La gestión cultural en la era digital

 

Título: La gestión cultural en la era digital

Autor/a: Gonzalo F. Fernández-Suárez e Mª. Dolores Fernández-Tilve (coords.)

Editorial: McGraw-Hill

Ano: 2022

Páxinas: 336

Contido:


A revolución tecnolóxica afecta a todos os ámbitos da vida humana, transformando de maneira radical os procesos de creación, produción, distribución e consumo cultural nun contexto globalizado. Faise extremadamente difícil concibir unha idea de xestión cultural á marxe das contornas dixitais. O papel da cultura no desenvolvemento económico e social é incuestionable, pois afecta a cuestións tan diversas como o benestar, a cohesión social, a calidade da educación, a inclusión, a formación dunha cidadanía crítica, etc. Este é o fío condutor dos diferentes traballos expostos no libro, sobre o papel da cultura no desenvolvemento económico e social das sociedades do escenario dixital como catalizadora dos novos procesos creativos e como ferramenta impulsora e facilitadora da innovación.
A xestión cultural na era dixital analiza, en 322 páxinas que van desde os códigos deontolóxicos da xestión cultural ata a reactivación sustentable do patrimonio cultural, a economía da cultura para a xestión, a formación dos xestores culturais, as industrias culturais, a mercadotecnia dixital, o emprendemento, o xénero e a cultura inclusiva e as políticas culturais para os tempos actuais, entre outras cuestións, un panorama complexo e cambiante que é o que conforma o escenario actual da xestión cultural.
Unha disciplina, a Xestión Cultural, emerxente que precisa un maior recoñecemento da súa importancia e especificidade na súa contribución ao desenvolvemento sustentable, á creatividade na xeración de postos de traballo, á salvagarda do patrimonio cultural e natural ou ao consumo responsable, entre outros. Esta inquedanza compartida é o valor máis salientable do libro que coordinaron Gonzalo F. Fernández Suárez e María Dolores Fernández Tilve, da Universidade de Santiago de Compostela, dada a incuestionable calidade dos traballos que contén avalada pola traxectoria e reputación dos académicos e expertos que achegaron as súas reflexións e propostas.

 

 

Sección: