Si, porque me atopo con forza e confianza para superar as miñas propias metas. Si, co presente curso e con todos os cursos e en todas as cousas pois é unha característica miña que traslado a todos os campos. Si, porque quero conseguir o meu obxectivo que é traballar no que me gusta.

Curso 2015/16. Si, porque repito e recordo cousas do curso pasado. Si, porque non quero repetir curso e quero conseguir a ESO. Si, porque penso que o podo lograr. Si, porque quero pasar ao seguinte curso con todo aprobado. Si, porque collín as optativas que creo que son as axeitadas. Si, porque puiden elixir as materias que máis me gustan.

Curso 2016/17. Si, porque repetín curso e paseino mal. Si, para poder conseguir o título. Non, porque é moi difícil e non me vexo capacitado. Si, porque estou máis cerca do bacharelato e xa puiden elixir optativas. Si, porque para afrontar un novo curso hai que comezar con ganas. Si, porque teño ganas de ver como son as materias. Si, porque vou estudar o que elixín e dáme ánimo e forza. Si, porque é o último curso da ESO e logo fago o que me gusta.

VIRTUDES/DEFECTOS

Curso 2012/13. Son moi sociable/temperamental. Teño boa memoria, son bo amigo/Son vago. Teño moita paciencia/Teño bastante vergoña. Son leal/Teño moi mal xenio. Se podo axudarlle a alguén, fágoo/Ás veces, contesto mal. Dáseme ben escoitar/Son egoísta e túzaro ás veces. A capacidade de estudo/A impaciencia. Son aberto ao mundo/Son inconstante, despistado e intranquilo e non me esforzo en nada. Xenerosa e amiga das miñas amigas/Demasiado tímida.

Curso 2013/14. Son moi agradable con quen me merece afecto/Teño moi mal carácter. Son moi sociable e legal/Ás veces, son pesado. Son moi sociable/Canso moi rápido de todas as cousas. Son legal e teño bo corazón/Non atendo ao que me din ás veces. Son xenerosos e bo/Son impaciente e obsesiónome co que fago.

Curso 2014/15. Traballadora e educada/Son tímida. Teño moita paciencia/Teño inseguridade e timidez. Traballadora, amable e simpática/Son orgullosa cando me enfado. Non necesito estudar moito para aprender/Son bastante despistada. Son simpática/Preocúpome moito por cousas sen importancia. Optimista, nunca me rindo/Cústame controlar o xenio e son impulsivo. Dáseme ben escoitar/Son competitiva, quero estar sempre no primeiro lugar.

Curso 2015/16. Educado/Nervioso. Son moi sociable/Fáltame interese. Preocúpome polos demais/Non son nada ordenada. Xenerosa e amables/Moito carácter e enfado por bobadas. Son moi sincera/Un carácter demasiado forte. Facilidade para resolver problemas/Ás veces, son moi pesado. Son humilde e teño sentido do humor/A vagancia. Son boa amiga/Choro facilmente.

Curso 2016/17. Son moi alegre e divertido/moi vago e despistado. Amable/vergonzosa. Son paciente/cando estou de mal humor podo chegar a ser agresivo e insultar. Axudo moito á xente/son protestón. Cando quero conseguir algo sempre me esforzo/son un pouco pesada ás veces. Podo reaccionar rápido e saír dun problema/son moi despistado. Son moi responsable/son algo pesimista. Sentido do humor e boa memoria/pouca puntualidade. Adáptome moi ben a todo tipo de situacións/Son bastante tímida. A lóxica/A introversión.

 

 

2. Alén da relación e do trato que o alumnado puido ter co profesor en cursos anteriores, un capital afectivo valioso, entre as tarefas esixidas ao titor está a de proporcionar información sobre o calendario escolar, actividades escolares e complementarias, criterios de avaliación e demais aspectos rexistrados na programación do centro segundo establece o marco legal. Polo tanto, unha sesión presencial inicial estará dedicada a recapacitar sobre as normas básicas de convivencia rexistradas no NOFC (normas de organización e funcionamento do centro), xeralmente xa coñecidas. Na disposición final primeira da LOE (2006), confirmado na nova Lei Orgánica (2020), establecéronse como deberes do alumnado: «estudar e esforzarse para conseguir o máximo desenvolvemento segundo as súas capacidades; participar nas actividades formativas e, especialmente, nas escolares (...); seguir as directrices do profesorado; asistir á clase con puntualidade, participar e colaborar na mellora da convivencia escolar e na construción dun axeitado clima de estudo no centro respectando o dereito dos seus compañeiros á educación e a autoridade e orientacións do profesorado, respectar a liberdade de conciencia, as conviccións relixiosas e morais, e a dignidade, integridade e intimidade de todos os membros da comunidade educativa; respectar as normas de organización, convivencia e disciplina do centro educativo; e conservar e facer bo uso das instalacións do centro e do material didáctico», polo tanto, redactar a acta do estado da aula e implicar o alumnado no coidado dun ben público extensible a todo o inmoble coa súa dotación material ao servizo colectivo e a consecuente acción inicial.

3. Nas primeiras semanas a escoita activa debe continuar, agora cunha autoavaliación sobre as técnicas de estudo. Por medio de cuestións pechadas o alumnado debe valorar as condicións externas ao centro, é dicir, o lugar, parámetros de luz, temperatura e silencio, material e ambiente; os hábitos persoais, comezando pola axenda, a constancia, a distribución e os logros; o traballo na aula por medio da valoración da atención e a concentración, os apuntamentos, a consulta de dúbidas cos docentes e os compañeiros; finalmente, as técnicas específicas de aprendizaxe como a lectura, subliñado, esquematización, consultas bibliográficas, na Rede... Remata cunha valoración numérica da que o alumno pode tirar conclusións vinculantes das súas fortalezas e das técnicas nas que debe mellorar, pois todas son imprescindibles e complementarias. Desta enquisa o profesor entrégalle unha copia ao alumnado para que poida facer a recapacitación necesaria mesmo no fogar, coa implicación familiar.

4. A estas alturas probablemente xa se producise a elección do delegado do grupo-aula que deberá de ser orientada para que cumpra o mellor posible a súa importante función como representante e voz do grupo e tamén canle óptima de comunicación con todo o profesorado e especificamente co titor. Tamén se debería de producir a entrevista colectiva coas familias do alumnado do grupo-aula no que, ademais de informalos sobre o calendario escolar, actividades escolares e complementarias, criterios de avaliación e demais aspectos rexistrados na programación do centro segundo establece o marco legal, cómpre a solicitude de colaboración e implicación da educación dos fillos e fillas. Na disposición final primeira da LOE (2006) quedou establecido que «como primeiros responsables da educación dos seus fillos, correspóndelles adoptar as medidas necesarias, ou solicitar a axuda correspondente en caso de dificultade, para que os seus fillos cursen as ensinanzas obrigatorias e asistan regularmente á clase; promover, na medida das súas posibilidades, os recursos e as condicións necesarias para o proceso escolar; estimulalos para que leven a cabo as actividades de estudo que lles encomenden; participar de maneira activa nas actividades que se establezan en virtude dos compromisos educativos que os centros establezan coas familias, para mellorar o rendemento dos seus fillos; coñecer, participar e apoiar a evolución do seu proceso educativo, en colaboración cos profesores e os centros; respectar e facer respectar as normas establecidas polo centro, a autoridade e as indicacións ou orientacións educativas do profesorado; fomentar o respecto de todos os compoñentes da comunidade educativa».

Nesa entrevista valórase especialmente a recapacitación sobre o xeito de facelo por medio dalgún documento de carácter divulgativo sobre a literatura científica existente. La Voz de la Escuela (10-10-2007) «Los padres también van al cole. Claves de un buen apoyo familiar»; La Voz de la Escuela (01-02-2012) «Las claves del éxito escolar. Aciertos y errores de los padres a la hora de ayudar a sus hijos con los estudios». Bo e breve, mellor. A disposición a escoitar activamente axuda a establecer un diálogo fluído nas posteriores entrevistas particulares coas nais, pais e/ou titores legais con custodia.

 

 

5. Nunha nova sesión haberá que recapacitar sobre a planificación horaria, a columna vertebral que sustenta as técnicas de estudo. A ficha parte de identificar os erros máis comúns e establece uns principios determinantes para o deseño dun horario que será persoal, en función das circunstancias e características propias que o alumnado diagnosticou por medio da ficha das técnicas de estudo; realista, para evitar excesos que só levan á frustración e ao abandono; flexible, propiciando a adaptación circunstancial que non deturpa o plan; e constante, para que o hábito quede integrado con normalidade no día a día.

De especial relevancia é facerse consciente da distribución dos tempos ao longo das 24 horas. O debuxo dun círculo, símil do reloxo, con 24 períodos axuda moito para visualizar as 8 horas dedicadas a durmir, as 8 horas para o lecer e as 8 horas para o traballo, segundo a repartición equitativa comunmente aceptada. No diagrama de sectores resultante destácase a importancia do sono nocturno, así como a estratéxica combinación de períodos de tarefa e lecer, comezando polas 5 horas lectivas no centro co descanso de media hora. Polo tanto, en cuarto da ESO conclúese, aproximadamente, 3 horas diarias de tarefa que deben ser aproveitadas e combinadas con períodos de lecer cando o curso estea plenamente desenvolvido, comezando por un obxectivo máis modesto e realista ata coller hábito máis adiante.

A continuación, o alumnado establece o tempo que dedicará a cada materia. O xeito é cuantificalo en función da dificultade que lle supoña: máis complexo implica máis dedicación. Para iso terá que avaliar numericamente (de 1 a 10) todas e cada unha delas e despois procederá segundo a fórmula

15 (horas semanais de  tarefas) X 00 Valor da dificultade da materia

----------------------------------------------------------------------------------------------- =

00 Suma total da dificultade de todas as materias

 

Esta operación da «regra de tres» repetida para todas as materias establecerá a clasificación temporal de dificultade con resultados en horas. A partir de aí, comezará por distribuír o tempo resultante da materia máis complexa ao longo dun horario de tarefas das tardes, de xeito que o esforzo resulta diario e constante durante a semana. Coas demais materias, nesa mesma orde, procederá igual ata completar o horario persoal.

Unha copia desta ficha xa elaborada de planificación horaria é para que o alumnado poida consultala e, sobre todo, reformulala segundo se desenvolvan as circunstancias ao longo do curso, pois o horario pode verse alterado por período de exames, vacacións, novas dificultades, actividades extraescolares... a flexibilidade combinada coa constancia.

 

 

Diante do desafío desta proposta de madurez, nada mellor que un exemplo, un referente válido e recoñecido. O deporte e a súa dinámica ofrece modelos que poden ser motivadores. Ao alumnado adolescente gústalle establecer paralelismos cos seus referentes. A lectura e a análise do calendario de preparación do pentacampeón de tríatlon, o pontevedrés Javier Gómez Noya, segundo o diagrama representado en La Voz de Galicia (01-11-2013) «Hacia un 10.000 perfecto» que retrata graficamente como organiza cada xornada, cada semana e todo o curso as tres disciplinas nas que ten que competir. Compróbase a constancia dos días e a progresión ao longo do ano ata chegar ás probas competitivas que avalían o esforzo xeral e continuo. Ciclismo, natación e atletismo,  ningunha pode ser desatendida, cada unha quere a súa dedicación e os descansos son tan importantes coma os esforzos. Equilibrio razoable. La Voz de Galicia (17-09-2014) profunda na «Metamorfosis del tetracampeón», onde incluso especifica como muda o esforzo nas tres disciplinas ao longo do seu curso anual para repartir o esforzo sen desgastes inútiles. A resiliencia, consecuencia da constancia, é determinante, máis nun deportista que partía co hándicap de doenzas cardíacas que, no canto de disuadilo, afirmaron a súa vontade. Os ídolos son importantes. Javier Noya tamén valoraba o exemplo do anterior tetracampeón Simon Lessing na súa propia carreira ata acadar o seu quinto título mundial en 2016. Tres artigos máis completan o retrato do éxito. «El Nobel del deporte corona a Gómez Noya», «De chico tímido a icono global» en La Voz de Galicia (09-06-2016) e «El rey Midas del triatlón mundial» en La Voz de Galicia (10-06-2016).

 

 

6. A estas alturas, transcorrido aproximadamente un mes, o alumnado xa se sentiu escoitado, atendido e entendido. A relación co titor comeza a ter un valor alén do pragmático para acadar a confianza. Máis documentos complementarios consagran a hora presencial de titoría como un tempo distinto, o anglicismo slow —‘a modo’— fronte á permanente aceleración dos currículos inabarcables. Un tempo para que cada un poida recapacitar con textos breves como «El poder de lo pequeño» (El País, 19-10-2013), «Gisela vuela» (El País, 15-02-2014), «Chuny pone rumbo a la historia» (La Voz de Galicia, 28-03-2014), «El tesoro de lo que no sirve para nada» (El País, 07-02-2015), «Premio al esfuerzo extraordinario en la ESO» (La Voz de Galicia, 05-03-2016), «Aprobar la ESO solo con la mirada» (La Voz de Galicia, 29-06-2017) entre outros que se ofrecen segundo a oportunidade e/ou o procedente, especificamente sobre a raíz da maioría dos conflitos: falar por falar e o rumor interesado, ambos moi tóxicos nas relacións dos grupos, agora exponencialmente aumentados coas redes sociais. Desactivar desde os principios favorece a confianza mutua e a comunicación aberta, respectuosa e grata.

Seica foi Sócrates, o filósofo educador, quen retrucou: «Pero o que me estás a contar é verdade? Ah, contáronche que llelo contaron. Ademais, non é cousa boa sobre esa persoa, vilezas. Inútil para os que queremos unha comunidade autenticamente cívica».

O alumnado decontado recapacita sobre o problema, o dano e as alternativas nas enquisas: «O medo a non encaixar en determinados lugares. Nunca sabes se lle caes ben a unha persoa ou mal. O máis difícil é comezar a coñecerse. Se un amigo teu se leva mal con outros do grupo, case automaticamente, ti levaraste mal con eles tamén, aínda que non teñas motivo ningún. A túa forma de vestir, de falar etc. ás veces, simplemente por iso, xa es criticado. Deixar de ser tan competitivos entre nós, aprender a coñecer as persoas e respectar os seus actos, decisións, forma de ser. Non xulgar a xente antes de coñecela e non deixarse influír polo que opinen os demais dunha persoa. Axudar os que veñen doutros países. Conseguir un ambiente onde todo o mundo poida opinar e mostrar o seu punto de vista e así conseguir perder a vergoña ou medo a relacionarse cos demais. Axudar as persoas que teñen maior dificultade para relacionarse, darlles confianza para que se poidan abrir porque habitualmente provén de problemas do pasado, problemas que os marcaron».

7. Logo do primeiro mes e tras a avaliación inicial ordinaria, o titor ten a posibilidade de obter información específica por medio dunha consulta escrita ao profesorado na que se «solicita a colaboración para detectar o antes posible calquera aspecto que puidese ser necesario abordar, especialmente os relacionados coa actitude e comportamento tanto individual coma colectivo». A continuación, invítase a «cubrir a presente avaliación xa sexa seguindo as epígrafes indicadas ou da maneira que se considere máis oportuno, incluso engadindo outros aspectos». Remata agradecendo que «esta información resulta imprescindible para o traballo desenvolvido na titoría co obxectivo de mellorar a actitude e o rendemento do grupo». Catro son os apartados: aspectos positivos do grupo, aspectos negativos do grupo, propostas de mellora e, finalmente, casos particulares que prexudican o grupo. Evidentemente, a estas alturas o grupo-aula xa vai adquirindo trazas determinadas que comezan a darlle personalidade colectiva pola suma das identidades individuais.

8. A película El club de los cinco, sobre as relacións sociais adolescentes no grupo, serve para rematar o trimestre. A esas alturas xa xurdirían circunstancias que asentan ou desequilibran as fidelidades entre iguais no día a día da convivencia nas aulas e tamén fóra. Verse reflectidos na gran pantalla coas súas ansias e temores en cinco personaxes maxistralmente interpretados neste filme, recoñecido invariablemente como unha referencia do cine sobre a adolescencia, dá pé a un debate apaixonado sobre cada un dos protagonistas e o seu significado avaliando os seus principios, valores e actitudes a respecto de todo o que os rodea. Cinco «estrelas» danzando rotación e translación no firmamento do cosmos/caos da existencia.

 

Conclusión

O primeiro trimestre de titoría resulta esencial para cimentar o resto do curso escolar. A batería de materiais presentados demostraron, ao longo dos cursos, ás veces en combinación con outros complementarios, que o investimento é acertado, pois dá réditos na educación holística do alumnado e é propedéutica na medida en que capacita para o seu futuro. Ademais, é satisfactoria porque dispón os coñecementos para que o individuo e o grupo integren principios, valores e actitudes que o encamiñan pola senda correcta, aquela que emparella o benestar emocional coa boa acción nos distintos ámbitos do día a día. A experiencia educativa, publicada en Eduga 83, sen ser propia da titoría, demostra a importancia do período inicial do curso. Ás portas da idade adulta, o sistema público de educación dispensa o mellor servizo para que o inminente cidadán coñeza o mundo e os seus resortes con soberanía plena para participar nel, avanzando cara ao porvir.

A mellor ensinanza é o exemplo. Todos lembramos docentes cunha ilusión perdurable na nosa vida que seguen rexendo no código profesional. Quero dedicar este traballo a Gloria Conde e Carmen Lema (EXB e BUP, respectivamente) educadoras e mestras con alta sensibilidade humana. Orientadoras da singradura. Estrelas luminosas.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Aron. E. (2007). El don de la sensibilidad. Obelisco.

Davis. F. (2003). La comunicación no verbal. Alianza.

Day. C. (2006). Pasión por enseñar. Narcea.

Francisco, G. X. (2019). Implicación familiar na educación. EDUGA, 78.

Francisco, G. X. (2020). Avaliación da docencia. Máis de mil razóns. EDUGA, 80.

Francisco, G. X. (2022). Xestión do benestar emocional do alumnado de procedencia magrebí no contexto do grupo-aula de Ciencias Sociais no primeiro ciclo da ESO. EDUGA, 83.

Hughes. J. (1985). El club de los cinco. Universal Pictures.

Silveira, M. (2003). El arte de las relaciones personales. Salvat

 

 

Sección: