Ao son da nosa música

Unha ponte de unión entre o mundo do ensino e o artístico (ArtEscola)
O proxecto educativo Ao son da nosa música ten como obxectivo a creación e desenvolvemento dun proceso innovador de participación da comunidade educativa no coñecemento, valoración e difusión da música en galego entre a xuventude e, ao mesmo tempo, exportalo como ferramenta impulsora de dinamización social e cultural.

Manuel Maseda Deán
manolomaseda@edu.xunta.gal
Martiño Ramos Soto
soto@edu.xunta.es

 

 

Limiar

O proxecto educativo Ao son da nosa música é froito dun traballo colaborativo entre o profesor Manuel Maseda Deán e o mestre Martiño Ramos Soto, ao abeiro dunha licenza de formación durante o primeiro trimestre do curso 2021/22.

A razón que nos motivou a realizar este proxecto parte de observar nos últimos cursos que o noso alumnado non está familiarizado con referentes musicais en galego. Realizamos unha análise máis global no presente curso e resultou moi alarmante o descoñecemento que teñen, polo xeral, da música galega. Ao mesmo tempo, partimos tamén dunha serie de entrevistas previas con artistas do país, chegando á conclusión de que é preciso tecer pontes reais entre o mundo artístico e o educativo (ArtEscola).

Por isto consideramos tan importante crear recursos didácticos dixitais e propostas metodolóxicas para implantar na aula. A mellor ferramenta coa que contamos para este proxecto é a conivencia e xenerosidade das e dos artistas que tamén entenden como algo vital a elaboración deste material para os centros educativos.

Ao son da nosa música é, pois, un proxecto impulsado pola enerxía da innovación educativa e das TIC, procurando identificar valores da sociedade actual —autoxestión, participación social, intelixencia emocional, ecoloxismo lingüístico, igualdade de xénero etc.— co uso normalizado da lingua galega nos espazos vitais —formais e informais— da xente nova. Ten como interese principal crear un modelo metodolóxico orientado a promover a participación directa e a corresponsabilidade de todos os axentes da comunidade educativa en primeira instancia e da sociedade na que o noso alumnado e o centro educativo está inscrito.

A principal das conclusións do proxecto foi a constatación da urxente necesidade de crear un proxecto educativo conxunto para intentar achegar ás aulas o mundo artístico, e viceversa. Un traballo feito desde a escola e que teña por obxectivo principal reverter unha situación de desconexión coa nosa cultura e identidade propias. Unha construción en rede para dotar de ferramentas o profesorado desde primaria ata secundaria (máis concretamente os cursos finais de primaria e toda a ESO).

En definitiva, un proxecto holístico e colaborativo no que creamos un repositorio de ODE para o profesorado de Música (ex profeso) e de Lingua Galega por extensión. Unha ferramenta dixital normalizadora da nosa música actual, coa que pretendemos achegar o noso alumnado a unha realidade estilística moi enriquecedora na que serán parte activa do proxecto. Ademais, outro dos obxectivos do proxecto é facilitar unha rede de contacto entre os centros educativos e as músicas e músicos que desexen participar na colaboración.

Nós cremos na aprendizaxe por descubrimento, mais nun espazo de igualdade de oportunidades para escoitar todo tipo de música sen condicionantes externos. A maioría das canles que emprega a xente nova para escoitar música non oferta música en galego e require un esforzo a maiores por parte da rapazada para achegarse a ela e coñecela. Por todo isto consideramos importante facer un pequeno esforzo desde os centros educativos, coa axuda e complicidade das artistas e dos artistas, para achegar a música actual galega á comunidade educativa.

Non soamente desde as aulas de música ou lingua, tamén desde os ruidosos «timbres» escolares que podemos mudar por «fíos musicais en galego», desde a radio dos centros, concertos-faladoiros nas aulas, música en galego no transporte escolar...

O primeiro paso para que guste unha determinada expresión artística é coñecela e recoñecela. Todo este material está á disposición libre na seguinte ligazón.

 

O contexto

Na época da suposta democratización da información somos cada vez máis escravos dos algoritmos. A industria musical segue a ter un gran poder na influencia da escoita e o que pensabamos que podía mudar con plataformas como Spotify, Apple Music, YouTube... segue a ser un negocio moi controlado. Ao mesmo tempo, plataformas como Tik-Tok tamén serven de distribuidora musical e poden colocar un tema musical teleoloxicamente escollido. Mesmo a influencia de persoas nas redes, como Ibai Llanos, que comentan as estreas de cancións e convidan ao seu consumo de forma consciente. En todos os casos, por suposto, hai publicidade inherente que se monetiza grazas ao seguimento da rapazada.

A adolescencia é unha etapa da vida emocionante e incrible, de moitas mudanzas, vertixinosa e na que forxamos a nosa identidade individual e colectiva a base de emocións partilladas. Así pois, é complexo manter a autenticidade nunha sociedade tan marcada polo convencionalismo e non caer na tendencia maioritaria (mainstream).

A música en galego non goza de tantos privilexios mediáticos para achegarse á xente nova. Pola contra, existen multitude de propostas musicais en galego diversas e de calidade contrastada que merecen ser normalizadas e visibilizadas. Con isto non queremos dicir que á rapazada lle gusten ou non, senón que teña acceso para que que a escolla poida facerse en liberdade.

Por todo isto, consideramos que é importante:

- Crear ferramentas dixitais para compartir métodos, actividades, enfoques...

- Testar e practicar estas ferramentas: probar métodos e capacitar axentes.

- Practicar a reflexión participativa - Debriefing.

- Identificar e mellorar narrativas tóxicas a través da música.

- Construír narrativas en positivo analizando as mensaxes das letras.

- Favorecer a creación artística para a expresión e difusión da creatividade.

- Favorecer os encontros interculturais con artistas.

- Apoderar persoas e axentes activos na comunidade educativa.

- Visibilizar a creatividade do noso alumnado.

- Crear novos itinerarios ou escenarios educativos.

 

Que escoitan?

Realizamos un traballo de investigación nos meses de outubro e novembro en 20 centros educativos galegos das catro provincias. Contou coa participación de alumnado desde quinto de primaria ata segundo de bacharelato e foron pescudados os seus hábitos musicais tanto dentro como fóra do centro escolar. A enquisa, na que participaron máis de 1000 escolares, puxo especial fincapé na presenza da lingua galega na música que escoitan, poñéndose en evidencia unha dramática e alarmante realidade.

É rechamante a presenza maioritaria do castelán como lingua vehicular no ensino musical, tanto dentro dos centros educativos como nos diferentes ámbitos de formación. O cuestionario revela a ausencia da música en galego nas propias aulas de música, cun 50 % que responde que a escoita poucas veces e un 27 % que di que nunca. En canto ás actividades musicais preferidas no ámbito do ensino, atópanse a escoita musical e a práctica instrumental nos primeiros lugares, seguidas do canto e da danza.

Guadi Galego, SÉS, Tanxugueiras ou a Banda da Loba son as artistas máis coñecidas pola rapazada. En canto aos estilos, o pop, o reguetón e o rap son os xéneros preferidos pola rapazada adolescente, cun 64 %, un 53 % e un 44 %, respectivamente.

En relación cos hábitos de consumo de música, un 62 % nunca mercou música. Entre o 38 % que si o fixo, un 45 % investiu en música en castelán, un 35 %, en música en inglés e tan só un 17 % asegura que mercou música en galego. En canto aos medios dixitais que se empregan para escoitar música, YouTube destaca como o máis empregado cun 86 %, seguido por Spotify cun 74 %, TikTok cun 52 % e a radio cun 35 %. Así mesmo, revélase que as redes sociais, a partir dos 13 anos, son a maior influencia na formación do gusto musical, seguidas de preto do grupo de amizades.

Un 80 % confesa que nunca —ou case nunca— escoita música en galego. Máis do 50 % nunca asistiu a un concerto de música en lingua galega na súa vida e un 40 % do alumnado enquisado non coñece ningún artista ou grupo que cante en galego.

Estes datos abriron un debate moi interesante na sociedade, grazas aos medios de comunicación, parte esencial do proxecto socioeducativo á hora de visibilizar unha situación urxente que precisa de propostas de mellora urxentes para tentar revertela.

 

Chaves

O potencial deste proxecto esténdese ao desenvolvemento das competencias profesionais docentes, pero tamén persoais e de relación social (autoconfianza, actitude creativa, competencias para xestionar a comunicación, competencias de relación interpersoal, desenvolvemento da memoria etc.), á implicación do alumnado no patrimonio cultural (como expresión cultural universal e como coñecemento da realidade cultural galega) e á potenciación complementaria das competencias lingüística, musical e TIC. Ademais, ten un valioso poder para transformar a realidade educativa a través da dimensión lúdica e o contacto directo coas artistas.

Por outro lado, a música, como ben cultural e como linguaxe e medio de comunicación non verbal, constitúe un elemento con gran valor na vida das persoas. A música favorece o desenvolvemento integral, intervén na formación emocional e intelectual, a través do coñecemento do feito musical como manifestación cultural e histórica, e contribúe ao afianzamento dunha postura aberta, reflexiva e crítica no alumnado, no profesorado e na sociedade en xeral. Así pois, a proposta de traballo que se formula xirou arredor das seguintes secuencias didácticas:

Ao son das enquisas
Que se está a escoitar?

Elaboramos unha enquisa para poder obter datos reais sobre a situación actual da xuventude cara ao consumo da música en galego. Nesta fase realizamos unha análise sobre un estudo de campo de máis de 1000 alumnos e alumnas. O obxectivo nesta primeira presentación foi promover unha reflexión crítica e consciente sobre os hábitos de consumo cultural nos nosos centros

Unha vez realizado o estudo xeral proposto, facilitámoslle a cada centro as ferramentas para poder realizala a través da aula virtual, en formato Moodle, para poder editala, ampliala, modificala e realizala co alumnado.

Deste xeito, o alumnado, canda o profesorado, pode realizar conxuntamente un mapa sonoro da súa propia contorna, o que permitirá (tanto ao grupo-aula como ao corpo docente) visibilizar cal é a realidade de coñecemento sobre a música en galego que se está a crear nos últimos anos. 

Ao son dos encontros dialóxicos
Recoñecéndonos!

Realizamos diversos vídeos nos que entrevistamos unha serie de artistas que colaboran activamente no proxecto. Estes encontros dialóxicos foron o eixe vertebrador do proxecto. A partir destes encontros audiovisuais, propoñemos unha serie de actividades para poder realizar unha aprendizaxe significativa dos faladoiros. 

O obxectivo é fornecer a comunidade educativa dunha serie de vídeos interactivos para achegarlle ao alumnado dun xeito directo a calidade e variedade artística que se está a crear na actualidade. 

Nos propios vídeos incluíronse unha serie de ligazóns interactivas H5P que convidan á reflexión e á investigación individual. A proposta de proxecto grupal —neste caso— é a de mergullarnos na proposta de Músicas galegas ilustradas. Con este material de base dos faladoiros, a cantidade de proxectos de investigación que se poden formular son múltiples e variados.

Ao son da radio escolar
A radio expansiva!

Aproveitando que xa son moitos os centros educativos públicos que teñen radio escolar, propomos unha escada común de programa radiofónico divulgativo con entrevistas a artistas. 

O obxectivo é crear unha rede expansiva de entrevistas que poidamos partillar entre os centros. Creamos unha sintonía propia e un esquema similar para darlle formato. Ao mesmo tempo, cada centro poderá realizar as preguntas que considere oportuno e facer medrar así en diversidade o proxecto colaborativo.

Contamos coa colaboración para o traballo en rede do colectivo de Músicas ao Vivo, Radio Espora e Proxecto Neo (entre outros). Realizamos dúas propostas de guión radiofónicas (Guadi Galego e Ico do Sonoro Maxín), pero deixamos aberta a posibilidade a realizar as 14 restantes entre os centros que se sumen á iniciativa.

Ao son da creación
O que ha chegar!

A importancia da aprendizaxe entre iguais e o consumo de contidos audiovisuais entre a xente moza son dúas das claves ás que queremos achegarnos. Así pois, contamos coa colaboración dun recoñecido youtubeiro galego, Cousxs (Carlos Barcia), que fai divulgación musical nos seus directos.

O obxectivo é achegarnos aos videoclips desde unha óptica educativa. Así pois, partindo dun modelo de análise proposto co «Midas» das Tanxugueiras, achegarémonos ao tratamento da imaxe, das letras, da melodía, do ritmo e da harmonía co asesoramento de Cousxs.

Percorremos así un camiño de construción masiva para fornecer unha comunidade de alumnado creador de contidos audiovisuais que faciliten a divulgación musical. O proxecto baséase en realizar unha pequena peza audiovisual analizando o videoclip Pícanme os ollos de Guadi Galego con Depedro.

 

Ao son das letras
Verbolario construtivo! Polos camiños do vento

Nesta secuencia facilitouse a adquisición de competencias para subtitular en galego un vídeo. Observamos que a gran maioría dos videoclips de creación galega están sen subtitular e iso podemos mudalo desde os centros educativos.

O obxectivo é fomentar o espírito crítico do alumnado á hora de seleccionar a música que consome, facendo un exercicio de escoita activa e análise das letras seleccionadas. Ao mesmo tempo, observamos unha eiva importante nas plataformas dixitais para pór lendas automaticamente en lingua galega e coidamos que un obxectivo é tentar reverter esta situación.

No concreto lanzamos a proposta para lles pór lendas aos videoclips e solicitarlles ás artistas que engadan nas súas canles estas achegas. Deste xeito, achegámonos á aprendizaxe-servizo e facilitamos un subtitulado de apoio á comunicación, que posibilita a integración das persoas xordas ou con perda auditiva.

 

Ao son do repositorio
Mergullándonos con xeito! Para atopar e atoparnos

Creamos un espazo no que lle facilitamos á comunidade educativa unha serie de recursos ordenados para poder empregar na aula. Un repositorio (externo e tamén interno de redes), clasificado por espazos ben diferenciados (recursos, listas de reprodución, referentes, prensa...).

Unha proposta concreta para escoitar música nos nosos centros educativos é o timbre musical. Mudar a serea por música é un bo xeito de camiñar cara a centros máis humanizados. Ao mesmo tempo, estamos a darlle visibilidade a toda a creación musical que a rapazada non coñecía. Deste xeito, fechamos o círculo deste proxecto socioeducativo, co cal pretendemos dar a coñecer a música en galego para que a rapazada decida libremente escoitala ou non.

O fenómeno Tanxugueiras: o antes e o despois

Acabamos de vivir un exemplo clarísimo con Tanxugueiras. Dentro do proxecto socioeducativo Ao son da nosa música gravamos unha serie de encontros dialóxicos con artistas ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro de 2021. Realizamos este proxecto ao constatar, nunhas enquisas realizadas a máis de 1000 escolares de Galicia, a práctica desaparición do idioma galego entre os seus hábitos de consumo musicais. Un 80 % confesa que nunca —ou case nunca— escoita música en galego. Máis do 50 % nunca asistiu a un concerto de música en lingua galega na súa vida e un 40 % do alumnado enquisado non coñece ningún artista ou grupo que cante en galego.

Na propia entrevista a Aida Tarrío (Tanxugueiras), falábanos da necesidade imperiosa de dar a coñecer a música feita en galego, sen ser conscientes do fenómeno que lles estaba por vir con Eurovisión. Un exemplo claro de como unha creación artística de calidade en galego pode chegar a emocionar a millóns de persoas de diversas nacionalidades e linguas, cunha plataforma que ofreza visibilidade internacional.

O que aconteceu con Tanxugueiras podería acontecer con moitas outras propostas artísticas que temos no país. O importante é que se abriu un debate social moi interesante e necesario, no que inza o apoderamento e a autoestima dunha cultura que segue medrando día a día. Porque como din as Tanxugueiras: «Non hai fronteiras».

 

Aplicación nas aulas: segunda parte

Para acadar estes obxectivos, parécenos moi interesante tecer unha rede de traballo colaborativo con artistas, con base na filosofía das artes como elemento transformador educativo (STEAM) e traballando transversalmente a igualdade e a convivencia positiva como proxecto interdisciplinar, achegando así:

- A educación regrada e a educación non regrada

- As artes ao eido social e o eido social ás artes

- A educación ás artes e as artes á inclusión social

 

Peche

Para os autores deste proxecto e deste artigo sería unha auténtica alegría que se escoitase moita máis música en galego. Achegaríanos á tan desexada normalización artística e social. Na actualidade, hai unha gran cantidade de propostas de música en galego de calidade agardando por ser escoitadas e partilladas por todas e todos vós.

A música é unha ferramenta curativa que axuda a relacionarnos a través dun emocionario colectivo, dunha identidade e dunha cultura propias. Máis agora que acabamos de pasar dous anos de crise sociosanitaria e precisamos con urxencia salvagardar o noso benestar emocional. Somos seres sociais por natureza e precisamos tecer vínculos que nos axuden a mellorar como sociedade.

 

A música en galego é unha boa compañeira.