Áurega

Asociación de familias de nenos e nenas con altas capacidades, talentos e inquietudes intelectuais

 

1. A asociación

Áurega é unha asociación sen ánimo de lucro de familias de nenos e nenas con altas capacidades, talentos e/ou inquietudes intelectuais.

Naceu a finais do ano 2018, debido ao esforzo dun grupo de familias conscientes da necesidade de lles dar visibilidade ás altas capacidades e da falta de atención e recursos para este colectivo na comarca.

Cremos que existe unha necesidade de información ás familias, desde a sospeita ata a recepción da avaliación dos seus fillos e fillas, e somos conscientes de que é imprescindible o apoio e o asesoramento para entender as especiais características deste grupo e axudar a que os demais (familia, amigos, comunidade educativa e sociedade) os entendan.

Segundo o Informe nacional da educación dos superdotados 2018, existe unha infravaloración das altas capacidades. A pesar de que se estima que aproximadamente o 2 % da poboación podería ter altas capacidades, segundo o citado informe, en Galicia, hoxe en día, só está confirmado un 0,39 %. Por iso, consideramos que é moi importante protocolizar a intervención do servizo de orientación nos centros educativos. Se houbese máis alumnado avaliado, é probable que se normalizase a súa situación na escola e que o profesorado puidese colaborar xunto con orientadores e familias na inclusión deste grupo nos colexios e institutos de educación secundaria.

Pensamos que darlle visibilidade a este tipo de diversidade pode ser útil para acabar con determinados prexuízos, posibilitaría traballar as diferenzas e axudaría os nosos fillos e fillas a aceptarse e a que os acepten. Existe unha elevada porcentaxe de acoso escolar entre estes nenos, así como de fracaso escolar ou baixo rendemento académico. Está demostrado tamén que a detección de nenas de altas capacidades é considerablemente menor que a de nenos. En ÁUREGA tamén queremos fomentar a igualdade e a inclusión das nenas neste colectivo intentando derribar as falsas crenzas e mitos que pesan sobre elas.

Dende Áurega pretendemos ofrecerlles ás familias información e axuda, antes e despois da detección das altas capacidades, así como darlles ferramentas para sentirse útiles na educación dos seus fillos. Todo isto queremos facelo mediante a realización de escolas de familias e con obradoiros especiais que motiven a estes rapaces e rapazas, intentando contar co apoio de especialistas e da comunidade educativa.

Hoxe en día, Áurega está formada por case 100 familias e con máis de 90 nenos e nenas nos obradoiros.

 

2. Fins da asociación

Os fins principais da asociación son os seguintes:

1. Informar, orientar, axudar e acompañar as familias antes, durante e despois do proceso de detección; contribuíndo a crear un sentimento de acción útil entre as familias na educación dos seus fillos.

2. Fomentar e promover a sensibilización do conxunto da sociedade, favorecendo a igualdade de oportunidades e a integración social, e traballar pola eliminación de estereotipos.

3. Crear necesidades de formación e coñecemento entre a sociedade educativa sobre as altas capacidades.

4. Fomentar e animar a detección e diagnóstico para normalizar socialmente esta diversidade, e conseguir un pleno e harmónico desenvolvemento das potencialidades e personalidades.

5. Apoiar o estudo e a investigación científica sobre as altas capacidades intelectuais, o talento e o desenvolvemento intelectual como un ben para a comunidade.

6. Obter fondos que posibiliten actuacións a prol desta asociación e dos seus asociados, tanto de institucións públicas como privadas e/ou persoas físicas e xurídicas.

7. Fomentar a cooperación e alianzas coas administracións públicas e/ou privadas.

 

3. Actividades que promove a asociación

A resposta educativa que se lles dá aos estudantes de alta capacidade no contorno escolar resulta insuficiente, xa que só inclúe as medidas ordinarias de enriquecemento e ampliación curricular, así como a extraordinaria da aceleración que, ademais, na maioría dos casos non se aplican.

A maiores, os pais necesitan ferramentas e mecanismos para sentírense útiles na educación dos seus fillos, xa que xusto despois de obter una avaliación positiva do seu neno a maioría non sabe como debe de actuar con eles.

Por todas estas razón antes descritas, a asociación estrutúrase arredor de:

- Escolas de pais/nais: é importante que as familias atopen un lugar onde resolver todas as dúbidas que van tendo con respecto á educación dos seus fillos con altas capacidades.

- Obradoiros de enriquecemento, tanto intelectual como emocional, para os nenos e nenas. Distintos exemplos destes obradoiros poden ser obradoiros de expresión, nos que se aprende a identificar e expresar os sentimentos; obradoiros de motivación xeral, que teñen por obxectivo o coñecemento e enriquecemento en novos saberes etc.

 

 

Todas estas actividades teñen que estar dirixidas por persoal especialista en altas capacidades, o que supón un custo maior que a organización de calquera outro tipo de obradoiro.

Na actualidade estamos a traballar con distintos profesionais tanto de Galicia como doutras comunidades autónomas cos que desenvolvemos as diferentes actividades:

 

PARA AS FAMILIAS

- Escola de familias

Unha vez ao mes temos un encontro co centro Ayalga de psicoloxía, no que se tratan diferentes tema de inquietude para as familias. Estes encontros están dirixidos por dous grandes profesionais: Félix Ruiz Mahamud e José Luis Pérez, escritores do libro A mí no me parece.

A prioridade destas escolas é que sexan un lugar de encontro para as familias. Trátase todo tipo de cuestións sobre a educación e como solucionar conflitos no ámbito familiar, educando na validación das emocións, sempre partindo dos intereses e inquedanzas que nos fan chegar as familias.

 

 

- Formación para pais/nais

Ceibe é un gabinete psicolóxico dirixido por Alejandro Busto e Olga Carmona. Organizan obradoiros de formación para as familias orientados a facilitar ferramentas e estratexias que faciliten a educación e a crianza dos seus fillos. Esta formación está distribuída en dous niveis diferenciados: curso de iniciación e curso avanzado. A maiores, tamén acoden a charlas e relatorios tanto para familias como para profesionais que están en relación cos nenos de altas capacidades.

 

PARA A COMUNIDADE EDUCATIVA

Realizamos conferencias abertas a todo o público e, en especial, á comunidade educativa, poñendo especial énfase en desterrar os mitos máis comúns que existen sobre os nenos de altas capacidades e intentando dotar os profesionais das ferramentas e coñecementos necesarios para poder levar a cabo un traballo satisfactorio dentro das aulas.

 

 

Actualmente acabamos de asinar un convenio coa Xunta de Galicia para poder achegar esa formación aos mestres, orientadores e demais profesionais.

 

PARA OS NENOS E AS NENAS

- Obradoiros

A prioridade nestes obradoiros é que os nenos encontren un lugar onde sentirse cómodos e poidan ser eles mesmos. Os obradoiros están dirixidos por Gazapo (centro educativo multidisciplinario) e realízanse nas instalacións de apoio ao estudo no campus de Esteiro da UDC. Todos os proxectos e actividades están formados por catro elementos: creatividade, movemento, animación e formación. Isto quere dicir que son divertidos, teñen contidos educativos, fomentan hábitos de vida saudables e favorecen o desenvolvemento cognitivo e psicomotor, ademais do traballo en equipo. Os proxectos levados a cabo polos nenos móstranse ao público no noso evento de fin de curso.

- Andainas

Realizamos cos nenos varias andainas nas que o noso obxectivo principal é fomentar uns hábitos saudables, descubrir a nosa contorna e estreitar lazos entre os nenos e nenas nun contexto máis natural e menos formal do que poden ser as aulas dos obradoiros. Fomentan estas andainas, tamén, un clima de respecto e confianza cos mestres.

 

 

- Campamento

No mes de xullo realizamos unhas xornadas de convivencia para todos os nenos da asociación, independentemente de se acoden ou non aos obradoiros. Unhas xornadas nas que pretendemos fomentar a autonomía e o desenvolvemento de habilidades de actividades cotiás; sempre nun clima lúdico e coa finalidade primeira de crear un espazo de diversión, convivencia e desenvolvemento persoal.

- Evento fin de curso

No mes de xuño levamos a cabo o noso evento de fin de curso. Trátase dunha feira onde os nenos lle mostran ao público en xeral os proxectos que levaron a cabo durante o curso.

Esta feira serve, ademais, como plataforma de visibilización da asociación e do traballo realizado por todos os compoñentes. Acoden a ela moitas familias, profesionais do mundo da educación e autoridades dos distintos concellos e das entidades colaboradoras. Cremos que é unha plataforma moi importante para concienciar e desterrar mitos sobre os nenos de altas capacidades na sociedade, levar a concienciación desta diversidade ás aulas e facer chegar aos organismos competentes as nosas necesidades persoais e colectivas.

 

 

 

 

Sección: