De Galicia a Canadá

Programa Piale: unha experiencia única para os docentes galegos
Durante o primeiro trimestre do curso escolar 2019/20, 80 mestres e mestras de Galicia gozamos dunha estadía de catro semanas con acollemento familiar en Ottawa, capital do Canadá, co obxectivo de mellorar a nosa competencia lingüística en linguas estranxeiras e as nosas habilidades docentes, empapándonos das metodoloxías dun país que posúe un dos mellores sistemas educativos do mundo.

Rocío Santos Romero
CEP Plurilingüe de Ventín (Ames- A Coruña)

 

 

O Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE) é un programa que pon en marcha a Consellería de Educación cada ano co obxectivo de mellorar a competencia lingüística e comunicativa do profesorado galego en distintas linguas estranxeiras, realizar unha inmersión cultural, e coñecer de primeira man algúns dos sistemas educativos de máis éxito do mundo para poder mellorar as nosas capacidades como docentes e introducir aqueles aspectos máis destacables e transferibles no noso sistema educativo.

No programa pódense diferenciar tres modalidades: a primeira consiste na inmersión durante un mes no Canadá, Francia ou Portugal, asistindo a un centro educativo asignado e convivindo cunha familia nativa do país.A segunda consiste nun curso de inglés, francés, alemán ou portugués durante dúas semanas nun país estranxeiro. E a terceira trátase dunha semana de curso en Galicia, en réxime de internado, para conseguir a inmersión na lingua obxecto de estudo.

 

Funcionamento do programa e organización da viaxe

O programa PIALE lévase a cabo desde hai varios anos e a organización da inmersión no Canadá foi levada a cabo neste curso escolar, así como nalgún dos anos anteriores, pola empresa RedLeaf. Trátase dunha empresa con ampla bagaxe na organización de cursos de inglés no Canadá, a cal posúe sede en Madrid e en Toronto.

O contacto con RedLeaf comeza unhas semanas antes da viaxe, nunha reuniónde todo o grupo de participantes coa coordinadora de RedLeaf en España e coa coordinadora de PIALEda Consellería onde se explica información de interese e se aclaran dúbidas. Posteriormente, encárganse de enviar toda a documentación, indicacións e recomendacións necesarias ás persoas participantes antes da viaxe. Acompañan os mestresen parte da viaxe de ida e interésanse en todo momento por como se vai desenvolvendo e, ademais, son as persoas de referencia que se teñen no Canadá para calquera tipo de problema que nos poida xurdir durante o mes de estancia. Á parte do labor de coidado do grupo, os primeiros días en Ottawa,RedLeaf imparte durante dúas xornadas lectivas unhas sesións para o coñecemento da cidade e do país, da súa cultura e historia, sistema educativo, así como a explicación do calendario durante a nosa estancia e información de datos de contacto. Ademais diso, cabe destacar tamén que os coordinadores do programa no Canadá participan nas actividades programadas en grupo a longo do mes, polo cal, o trato entre os participantes e o persoal de RedLeafacaba sendo moi estreito e de confianza.

 

Sistema educativo e centro asignado

Os centros educativos que lles asignan ás persoas participantes do PIALE son elixidos respectando a etapa educativa na que ensina cada mestre en Galicia e coa intención de que entre o centro de ensinanza e a vivenda na que se aloxa non haxa unha distancia que supoña máis de 45 minutos en medios de transporte. Débese ter en conta que O Canadá é o segundo país máis grande do mundo, cunha superficie de9 984 670 km2, e contén unha poboación menor ca España —aproximadamente 37 millóns de habitantes—, polo cal as distancias en Canadá sempre son maiores. O feito de coller distintos medios de transporte para ir ao centro de traballo é algo habitual.

Eu fun acollida no Queen Elizabeth Public School, onde se imparten as ensinanzas de educación infantil, primaria e primeira metade da secundaria a 348 estudantes cun claustro de 43 mestres.

Durante o mes de estancia en Ottawa, un dos mestres do centro educativo fai de titor ou titora do mestre español. No meu caso, a mestra MichelleWright foi a miña guía, introducíndome nas súas clases, mostrándome a súa metodoloxía, resolvendo as miñas dúbidas e tamén facéndome partícipe no desenvolvemento da clase.

 

 

Polo xeral, os centros están informados da chegada do mestre de acollida e todo o claustro se mostra interesado por coñecernos, falar connosco, preguntarnos sobre o noso país de orixe e centro de traballo, e convídannos ás súas aulas para que coñezamos tamén o seu día a día e a metodoloxía empregada. Debido a iso, Red Leaf recomenda preparar unha pequena presentación para mostrarlles ao claustro e aos grupos de alumnos que o desexen falándolles sobre o noso país, sobre Galicia e o noso centro de ensinanza. No meu caso, esta difusión da cultura galega dirixiuse basicamente aos distintos grupos de alumnos, desde infantil ata secundaria, os cales se mostraron moi interesados e abraiados coa nosa xeografía, a lingua española e galega, así como cos deportistas españois, especialmente os futbolistas.

Un mes no Canadá participando na vida dun centro educativo é un tempo suficiente para poder coñecer e vivir o sistema educativo canadense. É inevitable realizar comparacións co noso sistema de ensinanza e unha das tarefas encargadas pola Consellería é aprender novas metodoloxías aplicables ao noso sistema educativo e informar sobre elas nunha avaliación e proposta didáctica final.

No Canadá non existe un sistema nacional de educación senón que as competencias en materia educativa están transferidas a cada unha das dez provincias que compoñen o país. Ottawa pertence á provincia de Ontario, polo que puidemos aprender sobre o sistema educativo desa provincia.

O niveis educativos están distribuídos en etapa de preescolar, de 0 a 6 anos (non obrigatoria), etapa elemental, de 6 a 11 anos (que engloba de grao 1 a grao 6), e etapa secundaria, que está dividida en JuniorHighSchool(de 12 a 14 anos, graos 7 a 9) e Senior High School(de 15 a 18 anos, graos 10 a 12).

O curso escolar en Ontario é de carácter semestral, polo que teñen o curso dividido en dous semestres nos que traballan catro materias distintas en cada un deles, oito en total; ademais da materia de Inglés como Segunda Lingua,a cal se imparte durante todo o curso para alumnado procedente doutros países con descoñecemento das linguas oficiais canadenses: inglés e francés.

Existen catro tipos de centros educativos para a ensinanza da educación primaria e secundaria: colexio público inglés e francés, e colexio relixioso inglés e francés. Os colexios relixiosos son o equivalente dos colexios privados e concertados que coñecemos. E todos os centros da provincia deben traballar o mesmo currículo.

Polo xeral, todos os centros educativos canadenses posúen moito espazo interior e exterior, co que gozan da posibilidade de ter aulas e espazos para todas as actividades e grupos imaxinables. O Queen Elizabeth Public School conta cunha aula braille, aula de Inglés como Segunda Lingua, aula de autismo, aula de educación especial, dous comedores, aula de Literatura e Cálculo, aula de Artes Visuais e Teatro, unha ampla biblioteca (cuxa xestora é persoal externo ao centro, non é docente), dous ximnasios ou un amplo patio de recreo, no cal os mestresfan garda con chalecos reflectores para poder ser vistos na distancia.

Todos os docentes, ao igual ca en España, fan quendas para realizar vixilancias durante as entradas, saídas e recreos. Non obstante, durante o resto do horario lectivo, todos os mestres imparten todas as materias recollidas no currículo, incluídas Educación Física e Música.

O tempo lectivo diario ten unha duración de 6 horas e media, distribuído en cinco sesións dunha hora e dous períodos nutricionais (ou recreo) de 45 minutos. Durante os períodos nutricionais, que comezan ás 11:00 e ás 14:45, o alumnado, antes de ir xogar, acode aos comedores, sempre vixiados por docentes, onde comen o lunch que levan preparado da casa. Unha cousa que resulta curiosa para os mestres españois é que, polo xeral, no descanso das once da mañá, tanto alumnado como profesorado comen a súa comida máis copiosa, que pode ser un prato de pasta, filetes, sopa ou pizza, entre outros. E no descanso das 14:45 adoitan comer un snack.

No referente á distribución do alumnado nas aulas, no caso de que haxa unha gran diferenza no número de alumnos entre distintos niveis, créanse grupos mixtos nos que pode haber nenos e nenas de dous niveis consecutivos distintos. E dependendo dos contidos, unhas veces traballan xuntos e outras veces de forma independente.

 

Alumnado inmigrante

O Canadá é un país coñecido pola súa multiculturalidade e o seu grande espírito acolledor. O 90% do alumnado nos centros educativos públicos son nenos e nenas de familias desfavorecidas, inmigrantes e refuxiados de guerra, moitos dos cales proveñen de Siria. Xa que logo, cóntase cunha gran cantidade de alumnado de distintas nacionalidades. No Queen Elizabeth Public School fálanse 38 linguas distintas, á parte do inglés e do francés.

Actualmente, os centros educativos realizan un gran labor de integración dese colectivo na sociedade canadense. Unha das medidas levadas a cabo para traballar cos alumnos chegados doutros países que non dominan o inglés son os grupos de Inglés como Segunda Lingua (English as a Second Language, ESL) nos que alumnado de diferentes idades acode unha vez á semana para recibir unha ensinanza específica acorde coas súas necesidades.

Cando un alumno ou alumna chega desde outro país e non domina as linguas oficiais do Canadá, é atendido nun primeiro momento nun centro especial onde os profesionais se entrevistan cos pais do neno e avalían o neno para coñecer as súas características e o seu nivel de competencia curricular. Tras a entrevista, realízase un informe que é remitido ao centro educativo no que o alumno se matricula e, con esa información, o titordeseña a estratexia educativa que cómpre levar a cabo co cativo.O alumno é sempre incorporado ao nivel correspondente por idade. No caso de que a súa competencia curricular sexa inferior ao nivel no que está matriculado, o titor é o encargado de levar a cabo unha intervención adecuada ao longo de toda a etapa educativa para que o alumno alcance a competencia curricular que lle corresponde. No caso de que o alumno chegue sen coñecemento das linguas oficiais e sen ningún nivel de competencia curricular debido a que nunca estivo escolarizado, este é incorporado a un grupo de Desenvolvemento da Lingua Inglesa (English Language Development, ELD) nun centro específico con grupos de 8-10 alumnos/as por grupo para acelerar o proceso de adquisición da lingua e da competencia curricular.

 

 

Tratamento das linguas

No referente ás linguas, un aspecto de grande interese para os mestres visitantes galegos é o tratamento do bilingüismo inglés-francés no sistema educativo canadense. O tempo lectivo non é repartido de forma equitativa entre as dúas linguas para unha aprendizaxe simultánea. Os centros ofertan diferentes reparticións do tempo lectivo para o estudo das linguas oficiais. No colexio Queen Elizabeth realízase unha inmersión total en inglés ata o grao 4 (9 anos aproximadamente) cunha clase de 40 minutos de francés ao día. E a partir do grao 5 é unha inmersión total en francés con 40 minutos diarios en inglés.

Por outra banda, O Canadá, que ten numerosos habitantes descendentes dosindíxenas dos territorios do Norte, recoñece un gran número de linguas indíxenas e actualmente lévanse a cabo distintas estratexias de recuperación das linguas nativas do país, como son a impartición da materia optativa de Linguas Indíxenas, ou a visita e charla semanal dun membro dunha asociación de recuperación da cultura indíxena.

Ademais, o sistema educativo da provincia de Ontario recoñece a importancia da aprendizaxe das linguas maternas de todo o alumnado polo que aproximadamente 8 000 estudantes se benefician da ensinanza de 40 linguas distintas os sábados pola mañá nos centros educativos de carácter público.

 

Clase de cultura indíxena

 

A vida nas aulas

En canto ao día a día no colexio Queen Elizabeth, ao igual ca no resto de centros da provincia, a xornada comeza co himno do Canadá soando por megafonía, o cal, alumnado e profesorado, escoitan inmóbiles como símbolo de unión entre todos eles. Tras iso, todos cambian as botas e a roupa de neve, que gardan nos armarios, por calzado máis cómodo e acoden ás súas aulas para comezara xornada.

O centro educativo Queen Elizabeth carece de libros de texto, polo que a mestra,Ms.Wright,o suple con explicacións orais coa axuda dos encerados de papel e a atención, razoamento e memoria do seu alumnado.Unha vez rematada a súa explicación, coloca a gran folla de papel coa teoría esquematizada na parede da aula e propón traballos cooperativos nos que o alumnado debe empregar o razoamento lóxico para resolvelos. Posteriormente presenta follas de exercicios para realizar por escrito de forma individual e así comprobar o nivel de cada alumno.

Puiden comprobar que non se levan a cabo metodoloxías profundamente innovadoras, debido tamén á carencia de tecnoloxía punteira nos centros públicos, non obstante, si se traballa aplicando moito o razoamento lóxicoe os traballos cooperativos de forma diaria e para todo tipo de contidos.

 

 

Segundo me comentou Ms.Wright, o currículo non inclúe o traballo de elementos transversais nin valores nas distintas materias curriculares. Estes son traballados nunha materia específica, Social Studies, polo cal, o tempo lectivo destinado a traballar as linguas, as ciencias ou as matemáticas é destinado integramente a desenvolver os contidos propios da materia.

Do mesmo xeito, no centro escolar non se organizan apenas festividades de obrigada conmemoración, exceptuando o Remember Day (lembranza aos caídos de guerra) e Halloween; polo que contan con case todo o curso escolar para avanzar no currículo. Ao finalizar cada curso escolar lévanse a cabo avaliacións ao alumnado dograo 3 e 6 para poder comprobar o nivel do centro educativo. No caso de que estea por debaixo da media, o goberno envía un asesor ao centro para axudar os docentes, durante todo o curso seguinte, a mellorar e subir o nivel nas materias con resultados máis baixos.

 

Remember Day

 

Atención á diversidade

Para o tratamento do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, hai aulas específicas para traballar co alumnado que presenta autismo ou diversidade funcional de tipo motor ou intelectual grave. Este alumnado traballa durante todo o período lectivo na mesma aula con compañeiross con características similares e conta con mestres de educación especial que se dedican en exclusiva a traballar con este tipo de alumnado durante toda a xornada lectiva. As súas aulas están dotadas de material e mobiliario que lles permite desenvolver distintos tipos de contidos e habilidades adaptadas ás súas necesidades. Posúen amplas mesas e cadeiras onde poder traballar os contidos curriculares adaptados ás súas características e comer nos períodos nutricionais, zona de xogo libre, ouzona de cociña, despensas, tendal e armario para practicar as habilidades necesarias no día a día do fogar.

 

Inmersión cultural

Á parte do propósito educativo que nos levou ao Canadá, había un propósito cultural, polo cal o programa PIALE tamén inclúe unha serie de actividades culturais co fin de conseguir a inmersión na cultura canadense e no seu coñecemento. Entre as actividades realizadas este ano encóntrase unha visita guiada á cidade de Ottawa, viaxe e comida nun sugarsack, onde se prepara o tan coñecido maplesyrup(xarope de pradairo); ou visita guiada a Montreal. Os mestres/as tamén contan cos fins de semana libres para poder realizar outras actividades e viaxes por conta propia para poder ampliar o coñecemento da rexión, como viaxes ás cataratas do Niágara, Toronto, Quebec, ou a visita en profundidade pola cidade de Ottawa.

Por último, cómpre indicar que as familias tamén tratan de integrar o mestrevisitante na vida familiar proporcionándolle tempo diario de conversas e actividades en familia. Algunhas das actividades realizadas con familias foron partidos de hóckey, visitas ao Parc Omega ou, no meu caso, visita ás cortes da Real Policía Montada do Canadá.

Tras o regreso, os mestres participantes comezamos coa fase final do programa PIALE: a difusión da experiencia. Para iso, enviámoslle á Consellería unha memoria de difusión e unha proposta didáctica que recolle todo aquilo que sexa aplicable ao noso labor diario nas aulas.

O certo é que eses documentos son necesarios para poder facer unha valoración de todo o aprendido e vivido durante o programa, non obstante, é imposible recoller nunha memoria todo o que traemos do Canadá. Os mestres volvemos non só coas maletas cheas de roupa ou regaliños. Volvemos coas maletas e a mente cheas de vivencias, anécdotas e ideas para compartir e poñer en práctica na aula. Volvemos sendo uns mestres máis grandes, máis completos e máis capaces para ensinar e transmitir a cultura e a lingua inglesa, coa satisfacción de sentirnos mellores mestres do que eramos ao marchar.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Referencias legais

ORDE do 7 de maio de 2019 pola que se convocan prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE), para o ano 2019.

 

Referencias de autor

García, J.; Cabrera, D. (2014). Guía azul. Canadá. Ed.Guías azules de España. ISBN 978-8416137091.
National Geographic (2003). Canadá (National Geographic). Ed. National Geographic. ISBN 9788482982946.
Revista Altaïr nº 54 - Canadá Atlántico. Colección: Revista Altaïr. Editorial Altaïr.

 

Referencias web

Recomendacións para viaxar a Canadá polo Ministerio de Asuntos Exteriores

Portal do programa Piale na páxina web da Consellería de Educación

Web do sistema educativo da provincia de Ontario

Web oficial de turismo en Canadá

Web do colexio público de destino: “Queen Elizabeth Public School”.

Web da compañía organizadora da viaxe e estadía

 

 

Sección: