As aves, viaxeiras do mundo

Preséntase un ODE para primeiro da ESO na materia de Bioloxía e Xeoloxía elaborado con eXeLearning e App Inventor e presentado en formato SCORM e como aplicación para dispositivos Android. Este material complementa «O océano, a última fronteira» e, coma el, afonda na busca da motivación da aprendizaxe a través do emprego de ferramentas TIC, a gamificación e a introdución dos proxectos científicos de investigación na aula.

Isabel Segura Espinosa, profesora de Bioloxía e Xeoloxía
IES Eduardo Pondal (Ponteceso - A Coruña)
isasegura@edu.xunta.gal

 

 

Contextualización

O traballo docente obriga a unha continua formación e reconsideración da metodoloxía e dos materiais e recursos empregados. A sociedade cambia e con ela o noso alumnado e os seus intereses e motivacións. As novas tecnoloxías son agora unha prolongación de nós mesmos e saír á rúa sen móbil case resulta máis preocupante que facelo sen roupa. Curiosamente, nos centros educativos os mesmos profesores que vivimos unha absoluta dependencia dos móbiles prohibimos o seu uso ou discutimos sobre a necesidade de facer dos centros lugares libres de móbiles. En lugar de negar a situación, igual é preferible asumir o reto que o cambio social e tecnolóxico significa e traballar na busca do equilibrio entre os beneficios e os problemas destas tecnoloxías.

O confinamento veunos atropelar no medio desta polémica mostrándonos as evidentes vantaxes destas novas tecnoloxías e tamén algúns dos retos que nos obrigan a enfrontar. Entre estes últimos, a formación de novos usuarios demostrouse fundamental no confinamento. Os nosos alumnos, nativos dixitais, parecían máis náufragos ca mariñeiros no océano das TIC. Así, este curso mergullámonos na formación de usuarios na primeira avaliación con ilusión e valentía. Un segundo aspecto que se fixo patente nestes meses de traballo confinado foi a necesidade de elaboración de materiais en diferentes formatos para facilitar o acceso de todos os membros da comunidade educativa a uns primeiros pasos guiados e sinxelos que lle permitirán ao profesorado entrar neste novo contexto educativo. Debemos ter tamén en conta neste sentido a irrupción do proxecto Edixgal e o repositorio Abalar, coas oportunidades que estes representan na creación de novos contidos e nunha nova forma de traballar colaborativa na que os materiais elaborados son compartidos con toda a comunidade educativa.

Porén, non esquezamos que as TIC non son un obxectivo en si mesmo senón que son simplemente unha ferramenta máis para acadar os nosos obxectivos, polo que chega o momento de centrarnos no contido.

 

En todas as materias, pero especialmente en Bioloxía e Xeoloxía, resulta fundamental centrar a aprendizaxe na realidade do noso alumnado e evitar explicacións xeneralistas nas que os leóns son exemplos de mamíferos e as sabanas os ecosistemas máis representados. No proxecto que se presenta serán as aves migratorias, visitantes regulares de Galicia, as nosas guías polos contidos de primeiro da ESO, o que favorecerá o coñecemento dos ecosistemas galegos na seguridade de que se protexe o que se coñece. Todas as imaxes e os materiais audioviduais empregados están centrados en Galicia e sempre se buscan exemplos locais para complementar as explicacións.

O último eixe fundamental deste traballo é a introdución dos proxectos de investigación e da gamificación no proceso de ensino-aprendizaxe. As materias STEM debemos asumir un cambio metodolóxico e centrarnos máis no método científico ca nos propios contidos. O negacionismo científico avanza na sociedade da man das redes sociais e do exceso de información. No pasado, a opinión de cada un quedaba reservada ao ámbito privado mentres que o coñecemento establecido se asociaba con claridade a unha serie de fontes: a Enciclopedia Británica, o profesor... Actualmente son as redes sociais as que espallan opinións e poñen ao mesmo nivel todas elas. A formación de persoas con pensamento crítico e coñecedoras do método de traballo en ciencia é imprescindible para loitar contra este relativismo tan nocivo que crece na sociedade e fai medrar teorías como a Terra plana ou a gran nevada de plásticos que tivo lugar en xaneiro en Madrid. Novamente trátase de axudar o noso alumnado a non naufragar no mundo que lle tocou vivir.

A gamificación enfróntase non só a partir de Kahoot, probablemente o recurso máis coñecido para xogos educativos, senón que busca aproveitar as posibilidades de ExeLearning.

 

Recursos empregados

OpenOffice Writer 3.0
App Inventor: ferramenta do MIT para producir aplicacións para dispositivos Android. Permite programar por bloques.
GIMP: programa gratuíto para modificación de imaxes.
Balabolka: programa para converter texto a voz. Descárgase no escritorio e permite converter texto en audio reproducido en varios idiomas. Por agora e por desgraza o galego non é unha opción. Tamén podemos modular a voz e modificar, por exemplo, a velocidade.
YouTube: aloxamento web para vídeos.

Arquivos compartidos. Neste traballo empréganse:
Drive: aloxamento web para arquivos compartidos.
Páxina web do centro (Drupal): pode empregarse como alonxamento de arquivos compartidos e evítase o uso de ferramentas non corporativas.
Audacity: programa para edición de audio.
eXeLearning: ferramenta para producir materiais en varios formatos. A principal vantaxe deste recurso é que permite modificar materiais realizados neste formato para personalizalos antes de empregalos na clase. A exportación pode realizarse en HTML como sitio web ou para imprimir, así como en formato SCORM ou IMS.
Kahoot.com: ferramenta en liña para elaborar cuestionarios. Podemos elaborar as nosas propias probas ou empregar ou modificar algunhas das xa existentes.
ThingLink
: ferramenta gratuíta para crear vídeos e imaxes interactivas. 
Bancos de imaxes: sempre respectando os dereitos de autor, as imaxes incluídas no recurso proceden de numerosas fontes: repositorio propio, Pxhere, Pixabay, NASA, USGS, NOA... É interesante resaltar que as institucións federais de investigación dos Estados Unidos manteñen unha política de cesión de dereitos de imaxe.
SIX: os sistemas de información xeográfica son ferramentas que almacenan información cunha referencia espacial. 
Simuladores PhetColorado: simuladores para realizar experimentación. Esta ferramenta está en inglés, polo que axuda a traballar de forma interdisciplinar.
EpiCollet5: plataforma gratuíta que permite programar de forma sinxela aplicacións para recollida de datos.
Go Lab (Global Online Science Labs for Inquiry Learning at School): é un proxecto financiado pola Unión Europea que pon á disposición de alumnado e profesorado gran cantidade de laboratorios virtuais en moitos idiomas. Tamén permite modificar e facer propios os laboratorios: traducir, modificar a estrutura...
Zooniverse: plataforma que inclúe numerosos proxectos de ciencia cidadá. Novamente temos os proxectos en inglés. 
SciStarter: espazo de ciencia cidadá que permite colaborar con moitos proxectos. Novamente un espazo en inglés. É importante facer fincapé co alumnado en que o inglés é a lingua da ciencia e, polo tanto, é importante ir adquirindo competencia nesta lingua.

No repositorio Abalar, dentro do proxecto, descríbense brevemente todas estas ferramentas.

 

Descrición da actividade

O recurso emprega as aves migratorias como eixe condutor á hora de tratar contidos tan diversos como os referidos á astronomía ou á atmosfera. O presente proxecto deséñase coa intención de completar o traballo «O océano, a última fronteira» e presentarase, polo tanto, nos mesmos dous formatos:

1. Formato SCORM ou ELP. Pode ser importado á aula virtual do centro ou a Edixgal, polo que permite traballar sen tabletas nin conexión wifi. Para empregar este formato, só teremos que descargar o paquete do recurso desde o repositorio Abalar no noso ordenador, abrir o noso curso na aula virtual e importar o arquivo no noso curso. Tamén se presenta o arquivo editable en eXeLearning, de forma que podemos personalizar o material. Esta opción é importantísima á hora de traballar a diversidade do alumnado.

2. Tamén se presenta como aplicación dispoñible no Playstore. (As aves, viaxeiras do mundo) Esta aplicación foi elaborada con App Inventor polo que só está dispoñible para dispositivos Android. O motivo de non empregar outras aplicacións multiplataforma como Thunkable, por exemplo, é que se busca a máxima facilidade no deseño para que tanto alumnado como profesorado se sinta cómodo no contorno de programación. App Inventor resulta moi sinxelo de empregar, Thunkable presenta algúns problemas: límite de pantallas na versión gratuíta, dificultades co emulador... Por outra banda, tamén debemos pensar que Apple non facilita demasiado a posibilidade de publicar as nosas aplicacións no seu repositorio. Mentres en Playstore basta un único pagamento para ser desenvolvedor na plataforma, en Appstore é preciso un pagamento anual e, aínda así, pagar non asegura que a aplicación se publique posto que debe cumprir unha serie de condicións moi específicas e sempre reservan para si a posibilidade de non publicar unha aplicación. Tendo en conta que a idea é que nos acheguemos ao mundo da programación e da difusión de aplicacións, centrarnos en Android foi a decisión máis razoable. En calquera caso, sempre poderemos empregar o arquivo de App Inventor para crear unha aplicación en Thunkable.

Ambas as presentacións son completamente independentes e non están deseñadas para que se poidan empregar conxuntamente, así que que deberemos elixir entre un formato ou outro.

O ODE consta dos seguintes apartados nos que se traballan distintos aspectos:

- As aves, prodixios da natureza: breve introdución ás aves e ás migracións que realizan. Aproveitando o estudo das aves, repasamos os conceptos de biodiversidade e clasificación dos seres vivos, así como a súa importancia.

- Entre o ceo, a auga e a terra: estudo dos factores que afectan as rutas migratorias das aves:

- Surcando o ceo. A atmosfera: características e dinámica: préstase especial atención ao tempo atmosférico. Tamén inclúe un apartado que desenvolve as principais agresións humanas á atmosfera.

- Co compás na cabeza: estudo da Terra desde a perspectiva xeolóxica. Partindo do magnetismo terrestre, analízase a estrutura da Terra, a súa composición, minerais e rochas, minería e recursos enerxéticos.

- Guiados polas estrelas: estudo da astronomía: o Universo, o Sistema Solar, o Sol, a Terra e a Lúa e as misións espaciais. Incorpora unha breve guía para a observación do ceo nocturno.

- Camiños de vento e auga: análise das augas doces e das zonas húmidas como ecosistema fundamental para o mantemento da biodiversidade. Inclúe o estudo da agresións ás augas continentais.

- Facendo a ciencia: proposta de proxectos de investigación sinxelos: control de variables, recollida de información, elaboración de informes e conclusións. Neste apartado inclúense propostas de traballo en ciencia cidadá ao mesmo tempo que se promove a produción por parte do alumnado dos seus propios proxectos científicos, incluídas propostas de ciencia cidadá propias empregando ferramentas sinxelas como EpiCollet ou App Inventor.

- Os científicos do ceo e a terra: proposta de investigación sobre algúns dos científicos máis relevantes na investigación da atmosfera ou da astronomía: Jocelyn Bell, Gaspar-Gustave Coriolis... Traballaremos neste apartado a busca de información no océano de Internet intentando evitar a que o nosos alumnos, nativos dixitais, se convertan en náufragos na información.

- Voando sobre a literatura: literatura de divulgación científica, novela, artigos científicos... A comprensión lectora resulta fundamental para o desenvolvemento integral do alumnado e as materias de ciencias non debemos volverlle as costas ao seu desenvolvemento. Nesta ocasión proporémoslle ao alumnado unha serie de lecturas adaptadas á súa idade para que as comenten e recomenden.

- Distintas miradas aos ceos: materiais para atender a diversidade na aula.

Preséntanse ferramentas para atender a diversidade na aula organizada nos seguintes apartados:

  • Corvos, miñatos e paxaros: repaso da biodiversidade e a súa importancia
  • Flotando no ar: a atmosfera e a súa dinámica. Inclúe un apartado sobre as agresións humanas á atmosfera.
  • Cos pés na terra: espazo referido á xeoloxía. Composición e estrutura da Terra, así como unha introdución á minería e aos recursos enerxéticos.
  • Un paseo polas estrela: o espazo e a súa investigación. Reserva un espazo especial á Terra no Universo
  • Ríos, fontes e regatos: os biomas de auga doce.
  • Bibliografía

 

Metodoloxía

Trátase dun traballo deseñado para ser desenvolvido ao longo de todo o curso dunha forma autónoma e paralela ao resto dos contidos da materia. Na unidade, o profesor será fundamentalmente un colaborador nun proceso de aprendizaxe abordado desde distintas perspectivas para favorecer a implicación do alumnado.

A proposta metodolóxica realízase pensando en organizar os rapaces en grupos heteroxéneos que permitan retroalimentación no proceso de aprendizaxe. En calquera caso, tamén se propoñen actividades para realizar de forma individual.

Tendo en conta que presentamos a unidade como unha aplicación, darémoslle moita importancia ao intercambio de información, traballo... mediante os recursos corporativos e da web 2.0

Para alumnado con necesidades educativas especiais inclúese un apartado específico, «Distintas miradas ao ceo», no que os contidos se organizan dunha forma máis práctica e interactiva. O material está deseñado para alumnos e alumnas con necesidades especiais que non precisen unha adaptación significativa que afecte a contidos e estándares de aprendizaxe facendo fincapé na motivación, unha das materias pendentes da atención á diversidade.

Un aspecto moi interesante da proposta didáctica é que inclúe nos distintos apartados material de audio que facilita a súa utilización por parte de alumnos e alumnas con déficit visual. Os materiais permiten ampliar o tamaño de letra e de imaxe sen dificultade, polo que a inclusión de audioguías facilita moito máis a integración do alumnado con discapacidade visual no curso normal da clase. Recoméndase combinar os formatos de texto e audio para completar o traballo con estes alumnado. (O peso das audioguías é importante polo que tardará un pouco en descargar e ocupará espazo na memoria).

 

Avaliación

Unha proposta didáctica como esta esixe unha metodoloxía didáctica e unha avaliación adecuadas.

Ao longo da unidade propóñense múltiples actividades de clase que poderán ser avaliadas mediante listas de cotexo. (Non se realizan propostas de peso para os distintos apartados da avaliación xa que é unha cuestión moi persoal e dependerá do programado por cada docente.)

As lecturas tamén poderán incluírse na avaliación mediante un anecdotario ou presentacións públicas.

Realizar un glosario pode ser fundamental na avaliación xa que é un instrumento de aprendizaxe de enorme importancia.

Proponse tamén unha actividade de avaliación centrada no exercicio da divulgación científica. O alumnado, organizado en grupos, introducirá entradas no blog da materia segundo as instrucións propostas no recurso:

Cada grupo presentará cinco cuestións sobre cada un dos apartados da materia estudada.

Con cada pregunta realizarán unha entrada no blog da materia.
Proponse unha rúbrica para avaliar a actividade.

A avaliación debe considerarse en todo caso como un proceso aberto susceptible de retroalimentación. Para realizar un seguimento do proceso de avaliación poden empregarse medidas como:

  • Análise das dificultades atopadas no desenvolvemento das unidades.
  • Discusión na clase co alumnado sobre cada un dos bloques traballados.
  • Elaboración de cuestionarios de retroalimentación.

Evidentemente esta necesidade de retroalimentación tamén é imprescindible no actual deseño, polo que se agradece o envío das conclusións da retroacción para valorar a posibilidade de realizar cambios no presente proxecto.

Dispoñibilidade.
A aplicación «As aves, viaxeiras do mundo» pódese descargar no Google Play.

O paquete SCORM está dispoñible no repositorio abalar.

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

  • Lacroux, J. e Legrand, C. (2007). Descubrir la luna. Más de 300 localizaciones lunares. Barcelona: Larousse.

  • Heifetz, M. e Tirion, W. (1998). Un paseo por las estrellas. Madrid: Cambridge Universiti Press.

  • Vecchione, G. (2002). Experimentos sencillos sobre el cielo y la Tierra. Barcelona: Sterling Publishing.

  • Perrins, C. (1987). Aves de España y de Europa. Barcelona: Omega.

  • García, D. (2018). ¡Que se le van las vitaminas! Mitos y secretos que solo la ciencia puede resolver. Barcelona: Paidós.

  • García, D. (2016). Todo es cuestión de química. Barcelona: Paidós.

  • Jou, D. e Baig, M. (1993). La naturaleza y el paisaje. Barcelona: Arien Ciencia.

  • Campo, R. (2006). Los ovnis ¡Vaya timo! Pamplona: Laetoli.

  • Martínez, A. e Martínez, L. (2018). Papá, ¿dónde se enchufa el Sol? Crítica.

  • Kaid-Salah, S. e Altarriba, E. (2017). Mi primer libro de física cuántica. Editorial Juventud.