Onda ti: a radio que une

Marzo de 2020, a pandemia da covid-19 provoca o confinamento da maioría da poboación do Estado nas súas casas. Os centros educativos están pechados, os parques e outros lugares de encontro atópanse desertos. En tempos de crise, impulsados pola iniciativa do coordinador do equipo de radio Manuel González, presentamos o programa de radio en directo Onda ti, co obxectivo de levantar os ánimos dunha comunidade educativa que, afeita a verse todos os días no colexio, agora se atopaba lonxe.

Diego A. López Rodríguez
Mestre EF e responsable da biblioteca escolar
CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña)
diall@edu.xunta.es

 

 

A radio no CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña) chega coa inclusión do centro no programa Radio na Biblio da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia. Este foi o xerme do nacemento da radio e que permitiu a realización do programa Onda ti durante a maior parte do confinamento.

 

Así somos…

O CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña) é un centro educativo tipificado como liña 3, que está situado no barrio de Los Rosales-Labañou. O alumnado do colexio é de máis de 620 nenos e nenas de diversos grupos socioeconómicos e culturais.

A biblioteca do CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña) ten tres espazos en diferentes andares. Deste xeito, na planta baixa está a biblioteca onde están os fondos de ficción e na que desenvolvemos as actividades de fomento da lectura (contacontos, narracións, escritura creativa…), esta sala ten un tamaño aproximado 80 m2 . No segundo andar está a biblioLab, dotada cos fondos de información e recursos para a aprendizaxe e a exploración (artística, robótica, construción…) e neste espazo é onde desenvolvemos as actividades de divulgación, experimentación e investigación (charlas, experiencias, experimentos…), a sala ten un tamaño aproximado de 100 m2. Acompaña neste andar o estudio de radio que acabamos de crear, cunhas dimensións de 14 m2. Está equipado para obter unha calidade de son aceptable e dispón dunha mesa que pode acoller cinco locutores cos seus micrófonos. As actividades que realizamos son as gravacións dos podcast e as pezas dos programas que desenvolvemos e que previamente se preparan nas aulas.

 

 

Arrinca o proxecto…

No primeiro trimestre iniciamos a montaxe do espazo dedicado ao estudio. Reconvertemos unha aula en desuso, dividíndoa cun tabique para facer un lugar acolledor e axeitado para a gravación do alumnado. Esta reconversión da aula tivo varias fases que aínda remataron no mes de xuño coa instalación da mesa e o revestimento do chan e paredes para mellorar a calidade do son. 

Desde o comezo da experiencia dispuxemos do equipamento específico da radio (micrófonos, mesa de mesturas…), xa que consideramos que era necesario realizar tanto a formación como as primeiras gravacións cos elementos que iriamos utilizar durante todo o curso.

A maioría do profesorado non tiña experiencia no desenvolvemento da radio escolar, por este motivo, os mestres interesados necesitabamos formación para, a continuación, traballar co alumnado na creación de producións sonoras. Este traballo realizouse conxuntamente con profesionais que xa levan tempo traballando en radio e con experiencia ensinando a profesorado e alumnado nas aulas.

Estas actuacións estiveron financiadas coas achegas do programa Radio na Biblio, do orzamento do propio centro e a colaboración da ONG Axuda en Acción.

 

Primeiros pasos…

Co espazo definido e o equipamento adquirido, necesitabamos un nome que fixese recoñecible a nosa radio. Convocamos un concurso de ideas entre o alumnado no que seleccionamos unha imaxe identificadora e o nome da emisora: Emilia na onda.

Así xurdiron as primeiras gravacións, algunhas relacionadas co PDI Sabor e saber, como foron a serie de podcasts Legoalimentos, outras con conmemoracións, como os monográficos de Rosalía de Castro, e a creación literaria, como Vouche contar un conto. Todas estas pezas publicabámolas na canle Ivoox da emisora.

Comezaba a nosa aprendizaxe co obxectivo de utilizar os recursos da radio para favorecer a investigación, a creatividade e a expresión oral, entre outras.

 

Chega o confinamento…

No mes de marzo, o centro pecha as súas portas, alumnado e profesorado vense na obriga de continuar o traballo desde as súas casas. Nestas primeiras semanas de encerro xorde unha idea: manter a comunidade educativa en contacto, máis aló das frías videoconferencias, cun programa de radio no que, mediante a combinación de distintas seccións, se lle dese difusión ao traballo dos nenos nas casas, puidesen falar, expresarse, compartir experiencias, medos, desexos…

 

 

Comeza a preparación de Onda Ti, o programa que cada domingo ás 12:00 h nacía coa intención de acompañar, de que voces que antes escoitaban acotío puidesen volver chegar a eles. O motivo de realizalo en directo as fins de semana foi que deste xeito podiamos interactuar en tempo real, manter unha conversa tranquila, momentos libres de tarefas laborais, evitabamos a saturación da rede, de equipos (o programa emitíase a través de Internet) e a falta de tempo por outras ocupacións.

Desde o principio tiñamos claras tres seccións, que foron o eixe de cada emisión e ás que se foron incorporando novas achegas. Estas eran a difusión dos podcast de Contamos todos, iniciativa que comezou neste tempo de confinamento e na que membros da comunidade educativa enviaban gravacións con narracións, recitados, pezas musicais… en definitiva, aquilo que quixesen compartir con nós e con toda audiencia.

A través da Entrevista tamén pensabamos que era un bo modo de que personalidades da cultura ou do ámbito socioeducativo servisen de axuda ás familias para afrontar a situación naqueles momentos. O formato foi mudando co tempo, mentres ao principio gravabamos ao longo da semana, co paso dos programas e a implicación do alumnado comezamos a realizalas en directo con preguntas que ben nos deixaban os nenos gravadas ou a través da súa chamada. Pasaron polos micrófonos de Onda ti profesionais da psicoloxía, escritores, ilustradores, bibliotecarias, técnica sociocultural, nutricionista, sanitaria, mesmo a alcadesa da Coruña, que pechou o último programa da primeira temporada con preguntas de membros da comunidade educativa.

O terceiro eixe era a sección Fala con nós!, tempo no que se abrían as liñas para a participación libre dos oíntes, ben para falar do que quixesen, ben para falar sobre a cuestión que propoñiamos ao principio do programa, como, por exemplo, «Fálanos dunha viaxe que fixeses», «Recoméndanos un libro ou película»…

A emisión foi incorporando novas pezas como a de Na onda dos libros, na que as bibliotecarias da biblioteca municipal de Los Rosales recomendaban lecturas para a rapazada e os adultos, tamén Temos unha mensaxe de…, na que emitiamos un audio que amablemente nos foron enviando, de xeito desinteresado, diversos membros da comunidade do CEIP Emilia Pardo Bazán e persoas do ámbito cultural de Galicia.

Este foi o programa co que rematamos a temporada 1 de Onda ti

 

 

No aspecto técnico, a retransmisión realizámola a través de Internet mediante a plataforma de Spreaker. as intervencións en directo entraron mediante a plataforma Skype. Durante a semana preparabamos a escada do programa, decidindo as intervencións que se realizarían e a duración de cada unha das seccións. Como xa mencionamos anteriormente, ao comezo a estrutura e preguntas da entrevista era decidida por nós, a medida que foron pasando as semanas as preguntas realizadas polos nenos, gravadas ou en directo, foron gañando peso ata seren as únicas que definían o formato deste encontro cos convidados.

 

 

Rematamos a temporada…

Chegado o momento, a situación social mudara (as familias podían saír pasear, a permanencia nas casas era menor…) e as audiencias eran menores, pensamos que era tempo de pechar a temporada e pensar nun formato diferente para o seguinte curso. Un programa no que aplicar todo o aprendido tanto por nós como polo alumnado implicado no proxecto. Deste xeito, fixemos balance daqueles aspectos que nos permitirían realizar o programa cos nenos de forma presencial. Atopámonos con diversos problemas que deberiamos afrontar, como foron as dificultades técnicas (erros cos dispositivos, coa Rede…) ou imprevistos que poden xurdir coas persoas convidadas. Consideramos que, chegado o tempo de volver ao estudio de radio, a emisión en directo non era tan necesaria debido a que a maioría da nosa audiencia xa estaría no propio centro e ao mesmo tempo evitariamos os riscos engadidos, como os esquecementos, nervios, silencios… que, en lugar de motivar e ser útiles para a aprendizaxe, podían provocar o efecto contrario. Afrontar o reto dun programa mensual ao estilo da primeira temporada de Onda ti require un tempo no horario escolar dedicado á investigación, á procura de información, coordinarse con compañeiros, preparar o guión do programa, as intervencións, o volume da voz… todos eses aspectos que, ademais de poder permitirnos elaborar as distintas seccións do programa, axudan ao desenvolvemento do currículo. Se queriamos un alumnado máis autónomo e con maior protagonismo no programa, teriamos que continuar coa formación que vimos truncada no curso anterior.

 

Valoramos o proxecto…

Pensamos que este proxecto lle serviu á comunidade educativa para sentirse máis xunta, para, nun momento de incerteza e no que estabamos cada un na súa casa, ao principio sen máis contacto ca as videochamadas cos máis próximos e logo coas videoconferencias nas clases virtuais, ser partícipes dun proxecto común, con voces próximas, na que participaban persoas que achegaban información relevante para as familias de xeito accesible. Un espazo no que a creatividade do alumnado tivo a relevancia merecida e onde puideron achegarse a diversos ámbitos da cultura galega. Agradecémoslles a súa colaboración tamén a todos os convidados que se achegaron a nós a través das ondas e que contribuíron a que estes programas saísen adiante, persoas xenerosas e amables que puxeron o seu gran de area de xeito desinteresado.

No mes de novembro deu comezo a segunda temporada de Onda ti, agora emitindo desde o noso estudio e co alumnado como creador exclusivo dos contidos. Agardamos seguir avanzando nesta experiencia de aprendizaxe a través da radio.

 

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

Webgrafía

Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia. Radio na Biblio: recursos. Santiago de Compostela. Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria  (Consulta novembro 2020)

Canle de Emilia na onda en Ivoox (Consulta novembro 2020)

Canle de Onda ti en Spreaker  (Consulta novembro 2020)

 

 

Sección: