Aprendendo nun parque MIO (Make It Open)

Patricia Hermida Galán, corpo de catedráticos de secundaria, especialidade de Tecnoloxía
IES de Ortigueira (A Coruña)
paty@edu.xunta.gal

 

 

 

 

 

1. Contextualización

Make It Open representa o reto educativo que está afrontando actualmente o Departamento de Tecnoloxía do IES de Ortigueira e, máis concretamente, nos dous grupos de primeiro da ESO.

Desde hai aproximadamente 10 cursos, estamos implicados en todas aquelas actividades de aula que poidan ofrecer innovación e novas tecnoloxías levadas á aula porque cremos nun sistema educativo que tamén sexa máis transversal e que lle achegue ao alumnado valores e actitudes ademais de contidos.

Traballando en colaboración cos Museos Científicos Coruñeses, estamos a introducir este proxecto lanzado polos Museos Científicos Europeos e co que se entrou en contacto a finais do curso pasado.

MIO segue a filosofía do Open Schooling (educación aberta), que propón un enfoque eficaz para a educación científica, fomenta a colaboración con outras escolas na propia comunidade, a través de proxectos da vida real que contribúen ao desenvolvemento da comunidade e a promover unha cidadanía global activa.

Make It Open levounos ao mundo dos escenarios de aprendizaxe. A filosofía dos escenarios de aprendizaxe intenta transformar a aula tradicional nun lugar de ensino alternativo que se pode atopar nun parque, nun museo ou en calquera outra instalación do centro educativo ou mesmo do concello. Con este xeito de traballar, búscase que o alumnado interiorice o proceso de ensino-aprendizaxe dun xeito práctico, permítese que adquiran capacidades, habilidades, destrezas e actitudes en lugar de centrarse exclusivamente nos contidos; eu particularmente penso que isto está na liña de permitir preparalos para ser uns cidadáns do futuro.

En Make It Open, ao final de cada escenario, tes que deseñar un xeito de compartir o produto coa comunidade educativa, e aí é onde o alumnado interioriza realmente o traballo, esa parte apodérao e motívao cuns resultados moi significativos.

Entre outros produtos finais, deseñaron en grupos de tres o seu propio parque infantil, crearon obras de arte que materializamos coa cortadora láser dos polos creativos, estamos a facer unha maqueta da vila con e-téxtiles, programaron con Arduíno unha papeleira para o lixo da aula, que tamén deseñarán eles, entre outras actividades.

En xaneiro fixemos unha inauguración por todo o alto da súa exposición de maquetas de parques, visitárona case 300 persoas entre compañeiros de secundaria, primaria, profesores e familias. Eu vivina xunto cos tres expertos da Domus cos que colaboramos e para nós foi tan satisfactorio coma gratificante, sobre todo pola interacción coas familias. Cabe destacar a implicación dos rapaces contando as dificultades atopadas e como foi o seu traballo en equipo.

En Make It Open a multidisciplinariedade está a ter moita importancia e está a enriquecer moito o proxecto, a colaboración con outros departamentos do centro como son FP Madeira e Moble, Inglés ou Ciencias Sociais.

Este curso, a miña programación Proens de primeiro da ESO deseñeina dividida en seis escenarios de aprendizaxe e os meus alumnos acadarán as mesmas competencias, obxectivos e contidos esixidos pola lei ca o resto de alumnos da comunidade galega, pero seguindo unha ruta que penso que para eles está a ser e vai ser moito máis enriquecedora.

Neste artigo ímonos centrar no primeiro escenario que traballamos que foi Learning in a MIO playground (Aprendendo nun parque MIO) e que rematou a finais da primeira avaliación.

 

2. Obxectivos

  • Revisar os límites da aprendizaxe e dotar os futuros cidadáns de habilidades, destrezas, e espírito crítico.
  • Introducir na aula a filosofía do movemento maker para inculcar un enfoque transformador para o ensino-aprendizaxe STEAM.
  • Adoptar o concepto Open Schooling que intenta converter as institucións educativas en axentes do benestar da comunidade.
  • Fomentar a ciencia cidadá.
  • Acadar o estudo dos contidos, dun xeito diferente, práctico e de descubrimento, e non exclusivamente memorístico.

 

3. Descrición

En Aprendendo nun parque MIO traballamos arredor do parque infantil de Ortigueira. Tras un par de sesións de introdución ao proxecto, contextualización na aula co alumnado e elaboración de fichas para obter información in situ, por fin chegou o momento de visitar o parque para coñecelo polo miúdo.

Levamos a cabo tres sesións no parque, nas que experimentamos, entre outras cousas:

- Aspectos da física, como a gravidade ou o rozamento

- Contidos de tecnoloxía, como os esforzos e as estruturas, os materiais, o deseño e a representación gráfica

- Reunímonos no parque cunha experta (aparelladora) que nos informou sobre os materiais de construción ou da seguridade que hai que ter en conta no seu deseño

 

 

Logo chegou o momento de visitar un taller de madeira e aprender sobre este material: as súas características e propiedades, as máquinas e ferramentas para traballala ou as normas de seguridade que hai que adoptar nun taller.

 

 

Xa estabamos listos para, en grupos de tres alumnos, deseñar o noso parque ideal e posteriormente pasar a construír a súa maqueta. Finalmente fixéronse dez maquetas con resultados moi interesantes, atractivos e diversos. O único requirimento pola miña parte foi que cada equipo investigase sobre unha muller que para eles fose relevante e lle dedicasen un recuncho no seu parque a maneira de homenaxe en forma de cartel, xogo ou estatua. Deste xeito, a igualdade e a visibilización de mulleres importantes da contorna ficaban reflectidas no proxecto. Así, algunhas das mulleres honradas foron nais, avoas, empresarias locais, educadoras ou artistas locais.

 

 

E chegou o gran momento de compartir os resultados e facelos públicos. Para iso organizamos unha exposición das maquetas, que eles mesmos explicarían, na biblioteca do centro. Queriamos presentarlle o proxecto á comunidade e, polo tanto, implicar unha parte importante dela, e invitamos as familias, compañeiros e profesores do centro, e alumnado e profesorado de quinto e sexto de primaria do colexio de referencia (CEIP José M.ª Lage). Tamén convidamos a prensa e os expertos dos Museos Científicos Coruñeses grazas aos cales chegamos ata aquí. Este acto para nós foi moi emotivo —sobre todo a parte de presentación ás familias— ao ver o orgullo dos pais ante as explicacións dos seus fillos e a implicación dos rapaces contando polo miúdo as súas experiencias.

 

4. Recursos

Podemos clasificalos en:

- Recursos humanos: serían os expertos convidados ás nosas sesións, ademais do profesorado do centro das materias de Tecnoloxía e Física e Química. Familiares e veciños que axudaron os rapaces a obter información e testemuños sobre as mulleres ás que lles dedicaron o seu espazo para a igualdade. Persoal da biblioteca do centro que nos axudou o día da exposición final.

- Recursos tanxibles:

  • Material educativo, lectivo e didáctico elaborado pola profesora coordinadora da actividade (fichas de investigación, lapbook etc.)
  • Material empregado para as investigacións no parque: cronómetros, báscula, cintas métricas, diferentes materiais téxtiles...
  • Material empregado para a elaboración da maqueta: madeira, cartón, papeis de diferentes tamaños normalizados, cartolinas, pinturas, rotuladores, diferentes tipos de pegamentos, pistolas termofusibles, serras, tesoiras, regras…

- Recursos descargables: material compartido con Open Schooling a través do concurso de Make It Open nesta edición 2023.

 

5. Metodoloxía empregada

A metodoloxía que segue Make It Open é o método Open Schooling. Este trata de abrir os centros educativos á comunidade e contar coa colaboración de expertos, familias, axentes da comunidade, outros centros educativos e entidades, para abordar retos conxuntos que axuden á colectividade á vez que o alumnado toma conciencia de problemas actuais, procura buscarlles solucións e se converten en cidadáns activos.

Outro aspecto moi interesante desta metodoloxía é o feito de que a aula tradicional se traslada a distintos escenarios, ademais de que o alumnado pode aprender doutras persoas que non son o seu profesorado (expertos, outros profesores especialistas etc.).

Sempre que nas actividades docentes se implican axentes externos ao centro ou se saca o alumnado fóra dos límites da escola, estamos a facer Open Schooling.

Open Schooling pódese adaptar para impartir aspectos concretos do currículo dun xeito diferente e innovador, para mellorar a implicación do alumnado ou para iniciar e intensificar as relacións dos centros educativos coa súa comunidade, sempre cunha mentalidade e unha cultura orientadas ao mundo exterior e á colaboración.

Os nosos alumnos adquirirán habilidades e competencias necesarias para a transformación dixital e os retos que se lles poñen por diante no século XXI. Proporciónalle ao profesorado métodos novos, entretidos e innovadores para mellorar o proceso de ensino-aprendizaxe, e as escolas poden desempeñar un papel vital para a comunidade local.

Neste escenario de aprendizaxe en concreto, cabe citar que:

- Os expertos que convidamos a participar foron Alberto Gallego como profesor de FP Madeira e Moble, que impartiu unha sesión nun taller de madeira, e a aparelladora Rebeca Blanco Lorenzo, que impartiu no parque infantil dos xardíns de Ortigueira unha sesión sobre os aspectos relevantes para deseñar un parque.

- Os lugares aos que trasladamos a aula foron un parque de xogos infantís e un taller de madeira.

 

6. Valoración e conclusións

A coavaliación e autoavaliación estivo presente a través de rúbricas que foron analizadas e comentadas antes e despois da exposición das maquetas. Parecía importante que eles fixesen a súa propia avaliación antes de contarlle o proxecto á comunidade. E unha vez vivida a experiencia de compartir todo o seu traballo, fixemos unha avaliación final de aula como conclusión do proxecto.

Con este tipo de avaliación foron conscientes por si mesmos dos erros e das posibilidades de mellora dos seus proxectos.

O seu sentir global foi que traballaron moi involucrados en equipo, que se sentiron moi apoderados e demandan continuar traballando na metodoloxía dos escenarios de aprendizaxe pola súa practicidade e porque se senten partícipes dun proxecto común.

Segundo puido concluír o propio alumnado, os resultados foron moi diferentes e singulares porque eles tamén o son, aprenderon cousas novas de ámbitos moi diferentes e tamén a coordinarse traballando en grupo, ademais de moitos aspectos particulares sobre os materiais, a seguridade, o deseño, a oratoria etc.

Pola miña parte, ademais de estar totalmente de acordo coas súas valoracións e conclusións, quero resaltar a importancia que adquiren nesta forma de traballar a multidisciplinariedade porque nos axudou a enriquecer moito o proxecto, e o favorecemento no alumnado de aspectos tan importantes no proceso educativo como son o pensamento crítico, a toma de decisións e a iniciativa individual e colectiva.

Tamén foron avaliados, ademais da propia maqueta (que tiveron que acompañar dos planos e a memoria técnica), o lapbook da madeira e unha proba escrita de estruturas e esforzos.

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

Papert, S. (1993). The Childrens's Machine. Rethinking School in the Age of the Computer. New York: Basic Books.

Papert, S. (1980). Mindstorms. Children, Computers and Powerful Ideas. New York: Basic Books.

Martínez, S. L. e G. Stager (20192). Invent to Learn. Making, Tinkering, and Engineering in the Classroom. New York: Constructing Modern Knowledge Press.

Hatch, M. (2014). The Maker Movement Manifesto. Rules for Innovation in the New World of Crafters, Hackers, and Tinkerers. New York: McGraw-Hills.

Scaradozzi, D. et alii (2020). Makers at School, Educational Robotics and Innovative Learning Environments. New York: Springer Publishing.

Open Schooling Together: https://www.ecsite.eu/activities-and-services/news-and-publications/open-schooling-together (última consulta 14-05-2023).

Mentxaka, I. (2018). «Lo que es el Open Schooling, de la teoría a la práctica», en Open Schools for Open Societies: https://osos.deusto.es/blog/osos-roadmap-open-schooling/ (última consulta: 14-05-2023).

Navegador de Open Schooling: https://openschoolingnavigator.eu/es/ (última consulta: 14-05-2023).

 

 

Sección: