Educar a mirada para interpretar as imaxes na era dixital

A chegada e o progreso dos smartphones marca un punto de inflexión na comunicación e na relación das persoas co mundo. O feito de portar unha cámara en todo momento permite fotografar gratuitamente todo aquilo que se desexe. Estas imaxes, lonxe de seren unha analoxía da realidade, modifican a percepción que as persoas teñen dela e, por conseguinte, a súa relación con ela. Así pois, é preciso coñecer a orixe desta nova realidade que se xesta a partir da linguaxe icónica.

 Julián Montouto López
 julianmontoutolopez@gmail.com

 

 

Introdución

A irrupción dos smartphones na sociedade cambiou e está cambiando o modo de vivir e de mirar o mundo. Grazas a eles, podemos portar unha cámara en todo momento e fotografar aquilo que nos rodea. A gratuidade dos disparos e a facilidade de compartir imaxes orixinan un panorama icónico que nubra a nosa mirada, porque as imaxes non son ventás abertas ao mundo, senón construcións propagandísticas que distorcen a realidade (Fontcuberta, 2016).

Hoxe o acceso ás redes sociais (RRSS) entre a mocidade é cada vez máis temperán e, por conseguinte, tamén o consumo de imaxes que se comparten nestas plataformas. As imaxes que aí se comparten deixaron de ser elementos pasivos para se converteren en obxectos que transmiten unha mensaxe que pode desembocar en accións. O historiador Didi-Hubermann vai un paso máis alá e afirma que «hai un universo enteiro feito de acción e de imaxe. E as imaxes son accións» (Canal Encuentro, 2017, 2m0s).

Como produtores e consumidores deste fluxo exacerbado de imaxes, debemos evitar que estas nos dominen e dobreguen a nosa capacidade crítica. Para Godard, «a imaxe non pertence a quen a fai senón a quen a utiliza» (citado en Fontcuberta, 2016. p. 56). Para lle dar resposta a este contexto icónico, é importante abordar a educación da mirada, é dicir, aprender a propoñer preguntas, independentemente do medio, a todo tipo de evidencia.

 

1. Smartphone na etapa infantil 

O século XXI está caracterizado por ser o tempo da revolución dixital, un tempo onde a sociedade debe aprender a convivir cun novo axente: a tecnoloxía. «As novas xeracións xa nacen mergulladas na sociedade da información», afirma Martín Cano (Verdejo, 2015, capítulo 2, p. 50). Estes «nativos dixitais» (termo acuñado por Mark Prensky no 2001 para referirse ás persoas que nacen na era dixital) son criados nun ambiente sinalado pola presencia de smartphones que, cada vez con maior antelación, forman parte da vida dos nenos e nenas.

De acordo coa Convención dos dereitos do neno, aprobada en 1990, «o neno, pola súa falta de madurez física e mental, necesita protección e coidados especiais, incluso a debida protección legal, tanto antes como despois do nacemento». Tendo en conta o contexto actual, é preciso que a comunidade educativa non obvie a protección dos nenos no mundo dixital, máis que nada porque este é un terreo fecundo en perigos de manipulación e control. Así mesmo, esta mesma convención (1990), no artigo 17, insta os Estados parte a protexer os nenos da información e material prexudicial para o seu benestar.

1.1. Cal é o contexto no que nos atopamos?

A profesora Pérez (2018) afirma que «a conectividade móbil de banda ancha ubicua e a adopción masiva e progresiva dos smartphones contribuíu en gran medida a debuxar este contexto no que o ser humano cambia o modo de comunicarse, interactuar, crear coñecemento e compartilo».

De acordo coa información obtida do estudo Teléfonos inteligentes. Abriendo las puertas al mundo digital, realizado pola Fundación Telefónica no 2019, no 2016 o número de liñas de telefonía móbil superou o total da poboación (Rodríguez, 2019). En España, concretamente, o acceso a Internet nos fogares en 2019 segundo o INE (Instituto Nacional de Estatística) é do 91,4 %, fronte ao 86,4 % do ano anterior. «As modalidades móbiles (a través de smartpohone 3G ou 4G, vía módem USB ou tarxeta) empréganse nun 83,9 % dos fogares» (INE, 2019), o cal lles permite aos consumidores estar conectados permanentemente.

Estas cifras expostas corroboran a permeabilidade dos smartphones na sociedade española, así como a súa ubicuidade. Pero o aumento masivo de dispositivos móbiles está tendo unha acollida especial entre os máis novos. Segundo o INE (2019), a utilización das tecnoloxías entre a poboación de 10 a 15 anos está moi estendida: a porcentaxe de menores entre 10 e 15 anos que dispón dun teléfono móbil é do 66,0 %. Non obstante, o aumento dos móbiles entre as distintas idades é un dato que hai que ter en conta: con 10 anos, o 22,3 % dos menores dispón dun móbil; con 11 anos, o 38,1 %; con 12 anos, o 63,9 %; e con 13 anos, o 84,0 %. Porén, a presenza do smartphone non é «unha cuestión de predisposición xeracional senón de exposición ineludible que lles impón a estas xeracións un uso tecnolóxico temperán, continuo e case inevitable» (Pérez, 2018).

 

 

1.2. Que uso fan os nenos e nenas do smartphone?

De acordo co estudo Menores de edad y conectividad móvil en España: tablets y smartphone, publicado no 2014 por Guillermo Cánovas, o WhatsApp é unha das aplicacións que mellor acollida está tendo entre os máis novos (76 % de nenos e adolescentes entre 11 e 14 anos). Así mesmo, a posibilidade de transportar unha cámara en cada smartphone incita á publicación de fotos e de vídeos, por iso Cánovas (2014) afirma que «o 23 % dos menores de 11 a 14 anos publica habitualmente fotos e/ou vídeos en Internet». Respecto das RRSS, as porcentaxes dispáranse considerablemente: o 60 % dos nenos entre 11 e 12 anos usa as RRSS, pero a cantidade ascende ata o 83,5 % dos adolescentes de 13 e 14 anos de idade.

1.3. O fenómeno das RRSS

Tal e como se expuxo anteriormente, o uso das RRSS está tendo cada vez máis presenza e determinación na vida das persoas. Hoxe existen casos, como o de Cambridge Analytica, nos que as RRSS poden chegar a determinar unhas eleccións democráticas (TEDx Talks, 2019).

As cifras de uso que alcanzan este medios demostran que os «nativos dixitais» seguen unha tendencia de masas provocada no uso destas plataformas; así mesmo, dentro delas tamén xorden tendencias marcadas por individuos virais, denominados influencers. Estes individuos poderían ser definidos do seguinte xeito: 

[...], usuarios ou perfís destas redes sociais que se converten en verdadeira iconas para a mocidade e os nenos, marcando tendencias en comportamentos, estilos de vida, pensamento e códigos comunicativos. Usuarios cun poder de convocatoria que impoñen unhas cifras de seguidores impactantes e alarmantes e que provocan certas cuestións. (Pérez, 2018).

Estes persoeiros, co seu alcance mediático, teñen a posibilidade de influír na identidade e na conduta dos nenos e nenas que os seguen a través do material que soben ás redes. A información que comparten chega a un público infantil que non ten a capacidade nin as ferramentas necesarias para consumir este tipo de contidos. Isto, segundo Echeburúa e De Corral (2010) pode provocar unha especie de analfabetismo relacional que desemboca na construción de relacións sociais ficticias, así como unha identidade ficticia potenciada por un factor de engano, autoengano ou fantasía.

1.4. Como cambia o smartphone a vida dos nenos?

1.4.1. Perda de identidade

Actualización tras actualización as RRSS procuran enfeitizar a xuventude ofrecendo facilidades para que constrúan a súa propia identidade e interactúen socialmente (Verdejo, 2015, capítulo 2). Isto ten unha acollida incrible grazas ao descoñecemento e asimilación dos seus usuarios respecto da accesibilidade e o uso de datos que autorizan cando comparten ou crean un perfil nestas plataformas, facendo así caso omiso a posibles consecuencias que poden devir nun uso nocivo da información persoal (Verdejo, 2015, capítulo 2).

Os nenos e nenas, motivados pola necesidade de expresarse e conseguir unha validación social, seguindo a tendencia marcada polos influencers,  constrúen unha identidade virtual condicionada pola interpretación que os demais cibernautas fagan dela (Verdejo, 2015, capítulo 2). Polo tanto, pódese determinar que esta identidade é «un retrato en Internet configurado por cada interacción realizada, [...] deixando en cada unha das interaccións pequenas trazas da nosa privacidade que, sumadas, lle ofrecen ao resto de usuarios da rede unha apreciación manipulada sobre a nosa identidade» (Verdejo, 2015, capítulo 2, p. 51).

1.4.2. Tendencia á adicción

«O que caracteriza unha adicción é a perda de control e a dependencia», argúen Echeburúa e De Corral (2010). Calquera tendencia desmedida cara a calquera actividade pode desembocar en adicción, xerar dependencia e restarlles liberdade ás persoas, acurtando a súa capacidade de conciencia e reducindo os seus intereses (Echeburúa e De Corral, 2010).

Así pois, a adicción ás pantallas, ao igual que as demais adiccións, ten unha fonda repercusión nas funcións cerebrais. Cando se pasa demasiado tempo diante das pantallas, prodúcese un encollemento do córtex frontal, o cal incrementa a tendencia a desenvolver condutas impulsivas, agresivas, comportamentos aditivos, incluso pode chegar a danar o pensamento lóxico (Moreira e Flaux, 2018). Así mesmo, os likes ou os corazóns, que serven para interactuar nas RRSS, son unha fonte de pracer que ten un impacto no cerebro. A parte do cerebro que reacciona a estas iconas forma parte do circuíto de recompensa, o mesmo circuíto que intervén na adicción ao alcol ou ás drogas (Moreira e Flaux, 2018). A incerteza de cando se vai ver recompensado e cando non estimula a necesidade de seguir buscando esa recompensa, porque «as cousas que che resultaron agradables no pasado motivarante para buscalas no futuro» (Moreira e Flaux, 2018).

 

 

Toda esta trama psicolóxica é o piar do éxito das grandes compañías de RRSS. Cando estas compañías venden un produto gratis, tendemos a baixar a garda, pero se o produto é de balde deberiamos desconfiar aínda máis se cabe. Como no mundo das empresas nada é gratis, estas entidades tiveron que artellar un método para gañar diñeiro sen cobrarlles aos usuarios (TEDx Talks, 2019). Neste punto é onde intervén o espectador, xa que a moeda de cambio que utilizan as compañías das RRSS é a súa atención. «Así empezou o hackeo da nosa atención» (TEDx Talks, 2019, 4m10s). Segundo Max Stossel, antigo programador de estratexias dixitais, «non somos clientes, somos produtos. O que se compra e se vende nesa plataforma son os nosos ollos e a nosa atención» (extraído de Moreira e Flaux, 2018).

Nos últimos anos, dirixentes de grandes plataformas audiovisuais fixeron declaracións ao respecto. Sean Parker, un dos fundadores de Facebook, recoñeceu que, cando crearon a rede social, eran conscientes de que estaban explotando vulnerabilidades da psicoloxía humana (think byyourself, 2017). Máis contundente foi a declaración do fundador de Netflix, que afirmou que o seu maior inimigo é o sono. Dalton Combs, fundador de Boundless Mind, admite que o que fan estas compañías «é unha manipulación da mente que axuda a que cambiemos» (en Bressan e Pallay, 2019). Non obstante, Combs resalta que o verdadeiro problema reside en quen domina todo isto (Bressan e Pallay, 2019).

 

2. A nova realidade creada polas imaxes

2.1. Posfotografía

A popularización da cámara dixital, así como de ordenadores domésticos e de programas de procesamento gráfico e retoque electrónico foron a antesala da nova etapa da fotografía (Fontcuberta, 2016, p. 29). Co paso do formato analóxico ao dixital, a fotografía mudou os seus funcionamentos, linguaxes e significados. A conversión do obxecto físico á información binaria, manipulable e afastada do estatismo analóxico da imaxe foi nomeada a principios dos anos noventa como posfotografía (García, 2015). Este non é un termo unívoco, de aí que algúns autores afirmen que «a posfotografía fai referencia á fotografía que flúe no espazo híbrido da sociabilidade dixital e que é consecuencia da superabundancia visual» (Fontcuberta, 2016, p. 7). 

Afirma Fontcuberta (2016) que «o noso coñecemento do mundo estivo supeditado á ventá aberta polos nosos sentidos» (p. 176). No século XIX, esta ventá amplificouse coa irrupción da cámara fotográfica, un instrumento que gardaba unha gran fidelidade coa realidade: «a natureza que mostraba a imaxe existira fronte a lente» (Fontcuberta, 2016, p. 176). Non obstante, esta non é unha testemuña neutra, xa que a súa simple aparición fai que a posta en escena da realidade se moldee de acordo cuns intereses específicos. 

A ubicuidade das cámaras fotográficas, unida á gratuidade dos seus disparos, incrementa considerablemente as situacións que son rexistradas fotograficamente e, por conseguinte, o número de imaxes obtidas (Fontcuberta, 2016). Deste xeito, a imaxe deixa de ser o privilexio duns poucos para se converter nunha imaxe desmaterializada, sen corpo e fácil de introducir no fluxo frenético de imaxes actual. De acordo con esta idea, André Gunthent (citado en Fontcuberta, 2016, p. 120) destaca que «hoxe o principal piar da fotografía é a súa compartibilidade», e este é o xerme dun clima atestado de imaxes. Así pois, o que empezou sendo unha apertura de ventás ao mundo, acabou por nubrar a mirada da sociedade. 

 

 

2.2. Epidemia de imaxes

Para o historiador francés Clément Chéroux, esta superabundancia de imaxes é unha metáfora da instalación de auga corrente no fogar: «desde un punto de vista dos usos, trátase dunha revolución comparable á instalación de auga corrente nos fogares no século XIX. Hoxe dispoñemos a domicilio dunha billa de imaxes que implica unha nova hixiene da visión» (citado en Fontcuberta, 2016, p.41). Os avances tecnolóxicos permiten que, por primeira vez, todos sexamos consumidores e produtores de imaxes, o que desemboca nun alude icónico difícil de medir. Así, a artista Iraida Lombardía argúe que hai tantas imaxes que practicamente non teñen valor, «que perden a súa forza, o seu significado, tantas que non deixan respirar, afogándoo todo, absolutamente todo» (24 de maio de 2012).

 

 

Neste tempo os medios de comunicación reforzaron os vínculos entre a sociedade e a imaxe a través de diferentes formatos: fotografía, cine, televisión, Internet, videoxogos, publicidade… Esta última desempeña unha función pedagóxica relevante na sociedade a través da formación de masas socialmente acríticas e sentimentalmente indolentes (Aparici, 2010, capítulo 14). De acordo con isto, Aparici e García (2008) afirman que «a perversión do modelo radica na súa aparente inocencia. Pero non hai inocencia na produción da imaxe, sexa publicitaria, propagandística, educativa ou relixiosa» (p. 76). Así, Osuna conclúe que «a publicidade non só transmite unha información persuasiva que nos incita ao consumo, senón que tamén transmite un estilo de vida, unha serie de valores» (Aparici, 2010, capítulo 14, p. 266).

Deste xeito, pódese dicir que habitamos nun medio ateigado de imaxes que nada teñen que ver con aquelas que se gardaban como recordos nos álbums; hoxe as imaxes son, en palabras de Fontcuberta (2016), «moedas coas que establecer vínculos sociais» (p. 208). Pero a imaxe actual xa excede a realidade mesma e está creando unha realidade superlativa. En definitiva, «a imaxe xa non é unha mediación co mundo senón a súa amálgama, cando non a súa materia prima» (Fontcuberta, 2016, p.32). 

2.3. Dicotomía: imaxe-realidade

O filósofo Guy Debord afirmaba que «alí onde a realidade se transforma en simples imaxes, as simples imaxes transfórmanse en realidade» (Alexis Clio, 2012, 6m41s). Pero como poden as imaxes construír unha nova realidade? Aparici e García (2008) argumentan o seguinte: 

Unha representación no só mostra un acontecemento, un feito ou un elemento dado. Unha representación dános información acerca dos suxeitos ou institucións que a construíron. Dános o seu punto de vista que, polo xeral, acaba por naturalizarse e asumirse como «o natural». As representacións mostran, por un lado, aspectos visibles do que se está ofrecendo e, por outro, aspectos invisibles acerca dos seus autores e da súa ideoloxía. (p. 94)

Xa que o factor humano ten tanto peso nas representacións visuais, pódese deducir que as imaxes teñen, ademais, a capacidade de transformar a realidade. Maurizio Vitta vai máis alá e afirma que o cambio máis salientable non é que estas substitúan a realidade, senón que crean a realidade (citado en Acaso, 2006, p. 33). Neste sentido, é importante resaltar a facilidade coa que a mentira dixital educa a conciencia crítica do público. Así, Fontcuberta (2016) alerta de que «a impericia dos seus operadores, unida á urxencia da súa produción introducen nos resultados unha sarta de «erros». Erros que, lonxe de parecernos perturbacións, nos resultan moi benvidos» (p. 121).

Por outro lado, que as representacións visuais calen máis ou menos nas persoas depende da realidade persoal (historia persoal, intereses, aprendizaxe, motivación) e a maneira na que cada individuo capte a realidade (Aparici e García, 2008, p.69). Seguindo esta idea, María Acaso (2006) sostén o seguinte: 

O que realmente ve o espectador é unha estrutura de conceptos construídos pola súa experiencia persoal, a súa memoria e a súa imaxinación, de maneira que podemos dicir que o observador é moito máis que o receptor da mensaxe; é o construtor da mensaxe, xa que un obxecto non é o obxecto en si mesmo, senón que é a representación que o receptor ten asociada a el. (p. 33).

De todo isto pódese extraer que a imaxe está desligándose da realidade e que nela conflúen intereses de diversas persoas, así como o contexto no que estas se atopan (Acaso, 2006, p. 33). O que está claro é que perdemos a soberanía das imaxes e o noso deber é recuperar o control sobre elas (Fontcuberta, 2016, p. 260).

 

Conclusións

Vivimos nun tempo cambiante onde a realidade é cada vez máis efémera e descoñecida. O cambio continuo obríganos a buscar o equilibrio e a estabilidade, mais isto complícase cando o smartphone é unha extensión das nosas vidas. Este dispositivo conéctanos co lugar máis afastado do planeta pero desconéctanos do inmediato, daquilo que nos é próximo.  A través das pequenas pantallas vivimos unha vida ateigada de reaccións que non son en absoluto unha analoxía da realidade.

Os smartphones están cambiando a nosa maneira de relacionarnos co medio e tamén a maneira na que pensamos. As grandes compañías de aplicacións traballan en favor dunha nova maneira de vivir que lles permita obter o maior rédito económico, aínda que isto supoña traballar en contra da saúde da sociedade. Ante estes cambios adoptamos a conformidade e, co beneplácito dos que se benefician deles, recibímolos con bos ollos. Non obstante, creo que aquí se reflexa o vulnerables que somos ante a publicidade e o márketing que hoxe desborda as pantallas dos smartphones. Considero que o mellor remedio contra isto é a educación fundamentada no ensino, non na imposición de restricións de uso. Esta idea consiste en ensinarlles aos nenos e nenas a usar os móbiles de xeito responsable e controlado, é dicir, que aprendan a dominar o seu tempo e que a pantalla non guíe o seu modo de vida.

Respecto das imaxes, é fundamental que as novas xeracións coñezan o alicerce das imaxes que proliferan nas RRSS para desmontar o mito da simbiose entre a imaxe e a realidade. A imaxe como elemento de comunicación permuta o comportamento da cidadanía e crea nela o anhelo de fotografar todo aquilo que se vive para mostralo en público. A obsesión de querer captalo todo sen un porqué lévanos a desmerecer as vivencias persoais en favor da recompensa social que recibimos a través das RRSS. Os espectadores son entón o xurado das nosas vidas. Así pois, a imaxe cambia e nós cambiamos coa imaxe, porque «vivimos na imaxe, e a imaxe vívenos e fainos vivir», afirma Fontcuberta (2016, pp. 36-37).

Así, a realidade onírica e inalcanzable que se nos mostra nas imaxes das RRSS fai evadir a nosa mente cara a un mundo banal e trivial fundamentado no consumismo e na popularidade. A cobiza por medrar nestas RRSS deslíganos da realidade e amaina o noso sentido crítico. Este panorama é caldo de cultivo para aqueles que buscan lograr os seus intereses aproveitándose do desdén da poboación cara aos problemas que hoxe nos atinxen. Baixo o meu punto de vista, é preciso volver á realidade e mirala para coñecela. Ao mesmo tempo, debemos asumir a nosa responsabilidade como cidadáns e esixirlles aos dirixentes cambios e melloras para a realidade actual. De non ser así, penso que seriamos cómplices dun mundo peor para as vindeiras xeracións.

Ante o progreso das RRSS que condicionan a percepción da realidade, a comunidade educativa debe dar resposta mediante un cambio de enfoque. Ensinar os nenos a interpretar a linguaxe que se utiliza nestas mensaxes audiovisuais é fundamental para non caer en falsas informacións. Para isto débense integrar a educación audiovisual e a alfabetización cinematográfica a través de metodoloxías baseadas na participación e na creatividade, dous elementos indispensables para que o alumnado interiorice este novo medio de expresión. Así mesmo, esta metodoloxía debe aproveitarse para ensinar a desconfiar daqueles contidos audiovisuais que se mostran como verdades absolutas. O exceso de confianza e a pasividade é terreo fértil para o engano, de aí que hoxe debamos acostumarnos a escrutar a información que recibimos. Para lles dar resposta aos problemas reais debemos deixar de vivir abstraídos e conducir a escola cara á realidade; se a escola non se conecta coa realidade, non pode formar os que nun futuro serán os nosos dirixentes.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Libros

Acaso, M. (2009). El lenguaje visual (1.ª ed.). Barcelona, España: Ediciones Paidós Ibérica, SA.

Aparici, R. (2010). La construcción de la realidad en los medios de comunicación. Madrid, España: Universidad Nacional de Educación a Distancia.

Aparici, R. e García, A. (2008). Lectura de imágenes en la era digital. Madrid, España: Ediciones de la Torre.

Farocki, H. (prólogo de Didi-Huberman, G)(2015). Desconfiar de las imágenes. Buenos Aires, Argentina: Caja Negra Editora.

Fontcuberta, J. (2016). La furia de las imágenes. Barcelona, España: Galaxia Gutenberg.

Fontes electrónicas

Artigos e informes:

Besoli, G., Palomas, N. e Chamarro, A. (2018). Uso del móvil en padres, niños y adolescentes: Creencias acerca de sus riesgos y beneficios. Aloma: Revista de Psicología, Ciències de l’Educació i de l’Esport, 1, 29-39. https://www.raco.cat/index.php/Aloma/article/view/337761/428558. Data de consulta: [21/marzo/2020].

Convención sobre los derechos del niño. 30 de novembro de 1990. Data de consulta: [4/abril/2020].

Echeburúa, E. e De Corral, P. (2010). Adicción a las nuevas tecnologías y a las redes sociales en jóvenes: un nuevo reto. Adicciones: Revista de socidrogalcohol, 2, 91-96. https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=3230123&orden=256947&info=link.Data de consulta: [11/xuño/2020].

García, M. (2015). Una revisión del concepto de postfotografía. Imágenes contra el poder desde la red. LIÑO: Revista anual de historia del arte, 21, 125-132. https://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/5146929.pdf. Data de consulta: [3/xuño/2020].

Instituto Nacional de Estadística (2019). Encuesta sobre equipamiento y uso de tecnologías de información y comunicación en los hogares año 2019. https://www.ine.es/prensa/tich_2019.pdf. Data de consulta: [20/marzo/2020].

Pérez, A. (2018). Uso de smartphones y redes sociales en alumnos/as de educación primaria. Revista Prisma social, 20, 76-91. https://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/6360033.pdf. Data de consulta: [6/marzo/2020].

Rodríguez, P. (2019). Teléfonos inteligentes. Abriendo las puertas al mundo digital. Fundación Teléfonica. https://www.fundaciontelefonica.com/cultura-digital/publicaciones/profesiones-digitales-5-telefonos-inteligentes/679/#openModal. Data de consulta: [20/marzo/2020].

Verdejo, M. A. (2015). Ciberacoso y violencia de género en redes sociales. Análisis y herramientas de prevención. Universidad Internacional de Andalucía. https://dspace.unia.es/bitstream/handle/10334/3528/978-84-7993-281-7_2da.pdf?sequence=3&isAllowed=y. Data de consulta: [19/xuño/2020].

Material audiovisual:

Alexis Clio (9 de outubro de 2012). La sociedad del espectáculo de Guy Debord completa con subtítulos en español. [Arquivo de vídeo]. Youtube. https://www.youtube.com/watch?v=hJTuVaEKGPo. Data de consulta: [18/xuño/2020].

Bressan, E. e Pallay, N. (directores) (2019). Móviles, armas de adicción masiva. [Documental]. Ceppi, J. P. e Porte, J. Data de consulta: [10/xuño/2020].

Lombardía, I. (2012). I’m on strike [Fotografía]. Ira Lombardía. https://www.iralombardia.com/visual-strike?pgid=jsekelax-9e939cbb-2d41-4c95-9887-67d228aa480b. Data de consulta: [7/xuño/2020].

Moreira, P. e Flaux, A. (directores) (2019). Adictos a las pantallas. [Documental]. Premières Lignes Films. [11/xuño/2020].

TEDx Talks (27 de novembro de 2019). Cómo nos manipulan en las redes sociales | Santiago Bilinkis | TEDxRiodelaPlata [arquivo de Vídeo]. Youtube. https://www.youtube.com/watch?v=8nKCA9h-7BA&t=734s. Data de consulta: [13/abril/2020].

think byyourself (30 de novembro de 2017). Fundador de Facebook advierte sobre el impacto de su red social en la psicología humana [arquivo de vídeo]. Youtube. https://www.youtube.com/watch?v=p1r3NSjzyzw. Data de consulta: [10/xuño/2020].

 

 

Sección: