Detectives polo mundo

Detectives polo mundo é unha proposta de traballo globalizado a través da gamificación e pensada para cuarto de primaria. Nela mestúranse contidos de diferentes áreas curriculares a través dun mesmo fío condutor, que son as aventuras de catro nenos e nenas aos que lles gustan os retos e os desafíos.

Cristina Cuervo Soto e Matilde Dieste Velázquez
Mestras de educación primaria no CEIP O Piñeiriño
(Vilagarcía de Arousa-Pontevedra)

 

 

Contextualización

Vivimos nunha sociedade na que a tecnoloxía xoga un papel moi importante nas nosas vidas cotiás. Apartala das nosas aulas sería negar a realidade dos cambios que se están a producir, pero é a nosa responsabilidade como docentes facer un uso axeitado dela.

A maneira en que os nenos e nenas se enfrontan ao mundo que os rodea, as súas estruturas mentais e maneiras de procesamento da información modificáronse ao enfrontárense aos retos que lles propoñen os videoxogos, a información da Rede, os multimedia… aos que teñen acceso na súa vida cotiá. O sistema educativo debe ser capaz de integrar novas maneiras de ensino-aprendizaxe nas aulas e é neste contexto no que podemos aproveitar as vantaxes que nos ofrece a gamificación.

«Jugar para un niño y una niña es la posibilidad de recortar un trocito de mundo y manipularlo para entenderlo.»

(Francesco Tonucci)

 

Este tipo de metodoloxía esperta o interese do alumnado e acada unha maior motivación cara ás diferentes aprendizaxes. É baseándonos nesta teoría do xogo como creamos o noso material multimedia para traballar diferentes áreas do currículo. A gamificación está adquirindo unha gran popularidade nos últimos anos, asociado ao uso das novas tecnoloxías, consegue melloras tanto no tocante á atención como á motivación, interese, implicación…

A secuencia que presentamos está enfocada a traballar as competencias a través da globalización dos diferentes contidos, para levar a cabo así unha aprendizaxe máis funcional e similar á que se atoparán na vida real. O aprendido desta maneira polo alumnado ten sentido para el e atópalle unha función que ten que aplicar na propia ODE (unidade básica de contidos que se agrupan para formar unha secuencia dixital de aprendizaxe) para superar o reto final de cada unha.

O proxecto de traballo que presentamos está deseñado para o alumnado de cuarto de primaria que xa ten certos coñecementos e competencia dixital para levar a cabo as actividades de forma máis autónoma. Detectives polo mundo é o título escollido para esta serie de catro ODE que utilizan como fío condutor as viaxes de catro nenas e nenos coma eles por diferentes partes do mundo descubrindo misterios, resolvendo probas, realizando pequenos traballos… e volver novamente á súa casa cheos de mencións e recoñecementos. Para poder conseguilo, teñen que pedir a axuda do alumnado ao que vai dirixida esta proposta, que irá investigando e poñendo en práctica o aprendido para poder chegar ao final das probas.

 

Monitor ODE

 

Descrición e obxectivos da actividade

Detectives polo mundo é un proxecto dixital de aprendizaxe que consta dunha serie de secuencias didácticas centradas no desenvolvemento do currículo de cuarto de primaria. Elaboramos catro ODE nas que se traballan as áreas de Ciencias Sociais, Ciencias Naturais, Matemáticas e Lingua Galega:

  • 1.º ODE: Detectives polo mundo: O Camiño de Santiago
  • 2.º ODE: Detectives polo mundo: A sabana
  • 3.º ODE: Detectives polo mundo: Estación espacial internacional
  • 4.º ODE: Detectives polo mundo: Viaxe no tempo

As ODE seguen unha estrutura didáctica máis parecida á dun xogo que á dun libro de texto, polo que a información proporcionada ao alumnado vai escrita como se lla contasen os protagonistas da historia. Cada unha das ODE segue unha serie de apartados para traballar os obxectivos de cada unidade e concluír cun reto final.

Como medida de atención á diversidade, ademais dos recursos audiovisuais incluídos, podemos atopar libros de pictogramas que ofrecen información sobre os diferentes contidos traballados nas ODE.

Dentro dos obxectivos que nos propuxemos traballar, ademais dos referidos a cada área en concreto, os comúns a todas as ODE e relevantes polo seu carácter competencial son os seguintes:

- Comprender e expresarse oralmente e por escrito de forma adecuada nos diferentes contextos da actividade utilizando diferentes ferramentas TIC.

- Utilizar diferentes ferramentas dixitais tanto para buscar, recoller e procesar información como para escribir textos propios do ámbito académico e social.

- Participar en actividades de grupo adoptando un comportamento responsable, construtivo e solidario, respectando os principios básicos de funcionamento democrático.

- Utilizar as tecnoloxías da información e da comunicación para obter información e como instrumento para adquirir e compartir coñecementos, valorando a súa contribución á mellora das condicións de vida de todas as persoas.

 

COMEZA A AVENTURA será o primeiro apartado co que vos atoparedes en cada unha das ODE, común a todas elas porque non é necesario traballalas en orde, tal como aparecen, senón que son independentes. Os protagonistas preséntanse e propóñenlle ao alumnado que os acompañen nunha aventura.

 

Detectives polo mundo

 

EN QUE LUGAR NOS ATOPAMOS: neste segundo apartado descóbrese a aventura a través dunha carta, dun misterio, dunha invitación e dun concurso. Aquí os nenos e nenas empezarán a súa andaina.

En APRENDEMOS SOBRE... realízase unha pequena introdución ao tema que imos traballar presentando os contidos máis xerais e tentando chamar a atención e provocar a curiosidade do alumnado. Inclúese tamén un videoguía en cada ODE que presenta o tema de forma visual e auditiva co que pretendemos que sexa unha ferramenta de atención á diversidade. Estes vídeos, ademais de nas ODE, pódense atopar aloxados na canle de YouTube espazoAbalar.

 

Guía

 

PRACTICAMOS O APRENDIDO: cada aventura vén precedida dunha investigación, unhas lecturas... que deben realizar para comprobar se teñen adquiridos todos os coñecementos necesarios para pasar ao seguinte apartado. As tarefas que se propoñen nesta sección realizaranse en pequeno grupo.

 

 Traballamos en grupo

 

PONTE A PROBA trátase dunha autoavaliación dos coñecementos adquiridos. Os protagonistas da historia propoñen catro probas diferentes relacionadas cos contidos presentados por cada un/unha no apartado anterior. As tarefas que se propoñen nesta sección realizaranse de forma individual.

AUTOAVALIACIÓN: esta sección inclúe unha táboa de rúbricas enfocadas á avaliación do traballo en grupo.

 

Recursos

Este proxecto foi creado con diferentes recursos informáticos e montado sobre a aplicación eXeLearnig; para o seu desenvolvemento na aula, o único que necesitaredes serán ordenadores e algún material funxible. Permite o seu uso conectado á Rede, co cal se poden aproveitar todos os recursos que ofrece como ligazóns, vídeos ou fichas autocorrexibles, e tamén se pode traballar sen conexión.

A maior parte do traballo faise na propia aplicación, aínda que si recomendamos facer algunha tarefa en papel. No caso de precisar a impresión dalgún modelo de tarefa, pódense descargar directamente do eXeLearning para traballar con el na aula.

 

Metodoloxía

Os principios metodolóxicos que nos guían no deseño desta secuencia dixital de aprendizaxe son os seguintes:

- Metodoloxía activa: propiciando unha integración activa do alumnado na dinámica xeral da aula e na adquisición e configuración das aprendizaxes; participando activamente no propio proceso de ensinanza e aprendizaxe.

- Metodoloxía motivadora a través da gamificación, da presentación duns personaxes cos que poder identificarse, propoñendo retos e non tarefas… co que se esperta unha maior motivación do alumando nas aprendizaxes que pretendemos acadar. Tamén será importante arbitrar dinámicas que fomenten o traballo en grupo e a convivencia.

- Metodoloxía encamiñada a fomentar autonomía na aprendizaxe: utilizamos unha linguaxe sinxela, clara e estruturada na presentación dos novos contidos e unha gradación das actividades para favorecer e estimular un maior grao de autonomía no alumnado.

- Metodoloxía pendente da atención á diversidade para ter en conta os distintos ritmos de aprendizaxe, así como os seus intereses e motivacións. Nas ODE atopamos libros e textos con información a través de pictogramas.

- Metodoloxía que fomente a educación en valores presentando actividades que conducen á adopción de actitudes positivas sobre o coidado do propio corpo, a conservación da natureza e a convivencia.

 

Avaliación

A avaliación, como en todos os procesos educativos, realizarase en varios momentos. A avaliación inicial do alumnado farase antes do comezo do uso das aplicacións, partindo dun coloquio informal no que se indagarán as ideas previas que teñen, así como o coñecemento das ferramentas que se van a utilizar.

Durante a posta en práctica das ODE, levaranse a cabo actividades sinxelas (incluídas no eXeLearning) para que tanto o alumnado como o profesorado poida avaliar como se está desenvolvendo o proceso. Estas actividades serviranlle ao alumnado de retroalimentación para ver se teñen que seguir indagando ou practicando algún dos contidos antes de pasar á proba final (Genially).

Para que o profesorado teña constancia dos resultados obtidos nesas pequenas probas, creáronse cuestionarios específicos para este fin. En canto á proba final (elaborada a través dun Genially), só poderá chegar ao final a persoa ou grupo que supere todas as probas, polo que o envío por parte do alumnado dunha captura de pantalla do premio final, conseguido por cada persoa do equipo, chegará para xustificar que pasou todos os niveis.

Para axudar o alumnado a autoavaliar o seu traballo, darémoslle un cadro con rúbricas que poidan guialo e que aparece recollido no eXeLearning.

Ademais das tarefas que xa se mencionaron creadas especificamente para a avaliación, os mestres e mestras poderán avaliar outros aspectos do traballo desenvolvido polo alumnado mediante esta rúbrica, que se atopará recollida na proposta didáctica de cada ODE.

 

Conclusións

Este recurso está deseñado para poder ser usado en lugar do libro de texto ou outro tipo de material en papel. Xa que moitos centros contan con Edixgal en quinto e sexto  de primaria, pensamos que sería necesario ir achegando o alumnado ao manexo dos diferentes programas e sistemas. Vemos moi importante comezar a traballar algúns dos contidos do currículo a través de ferramentas dixitais.

Na formación dos diferentes grupos de traballo terase en conta que haxa niveis diferentes de competencia dixital entre o alumnado que os forme e utilizar a titoría entre iguais para conseguir mellorar a destreza de todos os membros.

Ao levar a nosa proposta ás aulas atopámonos co primeiro inconveniente para o traballo individual, xa que non tiñamos recursos dixitais suficientes para todo o alumnado. Neste caso optamos por adaptar as actividades para facelas en pequeno grupo. Outro elemento que hai que ter en conta é o tempo dedicado á realización de cada ODE, xa que é necesario aumentar o tempo para a realización das tarefas mentres o alumnado non se adapta a este tipo de traballo.

Como este material foi realizado no segundo trimestre do curso 2021/22, propuxémonos levar á práctica unha soa ODE no terceiro trimestre debido á extensión do recurso. Vista a nosa experiencia, cremos que para levar a cabo toda a proposta didáctica sería necesario desenvolvela ao longo de todo o curso.

 

Disco de NEWTON

 

«Se un neno non pode aprender da forma na que ensinamos, quizais deberiamos ensinar da forma na que el aprende.»

Non deixemos de innovar e de buscar novas formas de que os nenos e nenas adquiran as aprendizaxes. E, por suposto, animamos os docentes a incluír a gamificación como un recurso máis nas súas aulas.