O neno Groba e Música

Rogelio Groba, o compositor que sabe recoller o son de Galicia

Fernanda Flores
Directora de proxectos da Fundación Rogelio Groba e da Orquestra de Cámara Galega

 

Introdución

Moitos anos pasaron dende aquel 25 de maio de 1943, día no que un neno de 13 anos debutaba como solista acompañado pola Banda A Unión de Guláns, a banda da súa aldea en Ponteareas.

Ata o día de hoxe, foron escritos infinidade de artigos, centos de traballos académicos sobre múltiples aspectos da súa magna obra e un bo número de libros que recollen non só diversos aspectos do seu labor compositivo, senón tamén da vida do compositor, o mestre Groba. Con todo, ata agora non se publicou nada literario especialmente dirixido ao público infantil. Por ese motivo nace O neno Groba e Música.

Escribir para nenos non é unha tarefa doada nin insignificante, hai moito en xogo e era necesario escoller ben ao autor ou autora. Na Fundación Rogelio Groba tiñamos claro que esta sería a decisión máis difícil, pero tamén sabiamos que escoller a Lidia Fraga para un labor tan sensible e importante era a acertada.

Lidia Fraga é unha guionista audiovisual moi importante no panorama nacional con traballos como as series Hierro, Serramoura, Augaseca, Hospital Real, Padre Casares, Piratas e moitas outras producións que acaban de propiciar o seu salto internacional. Como gran coñecedora do mundo audiovisual, entende ben o ritmo rápido que as novas xeracións demandan á hora de elixir un produto cultural e, ao mesmo tempo, ten a capacidade de transmitir calquera mensaxe cunha enorme sensibilidade, polo tanto, sabiamos que ela era primordial no proxecto que tiñamos entre mans.

Outro dos eixes importantes para levar a cabo unha publicación dirixida aos máis pequenos era a imaxe. Era fundamental atopar unha man capaz de trasladar en debuxos as palabras da escritora dun xeito contemporáneo, atractivo e en perfecta maridaxe co ton do texto. E para isto contamos con Julio Seijas, artista multidisciplinario, quen, como publicista e deseñador gráfico, adoita trasladar á imaxe os diferentes argumentarios dos seus clientes, é dicir, ten a capacidade de sintetizar e traducir a palabra en trazos que conteñan a mesma historia.

 

 

Pero, faltaba o realmente importante. Non é posible falar do mestre Rogelio Groba sen escoitar a súa obra. Así é como un conto ilustrado se converte nun audiolibro narrado por unha das mellores voces do país, o actor Luis Iglesia, quen conta a historia acompañado por unha selección de obras coidadosamente escollidas para que, por unha banda, dean vida ás palabras e ilustracións e, por outra,conformen en si mesmas unha pequena escolma da obra do mestre Groba.

As obras seleccionadas son interpretadas pola Orquestra Sinfónica de Londres (dirixida por Andrew Litton), a Banda Municipal da Coruña (dirixida por Marcel van Bree) e a Orquestra de Cámara Galega baixo a dirección de Rogelio Groba Otero e podemos escoitar concertos como Malleus Animatus ou O xílgaro e o picapao, suites como Intres boleses e Catro bagatelas, música para solo de piano como Un adeus, música de banda como A Estrada ou Praza da Fariña, música para fanfarra como Ignit Coronat Opus, concertos de cámara como Polas rúas de Ponteareas ou Mímesis e sinfonías como a Sinfonieta rococó, entre outras.

Todas están debidamente sinaladas no texto e ao final do libro aparece unha listaxe con información de todas elas.

 

 

Reflexións e pretextos

O libro está cheo de metáforas e simbolismos que acompañan o protagonista durante todo o seu crecemento.

A primeira frauta que tivo nas súas mans o mestre Groba fíxoa el mesmo. En cada burato que perforou naquela cana deixou a pegada do seu talento escondido aínda, quedou marcada a súa vocación, sen coñecela ben de todo.

 

 

Aquela primeira frauta representa a súa pertenza a aquel contorno, as luces e sombras dunha aldea remota, na que a natureza, ás veces doce e outras tantas dura, mostraba cada día e cada estación o mellor de si mesma. Era a súa propia natureza cun talento en forma de semente que precisa do contorno para medrar.

Do mesmo xeito, a primeira batuta feita cun toxo simboliza moito máis do que poida parecer. O feito de utilizar unha rama calquera atopada polos montes leva intrinsecamente toda unha simboloxía que, en certo modo, recolle dun xeito profundamente sensible os versos do gran poeta portugués Fernando Pessoa:

Quando era criança
Viví, sem saber,
Só para hoje ter
Aquela lembrança

 

 

Aquela rama non abandona nunca o mestre Groba ao longo da súa traxectoria. A súa inspiración compositiva ten a mesma raíz afincada na terra que a árbore da que saíu aquela ramiña que tantos soños encheu cando era rapaz.

En certo modo, o mestre Groba nunca deixa de ser aquel rapaz de aldea, absolutamente namorado da natureza e da verdadeira historia galega. A súa obra comprende máis de 700 obras e nela podemos atopar óperas, sinfonías, cantatas, concertos, ballets, suites… convertendo a súa obra no máis importante legado musical que debe ser difundido como patrimonio cultural galego. É responsabilidade de todas as institucións, pero especialmente das educativas, dar a coñecer a vida e obra do mestre Groba. E, sen dúbida ningunha, O neno Groba e Música é unha fermosa ferramenta que lles permite aos docentes achegarlles aos máis pequenos unha parte fundamental do noso patrimonio musical, a través dunha historia chea de maxia e cores, co fondo dunha mensaxe positiva, de superación persoal e busca dos nosos propios logros.

 

 

O neno Groba e Música, tráiler. Coprodución Fundación Rogelio Groba e Centro Dramático Galego. YouTube (1)

(1)Tráiler da produción escénica estreada o 19 de novembro de 2021 en Oleiros como coprodución entre a Fundación Groba e Centro Dramático Galego.

 

 

Sección: