A visibilización do deporte e das manifestacións físico-expresivas femininas no IES Illa de Tambo

Tratouse dunha actividade participativa, gráfica e con soporte de imaxe e son na que se enfatizou a realidade do deporte feminino nunha escala de convivencia propia dun centro de 500 estudantes aproximadamente. Utilizouse unha ferramenta de integración educativa singular e efectiva para apoderar e dar valor engadido de xénero: a discriminación positiva, posto que se solicitou a imaxe de deportistas do noso instituto para que no marco da realización dun vídeo con base musical, as instantáneas das nosas alumnas deportistas sexan vistas e contempladas en positivo por toda a comunidade educativa.

Antonio Novo Carballal
Profesor de Educación Física no IES Illa de Tambo (Marín)
Profesor asociado na Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte na Universidade de Vigo
antonionovo@edu.xunta.gal

 

 

Introdución

A experiencia xorde da observación directa como profesional da educación física das dificultades de xénero que as adolescentes teñen para practicar deporte. Ademais das que existen en toda a poboación estudantil federada como a que apuntan Carballal et al. (2020), Gómez et al. (2018), Perez et al. (2014), entre outros, hai outras razóns que fan que as mozas teñan máis dificultades que os mozos nesas idades.

As dificultades de xénero engádenlles contrariedades ás adolescentes para facer deporte como sinalan De Quel et al. (2010), que priorizan como dificultade da práctica deportiva a falta de tempo.

Outros estudos, como o traballo de Espada-Mateos e Galán (2017), apuntan como barreira máis significativa na práctica deportiva das adolescentes que «teñen peor autoconcepto e motivación sobre a práctica de actividade físico-deportiva» que os mozos das idades da mostra, que son as do alumnado da ESO.

É particularmente interesante o estudo de Muñoz, Rivero e Fondón (2013), que na súa publicación Femenidad hegemónica y limitación en la práctica deportiva fan unha investigación cualitativa mediante entrevistas a mulleres deportistas de distintas disciplinas deportivas. Constataron que algunhas rapazas sufriron  presións mediáticas por moitas cuestións, entre as que destacan que algunha disciplina deportiva lles fomentaba un corpo fóra dos estereotipos femininos e nas súas familias fomentaban o cambio de disciplina deportiva para acadar un corpo «máis feminizado». Homofobia e sexismo apareceron no fondo deste traballo, que fai emerxer unha problemática moi intensa no deporte feminino, sobre todo, no fútbol.

Na cuestión dos estereotipos antes mencionados destaca o traballo de Monforte & Colomer (2019), no que se critica e combate con feitos as desigualdades de xénero que se producen no deporte e se aborda a temática controvertida de cales son os estereotipos sexistas que o alumnado en xeral ten interiorizados e que provoca unha identidade de determinadas disciplinas deportivas como femininas e exclúe outras que non o son, todo isto cun sentido sociocrítico e construtivo.

De especial transcendencia é a temática da discriminación positiva e, neste sentido, cabe apuntar o traballo de Gómez, Alfaro & Vázquez (2018), no que abordan a participación da muller no fútbol en todos os ámbitos —xogadoras, técnicas, árbitras— e abordan a problemática das barreiras que atopan por practicar e ser parte dun deporte estereotipado como masculino e para romper eses problemas formulan medidas concretas de discriminación positiva.

Todos estes traballos afondan na necesidade de exaltar o deporte feminino e esta experiencia educativa que aquí se propón vai na mesma liña.

Fotogramas do vídeo deste proxecto

 

Obxectivos da experiencia educativa

Trátase dun traballo inicialmente prospectivo: en todas as aulas o profesorado de Educación Física do centro recolle con pregunta directa durante as clases da materia a listaxe de alumnas que son practicantes de deporte ou de manifestacións físico-artísticas: danza, baile moderno, danzas acrobáticas etc.

Unha vez feita a listaxe de alumnas, diríxome a elas nos cambios de aula, recreos, horas complementarias de centro e coméntolles as liñas mestras e os obxectivos deste proxecto:

1. Visibilizar a práctica deportivo-artística persoal de cada unha delas.

2. Concienciar das dificultades que supón a práctica deportiva e a súa compatibilización cos estudos, dificultade crecente nos grupos.

3. Utilizar unha imaxe significativa das deportistas que valorice o deporte practicado dun xeito moi rechamante.

4. Procurar a aceptación por parte de toda a comunidade educativa e todos os seus sectores.

5. Crear un vídeo con base musical motivadora onde se vexan as nosas deportistas.

 

Metodoloxía

Como ocorre en moitas institucións académicas e educativas, como é o caso da Universidade de Vigo, trátase de crear un vídeo con base musical motivadora e emotiva que teña unas imaxes impactantes e que son expostas na pantalla no vestíbulo do instituto, no blog de Educación Física, na web do instituto e en todas aquelas canles que sexan posibles para dar a coñecer este traballo.

Os obxectivos operativos deste propósito son os seguintes:

- Fomentar a empatía de toda a comunidade educativa polo deporte feminino en xeral e polas deportistas do noso centro en particular.

- Impulsar a autoestima das nosas deportistas exaltando a través da imaxe o labor e a actividade que desenvolven no día a día.

- Concienciar o profesorado das dificultades que teñen as nosas deportistas para compatibilizar os estudos e as prácticas deportivo-expresivas a través da imaxe e a visibilización.

O procedemento metodolóxico de actuación tivo as seguintes fases:

1. Formulación da pregunta directa dos profesores de Educación Física do centro na clase desta materia onde nos informamos daquelas alumnas de toda a ESO e primeiro de bacharelato que realizan actividade físico-deportiva regrada e federada, ademais das que realizan actividades físico-expresivas. Presentáselles a actividade resaltando os efectos sociais positivos.

2. Na mesma clase realízase unha defensa en positivo do deporte feminino e da necesidade de enfatizalo e apoialo.

3. Explícaselles o proxecto a elas e na aula virtual do centro infórmanse as familias deste e indícase que é necesario que as fotografías que acheguen sexan enviadas a través da mesma aula virtual do centro en formato JPG ou PNG.

4. Unha vez comeza a «recolección» de fotogramas nos que aparecen as nosas alumnas, elaboramos un vídeo.

A elaboración do vídeo

Acceso ao vídeo

En primeiro lugar, asegureime de que as alumnas tivesen asinada na súa matrícula e por parte dos seus representantes legais a cesión e posibilidade do uso das súas imaxes. Aínda non conforme con isto, pregunteille a cada familia, alumna por alumna, se daba autorización remitindo aos termos da actividade que foron colgados na aula virtual do centro.

Para a creación do vídeo, partiuse das fotografías cedidas polas deportistas presentes nel. A dificultade da edición dos fotogramas viña motivada pola súa distinta resolución, tamaño e calidade, posto que cada deportista achegou imaxes que eran diferentes desde estas tres características. Tentouse unificar ao máximo posible este material, así como corrixir a cor e os tamaños, e para iso utilizouse un programa fotográfico de código libre: o Gimp. Para a montaxe final, utilizouse o PowerPoint, creáronse as distintas diapositivas, así como o texto asociado e as transicións. Desde esta última aplicación, xerouse o vídeo resultante, así como a súa presentación.

En canto ao deseño gráfico en si mesmo, este comeza cunha imaxe do centro, o título do proxecto e iníciase o pase dos fotogramas.

En cada compoñente, sobreimpresiónanse o nome e apelidos, o deporte ou actividade practicada e o club deportivo, academia ou ximnasio ao que pertencen cada unha das nosas 34 deportistas.

Ao final, preséntase unha colaxe en dúas imaxes nas que aparecen todas as alumnas homenaxeadas neste proxecto.

No que respecta á parte educativa, evocativa e valorativa, inclúese no final unha frase da activista feminista paquistaní Malala Yousafzai que foi Premio Nobel da Paz en 2014 e que incita a todas as mozas a valorizar as súas achegas: «Debemos dicirlles ás nosas mozas que as súas voces son imprescindibles». O vídeo finalmente é colgado en YouTube e xa dispón de moitas visualizacións e gústames.

A temática musical que acompaña o vídeo é o tema «Terra» do grupo As Tanxugueiras, cuxos acordes resultan motivantes, conmovedores e alentadores dun espírito feminino en positivo. Por suposto, solicitóuselles permiso para a utilización do seu tema musical.

 

Avaliación do proxecto

Para a avaliación deste proxecto elaborouse un formulario no Google Forms no que se soamente se avalía o proxecto por parte da comunidade educativa e, moi especialmente, polas alumnas participantes e polas súas familias.

As cuestións foron respondidas por 31 alumnas das 34 participantes e o formulario que hai que responder inclúe cinco preguntas: catro son de resposta graduada na escala Likert de 1 a 5 desde o «En desacordo» ao «Moi de acordo». Nelas demándase a satisfacción da participación; o valor que perciben desta iniciativa para unha maior e mellor aceptación do deporte feminino; preguntan sobre a calidade do vídeo; a percepción que tiveron as familias e, por último, inclúese unha pregunta que é máis ben unha proposta aberta a contribucións que deben facer para mellorar este proxecto ou xerar a partir del outro proxecto. As estatísticas reflíctense a continuación:

 

No tocante á última pregunta aberta, relativa a que se podía facer para mellorar este proxecto, só contestaron 15 participantes e destacan as seguintes achegas:
- Facer máis vídeos.
- Levar a cabo máis iniciativas coma esta.
- Organizar unha charla cunha deportista de elite.
- Máis fotos.
- Máis participación mixta e feminina en máis deportes.
- Incluír medidas que favorezan o deporte colectivo mixto.

 

Conclusións

Cómpre a realización efectiva de medidas que valoricen o deporte das nosas alumnas e a súa participación en todas as modalidades deportivas que, ata o de agora, se consideraron masculinas. Para iso, no ámbito educativo debemos poñer en marcha iniciativas multidimensionais que incidan todas neste fin. Este traballo pretendeu ser un xermolo de actuacións que deben ter continuidade no noso centro e en calquera outro que teña características similares. As indicacións das nosas entrevistadas serán a base para outras experiencias futuras.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Carballal, A. N., Pereira, M. D. P. M. & Rodríguez, A. F. (2020). Comparativa de resultados académicos de alumnado no federado y federado en distintos tipos de deportes en Galicia. EmásF: revista digital de educación física, (64), 70-79.

Gómez, I. G., Torregrosa, M., Ramis, Y., & Jaenes, J. C. (2018). Remando contracorriente: facilitadores y barreras para compaginar el deporte y los estudios. Revista Andaluza de Medicina del Deporte, 11 (1), 12-17.

Pérez, P. R. Á., Jorge, D. P., Ramallal, M. E. G., & Aguilar, D. L. (2014). La formación universitaria de deportistas de alto nivel: análisis de una compleja relación entre estudios y deporte. Retos: nuevas tendencias en educación física, deporte y recreación, (26), 94-100.

De Quel Pérez, Ó. M., García, E. F., & Miñano, M. J. C. (2010). Percepción de dificultades para la práctica de actividad física en chicas adolescentes y su evolución con la edad. Apunts Educación Física y Deportes, (99), 92-99.

Espada-Mateos, M., & Galán, S. (2017). Evaluación de las barreras para la práctica de actividad física y deportiva en los adolescentes españoles. Revista de Salud Pública, 19, 739-743.

EtxAnIz, I. E. (2005). Autoconcepto físico y satisfacción corporal en mujeres adolescentes según el tipo de deporte practicado. Apunts Educación Física y Deportes, (80), 5-12.

Muñoz González, B., Rivero Jiménez, B., & Fondón Ludeña, A. (2013). Feminidad hegemónica y limitación en la práctica deportiva.

Monforte, J., & Colomer, J. Ú. (2019). ‘Como una chica’: un estudio provocativo sobre estereotipos de género en educación física (‘Like a girl’: a provocative studyongenderstereotypes in physicaleducation). Retos: nuevas tendencias en educación física, deporte y recreación, (36), 74-79.

Gómez López, M. T., Alfaro Gandarillas, E., & Vázquez Gómez, B. (2018). El acceso de las mujeres al deporte profesional: el caso del fútbol. FEMERIS: Revista Multidisciplinar de Estudios de Género, 3 (2), 178-180.

 

 

Sección: