ChatGPT. Unha proposta didáctica con perspectiva crítica

As distintas aplicacións baseadas en técnicas de intelixencia artificial (IA) son xa unha realidade. Como educadoras, non podemos ignorar a súa existencia e debemos formar o alumnado criticamente no seu uso. Preséntase aquí unha proposta de aplicar a ferramenta ChatGPT como fonte informativa para ser contrastada con outras consideradas como «tradicionais» a unha actividade da materia Música de terceiro da ESO.

Eliseu Mera Quintas
Catedrático de ensino secundario (Música)
IES Plurilingüe de Valga (Pontevedra)
eliseu@edu.xunta.gal

 

1. Contextualización

ChatGPT (Generative Pre-trained Transformer) é un modelo de linguaxe desenvolvida pola empresa OpenAI, baseada na arquitectura GPT 3.5. Foi deseñado para procesar e para xerar texto en diferentes linguas, e a súa fonte principal de información son datos textuais en diferentes linguas, incluídos libros, artigos, documentos e páxinas web. É capaz de procesar e de analizar textos identificando padróns e relacións entre palabras e frases, co fin de xerar respostas para calquera pregunta formulada. A súa base de datos non está actualizada desde setembro de 2021, a diferenza da versión de pagamento ChatGPT 4.

Este programa non está exento de controversias. Recentemente, máis de mil especialistas no terreo das novas tecnoloxías, entre eles o propietario do Twitter, Elon Musk, ou un dos fundadores da Apple, Steve Wozniak, asinaron unha carta pedindo unha pausa no desenvolvemento desta ferramenta para ter claro o que facer con ela (Metz e Schmidt, 29 de marzo de 2023). Porén, outros líderes deste campo, como Bill Gates, reaccionaron contra esta petición alegando que esta pausa sería inútil (Huddleston, 6 de abril de 2023). Nesta polémica, hai quen opina que o argumento de fondo está na non presenza de Musk ou Wozniak na nova fase de desenvolvemento de ChatGPT 4 (Hern, 12 de abril de 2023) na cal si participa  Microsoft (Bubeck et al., 12 de abril de 2023).

Esta polémica non se limita aos EUA, senón que o goberno italiano bloqueou recentemente o uso de ChatGPT no seu territorio alegando falta de respecto ás leis de privacidade (Foschini, G. e Tonacci, 1 de abril de 2023) e a propia Axencia Española de Protección de Datos abriu unha investigación nunha liña similar (Limón, 13 de abril de 2003).

Consideramos que, a pesar destes necesarios debates na procura dun equilibrio entre o desenvolvemento tecnolóxico e o respecto pola privacidade, resulta difícil imaxinar un panorama onde non se desenvolva a intelixencia artificial (IA) en todos os eidos, de aí que vexamos necesario mostrarlle ao alumnado as ferramentas que existen e facer un uso crítico dela no marco destas reflexións que se están a realizar na actualidade.

 

2. Obxectivos

Aínda que esta proposta estea centrada nunha actividade para a materia de Música de terceiro da ESO, ten unha vocación de transversalidade e de adaptabilidade para outras disciplinas.

Estes serían os principais obxectivos:

- Estar ao día con respecto ás innovacións tecnolóxicas.

- Utilizar novas fontes de coñecemento cunha perspectiva crítica.

- Afondar no coñecemento das grandes figuras da historia da música.

- Traballar a lectura e a escoita comprensiva dos textos.

- Adquirir destrezas coas tecnoloxías da comunicación.

 

3. Recursos empregados

Esta é unha actividade definida para ser realizada fundamentalmente no centro educativo. O laboratorio dos polos creativos sería o marco ideal para o seu desenvolvemento; porén, pódese desenvolver perfectamente na sala de música cun equipamento básico. Velaquí unha lista dos recursos básicos necesarios:

- Cinco computadores para utilizar a aplicación ChatGPT e para consultar recursos na Rede.

- Materiais bibliográficos.

- Un equipo de gravación de audio (computador, micrófonos, mesa de mesturas...).

- A web do centro para subir o resultado.

Respecto dos materiais bibliográficos, estes poden seren consultados na biblioteca do centro ou seren subidos á aula virtual do curso no que se vai desenvolver a actividade.

 

4. Descrición da actividade

Como xa indicamos, trátase dunha proposta para a materia de Música de terceiro da ESO que ten como elemento motivante tratarse dunha ferramenta que se está a popularizar neste momento e que está a espertar interese e tamén preocupación, como comentamos na contextualización.

Escollemos realizar este nivel por dous motivos fundamentais:

- Está xa familiarizado coas TIC após cursar Música no ano anterior dentro do programa Edixgal e participar nun proxecto común entre os departamentos de Música e Tecnoloxía.

- Ten un currículo que pode ser desenvolvido con actividades onde se traballen aspectos da vida e da obra de personalidades relevantes de diferentes períodos históricos.

4.1. Pasos que hai que seguir

a) Distribución do traballo

Divídese un grupo de terceiro da ESO tipo (con 25 alumnos/as) en cinco subgrupos de cinco alumnos. A cada un destes asígnaselle unha figura relevante da historia da música. Facilítanselles fontes de información en papel e dixitais para teren un certo coñecemento previo da vida e da obra do personaxe que se vai estudar dividindo os diversos aspectos entre os cinco compoñentes do subgrupo.

b) Realización da entrevista

Unha vez adquiridos uns coñecementos fundamentais con respecto ao personaxe que se vai estudar, simúlase unha entrevista con este no ChatGPT utilizando unha conta habilitada polo profesor e supervisada por este co fin de protexer a privacidade do alumnado.

As respostas obtidas contrástanse na propia conversa coa información adquirida previamente e téstase con esta a capacidade de reacción do ChatGPT.

c) Elaboración do guión

Finalmente, o subgrupo escribe a versión definitiva da conversa e prepara a gravación do seguinte xeito:

- 1 representador/a do personaxe

- 2 entrevistadores/as

- 1 seleccionador/a de audios

- 1 técnico/a de son

d) Gravación do podcast

Coa supervisión do profesor ou profesora realízase a gravación dun podcast duns 20 minutos de duración, no que se inclúen fragmentos musicais relacionados coa personaxe estudada.

e) Difusión do podcast

O podcast subirase a un espazo habilitado na páxina web do centro. Sería interesante procurar tamén outros medios para a súa difusión. Por exemplo, no IES Plurilingüe de Valga entregámoslle a Radio Valga os podcasts realizados polas diversas materias para seren transmitidos dentro da súa programación.

En xeral, as emisoras locais de radio acostuman ser moi receptivas con este tipo de iniciativas, pois axudan a encher ocos e a conseguir a atención da familia e das amizades do alumnado implicado no traballo.

4.2. Un exemplo de tratamento da información: Ludwig van Beethoven

Para esta mostra, escollemos un dos máis célebres compositores da historia, como é Ludwig van Beethoven, pois, a priori, a aplicación debería dispor de moita información sobre el e sería máis pequena a marxe para os erros e as imprecisións ca con outros compositores menos estudados.

Como exemplo de deficiencias —e tamén de informacións correctas— mostramos varias imaxes que recollen literalmente as respostas a unhas preguntas que lle realizamos ao ChatGPT pedíndolle simular unha conversa con Beethoven con respecto a distintos aspectos da súa vida.

a) A infancia

 

 

Nestas respostas, o compositor mostra unha visión moi benévola respecto da súa infancia e da figura do seu pai, pois está ben rexistrado que este, Johann van Beethoven, tamén músico, agrediu o seu fillo constantemente e forzouno a estudar música sen piedade, mesmo deixándoo pechado no faiado, pois tiña a obsesión de convertelo nun novo pequeno Mozart (Scott, 1985, pp. 28-31).

 

b) A súa relación con Haydn

 

 

Aquí xa non podemos falar simplemente de benevolencia, senón de información errónea, pois Beethoven declarou literalmente que non aprendera nada de Haydn como profesor, aínda que o valorase como compositor (Scott, 1985, p. 50) (Kerman, et al., 2001).

c) O seu carácter

 

Non colamos esta imaxe para analizar o contido en si, pois os datos ofrecidos son correctos segundo o noso coñecemento, senón para falarmos do carácter de Beethoven. Nas respostas dadas nesta imaxe e nas anteriores móstrase unha persoa amable e moi correcta en todo o momento. Non obstante, esta non parece ser a actitude habitual do músico, moito máis duro e irascible polo que podemos coñecer (Scott, 1985, pp. 91-104), quen procuraba a excentricidade na conversa en todo o momento (Grout e Palisca, 2001, pp. 554-556).

É certo que o ChatGPT dispón da posibilidade de lle pedir que responda cun  carácter concreto ou con outro, mais non o implementa directamente ligado aos coñecementos que este teña sobre a personalidade da persoa entrevistada. Con todo, seguramente nun período non moi longo de tempo esta ferramenta acabe por recoller aspectos coma este ou mesmo pasar do texto ás imaxes animadas e con voz. Entre tanto, esta é outra variable que debe ser introducida «manualmente» polo grupo que realice o traballo procurando unha correspondencia entre o que poidamos saber respecto do carácter da persoa estudada e a súa maneira de responder.

Outra limitación que se está a descubrir dos programas de IA é a súa degradación co uso, que chega a afectar a un 91 % dos modelos (Vela et alii, 2022), de aí que a revisión dos textos obtidos deba ser o máis exhaustiva posible.

 

5. Metodoloxía

A función dun docente non debe ir alén de ser un guía para lle dar ferramentas ao alumnado para poder detectar erros e axudalo no uso dos diversos aparellos tecnolóxicos utilizados.

Podemos resumir a metodoloxía nos seguintes puntos:

- Distribución de materiais dixitais e en papel con respecto á figura dun compositor.

- Simulación dunha conversa co autor escollido mediante a ferramenta ChatGPT.

- Elaboración dun podcast dramatizado que inclúa música do autor ou autora.

- Difusión do podcast baseado na figura do compostor seleccionado.

Non obstante, coa intención de valorar o interese do alumnado e non dispormos do tempo suficiente, só desenvolvemos o punto b) de maneira colectiva nos dous grupos de terceiro da ESO. Agradezo a colaboración do xefe do Departamento de Música, Manuel Villar Touceda, pois era el quen tiña docencia con este grupo e prestouse a integrar a actividade. Para o próximo curso esta actividade será introducida na programación didáctica para ser desenvolvida integramente.

Durante unha sesión lectiva preguntámoslle ao alumnado polo seu coñecemento do que é a IA e de ferramentas baseadas nesta. Detectamos que a información da que dispuñan era aínda escasa, a pesar de coñeceren o termo, e que tres e catro alumnos de terceiro da ESO A e B, respectivamente, ouviran falar do ChatGPT mais sen telo experimentado.

A seguir, realizámoslle a modo de proba varias consultas a esta ferramenta de carácter xeral antes de entrarmos no personaxe de Beethoven, onde contrastamos as respostas dadas cos datos extraídos de estudos máis rigorosos.

 

6. Avaliación

Ao remate desta sesión, pasámoslle ao alumnado dos dous grupos o seguinte cuestionario de valoración:

 

 

A media das respostas dadas entre terceiro da ESO A e B foi a seguinte (1-5):

- Interese polas ferramentas de intelixencia artificial: 4,4.

- Interese pola proposta traballada (entrevista): 4,1.

- Interese pola realización do podcast: 3,9.

- Interese pola difusión do podcast: 3,7.

- Valoración final da actividade: 4,2.

Adaptamos para esta actividade concreta unha rúbrica do banco do Centro Nacional de Desenvolvemento Curricular en sistemas non propietarios (CEDEC), que se cita na bibliografía, para unha valoración global despois de realizar a actividade de maneira íntegra.

 

 

Tocante á valoración da actividade en si por parte do profesorado, non consideramos necesario a elaboración dun documento ad hoc, xa que é  adaptable calquera ficha que utilice habitualmente o docente que recolla a valoración da actividade en función dos obxectivos previstos e dos resultados obtidos.

 

7. Conclusións

- ChatGPT é unha poderosa ferramenta que se encontra nos albores do desenvolvemento da IA. Para alén de estarmos ou non contentos con respecto a esta nova realidade, o certo é que é lóxico pensar que vai ser unha nova era de moitas cousas e o ensino non pode vivir como se non existise.

- A nosa función como docentes está en traballar a IA co alumnado de maneira crítica, mostrando tanto o seu potencial coma os seus riscos e as súas limitacións.

- Un dos grandes problemas da mala información actual está na non verificación das fontes, divulgando noticias falsas polo simple feito de estaren publicadas nalgún lugar. Dentro da nosa estratexia para combater esta ameaza para as sociedades democráticas está facer un uso crítico con calquera fonte de coñecemento co fin de lle dar ao alumnado ferramentas para combater este problema.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Bubeck, S. et al. (12 de abril de 2023). Sparks of Articial General Intelligence: Early experiments with GPT-4. Microsoft Research. Recuperado de https://arxiv.org/abs/2303.12712.

ChatGPT (2023). Recuperado de https://chat.openai.com/.

Foschini, G. e Tonacci, F. (1 de abril de 2023). L’Italia ferma ChatGpt e OpenAI sospende il servizio nel nostro Paese. L'allerta dell'intelligence: può manipolare l'opinione pubblica. La Reppublica. Recuperado de https://www.repubblica.it/cronaca/2023/04/01/news/chatgpt_dati_privacy_s....

Grout, D. J. e Palisca, C. V. (2001). História da Música Ocidental. Lisboa: Gradiva.

Hern, A. (12 de abril de 2023). Is artificial intelligence getting out of control? The Guardian. [Audio podcast]. Recuperado de https://www.theguardian.com/news/audio/2023/apr/12/is-artificial-intelli....

Huddleston Jr., T. (6 de abril de 2023). Elon Musk wants to pause «dangerous» A.I. development. Bill Gates disagrees—and he’s not the only one. CNBC. Recuperado de https://www.cnbc.com/2023/04/06/bill-gates-ai-developers-push-back-again....

Kerman, J., Burnham, S. G., Johnson, D., Drabkin, W. Beethoven, Ludvig van. Grove Music Online. doi: 10.1093/gmo/9781561592630.

Limón, R. (13 de abril de 2003). La Agencia Española de Protección de Datos investiga a ChatGPT por «posible incumplimiento de la normativa». El País. Recuperado de: https://elpais.com/tecnologia/2023-04-13/la-agencia-espanola-de-protecci....

Metz, C. e Schmidt, G. (29 de marzo de 2023). Elon Musk and Others Call for Pause on A.I., Citing «Profound Risks to Society». The New York Times. Recuperado de https://www.nytimes.com/2023/03/29/technology/ai-artificial-intelligence...

Rúbrica para valorar una exposición audiovisual (2023). Centro Nacional de Desenvolvemento Curricular en Sistemas no Propietarios. Recuperado de https://cedec.intef.es/rubrica/rubrica-para-valorar-una-exposicion-audio....

Scott, M. M. (1985). Beethoven. Barcelona: Salvat Editores.

Vela, D., Sharp, A., Zhang, R., Nguyen, T., Hoang A. e Pianykh, O. S. (2022). Temporal quality degradation in AI models. Nature. doi: 10.1038/s41598-022-15245-z. Recuperado de https://www.nature.com/articles/s41598-022-15245-z.

 

 

Sección: