Lectura e familias na biblioteca Xoán Farias

A fórmula definitiva para lograr a participación das familias na biblioteca escolar
O programa Lectura e familias xorde como unha oportunidade para incentivar a realización de actividades orientadas á formación e á participación das familias en experiencias de lectura, pero tamén no eido da alfabetización informacional e mediática, para que así poidan intervir responsablemente con mellores recursos e eficacia na formación dos seus fillos e fillas como persoas lectoras e cidadás usuarias de información na sociedade actual.

Rosa María Grille Riazuelo
Pablo López Cabrera
Kelly Picos Pérez
Rosana Rodiles Lamas
CEIP de Pazos (Ferrol - A Coruña)

 

 

As cousas máis fermosas que lemos debémosllas case sempre a un ser querido [...]

Os libros seguen uníndonos dun xeito misterioso. 

Irene Vallejo – O infinito nun xunco

 

Ao inicio da nosa andaina no PLAMBE, alá polo 2006, grazas ás enquisas pasadas a todos os sectores da comunidade educativa obtivemos un perfil da nosa realidade que nos fixo enfocar o traballo desde a biblioteca escolar na mellora do hábito lector no alumnado, na alfabetización informacional e no emprego dos fondos documentais consciente e ligado ao currículo por parte do profesorado.

Co pasar dos cursos, a nosa realidade foi mudando. Malia ser certo que seguimos tendo unha porcentaxe importante do noso alumnado que vive nun ambiente con carencias no ámbito socioeconómico e cultural, comeza a haber un número crecente de familias que se achega a nós buscando unha atención máis personalizada para os seus fillos e fillas, favorecida pola baixa ratio da que gozan os centros do rural, e cun sentir da escola como un lugar de encontro e de aprendizaxe colaborativa e non tanto como un mero transmisor do coñecemento.

Son familias que en ocasións nin sequera pertencen á zona educativa de influencia do centro, pero que apostan por este facer «diferente». Familias xa cun ambiente sociocultural normalizado, con acceso á cultura por múltiples medios, propios ou públicos, e que veñen atraídas polo proxecto educativo do centro no que a biblioteca escolar xoga un papel fundamental.

O feito de levar 15 cursos dentro do PLAMBE fai que teñamos moito percorrido sobre as prácticas que melloran a competencia lectora do noso alumnado: Hora de Ler, recomendacións lectoras para as familias, elaboración de libros colectivos, actividades de lectura común e dirixida, préstamo regular, acompañamentos lectores, propostas gamificadas de formación de usuarios, programas de Biblioteca Creativa e Digicraft no teu Cole, e máis. Realizamos unha gran cantidade de actividades orientadas ao desenvolvemento de actitudes favorables á lectura e perseguimos a compensación de desigualdades, sociais ou persoais, facendo unha biblioteca cada vez máis inclusiva, na que empregamos cada vez máis a tecnoloxía como ferramenta creativa para a busca e o tratamento eficaz da información.

Polo tanto, nos últimos cursos naceu no corazón do claustro a necesidade de transformación da liña pedagóxica que se quere seguir, que inclúe metodoloxías activas como a aprendizaxe baseada en proxectos (ABP) ou o traballo cooperativo (CA/AC).

Este proceso de transformación apóiase na BE, que deixa de ser un mero centro de recursos para se converter nun espazo de oportunidades de creación e nun laboratorio de experiencias de aprendizaxe no que ninguén queda atrás. As bibliotecas escolares teñen que reformularse como un servizo á comunidade, buscando ademais avanzar cara á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (Axenda 2030). Debemos darlle resposta a esta realidade, adaptando espazos, tempos, metodoloxías... fornecéndolle ao noso alumnado as estratexias que lle permitan desenvolverse de xeito autónomo, aplicando o aprendido,  desde o respecto e a cooperación entre iguais como mecanismo para a convivencia.

As familias son un axente fundamental nesta ecuación e ata o de agora tiñan unha participación testemuñal dentro do noso proxecto lector do centro, con actividades illadas.

Na procura das canles máis axeitadas para integrar a incorporación das familias e do contorno no noso proxecto lector xorde o programa Lectura e familias como unha oportunidade para incentivar a realización de actividades orientadas á formación e á participación das familias en experiencias de lectura, pero tamén no eido da alfabetización informacional e mediática para que poidan intervir responsablemente con mellores recursos e eficacia na formación dos seus fillos e fillas como persoas lectoras e cidadás usuarias de información na sociedade actual, sempre desde o traballo colaborativo dos diferentes axentes: familia, contorno e escola.

Familias na biblioteca Xoán Farias nun obradoiro de ALFIN/AMI a través da robótica

 

En liñas xerais, grazas ao programa Lectura e familias estaremos contribuíndo a:

1. Fomentar a lectura de forma recíproca, creando unha canle bidireccional entre familias e escola, de forma que as familias poidan beneficiarse do proxecto lector do centro e estas contribúan ao seu desenvolvemento.

2. Fomentar o uso do galego na comunidade escolar tanto na lectura como na fala, creando un vínculo emocional coa lingua a través da lectura.

3. Converter a biblioteca escolar nun verdadeiro espazo de oportunidades de creación e de intercambio; un laboratorio de experiencias de aprendizaxe cun enfoque inclusivo, converténdose no lugar arredor do cal xiren actividades orientadas a toda a comunidade educativa, encontros, acceso a dispositivos dixitais, creación de contidos e máis.

4. Propoñer un adecuado uso das novas tecnoloxías como fonte de información, centrándose na selección e na focalización da atención fronte á marea de información que ofrece a rede e as plataformas dixitais. 

5. Buscar estratexias para mellorar a comprensión lectora, facendo da lectura un hábito para mellorar o rendemento académico.

 

O noso proxecto, «CONTO CONTIGO – EsPAZOS para a lectura en familia», xira arredor de tres actuacións diferentes orientadas á consecución dos obxectivos enumerados:

Iniciativas destinadas ao fomento da lectura en galego: 2-3 sesións por grupo.

Realización de sesións de dinamización lectora para as familias a cargo do profesorado do centro unha vez ao mes e por grupos de idade para manter os grupos de convivencia estable. Presentación das novidades dos fondos da biblioteca e suxestións lectoras adaptadas á idade do grupo, preferentemente en galego.

Para os grupos dos máis pequenos da escola, de infantil a segundo de primaria, organizamos as sesións a través de «provocacións» seguindo a pedagoxía Reggio Emilia, sobre experiencias manipulativas vinculándoas a diferentes lecturas sobre unha temática concreta. Así, tivemos unha sesión de luces e sombras, outra sobre arte e libros pop-up e unha terceira sobre bioconstrución nas zonas exteriores do colexio. Con elas quixemos transmitirlles ás familias a dimensión transcendente da lectura, que vai moito máis aló do marco do libro, facendo do asombro un motor de aprendizaxe.

Obradoiro de dinamización lectora a través de libros pop-up, relacionado coa arte

 

Para os grupos dos maiores, de terceiro a sexto de primaria, puxemos en valor a oralidade a través de sesións nas que a palabra tomaba o protagonismo baseándonos nas lendas galegas recollidas da tradición oral cunha coidada escenografía, e tamén cun obradoiro de narración oral no que se amplían as lecturas coa elaboración de podcasts, completando ou reinventado os fragmentos escollidos. Novamente intentamos transmitirlles ás familias que a lectura traspasa os límites do texto escrito, fornecéndolles estratexias para amplialas.

Recreación plástica de lendas galegas, neste caso  A serpe xigante da Pedra Molexa

 

Propostas sobre recursos e uso da información e medios ALFIN/AMI: 2-4 sesións/grupo.

Realización de obradoiros coas familias sobre competencia dixital empregando propostas gamificadas que previamente foran traballadas co alumnado e relacionadas coa alfabetización informacional, creación de contido, navegación segura, resolución de problemas e estratexias de comunicación e colaboración.

Co grupo dos máis pequenos realizamos dous obradoiros: un de robótica, no que experimentar con diferentes robots e as posibilidades educativas que teñen cada un deles, e outro de ciencia, no que a través da metodoloxía IBSE —Inquiry-Based Science Education—, baseada na experimentación e indagación, puideron vivenciar diversos principios científicos de forma divertida. En ambos os  obradoiros as experiencias realizadas estaban relacionadas con diferentes propostas lectoras.

Pode prender unha lámpada led coa enerxía dun limón? Pai e filla colaboran para crear unha batería

 

No caso dos maiores, realizamos unha caza do tesouro con ambientación pirata empregando realidade aumentada e intelixencia artificial a través de diferentes aplicacións; un obradoiro de robótica e programación, no que a través de propostas manipulativas puideron dar os primeiros pasos no pensamento computacional; e un reto construtivo a través da didáctica experimental co sistema Lupo, que fomenta a reflexión e a creatividade individual ademais do traballo en equipo grazas ás dinámicas de construción a grande escala, na que o éxito ou fracaso sempre é colectivo.

Resolvendo unha das probas da caza do tesouro pirata empregando realidade aumentada

 

E propostas destinadas á formación das familias en materia de lectura

Realización de obradoiros coas familias da man de profesionais da palabra, nas que se expoñen estratexias para o fomento da lectura no núcleo familiar poñendo en valor a oralidade neste curso no que «A biblioteca escolar ten a palabra».

Sesión con Paula Carballeira sobre recursos narrativos no bosque de troncos

 

Paula Carballeira ensinounos un montón de recursos narrativos á hora de contar contos. (Vero) Rilo e (Sonsoles) Penadique fixéronnos gozar cunha proposta musicada da tradición oral lusófona, irmandando linguas. Con Damián Alonso melloramos a nosa interpretación dos textos escritos poñendo en xogo unha morea de estratexias narrativas e con Charo Pita vivenciamos a parte emocional das palabras, xogando a abrazalas.

Finalmente, durante o mes de maio e ata finais de curso estaremos a crear un banco colectivo de historias contadas polas nosas familias en formato audiovisual —«Conto contigo»— no que grandes e pequenos contan contos da tradición oral ou lidos, empregando as estratexias aprendidas nestes obradoiros, tanto para a selección como para o emprego dos diferentes recursos interpretativos.

Todo isto podédelo ver a través da canle da Asesoría de Bibliotecas Escolares, xa que fomos convidados a partillar a nosa experiencia nos últimos Encontros PLAMBE.

 Lectura e familias é un proxecto que mobiliza a toda a comunidade educativa. Pon en valor a importancia de unir esforzos dos diferentes sectores implicados nos procesos de ensino-aprendizaxe para lograr persoas lectoras e cidadás usuarias críticas na sociedade actual, creando unha canle a través da que as familias se benefician do proxecto lector do centro e estas contribúen tamén ao seu desenvolvemento. Sen dúbida, Lectura e familias veu para quedar.

 

 

Sección: