María Dolores Fernández Tilve

Profesora e investigadora do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC. Coordinadora do Grupo de Investigación ATALAIA da USC

Entrevista realizada por Juan Varela Tembra
Asesor técnico docente da Consellería de Cultura, Educación e Universidade

 

Nesta nova edición da Revista Galega do Ensino (Eduga) temos o pracer de contar coa estimada colaboración de María Dolores Fernández Tilve, profesora doutora da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela e coordinadora do Grupo de Investigación ATALAIA da USC.

A súa actividade docente e investigadora, ampla e recoñecida, está estreitamente ligada ao campo da formación e do desenvolvemento profesional do profesorado, un campo de estudo no que se cruzan liñas de traballo diversas. Conta cunha extensa produción científica de elevado índice de impacto (libros, capítulos de libros, artigos, recensións, notas, revisión técnica de libros, coordinación de monográficos, patentes e marcas en explotación, dirección de teses de doutoramento, organización de congresos etc.), derivada fundamentalmente da súa participación activa en numerosos proxectos de investigación europeos, nacionais e autonómicos competitivos, así como en redes de investigación e innovación educativa. Realizou diferentes estancias en centros de investigación estranxeiros, financiadas por organismos públicos.

Máis ca nunca, agradecerlle a súa dispoñibilidade nestes tempos tan convulsos e incertos. Seguro que moitas das súas reflexións nos axudarán a buscar respostas educativas idóneas a moitas inseguridades e dilemas que vivimos, hoxe por hoxe, nos nosos centros de traballo.

EDUGA: Está claro que estamos a entrar nunha nova era, complexa e chea de incertezas para todos. Neste sentido, a era covid-19 que supón para unha profesora e investigadora coma vostede?

Fernández Tilve: Sen lugar a dúbidas, a era covid-19 supón afrontarmos novos retos tanto no escenario social como no laboral. Certamente, estamos abocados a novas aprendizaxes, xa que como docentes estamos obrigados a manexar novos contornos de ensino onde a interacción como eixe de aprendizaxe pasa a un segundo plano; a comunicarnos preferentemente co noso estudantado dunha maneira telemática, mais que igualmente permite a individualización nos procesos de ensinar e aprender; a aproveitar máis e mellor a cultura dixital do alumnado; a promover unha reconversión dos materiais didácticos utilizados na aula; a deseñar tarefas relevantes e creativas; a pór en valor a avaliación continua; a potenciar a autonomía na aprendizaxe etc. En suma, estamos a falar de cambios importantes no paradigma educativo que poden significar para todos, tanto formadores como usuarios da formación, auténticas oportunidades de crecemento, naturalmente non exentas de esforzos e riscos.

EDUGA: Estes novos tempos provocaron cambios na súa actividade investigadora?

FT: Obviamente, esta nova situación condiciona os espazos e os tempos de investigación. Mais tamén axuda a repensar a actividade investigadora abrindo novos horizontes, pois as demandas e prioridades dos axentes socioeducativos xa son outras. Por exemplo, a educación emocional, a atención socioeducativa a colectivos vulnerables, o traballo coas tecnoloxías emerxentes etc. pasan a un primeiro plano.

EDUGA: Vostede na actualidade coordina o Grupo de Investigación ATALAIA da USC,  creado recentemente e despois dunha dilatada experiencia investigadora na universidade. Fálenos un pouco da súa xénese, liñas de traballo e servizos que presta.

 

FT: Somos un grupo de investigación multidisciplinar integrado por profesionais diversos pertencentes ao mundo universitario e non universitario (profesores de universidade, mestres de educación infantil, mestres de educación primaria, profesores de secundaria, orientadores de primaria, orientadores de secundaria, formadores de formadores, inspectores escolares etc.), con diferentes experiencias académicas e inquietudes socioeducativas comúns. Un grupo de investigación creado para buscar sinerxías e así construír unha escola e unha sociedade mellor e que ten liñas de traballo diversas, mais afíns, como son a formación e o desenvolvemento profesional do profesorado nos diferentes niveis educativos, a inclusión socioeducativa, o patrimonio documental e a educación patrimonial. Todos os seus integrantes, como traballadores do coñecemento, ofrécenlles asesoramento e apoio a centros e á comunidade educativa, estudos e servizos técnicos a institucións e a axentes socioeducativos, formación psicopedagóxica a profesionais da formación e recursos formativos a profesionais en activo e en formación.

 EDUGA: Nos últimos tempos, o Grupo de Investigación ATALAIA en que dirección dirixe esas sinerxías?

FT: Na área do patrimonio, estamos a colaborar estreitamente co Centro de Estudos de Historia da Cidade (CEHC), un centro propio de investigación da USC que ten carácter interdisciplinar e que se dedica ao estudo da cidade, do territorio e da paisaxe en todos os seus períodos, así como á análise e difusión do patrimonio documental relacionado co territorio e coa paisaxe. Con este centro de investigación, situado no campus de Lugo, colaboramos nos estudos e servizos técnicos solicitados por diversas entidades públicas e privadas. Nestes momentos, estamos centrados no Xacobeo 2021, un acontecemento moi especial para Galicia que todos esperamos celebrar con moita ilusión, a pesar dos difíciles tempos que vivimos. Na área educativa, estamos desenvolvendo unha intensa produción científica ligada especificamente a problemáticas emerxentes como a educación emocional, a educación inclusiva, a educación dixital e a educación patrimonial. Neste caso, sentímonos privilexiados por contar no grupo de investigación con integrantes expertos nestas temáticas, ademais cunha ampla experiencia en tarefas de asesoramento á comunidade educativa.

EDUGA: En materia de educación emocional, que tipo de actividades de investigación están a desenvolver?

FT: No ámbito da educación emocional realizamos na Comunidade Autónoma de Galicia un estudo inédito sobre as competencias emocionais dos orientadores de secundaria que desempeñan a súa actividade profesional en centros públicos. Este estudo, de corte cuantitativo-cualitativo, permitiunos avaliar de maneira específica as competencias emocionais dos orientadores escolares baixo tres focos: formación, aplicabilidade e relevancia. Neste caso, o estudo avaliativo forneceu unha información valiosa para trazar un perfil do orientador máis axustado á realidade socioeducativa de hoxe. Sen lugar a dúbidas, estamos ante un traballo de investigación que pode abrir futuras liñas de investigación pensadas exclusivamente para afrontar situacións incertas e complexas que todo profesional da orientación pode vivir nun momento determinado ao longo da súa praxe profesional. Polo tanto, esta investigación vén pór en valor aquelas competencias con natureza emocional que, como puidemos constatar empiricamente, facilitan a tarefa orientadora, caracterizada por requirimentos excesivos e pola ambigüidade das funcións que hai que desempeñar.

EDUGA: Para a atención da problemática relativa á competencia emocional contan cun produto ou servizo a modo de patente ou marca en explotación?

FT: Contamos cunha ferramenta única, válida e fiable para a avaliación e seguimento das competencias emocionais dos orientadores escolares, tanto no ámbito da formación inicial como permanente (COACOR). Unha ferramenta que integra diversas contribucións teóricas e conta cunhas propiedades psicométricas adecuadas, que posibilitan o seu uso regular por parte dos profesionais e investigadores do mundo educativo e unha rápida transferencia dos resultados. En definitiva, estamos a falar dunha poderosa ferramenta que posibilita o diagnóstico estratéxico, identificando áreas de mellora prioritarias para o exercicio con éxito da orientación.

EDUGA: No tocante á educación dixital, que accións realiza o Grupo de Investigación ATALAIA?

FT: Entendemos a educación dixital como una tarefa inescusable na escola. Neste sentido, temos que ser capaces de aproveitar a cultura dixital dos nosos alumnos e alumnas. É dicir, ter moi presente os espazos de comunicación e interacción de uso popular, o uso que fan de Internet e dos dispositivos móbiles. Adquire especial importancia aquí o uso das redes sociais, incluso como espazo de aprendizaxe e como oportunidade para traballar o seu potencial educativo. Polo tanto, estamos abocados a integrar as novas tecnoloxías nos procesos educativos para así formar e-cidadáns críticos e con sentido da responsabilidade. No marco destas reflexións internas, o Grupo de Investigación ATALAIA axuda os centros educativos e o profesorado a buscar espazos xenuínos de aprendizaxe, acompañados de tecnoloxías emerxentes.

EDUGA: A inclusición socioeducativa tamén parece ser unha liña de traballo prioritaria para o Grupo de Investigación ATALAIA. De feito, contan cun monográfico inédito sobre migración e refuxio en Europa. Como xorde o devandito monográfico?

FT: Este monográfico nace das contribucións científicas efectuadas no marco do I Congreso Internacional Migración e Refuxio en Europa no continente europeo, realizado en 2016 e que tivo como propósito xeral analizar a situación actual do migrante e refuxiado en Europa, dada a presenza de riscos socioeducativos emerxentes como consecuencia das recesións económicas, crises humanitarias e ambientais vividas. Un congreso que contou cunha magnífica acollida social e mediática e co recoñecemento institucional por parte da presidencia da Xunta de Galicia.

EDUGA: Existía unha inquietude por esta problemática?

FT: Sentiamos unha necesidade imperiosa por abordar dunha maneira sistemática esta problemática. E, xustamente, en 2016 quixemos darlles voz e visibilidade a millares de migrantes e refuxiados que hoxe en día aínda se atopan nunha situación de exclusión social, tentando pór de manifesto a necesidade de sensibilizar sobre a formación para a prevención e atención adecuada destes colectivos vulnerables. E o monográfico en cuestión permitiunos a transferencia do coñecemento tácito acumulado á comunidade de profesionais que, en definitiva, son quen directa e indirectamente atenden estes colectivos vulnerables, tales como educadores sociais, psicólogos, pedagogos, traballadores sociais, psicopedagogos, profesorado dos diferentes niveis educativos, orientadores escolares, directivos escolares, membros de asociacións profesionais etc. É dicir, con este monográfico editado pola Revista Lusófona de Educação, publicación científica internacional de considerable impacto, quixemos ofrecer un material valioso no ámbito da migración e o refuxio para servir de axuda á elaboración de posibles protocolos de actuación específicos, tanto na esfera escolar como social, así como brindar ferramentas conceptuais e procedementais.

EDUGA: Quen participou no devandito monográfico?

FT: Tiven o privilexio de participar no monográfico en calidade de editora convidada, xunto co profesor e investigador Gonzalo Francisco Fernández Suárez, actualmente decano da Facultade de Humanidades da USC. Para darmos unha visión multidisciplinar da problemática, contamos cun amplo e diverso panel de expertos internacionais e nacionais de recoñecido prestixio que, xenerosamente, compartiron o seu coñecemento e a súa extensa experiencia investigadora no campo da migración e refuxio.

EDUGA: Nun dos artigos do monográfico aborda unha cuestión que parece preocuparlle a vostede enormemente. Refírome ao paradoxo moral no cal parece instalarse a sociedade con relación a esta problemática.

FT: Certamente, nun dos traballos do monográfico fornecemos algunhas ferramentas conceptuais para podermos interpretar o paradoxo moral da falta de recoñecemento dos dereitos das persoas á procura do refuxio, partindo dos datos máis recentes sobre desprazamentos forzosos. A proposta de análise dos seus autores está baseada na idea que a indiferenza e a xustificación da violencia en relación coas persoas desprazadas que piden socorro son, en última instancia, o reflexo e o espello da existencia de fronteiras morais que os exclúen do noso espazo moral. Os autores pechan o traballo apuntando algunhas estratexias de resistencia e un decálogo urxente para xerar un novo relato que reencadre a situación e permita construír unha acollida comunitaria inclusiva.

EDUGA: Ao seu modo de ver, os servizos de orientación e asesoría que se prestan a estes colectivos en situación de exclusión social son adecuados?

FT: Aínda falta moito por facer. Hoxe en día, estamos levando a cabo un sistema de acollida de refuxiados caracterizado e centrado nas necesidades de alimentación, abrigo e coidados de saúde mental e física. Polo tanto, estamos atendendo necesidades primarias, por isto temos que dar un paso máis. No monográfico, recollemos o caso de Portugal e España, cuxos datos son bastante reveladores e parecen indicarnos que estamos ante un sistema de acollida primario.

EDUGA: O caso das mulleres refuxiadas tamén é obxecto de contido no monográfico. Cre que estamos diante dun colectivo máis vulnerable?

FT: No monográfico analizamos de maneira particular o caso das mulleres refuxiadas, unha realidade singular que afecta colectivos, se cabe, expostos a unha maior vulnerabilidade desde un punto de vista da inserción e integración sociolaboral. Para este colectivo, faise necesario ofrecermos novas vías e recursos tecnolóxicos que permitan o deseño de proxectos sociais e profesionais máis eficaces e exitosos, partindo da análise e exploración da realidade laboral e cultural do país de acollemento e así atender as demandas do mercado laboral ao cal se desexa acceder. Neste sentido, o traballo que presentamos fornece unhas ferramentas innovadoras para que as mulleres refuxiadas planifiquen adecuadamente o seu proceso de integración e inserción sociolaboral, unha vez superadas as dificultades iniciais do momento da súa chegada.

EDUGA: E a escola que lugar ocupa nas políticas de migración e refuxio?

FT: Con relación ao contexto escolar, aínda temos que realizar un maior esforzo para materializarmos a interculturalidade nas nosas aulas. Particularmente, penso que temos que construír unha escola máis inclusiva, entendendo que é a mellor maneira de axudar a crear unha sociedade global, aberta, máis integradora, dialogante, xusta, cooperante e equilibrada. En consecuencia, temos que conseguir que todos os alumnos e alumnas, independentemente das súas peculiaridades, se sintan recoñecidos, aceptados e incluídos escolarmente. Por outro lado, tamén temos que nos preocupar de que o alumnado migrante e refuxiado adquira o nivel de competencia lingüística suficiente para que poida seguir adecuadamente as aprendizaxes escolares e, definitivamente, poida completar os niveis obrigatorios de ensino. Non esquezamos aquí que a competencia lingüística parece relacionarse coa traxectoria académica, se temos en conta os achados obtidos nos estudos realizados. En calquera caso, a escola debe procurar boas prácticas para a atención á diversidade, partindo de que a diversidade supón un gran valor que ha de saber aproveitar e facer redundar nos seus apoios democráticos. Só así potenciaremos a cohesión social desde unha perspectiva intercultural, sustentada na convivencia e no rexeitamento da violencia.

EDUGA: Satisfeitos, entón, coa edición deste monográfico?

FT: Naturalmente. Creo que o conxunto de traballos científicos recollidos neste monográfico permite dispor dun material inédito, valioso e singular para avanzarmos en políticas de migración e refuxio máis acordes coas necesidades actuais, así como elaborar posibles protocolos de actuación no ámbito social e escolar e, en definitiva, traballar dignamente e con maior sistematización con estes colectivos en situación de risco.

 EDUGA: Para pechar, cal sería para vostede a gran materia pendente nas políticas de migración e refuxio en Europa?

FT: Desde o meu punto de vista, faise urxente programar esta problemática para a poder abordar definitivamente co rigor que merece. Neste sentido, os responsables políticos deberían asumir un papel máis activo e comprometido, tendo en conta que estamos falando de dereitos humanos e particularmente de menores expostos a unhas cotas de vulnerabilidade máxima, como advirten moitos organismos internacionais, especialmente en tempos de pandemia como aos que asistimos.

EDUGA: Moitas grazas por nos atender amablemente e por compartir as súas reflexións. Agardamos que esta normalidade adaptada supoña para todos e todas unha ocasión para medrar e ser mellores, como ben sinalou no inicio da entrevista.

FT: Un pracer colaborar coa revista unha vez máis.

 

 

Sección: