Interactuamos en recantos

Espazos de interacción e aprendizaxe no CEIP Emilia Pardo Bazán da Coruña

M.ª del Mar Santiago Arca, mestra de educación infantil
CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña)
marsantiago@edu.xunta.es

 

Tal como as nubes

que impele o vento,

i agora asombran, i agora alegran

os espasos inmensos do ceo,

así as ideas

loucas que eu teño,

as imaxes de múltiples formas,

de estranas feituras, de cores incertos

agora asombran,

agora acraran

o fondo sin fondo do meu pensamento.

 

Rosalía de Castro. Follas novas, 1880

 

Introdución

Cando as familias lles preguntan aos seus fillos e fillas que fixeron no colexio, a resposta é unánime: «Estivemos nos recantos». «Pero que é un recanto?», pregúntanme nas xuntanzas e titorías. Pola emoción na resposta da rapazada, axiña entenden que non é un lugar onde está almacenado un determinado material ao que acoden xogar cando rematan a ficha. Na nosa clase, un recanto é un espazo de interacción e intercambio de hipóteses entre un grupo reducido de nenos e nenas cuns fins determinados.

Xestiono a miña aula a través dun diálogo entre iguais (nenos e nenas de idade moi similar que crean relacións de amizade e compañeirismo); son as propias criaturas as que comparten as súas experiencias de vida, os seus intereses, aquilo que as emociona, o que as asombra... e, ao facelo, xorden moitas preguntas dos compañeiros e compañeiras que están a escoitar. Non o fan durante unha asemblea, senón en calquera momento ao longo da mañá. Falan e preguntan sobre todo o que está a suceder no noso planeta, por iso, calquera tema de actualidade forma parte dos intercambios da clase.

Pero para que deste diálogo xurdan reflexións interesantes, que lles permitan avanzar no currículo do seu ciclo, ten que ser coherente, ordenado, respectuoso, diverso e que non sexa unha simple memorización do que escoitan na escola, na familia ou en medios de comunicación e é necesario dedicar tempo para aprender a facelo porque non é fácil e precisa de moita práctica. Nós programamos unha sesión semanal para Xogar a Pensar (1), e ocupamos as primeiras xuntanzas en establecer unhas normas básicas para este diálogo, que xorden das dificultades atopadas para facerse entender e interprétanas como as regras que hai que cumprir en calquera xogo cooperativo. Ademais, dialogando non soamente desenvolven as súas habilidades de pensamento (destrezas e procedementos que axudan a pensar de forma autónoma), senón que melloran a súa convivencia e a súa responsabilidade, creando competencias que precisan para vivir.

As máis habituais son:

  • Para falar temos que sentarnos en redondo, para vernos mellor.
  • Para falar hai que levantar a man.
  • Imos falar sen berrar.
  • Cando outra persoa fale, imos estar caladiños e escoitar porque temos orellas; se hai ruído equivocámonos, porque non escoitamos coas orellas.

Normas de diálogo: para falar temos que sentarnos en redondo e levantar a man

 

Para non esquecelas, é importante que estean sempre nun lugar visible da clase e, como aínda non len, quedan aprobadas con fotografías despois de que as interpreten co seu corpo (habilidades de tradución: traducir varias linguaxes entre si). E así comezan a dialogar día a día.

Para min, chega o momento de determinar que tipo de diálogo quero que manteñan en cada proposta formulada, porque non todos son iguais. Aínda que se traballa o pensamento en relación coa linguaxe e co mundo, e sempre axuda a coñecer a importancia da comunicación; poden rematar, por exemplo, producindo un texto similar aos que temos na nosa sociedade ou deixar voar espontaneamente o seu pensamento falando do que lles provoca curiosidade.

Por iso, ás veces reflexionamos sobre a cultura máis próxima ou sobre a afastada, outras, sobre as características de determinados tipos de textos, sobre a natureza da que nos responsabilizamos no colexio (proxecto El jardín de Juanita (2), sobre como xogar, sobre o xeito de actuar da nosa sociedade para solucionar conflitos e chegar a acordos, etc. Fano unhas veces todos/as xuntos/as, como nas sesións de Xogar a Pensar, outras en grupos máis pequenos, como nos recantos; deste xeito as nenas e nenos están sempre aprendendo, grazas ao seu pensamento.

Ben sabemos que as áreas do currículo de educación infantil non se poden potenciar por separado xa que existen interrelacións e conexións entre os diferentes campos do saber, aprendemos ensartando coñecementos novos dentro dos xa adquiridos, e as tres (Coñecemento de si mesmo e autonomía persoal, Coñecemento do contorno e Linguaxes: comunicación e representación) necesitan ser abordadas en toda a súa complexidade. Pero por razóns organizativas, diferenciamos cinco recantos ou espazos dentro da clase polos que pasar ao longo da semana.

 

Tipos de recantos

No primeiro curso do ciclo, son eu a que decido a que recanto vai cadaquén. É un xeito de que se vaian coñecendo e mesturando, xa que van interactuar sempre en grupos variables; na clase non hai sitios fixos nin tampouco o son os compañeiros de recanto. Pero nos dous seguintes elixen libremente atendendo a uns criterios que se van complicando co paso do tempo: que non estivesen outro día, a mesma cantidade de persoas en todos, o mesmo número de nenos e nenas... Así, poden acudir a:

En cada un deles formulo situacións similares ás que teñen lugar no seu contorno máis próximo empregando diferentes tipos de textos (enumerativos, informativos, literarios, expositivos e prescritivos) e alterno tres tipos de propostas que poden realizar dun xeito autónomo (de reflexión, de copia e de produción). Rematan sempre documentando o desenvolvemento do proceso acordado xunto aos compañeiros e compañeiras.

Grazas aos diálogos críticos, creativos e coidadosos que manteñen, non só perciben a realidade, senón que cuestionan como mellorala e, desenvolvendo as súas habilidades de pensamento (3) acordan solucións orixinais para que o paso polos recantos non sexa simplemente un lugar onde xogar, senón tamén onde poder coñecerse a si mesmos/as, aos outros/as e ao mundo que habitan, e a avanzar nos hábitos e normas de diálogo.

Recanto da casiña

 

No recanto da lóxica, analizaron os tíckets das quendas e os prezos nos catálogos, mentres que no recanto da biblioteca escribían a súa lista da compra. Con toda esta información, saen mercar para o seu bebé na tenda do recanto da casiña.

Recanto das construcións

 

Igual que para cruzar o labirinto vexetal do patio do colexio precisaron elaborar un mapa para percorrer todos os camiños sen perderse, no recanto das construcións preparan outras rutas e itinerarios.

Recanto da biblioteca

 

A miña proposta para o proxecto lector da aula consiste na presentación dun mesmo conto para os cinco días da semana. En sexto de educación infantil, pensan outros títulos para o relato e, no recanto da biblioteca, reescriben (como saiban ou poidan, respectando a fase de escritura na que se atopa cadaquén) o do máis votado que acompañan da súa propia ilustración.

Recanto da arte

 

Despois dunha sesión de Xogar a Pensar, na que dialogaban sobre quen son, que poderían estar a facer, pensar ou dicir persoas fotografadas por Isabel Muñoz (habilidades de tradución e formulación: interpretar); no recanto da arte recrean a mesma situación con materiais non estruturados.

Recanto da lóxica

 

E ás veces, despois de solucionar problemas de repartición, utilizan libremente os materiais do recanto da lóxica para buscar as posibles equivalencias a un todo. Por iso tamén é importante que os recursos dos que dispoñen non sexan demasiado pechados, mellor non estruturados, para que dean moitas posibilidades.

Así, unindo pequenas propostas moi diversas que xa practicaron, son capaces de construír un todo que implique actuacións máis complexas nos recantos e ocupar o tempo que pasan neles dun xeito máis organizado. A esta idade, non precisan coñecer o nome do contido sobre o que están reflexionando, simplemente xogan para entender o proceso. Haberá tempo, toda a educación primaria, para lles poñer nome aos conceptos.

Quizais non saiban que están a facer unha división cando lles pido que repartan unha mandarina de xeito que todas as persoas que estean ese día no recanto teñan a mesma cantidade. Nin falta que lles fai; cos recursos dos que dispoñen, independentemente da fase de desenvolvemento na que se atopan, son capaces de realizar unha operación matemática correcta e decidir o xeito de facelo.

Por exemplo, dous grupos, en días diferentes, seguiron o mesmo proceso: pelaron a mandarina, separaron os nove cuarteiróns e comezaron a darlle a cada persoa un deles; había máis, así que deron unha segunda volta ata que quedou un cuarteirón sobrante. Como no recanto estabamos catro persoas (acordaron incluírme a mi tamén), deciden cortalo en catro anacos para que poidamos coller todos/as. Non obstante, empregaron diferentes formas de documentalo:

O primeiro grupo colorea unicamente a cantidade que come cada persoa, xa que é a mesma para todas (imaxe 7). O segundo empregou un texto escrito para explicar o proceso que seguiran: mandarina, oito cuarteiróns enteiros, catro do que estaba cortado, todos (cos nomes escritos ao final da páxina) comemos un pequeno e dous grandes, tres cuarteiróns (imaxe 8).

Repartición dunha mandarina

Repartición dunha mandarina

 

Non obstante, non sempre hai o mesmo número de persoas no recanto. Outros dous grupos nin pensaron que eu podería recibir unha parte. O primeiro foi máis atrevido, eran catro e axiña optaron por coller dous cuarteiróns e ver o que pasaba; como aínda sobraban dous, cortaron en dous anacos cada un (imaxe 9). Para documentalo, colorearon dunha cor a cantidade que come cada persoa xunto ao seu nome. Mentres que no segundo non había cuarteiróns sobrantes (imaxe 10) e colorean todos os que tiñan para repartir.

Recanto dunha mandarina

Recanto dunha mandarina

 

Ás veces o proceso leva un pouco máis de tempo, como cando, cun cuarteirón máis para repartir, o grupo decide darme o sobrante a min (imaxe 11). Pero como así non teriamos todos a mesma cantidade, que era a proposta formulada, víronse na necesidade de cortalo en tres anacos, un para cada un.

Na folla escriben, con números e letras, os cuarteiróns que se comeron da mandarina (coloreada) e poñen os seus nomes ao final para explicar que é o que lle corresponde a cada un deles.

Recanto dunha mandarina

 

Se interpretamos esta información cunha mirada matemática, apreciamos que non só están a realizar divisións exactas, xa que os grupos que precisaron cortar cuarteiróns en anacos están a achegarse a esta operación con números decimais.

Como mestra, eu sempre acompaño estas reflexións para provocar, para facer preguntas abertas e interesantes que permitan distintos puntos de vista sustentados en diferentes argumentos (é tamén unha habilidade que as mestras e mestres temos que aprender), para enfocar miradas, para buscar relacións, para darlles oportunidades de interacción, para estimular intercambios… pero nunca para dar respostas. A miña mirada está sempre centrada nas estratexias que poñen en marcha no desenvolvemento da actividade, nunca no resultado final desta porque non hai unha única produción final, senón tantas como boas argumentacións.

O importante é que interactúen, que se axuden a ir progresando, que compartan os coñecementos que xa teñen ou as estratexias que van construíndo, que entendan o que están a facer e non resolvan dun xeito mecánico.

Cadaquén emprega os recursos dos que dispón atendendo á fase de desenvolvemento na que se atopa, por iso o alumnado con NEAE non precisa de ningunha adaptación das propostas.

 

Conclusión

Este enfoque metodolóxico favorece que non todos fagan o mesmo, nin ao mesmo tempo, nin ao mesmo ritmo, porque as actividades formuladas son abertas e fai da aula o mellor lugar de aprendizaxe mentres:

  • Pensan e falan razoablemente, argumentando as súas afirmacións e desenvolvendo a capacidade de formular preguntas.
  • Valoran as contribucións de todo o grupo.
  • Manexan as distintas fontes de información que nos ofrece a sociedade na que vivimos.

 


(1)  O programa Xogar a Pensar é unha proposta de filosofía para nenos e nenas (FpN) que ten a súa orixe nas ideas do filósofo estadounidense MatthewLipman. O seu obxectivo é dotar as criaturas da capacidade de mellorar o seu pensamento de forma crítica, creativa e ética, reforzando a comprensión. Trabállanse as distintas habilidades de pensamento a través de actividades con contos, xogos e arte, empregando como ferramenta básica a fala. Eu, como mestra,  actúo como condutora e estimuladora do pensamento coas miñas preguntas.

(2) É un proxecto filosófico ambiental, creado por Angélica Sátiro. As súas bases pedagóxicas son as mesmas que as da FpN, buscando que o pensamento dos nenos e nenas vaia acompañado de boas accións cidadás sobre a natureza.

(3) O Proxecto Noria presenta cinco grandes grupos de habilidades de pensamento: habilidades de percepción, habilidades de investigación, habilidades de conceptualización, habilidades de razoamento e habilidades de tradución.

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

Gallego Lázaro, A. Carlos (2005). Repensar el aprendizaje de las matemáticas. Matemáticas para convivir comprendiendo el mundo. Barcelona: Editorial Graó.

Nemirovsky, Myriam (1999). Sobre la enseñanza del lenguaje escrito... y temas aledaños. Barcelona: Editorial Paidós.

Puig, Irene e Sátiro, Angélica (2011). Jugar a pensar con niños y niñas de 4 a 5 años. Barcelona: Editorial Octaedro.

 

 

 

Sección: