Galicia en Vilcabamba, o reino perdido dos catro últimos incas

Santiago del Valle Chousa

 

 

Introdución

A participación de fillos de Galicia na conquista e colonización do Perú non foi suficientemente recoñecida, tal como se comproba ao aproximarse a algúns episodios moi importantes no seu tempo, como foi a historia do último reino inca independente en Vilcabamba e o seu dramático final. Alí, tras a conquista do Perú por Francisco Pizarro en 1533 houbo trinta oito anos de guerra e negociacións cos catro últimos incas. Un período turbulento no que algúns apelidos galegos tiveron un papel protagonista: Juan Diez de Betanzos, Diego Rodríguez de Figueroa e Pedro Sarmiento de Gamboa. Os tres desempeñaron papeis importantes na historia de Vilcabamba con vidas novelescas das que ignoramos moitas cousas aínda.

 

Juan de Betanzos, cronista e diplomático

O achado do primeiro exemplar da Crónica y narración de los incas escrita por Juan de Betanzos no século XV, descuberta en 1987 pola historiadora María del Carmen Martín Rubio no arquivo Bartolomeu March en Palma de Mallorca, puxo de actualidade a figura deste cronista fundamental para o coñecemento da historia do imperio inca e da súa conquista. Concluída en 1551, en oitenta e dous capítulos narra a orixe e a historia dos incas coa fidelidade que lle permite recompilar información en fontes máis directas que ningún outro cronista incaico.

Foi o primeiro europeo que dominou o quechua e o seu matrimonio con Angelina Yupanqui deulle acceso ás panacas reais cuzqueñas, os grupos familiares descendentes de incas, as cales conservaban o recordo do imperio inca e das cales conseguiu información de primeira man sobre a historia e cultura dos incas.

A publicación da crónica de Betanzos avanzou no coñecemento do mundo andino anterior á caída do imperio, a súa cronoloxía e rituais, como os sacrificios humanos aos apus na capacocha e tamén achegou novas claves do proceso que lle permitiu a un reducido grupo de españois controlar en pouco tempo a maior parte do inmenso territorio dominado polos incas. O seu dominio do quechua e a súa relación familiar permitíronlle a Betanzos acceder dun modo directo aos testemuños máis valiosos.

Aínda que participou en combates, Juan de Betanzos non destacou no uso das armas, senón no das letras. Entre 1537 e 1542 traballou para os dominicos na elaboración de textos de doutrina cristiá que se perderon. Se se recuperase algún deles podería converter a Betanzos en autor do primeiro texto escrito en quechua. A súa vida cambiou en 1544 cando casou con Angelina Yupanqui, da cal enviuvou sete anos máis tarde. Angelina Yupanqui era o nome cristián da princesa Cuxirimay Ocllo, sobriña e neta de Incas, que era o título dos reis do pobo inca, a cal con só trece anos fora a esposa principal do Inca Atahualpa, a quen acompañaba en Cajamarca cando foi capturado e executado en 1533. Despois uniuse a Francisco Pizarro con quen conviviu ata o asasinato do marqués en 1541, de quen tivo dous dos seus fillos, Francisco e Juan Pizarro.

As relacións familiares e o seu gran coñecemento do quechua permitiulle recoller as informacións máis directas, acceder á intimidade das elites incas cuzqueñas e á súa memoria do imperio desaparecido.

Na última páxina da súa crónica, Betanzos anuncia a súa partida en 1551 como negociador co Inca Sayri Tupac, o segundo reinante en Vilcabamba, para trasladarlle a oferta de perdón total para él e para os seus partidarios por todos os delitos cometidos desde a rebelión de Manco a cambio de que saian en paz do reino de Vilcabamba.

O reino rebelde de Vilcabamba era un pesadelo para a coroa e os seus representantes no Perú desde que Manco, despois de ser proclamado Inca por Francisco Pizarro en decembro de 1533, rebelouse en maio de 1536, cercou os españois en Cuzco e en Lima, estivo a piques de derrotalos e expulsalos. Non o conseguiu e en marzo de 1537 refuxiouse na serra de Vilcabamba para preparar desde alí unha nova rebelión, sempre co obxectivo de expulsar os invasores e reconstruír o imperio dos incas. Ocupaba un pequeno territorio que se estende ao longo dun centenar de quilómetros cara ao oeste de Machu Picchu. Protexido polos profundos canóns dos ríos Apurímac e Vilcanota e por unha serra que reúne máis de vinte cumes que superan os 5000 metros de altitude xunto con profundos vales selváticos.

Pero a súa influencia real estendíase moito máis alá en todas as direccións, polo prestixio do poder dos incas e por unha rede de alianzas con tribos selváticas que reforzaban o seu exército con guerreiros moi hábiles no manexo de arcos e frechas. Era un lugar inaccesible, con montañas sacras visibles desde grandes distancias. Os principais nevados son apus, deidades principais da relixión andina ás que se invoca a distancia. Vilcabamba simbolizaba o poder dos incas e o culto aos apus mantíñao vivo. Proclamaba a vontade de reconstruír o Tahuantinsuyo, ou “imperio das catro partes do mundo”, como unha ameaza permanente para os españois

En 1538 Manco lanzou desde Vilcabamba unha campaña de ataques contra españois, aproveitando que entre eles tamén estaban pelexando. Hernando Pizarro derrotou e executou a Almagro ese mesmo ano; mentres que Gonzalo Pizarro se internou en xuño ata o corazón do territorio de Vilcabamba fustrigando a Manco Inca. Non conseguiu capturalo, sufriu graves perdas e tivo que retirarse.

Os anos seguintes foron moi convulsos no campo español. En xuño de 1541 Francisco Pizarro foi asasinado en Lima por partidarios de Almagro. Abriuse un período de certa anarquía no que os almagristas eran donos da situación. O fillo mestizo do conquistador, Diego de Almagro o Mozo, cando apenas contaba con vinte anos reuniu un exército de cincocentos veteranos e controlou a maior parte do Perú ata que en 1542 o gobernador Vaca de Castro o derrotou en Chupas, tras o que foi executado cos seus principais partidarios en Cuzco.

En 1543 Carlos V promulgou as Leis Novas, que anulaban prerrogativas e dereitos concedidos aos primeiros conquistadores, privando os seus descendentes de dereitos hereditarios sobre cargos e concesións. Tratábase de reafirmar o poder da coroa limitando o dos encomendeiros. E para aplicalas designou vicerrei a un experto militar de carácter moi autoritario, Blasco Núñez Vela, cuxa intransixencia atizou as brasas de descontento e provocou unha rebelión. En outubro de 1544 Gonzalo Pizarro entrou en Lima á fronte dun exército, depuxo o vicerrei e embarcouno con rumbo a España. Núñez Vela reuniu un exército e plantoulles batalla aos rebeldes, pero foi derrotado e executado en 1546.

Carlos V perdera o control dun territorio máis extenso que as súas posesións europeas ata que un novo enviado real máis astuto, un crego coñecido como o Licenciado Lagasca, dilatando negociacións mentres prometía ou concedía cartas de perdón a partidarios de Gonzalo, conseguiu debilitar o seu bando ata que en 1548 lle presentou batalla, o derrotou e o líder dos encomendeiros foi degolado.

Foi un período de extrema debilidade da coroa española en Perú. Pero os incas de Vilcabamba non puideron aproveitalo porque Manco fora asasinado en xaneiro de 1545 no seu palacio en Vitcos por un grupo de sete almagristas fuxitivos aos que acollera. Os asasinos tentaron fuxir, pero foron capturados e as súas cabezas quedaron expostas durante anos.

Trala morte de Manco proclamaron novo Inca ó seu fillo Sayri Tupac, que tiña só dez anos, baixo a rexencia de Atoq Supa. En 1551 o vicerrei Marqués de Cañete enviou unha comisión a Vilcabamba integrada por Juan de Betanzos, o corrixidor Juan Bautista Muñoz e o dominico Melchor de los Reyes para negociar a paz con Sayri . Tras a cal, en 1552, Felipe II envioulle unha carta a o Inca recoñecéndoo como «señor natural das súas terras» e ofrecéndolles perdón. Ainda que interrompeu as negociacións en 1553 outra rebelión de encomendeiros que se prolongou ata a derrota e execución do seu líder Hernández Girón en decembro de 1554.

O vicerrei Andrés Hurtado de Mendoza restableceu os contactos cos incas e, en 1557, enviou unha nova comisión negociadora con Juan de Betanzos e outras persoas para negociar o acordo de paz que foi ratificado polo vicerrei. O inca estaba casado coa súa irmá Cusi-Huarcay, de dezasete anos, e o rei Felipe II escribiulle ao papa Julio III pedíndolle unha dispensa especial que foi concedida.

Sayri Tupac abandonou Vilcabamba cun gran séquito, o 5 de xaneiro de 1558 o vicerrei recibiuno con solemnidade en Lima; e o bispo Juan Solano casou cristiamente coa súa irmá na catedral de Cuzco. Despois instaláronse no val de Yukay para gozar das rendas de grandes posesións recoñecidas nos acordos de paz. Pero ao pouco tempo, en xullo de 1560, morreu de súpeto. Por sospeitas de envelenamento estivo encarcerado durante un ano o curaca de Yukay, Francisco Chilche, líder dos cañaris, firmes aliados dos españois e encarnizados inimigos dos incas que os someteran poucos anos antes con extrema dureza.

 

 

Ante a morte de Sayri Tupac rebelouse o seu irmán Tito Cusi, proclamouse Inca en Vilcabamba e iniciou unha guerra de guerrillas con ataques frecuentes a viaxeiros na ruta entre Cuzco e Ayacucho. Para convencer a Tito Cusi de que a morte do seu irmán Sayri fora natural, o corrixidor do Cusco, Luzgardo Polo de Ondegardo, enviou a Vilcabamba unha delegación presidida por Juan de Betanzos, co mestizo Juan de Pando. Non o conseguiron, Betanzos regresou a Cuzco mentres que Martin Pando foi retido en Vilcabamba como secretario e escribán do inca. Houbo máis contactos, pero sen avances, mentres se sucedían os ataques contra encomendeiros españois e viaxeiros entre Cuzco e Ayacucho.

En 1561 o vicerrei Zúñiga envioulle cartas a Tito Cusi animándoo a negociar. Aínda que o cabido cuzqueño estaba dividido, algúns eran partidarios de iniciar unha guerra. Detectouse naquel tempo un movemento relixioso anticristián chamado «Taki Ongoy» que propugnaba o retorno dos deuses andinos e a expulsión dos españois; e en 1565 produciuse a alarma cando chegaron noticias de que Tito Cusi desde Vilcabamba estaba a preparar un gran alzamento contra os españois con ramificacións en Jauja, Huamanga, Chachapoyas e outros lugares do antigo imperio dos incas. Impuxéronse os partidarios de negociar.

 

Rodríguez de Figueroa nunha negociación arriscada

Reabrir as negociacións co reino de Vilcabamba era difícil e arriscado. A tarefa encomendóuselle ao escribán Diego Rodríguez de Figueroa, co que outro apelido galego ocupou o centro da historia de Vilcabamba. Confesou e comungou en Cuzco o oito de abril antes de poñerse en marcha con grande incerteza sobre cal sería a resposta dos incas fronte á oferta de negociación. Tras superar os 4200 metros de altitude do paso de Panticalla (actualmente coñecido como Abra Málaga), descendeu cara ao val de Amaybamba por un territorio despoboado polas incursións frecuentes dos incas e chegou ao paso de Chaullay preto da confluencia do río Vilcabamba e o Vilcanota. O 11 de abril fixo dúas fogueiras e colocou unha bandeira e unha cruz á espera dun contacto cos incas de Vilcabamba.

O 29 de abril Tito Cusi enviou mensaxeiros que recolleron as cartas do Oidor, Cabido e Audiencia de Lima con propostas de paz e ofertas de perdón. O 6 de maio permitíronlle a Figueroa acceder ao territorio de Vilcabamba cruzando sobre o río Vilcanota cunha oroya, sistema tradicional cunha cesta suspendida dunha corda entre ambas as beiras e dez guerreiros acompañárono. Descansou a primeira noite en Condormarca, seguiu o tambo de Maraniyo e Lucuma (Lucma actual). O 9 de maio chegou a Arancalle e esperou, ata que o inca lle ordenou que se reunise con el o 13 de maio en Pampaconas. Pasara máis dun mes desde a súa saída de Cuzco cando o emisario real se atopou con Tito Cusi, quen se mostrou engalanado con plumas e un gran cortexo de catrocentos guerreiros que incluía moitos selváticos con lanzas, arcos e frechas en actitude ameazante. Ao día seguinte, Martín Pando, como secretario e escribán do inca, leulle as cartas coas propostas de paz que se vinculaban á entrada de frades en Vilcabamba. Tito Cusi aceptou reunirse co oidor Matienzo, enviou trinta dos seus a Cuzco como reféns e retivo a Figueroa ao seu lado durante meses nos que ambos mantiveron múltiples conversacións.

Tito Cusi mostraba unha gran cicatriz na perna pola ferida causada cunha lanza por un dos españois almagristas cando asasinaron o seu pai Manco e mesmo trataron de matalo a el. E xustificaba a rebelión de Manco polos malos tratos que sufrira.

O oidor Matienzo viaxou a Vilcabamba cunha forte escolta formada por vinte españois e cento cincuenta auxiliares andinos todo ben armados; e atopouse con Tito Cusi en Chuquichaca o 18 de xuño. Ofrecéronselle ao inca importantes rendas das concesións que se outorgaron ao seu irmán Sayri Tupac e outras encomendas en terras próximas a Cuzco. O inca aceptou a entrada de frades e a fundación dalgunhas igrexas no seu territorio, pero nunca lles permitiu aos frades acceder á súa capital sacra Hatun Vilcabamba que seguía sendo o gran centro da relixión andina.

O 24 de agosto de 1566 asinouse en Acobamba o acordo de «paz perpetua». Tito Cusi aceptou o bautismo cristián o 28 de agosto de 1568, aínda que aprazou a súa saída de Vilcabamba á espera de que chegase a ratificación real por escrito do acordo de paz no cal se acordaba o matrimonio do seu fillo Quispe Tito de nove anos coa súa curmá Beatriz Clara Coya, de oito anos, filla e herdeira de Sayri Tupac; para o que se requiría unha dispensa papal que solicitou Felipe II ao papa por medio do seu embaixador, explicando que «son fillos de catro irmáns que casaron sendo infieis... e agora convén que casen en feixe e paz da Santa Nai Igrexa» ... Atendendo ao interese político do asunto Urbano VI concedeu a dispensa e Felipe II ratificou o acordo de Acobamba o 2 de xaneiro de 1569.

Pero antes de que chegase a noticia, en abril de 1571 faleceu repentinamente en Pucyura Tito Cusi en estrañas circunstancias; sen que sexa posible saber se foi morte natural ou envelenado por algún dos seus capitáns que se opoñía ao proxecto de paz. O reino de Vilcabamba cortou as súas comunicacións co exterior; foi entronizado como novo rey Inca Tupac Amaru, destruíronse as igrexas en Vilcabamba e frei Diego Ortiz foi asasinado; sen que os españois tivesen noticia destes acontecementos.

O vicerrei Toledo iniciara en outubro de 1570 unha longa viaxe para visitar todos os territorios do vicerreinado, acompañado de Pedro Sarmiento de Gamboa, a quen lle confiou a primeira descrición sistemática de aquel inmenso territorio. Ao seu regreso a Cuzco pediulle ao prior dos dominicos, Gabriel de Oviedo, que lle levase ao inca a ratificación do acordo de paz. O 20 de xullo de 1571 o prior achegouse a Vilcabamba polo sur, enviou mensaxeiros cruzando o río Apurímac e desapareceron ou volveron feridos polo que regresou a Cuzco. O vicerrei redactou unha carta para o inca advertíndoo de que «se non saía a ben os sacaría pola forza das armas» e enviou como mensaxeiro en marzo de 1572 a Atilano Anaya, mordomo dos negocios de Tito Cusi en Cuzco; a pesar do cal o asasinaron a lanzadas cando chegou á fronteira. O vicerrei declarou a guerra a «sangue e lume» e ofreceulle mil pesos de renda á persoa que prendese o inca.

 

Pedro Sarmiento de Gamboa adiantado en Vilcabamba

O 15 de abril partiu desde Cuzco o primeiro destacamento baixo o mando de Pedro Sarmiento de Gamboa, quen cunha pequena tropa de españois e cañaris cruzou o río Vilcanota en Chaullay, penetrou no territorio de Vilcabamba e ocupou o forte de Condormarca.

 

 

En maio partiu de Cuzco o exército composto por douscentos cincuenta españois, cincocentos cañaris e mil cincocentos incas cuzqueños. Avanzaron combatendo baixo o mando de Martín Hurtado de Arbieto, con Pedro Sarmiento de Gamboa como alférez real. O 3 de xuño ocuparon Pampaconas e prepararon desde alí o ataque final a Hatun Vilcabamba, coñecida polos españois como Vilcabamba a Grande, e puxéronse en marcha o 16 de xuño.

O 22 de xuño conquistaron Machu Pucara, a última fortaleza que protexía a capital sacra dos incas e o 23 chegaron a Marcanay cos seus cabalos. Desde alí, durante a noite, viron o resplandor de incendio que ordenara Tupac Amaru. Ao día seguinte, 24 de xuño, os españois entraron en Hatun Vilcabamba ás dez da mañá todos a pé porque o terreo non permitía o uso dos cabalos. Sarmiento de Gamboa portaba o pendón e cravou no medio da praza unha cruz e tomou posesión en nome do rei de España e redactou a acta de ocupación, un documento fundamental para a identificación da capital perdida dos incas.

 

 

O Inca Tupac Amaru foi capturado días despois, conducido a Cuzco e executado na praza de armas, mentres que a súa capital sacra foi pronto abandonada polos españois, cuberta pola selva e esquecida.

 

Sarmiento de Gamboa e a Inquisición

Pedro Sarmiento de Gamboa viaxara a América en 1555 e en México e enseguida tropezou coa Inquisición. Sobriños do bispo de Tlaxala para burlarse dun encomendeiro local pedíronlle que fixese unha estatua que o representaba portando un sambenito coma se fose condenado polo Santo Oficio; institución que non entendía de bromas e condenou a Sarmiento a flaxelación na praza pública. Escarmentado, viaxou despois a Guatemala e chegou ao Perú en 1557.

Ao ano seguinte Felipe II subiu ao trono e nomeou vicerrei do Perú a Diego López de Zúñiga, conde Nieva, quen levaba tres anos de xestión prudente na Coruña como gobernador e capitán xeneral de Galicia. Viaxou ao Perú cun gran séquito deixando en Galicia a súa esposa. O seu mandato en Lima caracterizouse por unha sucesión de festas e aventuras galantes, ata a súa truculenta morte o 19 de febreiro de 1564; a cal se atribuíu a unha malleira que lle propinaron varios encapuchados na rúa Trapitos de Lima cando se descolgaba do balcón dunha señora casada. Alertado da escandalosa vida do vicerrei, Felipe II xa ordenara o seu cesamento e nomeara gobernador e capitán xeneral do vicerreinado o maragato Lope García de Castro, quen chegou pouco despois. Tras comprobar que o asasinato de Nieva salpicaba importantes familias limeñas, suspendeu a investigación para evitar escándalos; aínda que o asunto lle traería moitos problemas ao navegante galego.

Xa recoñecido navegante, erudito en textos clásicos e experto cosmógrafo, Sarmiento propúxolle ao gobernador unha expedición para cruzar o Pacífico cara ao suroeste para descubrir e poboar novas terras. García de Castro aceptou, pero impúxolle como xefe da frota ao seu sobriño de 23 anos, Álvaro de Mendaña Neira, cuxa experiencia mariñeira se reducía á viaxe co seu tío desde Astorga ao Perú. Saíron do porto do Callao o 19 de novembro de 1567 con cento sesenta homes en dous barcos con Sarmiento ao mando da nave capitá e Mendaña como xefe de frota. Aconsellado polo piloto Hernán Gallego, Mendaña non seguiu a ruta proxectada por Sarmiento, que levaría ao descubrimento de Australia. Aínda que atoparon as illas Salomón, a expedición non cumpriu os seus obxectivos e, tras o seu regreso ao Perú, en xullo de 1569, o novo vicerrei pediu contas polo fracaso. Despois do acareo entre ambos Toledo recoñeceu a Sarmiento de Gamboa como descubridor das illas Salomón e, impresionado polos seus coñecementos, reclamou os seus servizos para tarefas complexas e de gran responsabilidade.

Foi a salvación para Sarmiento, quen se atopaba procesado de novo pola Inquisición en relación coa orixe dalgúns obxectos esotéricos atopados na casa do vicerrei conde de Nieva cando foi asasinado. Dous aneis de ouro, con letras e signos que supostamente permitirían proxectar a influencia do planeta Marte sobre a persoa amada, que fabricara Sarmiento para o vicerrei, motivaron a súa condena a desterro perpetuo das Indias por «supersticións, esconxuros e encantamentos». Pero o vicerrei non estaba disposto a perder un colaborador tan valioso, suspendeu a condena e reclamou o servizo de Sarmiento para elaborar unha gran historia dos incas e acompañalo na súa visita xeral ao vicerreinado que o ocupou desde 1570 a 1572.

Tras a guerra e toma de posesión de Hatun Vilcabamba en 1572, o vicerrei Toledo reclamou outra vez os servizos de Sarmiento para someter os chiriguanos que habitaban ao oeste da actual Bolivia, unha longa e infrutuosa campaña na que o propio vicerrei estivo a piques de perder a vida. De regreso a Cuzco en 1575, Sarmiento atopouse de novo convocado pola Inquisición como testemuña no proceso contra frei Francisco de la Cruz, que fora o seu confesor anos antes. De novo lle pediron contas polos aneis fabricados para o conde de Nieva e, acusado de taumaturxia, Sarmiento padeceu o cárcere secreto da Inquisición desde 1575 a 1577. Mentres que o seu antigo confesor frei De la Cruz foi queimado nun auto de fe en Lima o 13 de abril de 1578.

As costas do Pacífico parecían inviolables ata que, tras cruzar o estreito de Magallanes, o corsario británico Francis Drake atacou as costas de Chile e o 13 de febreiro de 1579 o confiado porto peruán do Callao. O vicerrei armou dous barcos para perseguilo e nun deles embarcou Sarmiento, aínda que non conseguiron darlle alcance.

Para evitar novas incursións, Felipe II e o vicerrei Toledo decidiron fortificar o estreito e encargáronlle a tarefa a Sarmiento, quen con dous barcos realizou varios recoñecementos terrestres e a primeira travesía á inversa do estreito de Magallanes e chegou a España en agosto de 1580. Cos seus informes decidiuse colonizar e fortificar o paso do estreito para o que partiu de Sanlúcar de Barrameda en setembro de 1581 unha armada de vinte e tres barcos que entre poboadores, soldados e mariñeiros transportaba tres mil homes. Recoñeceuse a Sarmiento de Gamboa como gobernador e capitán xeneral do Estreito, aínda que o mando da frota se lle outorgou a Diego Flores Valdés. Por naufraxios e unha sucesión de problemas atrasaron a navegación e con só cinco navíos chegaron ao estreito o 21 de febreiro de 1583 para iniciar o poboamento e a construción de fortes. Por unha sucesión de temporais e falta de subministracións os poboadores quedaron illados. Sarmiento viaxou a España para pedir reforzos, pero o 22 de xuño de 1586 preto de Cabo Verde a nave portuguesa que o transportaba foi apresada por tres barcos do corsario inglés Walter Raleigh que o conduciron encadeado ata Inglaterra. Unha vez alí, Sarmiento recibiu mellor trato, foi recoñecido como gran navegante e entrevistouse coa raíña Isabel I falando en latín. Foi liberado a cambio do pagamento de mil escudos en moedas e perlas, co encargo de levar unha proposta de alianza da raíña británica a Felipe II. Ao chegar a Baiona en decembro de 1586, foi apresado por hugonotes franceses que o mantiveron encarcerado en penosas condiciones tres anos máis, ata que o rei Felipe II no verán de 1590 pagou polo seu rescate seis mil escudos e catro corceis.

Dez anos despois da súa partida para o estreito, Sarmiento entrevistouse co rei Felipe II no Escorial. Malia o interese de Sarmiento, a coroa renunciou ao poboamento das terras do estreito de Magallanes. Tres anos antes, en 1587, a expedición inglesa de Tomás de Cavendish atopara unha vintena de homes desfalecidos nun poboado en ruínas cheo de cadáveres.

En 1591 nomeouse a Sarmiento almirante da Frota de Indias coa condición de que do seu soldo se descontaría o diñeiro pagado polo seu rescate. Non deu tempo, porque faleceu navegando preto de Lisboa no verán de 1592 con sesenta anos tras unha vida singular por esforzo e sacrificio.

 

Dúbidas e debates sobre os lugares de nacemento

Antes do Concilio de Trento non eran obrigatorios os libros bautismais, o que complica a determinación dos nacementos; aínda que non hai dúbidas sobre a orixe galega destes tres personaxes.

O apelido de Juan Diez de Betanzos está vinculado á casa dos condes de Andrade na cidade dos cabaleiros; mentres que o apelido da súa nai, Araoz, é de orixe navarra. É evidente a súa orixe brigantina, aínda que non se pode determinar o seu lugar de nacemento. Xa adulto viviu en Valladolid e en Alcalá antes de viaxar a América.

De Diego Rodríguez de Figueroa temos as primeiras noticias cando xa vive no Perú. O seu apelido fai evidente a súa orixe galega, pero non se coñece o seu lugar de nacemento.

O nacemento de Pedro Sarmiento de Gamboa foi obxecto de controversia. Con pai pontevedrés e nai vasca, Filgueira Valverde identificou a súa casa natalicia en Pontevedra; en vida foi coñecido como cabaleiro de Galicia e el mesmo, na relación da súa travesía polo mar do sur, escribiu que naceu en Pontevedra. Tamén é certo que un tempo despois, cando compareceu por terceira vez ante o Santo Oficio, dixo que nacera en Alcalá, o cal podería explicarse porque puidese parecer na época unha orixe menos sospeitosa para alguén acusado de maxia e taumaturxia. Por esta afirmación, algúns autores sosteñen que Sarmiento naceu en Alcalá, pero na miña opinión ten máis credibilidade a declaración de orixe pontevedresa que fai cando escribe con liberdade; e que son moito máis fortes as evidencias que sinalan que Pedro Sarmiento de Gamboa se criou en Pontevedra. .

 

Vilcabamba na actualidade

A descubridora da Crónica de Juan de Betanzos, a historiadora María del Carmen Martín Rubio, atopou anos despois no Arquivo de Indias un documento do século XVI que daba indicacións sobre a localización de Pampaconas, o sitio onde Juan de Betanzos e Rodríguez de Figueroa se entrevistaron co segundo e o terceiro Incas de Vilcabamba; e onde os españois prepararon o ataque final. En 1997 organizamos con ela desde Galicia unha expedición e conseguimos identificar aquel histórico sitio no distrito peruano de Vilcabamba, o cal foi restaurado polo Ministerio de Cultura en 2009.

 

 

Viaxamos despois a Espírito Pampa, un conxunto de restos prehispánicos en zona selvática que identificaran algúns como a capital perdida do último reino inca. Aínda que outros alegaban que non coincidía coas descricións históricas de Hatun Vilcabamba. Cando o explorador Hiram Bingham estivo alí en 1911 e concluíu que aquel lugar facilmente accesible non podía ser Hatun Vilcabamba. Oitenta e seis anos máis tarde comprobamos que Bingham tiña razón cando chegamos a Espírito Pampa dacabalo. A acta de ocupación redactada por Sarmiento de Gamboa e outros documentos históricos confirman que na capital sacra do último inca o terreo non permitía o uso de cabalos. O debate enlazaba cun dos máis románticos misterios da arqueoloxía, a capital sacra perdida dos incas que Hiram Bingham creu atopar en Machu Picchu.

En Pampaconas eu observara un camiño cara ao oeste que ninguén investigara. Ao ano seguinte, a partir de alí comezamos a reconstruír a verdadeira ruta seguida polo exército no seu ataque. Durante case un cuarto de século exploramos aquel territorio ata que conseguimos identificar o verdadeiro emprazamento de Hatun Vilcabamba; nunha zona despoboada, protexida por cataratas e barrancos, a oitenta quilómetros en liña recta de Machu Picchu, á mesma latitude e altitude, con evidentes paralelismos entre ambas as cidades sacras.

A capital perdida dos incas segue aínda cuberta por vexetación de cinco séculos de abandono. Tras as prospeccións realizadas, proxectamos realizar un plan de escavación para poñer á luz a capital perdida dos incas, Hatun Vilcabamba.

 

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

BARROS, José Miguel (2006). Pedro Sarmiento de Gamboa. Avatares de un cabaleiro de Galicia. Santiago de Chile: Editorial Universidad.

MARTIN RUBIO, María del Carmen (2004). Juan de Betanzos. Crónicas y memorias. Madrid: Ediciones Polifemo.

MARTÍN RUBIO, María del Carmen (1998). En el encuentro de dos mundos: Los incas de Vilcabamba. Madrid: Editorial Atlas.

MURÚA, Fray Martín de (2001): Historia General del Perú. Crónicas de América. Madrid: Dastin Historia.

SARMIENTO DE GAMBOA, Pedro (2001). Historia de los incas. Madrid: Ed. Polifemo.

CUSI YUPANQUI, Tito (1992). Instrucción al licenciado Lope García de Castro (1570). Lima: PUCP-Fondo Editorial.

VALLE CHOUSA, Santiago del (2005). Misterio de Vilcabamba. A Couña: Primera Persona.

VALLE CHOUSA, Santiago del (2016). Vilcabamba, el refugio sagrado de los incas. A Coruña: Ediciones del Viento.

 

 

Sección: