Veñen para quedar: a viralización en galego

Hai aproximadamente un ano, unhas mozas galegas mudaron o xeito de entender a galeguidade. Levaron por bandeira o galego baixo o lema «Non hai fronteiras». Un concurso de televisión converteuse no mellor escaparate para amosar que a nosa lingua é marabillosa. A partir de aí, desatouse un fenómeno social que necesariamente tivo que estar presente nas aulas. O desenvolvemento desta unidade didáctica dá mostra do orgullo do pobo galego.

Cándido Paniagua Pousa, docente de Lingua Galega e Literatura
IES Castelao (Vigo-Pontevedra)
candido_cpp@edu.xunta.gal

 

Contexto

No marco do renovado Benidorm Fest, o grupo galego Tanxugueiras foi seleccionado para concursar e intentar representar a España no Festival de Eurovisión. A priori, o asunto pode ser algo fútil, tendo en conta que se trata dun programa de televisión. Mais a escolla deste trío trouxo consigo ríos de tinta. Optaban a tal galardón cunha canción en galego, poñendo en primeira liña, por primeira vez na historia da televisión pública, outra das linguas oficiais do Estado.

Axiña a prensa se fixo eco de tal nova. Non era para menos. Convertéronse no altofalante das minorías lingüísticas, ata o de agora ignoradas, co seu lema «Non hai fronteiras». En Galicia, a súa fama ascendeu coma a escuma. Estas rapazas levaban traballando arreo dende o 2016, participando en festivais e demais escenarios importantes do país e tamén de carácter internacional. Acapararon todos os medios, pasando a ser superestrelas da televisión, da radio e, sobre todo, das redes sociais.

Este feito marcou o devir da sociedade galega, carente de referentes de éxito alén das marxes da comunidade. Estas tres raparigas namoraron a poboación galega que viu nelas un sinal de identidade co que sentirse orgulloso. Cabe sinalar que durante os dous meses de promoción do tema «Terra» a súa presenza nos medios de comunicación era diaria. A campaña de publicidade fíxose soa. Pero por que?

A maxia das súas palabras espertou o soño de Breogán. Isto reflectiuse na votación do público nas galas televisadas do concurso, nas que foron as máis votadas con máis do 70% do voto popular. A súa polémica participación non quedou só niso. A aldraxe levada a cabo polo xurado profesional, deixándoas en quinta posición e asegurando a súa non vitoria, reafirmou, unha vez máis, o maltrato cara a Galicia. Porque ademais de ser un concurso de televisión foi unha batalla identitaria na que, por desgraza, a espada do poder repartiu sentenza.

Non se pode obviar a súa repercusión posterior conseguindo un disco de ouro, situando o tema nas listaxes de vendas, un disco que conseguiu ser número un, longas colas de sinaturas con seguidores, concertos sen descanso durante todo o verán, enchedura de estadios en cidades como A Coruña e Vigo e, sobre todo, a creación dun exército de fans xuvenís que as seguen alá onde van.

Sen dúbida, ese é o gran triunfo dentro do país: mobilizar a xuventude (e adultos) cantando en galego. Foron a chama que espertou a candea da nova galeguidade, un concepto que reafirma a nova cultura galega mesturada coa tradición. Mais, alén disto, hai outro éxito sociolingüístico e é que, sen axudas de políticas lingüísticas, conseguiron viralizar o galego nos novos sistema de comunicación. Esta experiencia sitúanos no mapa de Internet, onde o galego non atopaba o seu sitio.

 

Obxectivos

Co desenvolvemento desta unidade didáctica perseguíronse os seguintes obxectivos:

1. Dar a coñecer e respectar a música tradicional galega.

2. Comprender mellor a sociedade actual grazas ao coñecemento e posta en valor do noso acervo cultural.

3. Valorizar a muller como transmisora da cultura tradicional musical galega.

4. Poñer de relevo a importancia da muller como herdeira da cultura tradicional musical galega.

5. Motivar o alumnado e conseguir que, ademais de ser un amante do patrimonio inmaterial galego, chegue a ser partícipe de actividades relacionadas con el.

6. Manter vivos melodías e instrumentos propios da sociedade tradicional galega e intentar que os nosos gustos e tendencias musicais non fagan desaparecer a nosa música, buscando un nexo de unión entre pasado, presente e futuro.

7. Dar a coñecer proxectos musicais actuais vinculados coa tradición e protagonizados por mulleres.

8. Destacar a importancia do idioma galego como lingua preponderante na expresión musical tradicional.

9. Fomentar o uso do idioma galego como elemento diferenciador do noso pobo.

En definitiva, perseguiuse a normalización da lingua partindo de ámbitos de masas e aproveitando a onda social creada polas Tanxugueiras. Lingua, música e sociedade unidas por unha canción.

 

Recursos empregados

Os materiais e os recursos didácticos utilizados serán un dos factores determinantes da práctica educativa. Na selección do material utilizado nesta unidade tivemos en conta que estes sexan de calidade, adecuados á idade do alumnado e aos niveis madurativos de cada grupo.

A continuación citamos os materiais que utilizamos:

  • Fichas de traballo
  • Medios audiovisuais: ordenador con conexión a Internet, altofalantes
  • Encerado dixital
  • Material funxible (lapis, goma, pegamento, cores…)
  • Pandeiro(s), pandeireta(s), cunchas e outros instrumentos

 

 

Descrición da actividade

Con este recurso didáctico pretendemos abordar diferentes partes do currículo, especialmente, da materia de Lingua Galega e Literatura. É unha actividade que afonda ou repasa aspectos básicos, polo que se pode aplicar en calquera curso da ESO e inclusive en primaria, aínda que inicialmente estaba pensada para terceiro da ESO.

No documento podemos atopar distintos exercicios guiados a través da canción «Terra» das Tanxugueiras. Están organizados por bloques de contidos nos que se traballa: funcionamento da lingua (gramática e léxico), sociolingüística e cultura (con música, baile e tradición). Todo isto combinado co emprego de vídeos, redes sociais, entrevistas extraídas de xornais dixitais e audicións, é dicir, o material audiovisual é fundamental para contribuír á normalización da lingua que é o obxectivo primixenio que se pretende lograr. Xa que logo, é unha unidade didáctica interdisciplinaria que ten como escusa un fenómeno social para afondar no valor da lingua, a súa estrutura, a cultura e a idiosincrasia do pobo galego.

Primeira parte

No primeiro bloque de contidos traballamos o vocabulario e a gramática da canción. Cremos que a letra, por decisión popular, foi catalogada como himno e, polo tanto, ha de ser descodificado por todo o alumando. Deste xeito, partimos de exercicios que analizan o vocabulario do texto, o propio título e palabras que explican a realidade galega a golpe de beat combinado con pandeiretas.

 

 

Continuamos con exercicios de gramática que cuestionan o uso conflitivo do pronome persoal átono de segunda persoa singular che/te. Dado que é unha canción, tamén nos permite traballar, asemade, a fonética e a fonoloxía da lingua. Hai unha actividade para abordar o estudo, de xeito práctico, das dúas posibles realizacións do X.

 

 

Así mesmo, tamén hai unha actividade de investigación. O estudo da toponimia permite entender quen somos, onde vivimos e cal é a nosa contorna mediata. Terra e palabra, máis ca nunca, establecen unha relación unívoca. O que buscamos é que dean resposta a que se debe o nome da formación.

Segunda parte

Esta unidade didáctica é un punto de partida importante para que a sociedade consolide as Tanxugueiras como referente galego. Proponse un debate sociolingüístico que parte de distintas entrevistas que as integrantes do trío concederon. Nelas defenden a súa identidade como galegas e fan da lingua o seu estandarte. Todo un exercicio de introspección que mediante algunhas cuestións lle permitirán ao alumnado analizar a súa relación co idioma.

 

 

Con todo, tamén propoñemos actividades enfocadas para crear conciencia arredor da realidade plurilingüe do Estado español. A través dun mapa situamos as linguas minoritarias (e moitas delas, minorizadas) aproveitando o retrouso da súa canción: non hai fronteiras. E, por outra banda, tamén realizamos un achegamento á lusofonía escoitando o tema gañador de Eurovisión «Amar pelos dois» de Salvador Sobral.

Na última parte, música, debullaremos cales son as partes da pandeireta, como se constrúe unha muiñeira e a aprender a bailar unha. Centraremos a actividade na parte máis lúdica e experimental. Ademais, propoñemos partillar todo o filmado nas redes con distintos cancelos.

 

 

Pódese consultar a unidade didáctica en Aulas galegas

 

Metodoloxía

A actividade construtiva do alumnado é o factor decisivo na realización das aprendizaxes escolares. É cada estudante quen modifica e reelabora os seus esquemas de coñecemento. A aprendizaxe dunha lingua é progresiva en espiral, polo que ten que estar enriquecida partindo da propia experiencia, da contorna e do tempo histórico no que vive.

Neste actividade como docentes actuaremos como guías e mediadores para facilitar a construción desa aprendizaxe. O proceso de ensino debe estar presidido pola necesidade de garantir a funcionalidade desas aprendizaxes, que non só son construción de coñecementos senón tamén desenvolvemento de habilidades e estratexias de planificación da propia actividade de aprendizaxe.

Os ensinantes teñen que ter acceso aos elementos e instrumentos básicos da cultura galega e, desde ela, á cultura universal; o sistema educativo ha de lles proporcionar as ferramentas e estratexias que lles permitan desenvolvérense na vida adulta e exerceren os seus dereitos como cidadás e cidadáns. Cómpre romper coa dinámica da aprendizaxe indutiva, entrando noutra máis reflexiva e lúdica, a aprendizaxe interactiva, que lle permita acadar a madureza lingüística propia da etapa.

 

Avaliación

A avaliación da actividade consistiu nunha listaxe de control para que, por parellas ou pequenos grupos cooperativos, supervisasen a realización correcta. Ademais, pedimos partillar a experiencia en redes sociais para contribuír á creación de material en galego en Internet.

Canto á práctica docente foi indispensable facer un exercicio de reflexión logo do éxito da actividade. Foron moitos os centros educativos e o profesorado, así como medios de comunicación, que se puxeron en contacto comigo. Isto amosou un interese inusitado debido ao contido que se axustaba ao momento indicado. A cuestión é por que non hai unha actualización dos materiais a contidos máis mainstream.

Hogano existen bancos de actividades para compartir recursos entre compañeiros de profesión, mais as redes sociais son o novo futuro para achegarse tanto ao alumnado como á vida. Deben sumarse estas ao proceso de ensino-aprendizaxe? Indubidablemente, si.

A realización dun cuestionario posterior amosou que o 80% do alumnado quedara satisfeito porque atoparon contido e respostas en TikTok e Instagram, realidades máis próximas ao seu día a día.

 

Conclusións

Os movementos sociais deben formar parte do ensino. A vida non se pode excluír das aulas. É importante que o alumnado sinta que todo acontecemento histórico pode ser abordado dende as diferentes materias, amosando, deste xeito, a practicidade da aprendizaxe.

Con este traballo observamos varias liñas de traballo que se deben potenciar:

- Atopar e fomentar referentes galegos para a mocidade, especialmente mulleres apoderadas.

- O galego acada os niveis de viralidade precisos cando o traballo é atractivo e, asemade, moderno.

- O sentimento de galeguidade evolucionou e hoxe, para unha gran parte da sociedade, ten un compoñente cultural.

- Hai que traballar na reconstrución da identidade propia.

- A música e as redes sociais son elementos indispensables para seguir estas liñas.

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

Monteagudo H., (2009).Sociedades plurilingües: da identidade á diversidade. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.

Rilo Fraga, X. C. &Bernat Alcaide J.B. (2009).Gaifonía: Música galega. A Coruña: Deputación da Coruña.

Sección: