Upcycling: non desbotes, transforma

O camiño de descubrimento do mundo do upcycling levounos desde o inicio a introducirnos nun universo descoñecido para nós. Inspirado por unha profesora turca, adaptado por outra polaca, xunto coa axuda de quen escribe este artigo e da auxiliar de conversa do centro educativo nese momento, propuxémonos elaborar un proxecto innovador creando obxectos con outros que se ían desbotar e que dalgún xeito contribuíse ao coidado do medio ambiente e mudase os hábitos do alumnado e do profesorado.

M.ª del Carmen Torres Rodríguez
Catedrática de ensino secundario no Departamento de Lingua Inglesa
IES Canido (Ferrol-A Coruña)
macatorres@edu.xunta.gal

 

Contextualización

A plataforma School Education Gateway foinos de suma utilidade, pois facilitounos o punto de partida do proxecto Erasmus+ KA122 Upcycling Lives que estamos a desenvolver actualmente no IES Canido de Ferrol.

Nesta, hai xa uns cantos anos, aparecía un centro turco localizado en Giresun, ao norte do país, na costa do Mar Negro, que buscaba socios para un proxecto de intercambio de alumnos e alumnas de curta duración cun tema que nos chamou a atención: elaborar arte con obxectos que se van desbotar porque non valen para o uso para o que foran deseñados e fabricados. Gustounos a idea porque se prestaba moito a traballar algunhas competencias co estudantado, as cales non se desenvolven habitualmente, como é o caso do traballo en grupo, a toma de decisións, a orixinalidade, a autonomía, a mellora nas linguas etc. e, por outra banda, investigaba un tema tan actual e importante como é o coidado do medio ambiente. Tras contactar co amentado centro, co fin de amosar o interese do noso en participar e ser aceptado xunto con outros cinco centros escolares europeos, foi solicitado o proxecto Erasmus+ KA229 Upcycling: A Project from Bottom to Top por parte do centro turco, aínda que nesa convocatoria resultou rexeitado.

Co grupo de centros educativos xa ben definido, seis en total (con escolas de Turquía, Croacia, Polonia, Grecia, Portugal e España), e interese por parte dos participantes en que saíse para diante, propúxose entre todos intentar solicitalo de novo, pero trocando o centro coordinador e o enfoque do tema. Decidiuse, xa que logo, que sería Polonia, con Joanna Gawor como coordinadora, e presentouse a candidatura, que nesta ocasión foi aprobada. A redacción da proposta foi realizada conxuntamente entre a coordinadora polaca e a coordinadora galega no IES de Catabois, coa inestimable axuda de Taylor Fay Akers, auxiliar de conversa ese ano no IES. Incluíronse tamén propostas feitas polos outros centros para enriquecer o proxecto.

Porén, resultou un mal ano, por causa da covid, encerrados na casa e traballando en liña para podermos crear este proxecto. Deste xeito, como non!, tivéronse que realizar moitos cambios na súa elaboración desde os seus inicios, cun intercambio de alumnado virtual en lugar de físico. Con todo, tamén de aí deu en xurdir o mellor de nós cos novos retos que tivemos que superar.

Coa intención de que supuxese unha parte substantiva do intercambio virtual, creouse no IES de Catabois, centro coordinador desta actividade, unha unidade didáctica moi ben estruturada, de modo que con esta e outras actividades máis deseñadas para ese intercambio, puido realizarse con éxito.

Xa no curso 2021/22, o IES Canido, coñecedor do proxecto descrito ata agora —Upcycling: A Project from Bottom to Top— e tendo xa contacto directo con el, decidiu intentar «acoplarse» e acabou por achar finalmente acomodo nel. Así pois, baseándonos máis ou menos na mesma filosofía, solicitamos un proxecto Erasmus+ KA122, sen Acreditación Erasmus, que pretendía complementar o proxecto mencionado previamente. Chámase Upcycling Lives, co xogo de palabras do seu nome como eixe vertebrador.

 

 Lettering Upcycling, creado por alumnado de primeiro da ESO

 

Deste xeito, en outubro de 2021, comezamos o noso descubrimento do que é o upcycling e como pode formar parte das nosas vidas, contribuíndo deste xeito na mellora do cumprimento da regra dos tres erres: reducir, reutilizar, reciclar e a vida de todos e todas no noso medio ambiente.

 

Obxectivos

O IES Canido, a través deste proxecto, conta con dous obxectivos principais: por unha banda, internacionalizar o noso centro educativo con propostas que lle permitan ao noso alumnado e profesorado a mellora das súas competencias lingüísticas, sobre todo en inglés e, neste proxecto en concreto, tamén en portugués, e, por outra banda, incrementar o interese e a preocupación polo medio ambiente a través das actividades propias do upcycling, é dicir, a transformación de obxectos inservibles para crear outros cun valor engadido.

Decatámonos de que nos centros educativos se lle presta moi pouca ou ningunha atención ao coidado do medio ambiente. Non hai materias dedicadas a este asunto e digamos que se trata escasamente nas materias de Ciencias Naturais e Tecnoloxía, nas que se aborda de forma circunstancial e non dun xeito sistemático. Co noso traballo, gustaríanos animar os centros educativos a emprender accións neste campo para garantir que, nun futuro non moi afastado, o estudo do impacto humano no medio ambiente e a nosa contribución a estabilizalo e, se é posible, revertelo, sexa estudado nos centros educativos, incluíndo para tal efecto algunha materia dedicada a isto nos currículos. Sería desexable conseguilo e promover mudanzas de actitudes substanciais, motivando o alumnado a través dun coñecemento profundo dos procesos de fabricación e de reciclaxe de distintos materiais e obxectos para cambiar os seus estilos de vida.

No noso centro, a través das actividades de upcycling, o que se persegue é promover unha mudanza permanente na vida da comunidade escolar, as familias e a nosa contorna próxima coa finalidade de reducir a nosa pegada de carbono agora e no futuro. Levará tempo, no entanto, xa estamos de camiño.

O equipo Erasmus, formado polo director, a coordinadora, unha profesora de Plástica, outra de Castelán, un de Galego, un/unha de Xeografía e Historia e unha de Bioloxía e Xeoloxía, encárgase das decisións importantes e da aplicación.

Os obxectivos concretos do noso proxecto son os seguintes:

Obxectivo 1: Obter un cambio significativo de actitude de cara ao coidado do medio ambiente no noso estudantado, tras ter investigado diversos materiais e o seu impacto na contorna durante os seus procesos de produción e reciclaxe.

Obxectivo 2: Crear obxectos de upcycling para animar o noso alumnado a reutilizar e transformar obxectos que se ían desbotar, concienciando sobre o ben que isto lle achega ao medio ambiente e mellorando coas súas creacións a súa creatividade e autonomía.

Obxectivo 3: Crear un blog ao inicio do proxecto coa finalidade de difundir o traballo realizado a toda a comunidade escolar, aos centros cos que se traballa e, ao mesmo tempo, tamén de dotar dunha ferramenta moi útil as persoas interesadas en traballar o tema do upcycling. Subir a devandito blog os novos contidos que se aprendan e as experiencias dun xeito creativo e atractivo.

Obxectivo 4: Abrir o noso centro educativo á comunicación e cooperación internacionais. Incrementar o sentimento de «cidadanía europea» nos nosos estudantes e, ao mesmo tempo, a través de diversas ferramentas, mellorar a comunicación en inglés e portugués.

Obxectivo 5: Incorporar novas metodoloxías á nosa escola despois de observar como se traballa noutros países. Ampliar o coñecemento de novas aplicacións para mellorar o ensino.

 

Descrición da actividade

O alumnado implicado no proxecto pertence ao nivel de terceiro e cuarto da ESO. Durante o curso 2021/22, os estudantes de cuarto tiveron máis presenza nel aínda que os de terceiro tamén participaron.

Dado que o proxecto busca unha mudanza de actitude no noso alumnado e que interiorice algúns contidos relevantes con respecto aos materiais, a súa obtención, o seu procesamento e a súa reciclaxe, o primeiro paso que demos foi valorar o grao de coñecemento dos nosos alumnos e alumnas sobre estes contidos, ademais de investigar os seus hábitos con respecto ao coidado do medio ambiente e os procesos da reciclaxe. Utilizamos Google Classroom para levar a cabo dúas enquisas que repetiremos ao finalizar o proxecto e que nos permitirán valorar se se adquiriron ben os contidos e se foron mudados algúns hábitos.

Tras dar este primeiro paso, centrámonos xa de cheo no proxecto. Investigamos na plataforma eTwinning algúns dos materiais de presentación do que é o upcycling contidos no proxecto Upcycling: A Project from Bottom to Top, para entender de xeito adecuado o concepto de upcycling, e decidimos poñérmonos mans á obra. Como detectaramos previamente que no centro non había papeleiras de recollida de papel nas aulas, decidimos que o primeiro que fariamos sería iso mesmo. Durante varios días xuntamos xornais e caixas de cartón, que almacenamos nunha pequena aula que nos foi adxudicada para esta función. Xuntámonos tres días despois de rematar as clases para traballar nos talleres de creación de papeleiras e, tras algúns problemiñas conseguimos rematar sete. Unha pequena delegación do grupo de alumnos e alumnas do proxecto fixo entrega delas polas aulas e aproveitaron para explicar brevemente que eran e por que se crearan. Deste xeito, a maioría de estudantes do centro sabe que estamos desenvolvendo este proxecto e de que trata.

Do 24 ao 31 de outubro de 2021 fixemos o noso primeiro intercambio de alumnado de curta duración. Como preparación, tivemos unha reunión cos pais e nais dos participantes para explicarlles en que ían consistir o proxecto e as visitas de intercambio que se ían realizar. Visitamos a escola Osnovna Skola Dobrise Cesarica e coñecemos os compañeiros cos que iamos traballar durante 18 meses, cos cales unicamente tiveramos contacto con anterioridade en liña, a través de videoconferencias e mensaxes electrónicas. Foi emocionante.

Pero…, tras o entusiasmo inicial e aínda cubertos con máscaras a maior parte do tempo debido á covid, decatámonos de que a reunión non ía ser exactamente como tería que ser en tempos de normalidade. Todas as aulas con participantes no proxecto estiveron confinadas durante toda a nosa estancia e todos os días tivemos mudanzas no programa para adaptarnos ás necesidades diarias e imprevisibles. Aínda así, resultou unha visita moi agradable e obtivéronse algúns acordos importantes na reunión de coordinadores, que tivo lugar durante a nosa estancia para continuar cunha boa execución do proxecto en cada escola.

Todo o grupo participante na praza principal de Zagreb

 

Directamente relacionado co upcycling, participamos en talleres de gravado, utilizando a cara interna dos envases de tetrabrik, de creación de téxtiles e creación dun mural entre todos os participantes para promover o upcycling.

Algúns profesores asistimos tamén a unha charla sobre os proxectos Ersmus+ que están a desenvolverse actualmente neste centro educativo e os resultados que se están conseguindo. Resultounos suxestivo que sendo un centro pequeno e con moitas dificultades de dotación estean involucrados en moitos programas Erasmus+.

Outras actividades enmarcadas na concienciación do coidado do medio ambiente leváronnos ao parque nacional de Plitvice, que é, alén diso, patrimonio da humanidade da UNESCO, e tamén a coñecer e investigar o bonito parque Maksimir, un verdadeiro pulmón dentro da cidade. A finalidade destas actividades, enmarcadas no apartado «Trekking (ou camiñadas) pola contorna natural» e que estarán presentes en cada un dos intercambios, consiste en que os alumnos e alumnas aprecien o fermosa que é a natureza cando se coida, recollan materiais para crear un libro dixital, vídeo, presentación de diapositivas que reflictan a súa experiencia e contribúan a incrementar o coidado do medio ambiente para nós e para as futuras xeracións.

Pouco antes da mobilidade a Zagreb, creouse o blog do proxecto que, despois de volver da viaxe, empezou a enriquecerse con novas achegas. Pódese acceder a el a través da páxina web do IES Canido, picando arriba á man dereita na icona azul brillante que mostra o texto «Upcycling Lives».

Está organizado con pestanas horizontais superiores do seguinte xeito:

- Inicio: contén unha pouca información acerca de quen somos e como iniciamos o proxecto.

- Equipo Erasmus+: presenta as escolas coas que traballamos e amosa o traballo que fai cada unha delas.

- Upcycling: A Project form Bottom to Top: este apartado mostra algúns traballos conxuntos realizados con algúns dos centros participantes e algúns vídeos e artigos interesantes de actividades levadas a cabo durante as visitas a cada centro. Como exemplo, pódese mencionar a visita a Fibrenamics na Universidade do Minho en Guimarães, que resultou sumamente interesante. Recomendable para os curiosos e curiosas observar que obxectos se poden crear a partir de, por exemplo, cabichas de cigarros. Dá que pensar!

- Proxectos: inclúe os traballos e as actividades que desenvolvemos no IES Canido sobre o tema do noso proxecto.

- Viaxes: amosa as experiencias das viaxes desde a perspectiva do noso alumnado e aquelas cousas que lle chamaron a atención.

- Unidades didácticas: é, digamos, o apartado máis serio do proxecto. Agrúpanse aquí as unidades didácticas creadas no proxecto Upcycling: A Project from Bottom to Top, que teñen como labor instruír o estudantado nos contidos que queremos traballar con respecto a diversos materiais.

Tras o intercambio con Zagreb, metémonos no mes de novembro, que dedicamos á creación de artigos e posts diversos para incluír no blog, simultaneamente co traballo nas papeleiras xa mencionado. Acordouse que o Departamento de Plástica se dedicaría a realizar varias actividades do proxecto desde ese momento e, así, nos meses sucesivos realizáronse decoracións de Nadal con pólas e árbores mortas, estrelas para decoralas a partir de envases de tetrabrik, creouse tamén un vídeo explicativo desta actividade que se pendurou no apartado correspondente do blog, un póster que anuncia o noso proxecto e que se atopa colgado á entrada do centro escolar e deseñáronse logos e letterings (deseños con letras) para escoller os que representarían o noso proxecto.

Debido á escaseza de tempo libre no instituto, con horarios cargados, moitos alumnos e alumnas por aula e recreos curtos, que son necesarios para airear un pouco a cabeza, decidimos que era imposible levar a cabo actividades do proxecto durante os períodos lectivos, salvo algunha cousa moi puntual e concreta. Deste xeito, tomáronse dúas decisións importantes no equipo Erasmus+:

1. O alumnado de cuarto que se atopaba a traballar no proxecto debería crear un obxecto de upcycling durante o Nadal, seguindo as indicacións que xa se traballaran na escola previamente. Tería que presentalo xunto cunha breve explicación da toma de decisións e o proceso de traballo en formato vídeo, presentación de diapositivas ou artigo, para poder incluílos no blog e difundilos.

2. O proceso de selección de participantes basearíase a partir deste momento no traballo feito e na súa calidade, quedando fóra no caso de non ter prazas suficientes para as mobilidades aqueles alumnos e alumnas que presentasen traballos de inferior calidade. Para a selección de alumnado de terceiro, fixouse o 1 de marzo para a entrega de obxectos de upcycling.

Tras o Nadal, recolléronse os traballos elaborados polos alumnos e alumnas de cuarto e decidiuse cales participarían no intercambio con Pedome (preto de Guimarães), que tería lugar en marzo. Publicáronse no blog os traballos realizados na pestana Proxectos e comezou a organizarse a viaxe a Pedome.

A tarefa da persoa coordinadora, ademais de manter contacto cos coordinadores dos outros centros para levar a cabo o seguimento da aplicación e organizar o traballo no propio centro, ten un apartado de investigación previo aos intercambios. Deste xeito, investigouse como se traballa o upcycling en cada unha das poboacións que se ían visitar e contactouse con persoas destacadas dentro deste mundo para entrevistalas durante o tempo do intercambio e obter unha visión clara das actividades e retos aos que se enfrontan para desenvolver o seu traballo diariamente, así como para compartir tamén connosco os beneficios, metas e cousas boas que se alcanzan a través del. As persoas coas que contactamos ata o momento son:

- Alexandra Arnobio, unha muller que traballa o upcycling no Porto (https://www.alexandraarnobio.pt/). Ten unha tenda, chamada Once Upon a Time, onde vende os obxectos que transforma e que pode visitarse como inspiración para deseñar novas creacións. Dada a súa formación previa como docente, as súas charlas fanse moi amenas.

- Aravella Salonikidou en Tesalónica. Muller que se iniciou como deseñadora de vestiario en Tesalónica e que tras vivir varias crises, alén da experiencia covid, se transformou para levar un estilo de vida cero residuos, pasando polo upcycling, o cal non abandona. A charla con ela, que se pode atopar en varios vídeos no blog, no apartado de unidades didácticas aínda que non pertenza exactamente a este apartado, resultounos altamente interesante e moi produtiva de cara a continuar dando pasos no coidado do medio ambiente e inspirounos para solicitar un novo proxecto de intercambio que dá un paso máis no coidado do medio e nos leva a reducir aínda máis o noso consumo de produtos nocivos para a natureza. Desexamos poder desenvolvelo axiña. Pódese atopar información sobre Aravella nas seguintes ligazóns:

https://www.facebook.com/COSMUSDIY/

http://www.aravella.gr/?page_id=2655&lang=en

- Sebnem Alp Alkin é a cofundadora da plataforma Upcycle Istanbul e organizadora conxunta do primeiro festival Upcycle Istanbul Art and Design Festival, realizado o pasado 4 de xuño de 2022. Tiñamos unha entrevista concertada con ela que non se puido levar a cabo o pasado 15 de outubro no noso hotel de Istambul. Achámonos na actualidade intentando adaptar a actividade ao medio virtual para poder realizala ou ben a través de videoconferencia ou de resposta ás preguntas que tiñamos preparadas e que podemos enviarlle con facilidade a través de WhatsApp para que nolas devolva, co fin de poder levar a cabo unha montaxe que se asemelle a unha entrevista real. Páxina moi interesante onde se pode obter información sobre todo isto é

https://www.dailysabah.com/life/environment/for-a-better-world-turkeys-1st-upcycling-festival-lifts-hopes

No mes de marzo de 2022, realizamos o noso segundo intercambio, esta vez co Agrupamento de Escolas de Pedome. Un grupo de sete alumnos e alumnas, esta vez acompañados por unha soa profesora (o habitual son dous profesores) por motivos de forza maior do segundo acompañante, viaxou ao Porto e Guimarães, poboacións onde nos aloxamos. No Porto investigamos as tendas de upcycling da cidade, incluída a de Once Upon a Time… e recollemos ideas para futuras creacións.

Pedome e Guimarães supuxeron unha experiencia moi gratificante pola boa organización do noso centro de acollida. Deseñou moitas actividades de upcycling que se desenvolveron en grupos pequenos de alumnos e alumnas de varias nacionalidades que ían rotando, de tal xeito que todos participaron en todas as actividades. Tivemos talleres tan variados como decoración dunha culler, un garfo e un coitelo enormes de madeira con chapas esmagadas de refrescos, envases de café etc. que ían decorar o comedor escolar, creación de xoias, expresión plástica con motivos do medio ambiente, decoración de cortizas para facer chaveiros, utilización de instrumentos musicais de upcycling para interpretar música e outros.

Esta visita supuxo tamén, tras a visita a Fibrenamics (unha empresa que traballa basicamente na investigación de novos materiais e o seu uso na construción e que se atopa na Universidade do Minho en Guimarães), un descubrimento enorme da cantidade de obxectos que se poden crear e materiais que se poden obter a partir do lixo. Asistimos a varias charlas e presentacións e descubrimos as súas instalacións con explicación dos procesos que se fan en cada unha delas. Resultou moi inspiradora.

 

Creación de ladrillos utilizando cabichas e outros materiais

 

Como actividade de Trekking polo medio natural visitáronse o parque de Calça Ferros, preto da escola, e o parque da Devesa en Famalicão. E, como complemento e afondamento no tema do upcycling, asistimos a unha charla con Alexandra Arnobio no Porto, quen nos descubriu que podemos sacarlle un novo partido case a calquera obxecto.

Regresamos a Ferrol cheos de inspiración e con ganas de experimentar coas novas ideas que descubrimos durante a nosa viaxe.

Tamén cómpre destacar que a nosa viaxe a Portugal foi unha viaxe «verde», é dicir, viaxamos en transporte público ou en transporte compartido con outro centro escolar con vistas a que o noso impacto sobre o medio ambiente fose o menor posible. É un dos aspectos que fomenta o actual programa Erasmus+ 2021-2027.

Durante o mes de abril preparáronse novas publicacións para o blog co material que trouxemos de Portugal e incorporáronse a el posteriormente. O 22 de abril, celebrouse o Día da Terra no noso centro escolar con proxeccións dalgunhas das actividades levadas a cabo en cada grupo de alumnado, ademais de amosar as creacións de upcycling elaboradas polos estudantes de terceiro e cuarto da ESO ata o momento nunha exposición que tivo lugar no vestíbulo do instituto.

Informouse de todo isto aos medios de comunicación e saímos nos xornais. Xa desde a viaxe a Portugal, decidiramos que, para conseguir que o noso proxecto chegue ao maior número de xente posible, é preciso obter publicidade a través dos medios de comunicación. Por esa razón, cada vez que imos comezar unha viaxe contactamos con eles para que realicen un seguimento da nosa experiencia e a publiquen e, despois, ao noso retorno, concertamos unha entrevista con eles para participar nun programa de radio e falar da nosa experiencia. As gravacións das entrevistas da radio inclúense tamén no blog.

Xa en maio de 2022, chegou o momento da viaxe a Tesalónica en Grecia. Nesta ocasión viaxamos un grupo de 7 alumnos e alumnas e dous profesores. Durante a nosa estancia tivemos actividades pola nosa conta, é dicir, só do grupo de Canido, como son a visita a Meteora como achega cultural importante para os noso alumnado e a entrevista a Aravella Salonikidou.

A visita a Meteora permitiu coñecer como foron creados os impresionantes mosteiros que se colgan enriba de rochas xigantes e, alén diso, a forma de vida neles a través dos tempos. Chamounos moito a atención o código de visita que xulgamos, no momento actual, basicamente un negocio. As mulleres deben levar saia longa e os homes pantalón longo. No caso de levar un pantalón longo e frouxo que pareza unha saia, non é admitido, é preciso poñer por riba un foulard a modo de saia.

A entrevista con Aravella levouse a cabo o último día da nosa estancia. Inicialmente planificada para unha duración dunha hora aproximadamente, levou case catro. Fomos recibidos coa amabilidade que caracteriza os gregos, nun patio interior moi bonito protexido cunha parra e con bebidas e comida para agasallarnos. Alí, Aravella e a súa compañeira, Sofía, que fala castelán, falaron connosco acerca do seu proxecto COSMUS DIY 11:11 e de como vai crecendo co paso do tempo. Gravamos a entrevista e está a piques de ser publicada no blog con moitos meses de atraso. A través dela, descubrimos moitas cousas que podemos realizar con respecto ao upcycling ou asombrámonos con algunhas das súas marabillosas propostas, que se atopan á venda na tenda do mesmo nome. Espertaron en nós a vontade de pasar do upcycling ao modo de vida cero residuos, pero fomos advertidos de que é un proceso lento que se debe facer paseniño a medida que vas logrando acadar obxectivos.

 

Creación de Aravella cunha lámpada, un tapón e corda e cinta prateada

 

O plástico, este era o material que tocaba traballar no centro grego e contorna na que se desenvolveron os talleres organizados: creación de figuras móbiles con plástico procedente de bandexas, botellas usadas etc., visita á exposición de obxectos creados con plástico. Chamounos a atención un xogo creado por unha alumna, tanto as regras como os elementos para xogar e o taboleiro, polo que decidimos gravar as súas explicacións e incluílo nun post do noso blog (Upcycling: A Project from Bottom to Top, por ser creado por unha alumna deste proxecto).

Visualizamos unha presentación con respecto a este material (unidade didáctica), sacamos conclusións e asistimos a un desfile de moda por parte do alumnado grego con modelos creados a partir de plástico, vimos unha representación de marionetas tamén de upcycling e escoitamos unha pequena audición musical con obxectos de upcycling, creados, así mesmo, para a ocasión.

Dentro da parte cultural, visitamos Vergina, lugar patrimonio da humanidade onde se pensa que están enterrados algúns familiares de Alexandre Magno, como o seu pai Filipo II, e outros personaxes moi importantes da historia. As pinturas que decoran algunhas paredes e as xoias, con delicadísimas filigranas, que se poden observar no museo, ademais das tumbas ricamente decoradas, conseguen que o lugar sexa asombroso e que cree un grande impacto en todos os visitantes.

Outro momento de máximo interese foi a visita ao museo NOESIS (Centro Científico e Museo da Tecnoloxía), onde puidemos observar a creación de esculturas procedentes de materiais do lixo, que proxectan sombras nas paredes e que, ás veces, permiten varias interpretacións dependendo do ángulo desde o que se mire. Esta exposición fai moito fincapé tamén no coidado do medio ambiente.

E como Trekking pola contorna natural visitamos Agios Nikolaos, unha zona natural ao lado dun río onde apreciamos a beleza da natureza no seu estado virxe e gozamos dela.

 

Esculturas con materiais de reciclaxe que crean sombras

 

Tras o regreso a Galicia, actuamos do mesmo xeito que nas visitas anteriores. Asignámoslle apartados a cada alumno ou alumna para que reflectise a súa experiencia persoal nun artigo, vídeo ou presentación de diapositivas que, a continuación, subimos ao blog.

Para finalizar o curso, levamos a cabo algúns tests para analizar se, a través das actividades realizadas, o alumnado participante aprendera os contidos que se traballaran durante o curso, tanto no noso centro como nas visitas realizadas.

Xa no curso 2022/23, iniciámonos cunha reunión cos pais e nais dos participantes das viaxes deste ano, é dicir, o alumnado que o ano pasado se atopaba cursando terceiro da ESO. Informámolos (como xa se fixera o ano anterior) de todos os requisitos para que os seus fillos e fillas puidesen viaxar fóra de España e da planificación do proxecto para o presente curso académico.

No mes de outubro levamos a cabo o intercambio de alumnado co centro AKSU ŞEHİT HAKAN GEMİCİ ORTAOKULU en Giresun, na zona do Mar Negro ao norte de Turquía.

Empezamos descubrindo Istambul e investigando como é o proceso de recollida de lixo e reciclaxe na cidade. Non atopamos contedores, polo que ata que descubramos a razón (pretendemos facelo) e como recollen o lixo, quedaremos coa incógnita.

Tras visitar a cidade e os seus monumentos máis importantes, ao día seguinte continuamos a nosa viaxe ata Giresun. Estivemos nesta cidade de luns a venres traballando cos nosos colegas dos outros centros.

O primeiro día, como é habitual, tivemos a benvida e entrega de acreditacións para axudar a coñecernos os uns aos outros. O director do centro e mais un representante da Administración educativa levaron a cabo o acto, que estivo precedido por unha actuación musico-cultural a cargo dalgunhas alumnas do centro. Fomos agasallados con produtos e obxectos típicos que axudarán a recordar a nosa estancia no futuro.

Durante a estadía na escola realizamos talleres de creación de obxectos de upcycling con varios materiais distintos: creáronse flores a partir de xornais e diversos instrumentos musicais utilizando botes de plástico baleiros, envases de ovos, lentellas, arroz etc., para confeccionar tambores, maracas e outros. Celebrouse o Día Erasmus (13, 14 e 15 de outubro), para o que se pintou un mural conmemorativo nunha das paredes exteriores do centro escolar e se penduraron algunhas plantas en envases plásticos decorados coas bandeiras dos países participantes.

 

 

 Taller de creación de obxectos en Giresun (Turquía)

 

Noutra xornada, asistimos á Bilgi evi (a casa da aprendizaxe), onde descubrimos un aspecto cultural patrimonio da humanidade desde 2014, que é a fermosísima pintura Ebru. Decidimos comprar un kit coas pinturas e elementos necesarios para poñela en práctica e intentaremos facelo no noso centro na materia de Plástica.

A reunión de coordinadores permitiu retomar o seguimento da execución do proxecto e insistir na mellora dalgúns aspectos. Planificáronse os seguintes pasos que daremos e a organización das novas visitas, escollendo as datas máis adecuadas para todos.

Visitamos a parte vella da cidade e os seus monumentos de interese como o castelo e o museo, unha igrexa antiga que é hoxe a histórica librería dos nenos e a illa de Giresun, a única no Mar Negro, e fixemos unha viaxe á montaña próxima a Giresun: Mavigöl (blue lake), Göksu Travertine e Kulakkaya Haighland, coa finalidade de valorar a contorna natural e preservala para futuras xeracións, pero non puidemos levar a cabo a actividade de Trekking, dado que o día se pechou de néboa e tivemos que resgardarnos do frío alongando o tempo do xantar.

Aprendemos que Giresun produce moita abelá e ten unha industria boiante neste campo, ao visitar unha fábrica que se dedica ao seu procesamento e comercialización. A estancia rematou visitando outras poboacións veciñas como Ordu, as vistas desde Boztepe, a igrexa Yason e o faro nas súas inmediacións.

Xa de volta en Istambul, e debido a unha serie de incidentes encadeados (atraso do noso voo, atasco enorme na autoestrada e mal tempo), non puidemos levar a cabo a entrevista que tiñamos concertada con Sebnem Alp Alkin que, como mencionamos anteriormente, será realizada a través de medios dixitais.

 

Recursos empregados

Os principais resultados do noso proxecto, en canto a materiais se refire, son os obxectos de upcycling creados e o blog, que inclúe todo o traballo feito.

En canto aos obxectos de upcycling, os recursos empregados foron sempre materiais que xa non valían para a súa función como, por exemplo, culleres antigas que se ían botar ao lixo, madeira utilizada, caixas de cartón baleiras, latas de conservas, tarros de cristal, tapas de plástico, envases de ovos, envases plásticos, tetrabriks, retallos de roupa etc. A isto temos que engadir trade, parafusos, termoencoladora e barras de silicona, lixa, verniz (respectuoso co medio ambiente), corda, cúter, tesoiras e regra. Con estes materiais e ferramentas resulta incrible a cantidade de obxectos que se poden crear: portacandeas, colgadoiro, xoieiro para gardar pendentes e outros adornos, estrelas de Nadal, minisementeiro/invernadoiro etc.

 

Portacandeas creado no IES Canido usando latas de comida de gato e cortiza

 

Con respecto ao blog, os recursos supoñen un reto máis no ámbito tecnolóxico. Alén da conexión a Internet para poder traballar, manter a comunicación e o intercambio de materiais e información co resto dos participantes, no instituto precisariamos de máis ordenadores e unha sala axeitada cunha conexión boa para poder levar a cabo videoconferencias sen problemas. As que fixemos ata agora non tiveron moi bos resultados por culpa da conexión.

Como ferramentas tecnolóxicas, utilizamos a maior parte do tempo Linux como sistema operativo e traballamos con Gimp para a edición de fotografía, Kdenlive para montaxe de vídeo e Impress para presentacións de diapositivas, ademais de Libre Office para a edición de textos.

En canto a novidades de aplicacións que non coñeciamos previamente, podemos mencionar Storyjumper para crear historias ou libros dixitais e Flipsnack para crear tamén un libro ou revista dixital.

Google Classroom e Google Drive utilizáronse para crear e compartir entre os participantes do proxecto cuestionarios e tests, e os resultados de ambos, tanto ao inicio como ao final do primeiro ano de proxecto, e tamén para revisar e almacenar materiais.

 

Metodoloxía

A metodoloxía utilizada ao longo de todo o proxecto é moi variada xa que ten un pouco de todo. Hai traballo individual, traballo en parellas, ás veces no mesmo centro e noutras ocasións con participantes doutros países, e tamén traballo en equipo. Prefírese pouca intervención do profesorado, que presenta o traballo que vai desenvolver e os contidos que se van estudar e despois deixa que sexan os propios rapaces os que tomen as decisións sobre o traballo que queren realizar. Axuda cando é necesario e corrixe só cando hai problemas de comprensión da tarefa ou dos textos creados.

 

Avaliación

O proceso de avaliación de todo o proxecto é continuo. Tras cada visita, os participantes deben cubrir unha enquisa que amose o seu grao de satisfacción con respecto a esta en canto á organización, interese das actividades, aproveitamento destas etc. Chamámolo «Follow up». Tras a presentación de cada unidade didáctica creada no proxecto Upcycling: A Project from Bottom to Top, o alumnado tamén deberá facer un test para valorar o grao de mellora nos seus coñecementos do tema exposto.

Ao inicio e ao final do proxecto houbo e haberá outro test para apreciar os cambios experimentados polos participantes. Este test pretende simplemente pescudar o grao de coñecemento dos participantes con respecto á reciclaxe, o coidado do medio ambiente e os distintos materiais cos que estamos traballando. É o mesmo test ao inicio e ao final.

O test inicial foi realizado por un total de 36 persoas. Os resultados acadados despois de facelo amosan que 18 persoas obtiveron unha puntuación igual ou superior a 7 dun total de 14 puntos e 18 obtiveron unha puntuación inferior a 7 polo que, como sospeitabamos, os coñecementos non son amplos e pretendemos melloralos. Obteremos unha visión da mellora tras realizar o test cando finalice o proxecto. As preguntas formuladas abarcaron desde o coñecemento dos distintos símbolos utilizados para mostrar que un produto é válido para reciclar, que representa o R na regra dos tres erres, preguntas relacionadas coa reciclaxe do vidro, metal, plástico, o grao de contaminación que está relacionado coa produción e a reciclaxe de distintos materiais, a distinción entre materiais naturais e aqueles procesados etc.

Tras traballar a unidade do cristal cos oito alumnos e alumnas implicados nela o curso pasado (2021/22), observouse que os resultados foron moito mellores ao responder a cuestións relacionadas co proceso de fabricación deste material e a súa reciclaxe, nas que obtiveron 12 (1 alumno/a), 14 (2 alumnos/as), 16 (2 alumnos/as), 18 (3 alumnos/as) dun total de 20 puntos. Con estes resultados podemos afirmar que a aprendizaxe foi significativa.

Ademais destes dous exemplos, realizamos algúns tests máis que nos permitiron detectar as carencias dos participantes non só en canto a coñecementos senón tamén en canto ás súas prácticas habituais con respecto ao coidado do medio ambiente, por unha parte, e, pola outra, o grao de satisfacción e aprendizaxe durante as mobilidades.

Con respecto á consecución dos obxectivos, podemos observar como os participantes se fixan cada vez máis en que actuacións contribúen a coidar o medio ambiente ou a danalo. Nas mobilidades, é moitas veces o propio alumnado o que chama a atención dos profesores para mostrar algunha cousa que foi obxecto de upcycling ou que está feito a través da utilización de materiais desbotados. Tamén amosan interese por reutilizar, por exemplo, botellas de auga ou múltiples materiais, polo que podemos afirmar que a súa actitude está cambiando. Incluso algún xa mudou o seu costume de utilizar xampú nun envase de plástico por outro que é sólido e vén nunha caixa de cartón ou deixou de utilizar cepillo de dentes tradicional e mudou para o ecolóxico, por mencionar algúns exemplos.

O profesorado atópase utilizando materiais do blog na nova materia que impartimos en primeiro da ESO, Proxecto Competencial” e continúa a melloralo con novas e motivadoras achegas.

A través das mobilidades, os participantes tiveron a oportunidade de coñecer outros estudantes estranxeiros e moitos comentan que nunca na súa vida falaran tanto inglés e, como non, tamén portugués. Isto reflíctese en que teñen menos medo a ser gravados, por exemplo, para facer unha entrevista e que esta é algo máis fluída do habitual. Ao mesmo tempo, tamén comentan as diferenzas culturais que, no caso da mobilidade a Turquía, foron moitas. Comentan e aceptan, xa que aprecian que no fondo as diferenzas non son máis que expresións culturais porque un rapaz ou rapaza de 14 ou 16 anos ten máis ou menos as mesmas inquedanzas calquera que sexa o seu país de orixe.

Se falamos dos docentes implicados, os logros son pouco máis ou menos os mes-mos que no caso dos estudantes. Establecemos contacto con docentes doutros países e trocamos moita información e traballo con eles. Ampliamos o nosos coñecemento de Europa e dos sistemas educativos de cada país, analizando o duro que é nalgúns deles ser profesor ou profesora. Moitos teñen moitas máis horas de traballo ca nós e máis ou menos os mesmos problemas.

A utilización de Google Drive, eTwinning, Storyjumper e outras aplicacións permítenos traballar dun xeito colaborativo, enriquecéndonos a todos e tamén o traballo que realizamos. O intercambio de materiais é constante ao longo de todo o proceso e os resultados acadados mellores. A través do blog, como xa mencionamos, incorporamos novos materiais e ferramentas ao noso quefacer diario.

En canto aos pais e nais, están felices de que os seus fillos e fillas poidan participar nesta experiencia Erasmus+. O momento no que intercambiamos información con eles e elas dun xeito máis próximo é cando organizamos unha reunión informativa antes de cada mobilidade. Normalmente, teñen moitas preguntas e ás veces tamén comentan como os seus fillos e fillas están moi motivados polo proxecto. Na maioría das ocasións, así mesmo, manifestan o seu agradecemento por poder participar no proxecto, que consideran moi enriquecedor para os seus fillos e fillas, ademais de recoñecer o labor do profesorado polo traballo que comportan os proxectos e a responsabilidade de viaxar fóra de España cos rapaces e rapazas.

Coa finalidade de levar a cabo un seguimento da xestión e dos gastos, a coordinadora reúnese trimestralmente co equipo directivo para comprobar o correcto cumprimento do proxecto en todos os seus campos.

O equipo Erasmus, o profesorado que está a traballar no proxecto, toma as decisión relevantes do proxecto e valora a consecución dos obxectivos.

A valoración dos traballos feitos, a elección do logo e da imaxe de lettering correspóndelle a un grupo de docentes e estudantes elixidos aleatoriamente no instituto para buscar a máxima obxectividade.

O noso proxecto difúndese a través de publicacións nos xornais como La Voz de Galicia, onde aparecemos en varios artigos, e mais a través da participación en programas de radio da cadea Radio Voz. Deste xeito, o público en xeral pode coñecer que estamos a traballar, os logros que obtemos e tamén pode utilizar, se o considera conveniente, os materiais creados na contorna do proxecto, xa que son de código aberto.

 

Conclusións

No mes de marzo de 2023 remataremos este motivador proxecto coa esperanza de que o noso traballo sexa visto por moita xente e se contaxie dos uns aos outros como un regueiro sementado con pólvora que prende e avanza sen parar.

Por un planeta mellor!

 

 

 

O proxecto Upcycling Lives está cofinanciado polo programa Erasmus+ da Unión Europea. O contido desta publicación é responsabilidade exclusiva do IES Canido e nin a Comisión Europea nin o Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) son responsables do uso que poida facerse da información aquí difundida.

 

Palabras clave: 
Sección: