Estudar en tempo de pandemia

Unha vez que se superou o primeiro momento de incerteza por parte de profesorado e alumnado, e se botou a andar o proceso de ensino telemático, con non poucas dificultades (para nada achacables exclusivamente á fenda dixital senón á falta de pericia dos colectivos anteriormente citados) tocaba enfrontarse «á peor de todas as batallas»: combater a desidia do alumnado. Tarefa que non foi insignificante, sabedores como eran de que todo o que realizásemos durante o terceiro trimestre só cualificaría para mellorar o resultado académico obtido durante a primeira e segunda avaliacións. Tivemos que «loitar» tanto cos aprobados asintomáticos como cos que tiñan que reforzar contidos anteriores, sen esquecer os que querían avanzar na materia pero desde unha nova perspectiva. O proceso para ver cumpridas todas as súas expectativas foi esgotador por parte do profesorado xa que tivemos que «inventar» novas actividades coa finalidade de manter un nivel aceptable de atención e interese que nos permitise avanzar en competencias. Nunha palabra, en tempo meteórico decidimos converter as nosas materias nun «ovo kinder: gusta, entretén e alimenta». O resultado foron as «coronactividades» e as «actividades confinadas».

Carmen Castelao Cora
Xoán Xosé Fernández Expósito
Antonio Galdo López
Herminia Pernas Oroza
Profesores de ensino secundario no IES Monte Castelo (Burela - Lugo)
carmen.castelao.lugo@gmail.com
xoanexposito@gmail.com
tgaldolopez@gmail.com
hpernasoroza@gmail.com

 

 

Introdución

Pretenden ser estas liñas o resultado de moitas videochamadas, teleconversas, grupos de correo electrónico e de WhatsApp, realizadas as máis das veces a horas intempestivas, entre catro profesores desexosos de levar a bo termo o derradeiro trimestre do curso 2019-20. Todo, a partir de marzo, foi diferente e afastado, pero nesas diferenzas e distancias soubemos achegarnos e atopar un nexo común para levantar a moral da tropa e manter prendida a súa curiosidade por aprender. Nunca ata o de agora realizamos tantas actividades en común ficando tan lonxe uns dos outros.

Comezamos esta nova experiencia coas actividades transversais denominadas «actividades de campaña», consistentes en realizar unha composición sobre o que o noso alumnado vía desde a fiestra do seu cuarto, para despois buscar información sobre os distintos tipos de confinamento sufridos pola sociedade en determinados momentos da historia. E a partir de aquí, sucedéronse os coronatemas, para reforzar contidos xa vistos nos trimestres anteriores, e as coronactividades de cada tema novo coas que avanzabamos en competencias; sen esquecer o dragón asiático coñecido como covid-19 co que tiveron que «loitar» os máis pequechos (primeiro da ESO), coñecemos a lenguavirus e tamén as corona-challenges.

Á marxe disto, levamos a cabo outras actividades comúns para homenaxear o Día do Libro e o Día das Letras Galegas; e xa, a finais do curso, elaboramos a nosa achega para o Espazo Maker, que lle foi concedido ao noso centro no curso 2019-20 co proxecto «Moon: unha historia alunizante».

 

Metodoloxía empregada

Precisamente ao tratarse de actividades confinadas, a metodoloxía empregada pasa pola utilización de toda clase de ferramentas dixitais: aula virtual e a plataforma E-Dixgal como soportes; distintos buscadores para levar a cabo as pescudas e, finalmente, os grupos de Gmail e WhatsApp para comunicarnos.

Forma parte tamén da metodoloxía o propio carácter interdisciplinar das actividades, así como os limitados recursos dos que dispoñía o alumnado á hora de elaborar podcast, audios ou vídeos.

O noso teletraballo foi posible grazas á habilitación da plataforma Cisco Webex e foi nestas clases virtuais onde se xestou o proceso de elaboración común de actividades. Ao comezo, entregábanas de xeito individual, pero enseguida se decataron de que tiñan que elaboralas formando parte dun corpo único sen cortes nin cambios de formato e, por suposto, integrados nun só documento (Word, PDF...). Podemos dicir que a finais do curso conseguimos obter unha coordinación case perfecta nas actividades en formato vídeo.

O noso alumnado receptor estivo integrado polos niveis de primeiro e cuarto da ESO e primeiro de bacharelato, mentres que os docentes destes grupos que xuntaron as súas enerxías para manter espelidas as neuronas da tropa moza, con tarefas multidisciplinares anticovid, foron os responsables das materias de Lingua Castelá e Literatura, Inglés, Lingua Galega e Literatura e Historia.

 

Actividades confinadas. Primeiro da ESO

Ver arquivo adxunto

Actividades de campaña. Cuarto da ESO - Primeiro de BAC (Desde a miña ventá - From my  window)

Ver arquivo adxunto

Coronactividades

Ver arquivo adxunto

Proxecto Moon: colaboración en proxectos interdisciplinares de centro

Ver arquivo adxunto

 

Conclusión

Co confinamento, o escenario pedagóxico mudou e tivemos que adaptarnos aos cambios. Ao tratarse da primeira vez que teletraballabamos, non sabiamos moi ben como facelo. Cando nos foi facilitada a plataforma Cisco Webex, o alumnado levaba xa tempo desexando ver os seus profesores –aínda que nunca chegamos a perder o contacto, pero si o visual– e, paradoxalmente, cando impartimos a primeira aula telemática, apenas falou ninguén. Esta situación demostrounos que non foi doado dar co quid da virtualidade, pero aos poucos fómolo conseguindo e rematamos por ter moitos escenarios diferentes, de acordo coas actividades que propoñiamos: unha fiestra aberta, un escritorio, un fondo de ordenador que simulaba o espazo sideral... algo, en fin, que nos evadise durante o tempo que duraba a clase da realidade que estabamos a vivir.

Enseguida pasou a converterse en «normal» algo que nacera como medida excepcional; e ese virtualismo empezou a ser dominado; o léxico empregado deu boa proba diso: a cámara, os chats, os foros, as probas telemáticas...

A pesar das limitacións coas que contabamos, todo este material elaborado coas présas do momento foi moi ben recibido polo alumnado, do que podemos dicir que seguiu este trimestre pola súa propia iniciativa e motivación, aínda que non podemos desdeñar que tamén pesou o desexo de acadar unha mellor nota na avaliación final. Mais non todo foi interesado. A comunicación de nós os catro con eles foi fluída en todo momento sen respectar horarios nin días da semana. Todo valía con tal de que estivesen motivados e non deixasen de traballar; facéndoo, iso si, dun xeito distinto e ata divertido ou así nolo facían saber. Deste xeito, aos poucos e metidos na nosa burbulla académica, chegamos ao último día de clase, onde nos despedimos virtualmente ata o vindeiro curso... que xa está aquí e augúrase semellante ao pasado en canto a contidos e metodoloxía, pero seguro que perderá en espontaneidade e creatividade. Estudaremos en tempos de pandemia, pero agora cun ritmo máis pautado e mecánico. Coñecido –que non dominado– o mundo virtual, só queda seguir afondando nesta vía. Agora ben, queremos destacar que o noso ritmo de traballo e a capacidade de resposta e adaptación do alumnado foron extraordinarios e propios dun momento no que ninguén sabía que ía pasar ao día seguinte.

 

 

Sección: