A biblioteca nun centro de Educación Permanente de Adultos (EPA)

O presente artigo nace da experiencia na biblioteca do Centro de Educación Permanente de Adultos (EPA) do Berbés, de Vigo, que no curso pasado foi incluída no Plan de mellora de bibliotecas escolares, iniciando así un plan de traballo condicionado polas características específicas da comunidade á que serve.

Dorinda Castro Soliño
EPAPU Berbés. (Vigo-Pontevedra)
dorindacastro@edu.xunta.gal

 

 

 

Non cabe dúbida da transformación que desde hai uns anos se está a levar a cabo nas bibliotecas escolares, tanto desde a intervención sobre os espazo coma sobre o papel que deben realizar como elemento vertebrador das dinámicas escolares.

Así, a maioría dos centros renovou fondos, mobiliario, equipos tecnolóxicos... e fixo das bibliotecas lugares de lectura, investigación, pensamento e creatividade transformándoas nun «organismo vivo» no que se implicase toda a comunidade educativa.

Hoxe en día contamos con abundante bibliografía, sobre todo en redes, onde poder consultar as experiencias levadas a cabo por alumnado de infantil, primaria, secundaria e bacharelato.

Non obstante, esquecémonos moitas veces de que existen centros doutra tipoloxía que, polas súas características, non poden levar a cabo traballos e iniciativas da mesma maneira ca os centros ordinarios e que os resultados ou as experiencias non poden valorarse cos mesmos baremos.

O presente artigo nace da experiencia na biblioteca EPA do Berbés de Vigo que o curso pasado foi incluída no Plan de mellora de bibliotecas escolares. Iniciamos así un plan de traballo condicionado polas características do centro que a seguir detallamos: na EPA estudan preto de 1300 persoas maiores de 18 anos que deciden iniciar ou continuar os estudos xa na súa vida adulta por diferentes motivos: darse unha segunda oportunidade despois de fracasar no réxime ordinario, necesidade de obter un título para acadar melloras no posto de traballo, inmigrantes con diferentes graos de integración que precisan estudos, persoas con diversas patoloxías psicosociais, deportistas de alto rendemento ou desexos de estudar logo de moitos anos de abandonalo. A maioría son persoas con cargas familiares, horarios de traballo e que percorren quilómetros para chegaren ao centro.

Así, unha aula pode ser un lugar no que conviven persoas de moi diversas idades, culturas, crenzas, formación, motivación e experiencias vitais, o que constitúe un reto á hora de impartir clases, pois o punto de partida e o camiño para lograr os obxectivos require un extra en canto á valoración inicial de competencias, ao período de adaptación e a lograr que a motivación, atención e interese chegue a todos por igual. É neste sentido que consideramos fundamental o papel que a biblioteca pode desempeñar. Se nalgún lugar teñen importancia os principios das bibliotecas escolares, aquí téñeno máis ca en ningures.

 

 

E isto é así porque debemos ter en conta que se trata de alumnado xa formado, que non se educa «para o futuro» (que tamén) e que moitas veces o labor por realizar é que cambien a perspectiva con respecto ao saber e aos saberes. En moitos casos, son persoas feridas por un sistema educativo que non os acolleu e que parten da desconfianza, da falta de estima e da crenza de que o estudo non serve para nada e con escaso hábito e pouca motivación para participar en actividades culturais. Trátase, entón, de crear a curiosidade, de incentivar para aprender que o saber ten utilidade, pero tamén ten valor por si mesmo, de fornecer de ferramentas para a competencia dixital, de aprender a aprender, de valorar a cultura, de ter sentido crítico, de socializarse, superar desigualdades e de integrar o alumnado inmigrante na lingua e cultura do lugar ao que chegaron.

Mais, en todo caso, isto esixe a complicidade e un grande esforzo por parte de toda a comunidade educativa dadas as características do centro respecto da organización e horarios:

Na EPA impártense ensinanzas de educación básica inicial, educación secundaria de adultos e bacharelato en dúas modalidades de formación —presencial e semipresencial— e en tres quendas diarias —mañá, tarde e noite—. A ESA impártese por ámbitos cuadrimestrais e en dous cursos remata, co cal a permanencia do alumnado nun mesmo curso é máis reducida, o que dificulta a organización de actividades e proxectos. Non hai recreo nin tempo libre, o alumnado pode cursar por ámbitos e materias soltas, o absentismo ou abandono tamén pode ser considerable e os seus horarios de traballo imposibilitan que poidan acudir a actividades que se realicen no centro.

Temos que ter en conta, entón, que o papel de coordinación é, ás veces, difícil e que, a maiores, non contamos con moitos centros de referencia ou modelo, non hai abundante bibliografía e a lexislación en moitas ocasións non se axusta á realidade.

Partindo destas premisas, no noso centro creamos un equipo que se propuxo como obxectivo visibilizar, dinamizar e dignificar o papel da biblioteca e o labor do alumnado nela traballando de maneira interdisciplinaria co resto de equipos e con diversos departamentos.

Con ese fin, logo dun laborioso expurgo, renovamos fondos para facelos máis actuais e atractivos, tendo en conta que se trata dunha biblioteca de adultos no que calquera nivel de lectura é posible, adquirimos textos de divulgación, inscribímonos a revistas e xornais, e mercamos audiolibros, material audiovisual e exemplares procedentes de diversas linguas e culturas que reflictan o multiculturalismo que existe na EPA.

 

 

Respecto do espazo, tratamos de crear un lugar amable no que o alumnado se sentise a gusto e entrase a follear as novidades e non só a solicitar os libros de lectura obrigada, colocáronse andeis, exposicións, bookflix, recomendacións lectoras, renovouse o mobiliario tendo en conta que fose versátil, mercáronse portátiles e canón para facilitar a procura de información e o traballo de aulas e creáronse recunchos de lecer para a lectura amena e compartida.

 

 

Para facilitar a busca de obras, sinaláronse con puntos de cores os xéneros e creouse cartelería sinalizadora, substituíuse tamén o vello ordenador, o que facilitou o arduo traballo de catalogación que comezaramos o curso anterior e simplificamos o procedemento de solicitude de libros.

Hoxe contamos cun espazo amable, acolledor e luminoso ao que o alumnado se achega por curiosidade. 

En canto á organización de actividades, tratamos de adaptar moitas das xa «clásicas» a un alumnado adulto: mochila viaxeira con exemplares para ler con fillos e fillas, exposicións orais entre aulas, contacontos para o alumnado de infantil e primaria que comparte edificio coa EPA, traballos de investigación sobre toponimia, visitas a museos, alumnado voluntario no equipo, celebración dos días sinalados no calendario escolar, creación dun club de lectura ao que convidamos a participar a diferentes escritores e deseñadores, creación dun grupo de teatro que ensaia todos os xoves e ao que acoden tamén persoas de fóra do centro, un cinefórum e actividades lúdicas e de investigación como scape room ou sobre temática variada exposta en cartelería no centro. Todo isto creou ilusión, complicidade e unha nova maneira de abordar un traballo de investigación, un libro ou un filme.

 

 

Non cabe dúbida de que son pequenas achegas e que queda moito camiño de reflexión, avaliación e planificación no labor de coordinación para lograr unha biblioteca na que se establezan dinámicas de traballo conxunto, que facilite experiencias e forneza de ferramentas de aprendizaxe, que sexa mediadora de lectura e un axente transformador da vida do centro e das persoas que a el se acheguen. Consideramos prioritarias as accións encamiñadas a desenvolver a biblioteca como lugar de aprendizaxe, como recurso educativo e non só como servizo. Para acadalo, precisamos cambiar o punto de vista e considerar a biblioteca como lugar catalizador de demandas educativas onde o alumnado poida utilizar o material para a práctica de habilidades intelectuais e de lectura con diferentes finalidades.

Por iso, na EPA vaise consolidando un traballo que consideramos esencial para a aprendizaxe das persoas na súa vida adulta, unha aprendizaxe na que cremos esencial a presencialidade, a convivencia, o papel incentivador do profesorado e o compartir espazo para intercambiar experiencias e emocións, unha concepción da aprendizaxe quizais a piques de mudar dado o cambio neste tipo de ensinanzas que están a deseñar as autoridades educativas.

 

 

Sección: