ReGaliza

Refresca a lingua
O proxecto ReGaliza xorde da idea de mesturar as artes plásticas coas artes literarias nun proceso creativo que une dúas áreas (arte e lingua) cunha meta en común: potenciar o uso da linguaxe visual e escrita, ademais de reivindicar o uso da lingua galega baixo unha mirada divertida e contemporánea, sen esquecer a orixe das raíces máis profundas da cultura de Galicia. Un proxecto que pon de manifesto a gran capacidade creativa e expresiva do alumnado, así como a habilidade de compartir a súa arte coa sociedade, nun día tan sinalado como o dedicado ás Letras Galegas.

Ana Delia Rodríguez Dorrego
Profesora de Debuxo do CPI de Bembibre (Val do Dubra - A Coruña)
ana.delia.rodriguez@edu.xunta.es

 

 

Introdución

Galicia e o galego están de moda. Cada vez máis empresas de deseño, como Rei Zentolo, Desenho Galego e Nikis Galicia Style, reivindican a identidade galega desde unha perspectiva contemporánea empregando unha linguaxe que mestura iconas actuais con imaxinería popular para defender a premisa de «galeguidade, creatividade e universalidade».

A linguaxe utilizada por estas marcas é de estilo pop, usando tintas planas de cores rechamantes e formas con contornos moi definidos en canto ao plástico e visual se refire. En canto ao lingüístico, fusionan expresións, ditos, refráns da paremia galega con temas actuais, aderezado con moito humor e certas doses de retranca.

Un cóctel refrescante e moderno do neopop galego, abandeirado por Rosalía de Castro convertida na Marilyn Monroe da antiga arte pop dos sesenta, que abre un camiño de exaltación da cultura, tradicións, tópicos, símbolos e, como non, da lingua da comunidade galega.

Este contexto de nova modernidade galega é a que inspirou o proxecto ReGaliza, Refresca a lingua para festexar o Día das Letras Galegas no CPI de Bembibre de Val do Dubra.

 

Proxecto

A idea do proxecto xorde a partir do deseño ReGaliza, Refresca a lingua de Manis para a empresa Desenho Galego, no cal, a través dun xogo de palabras, se fusiona a palabra regalicia con Galicia e a idea dunha «regalización » ou refrescamento da lingua galega.

Ese deseño iluminou na miña cabeza a idea de facer un photocall para a escola onde tanto alumnado como profesorado posaría con carteis ou/e outros elementos de aderezo nos que figurarían expresións típicas galegas.

Deseño ReGaliza de Manis para Desenho Galego

 

Toda a utilería para o photocall sería elaborada polo estudantado e, no momento do posado, intercambiarían con outros alumnos e docentes o material elaborado para realizar diferentes fotos e xogar así coa capacidade expresiva e comunicativa da linguaxe fotográfica.

Con cada foto realizada obtense un tícket cambiable por unha regalicia así que, cantas máis fotos, máis regalicias, un aliciente engadido para participar nesta divertida e saborosa actividade.

 

Metodoloxía

O proxecto exponse desde unha pedagoxía alternativa a partir de catro bloques de contidos interrelacionados (Historia da Arte, Filosofía, Técnica e Linguaxe).

Historia da Arte

O obxectivo é adentrarse no coñecemento da arte pop xurdida no Reino Unido e nos Estados Unidos a mediados do século XX.

Búscase analizar os principais representantes do movemento, como Eduardo Paolozzi, Richard Hamilton, Robert Rauschenberg, Andy Warhol e Roy Lichtenstein, entre outros; investigar que estaba a suceder naquela época; coñecer un marco histórico protagonizado pola nova era do consumismo, base do capitalismo e achegarse a unha sociedade optimista, que contempla un futuro tecnolóxico dentro dun incipiente estado de benestar.

A poboación daquela época pasou da vida de traballo duro a outra onde se goza do lecer e o entretemento proporcionado polos produtos de consumo, como se expresa na obra de Richard Hamilton Que fai que os fogares de hoxe sexan tan diferentes, tan atractivos?, unha colaxe baseada na historia de Adán e Eva, como comenta Will Gompertz en Que estás mirando?, teletransportados ao xardín do Edén da posguerra do século XX. Un lugar moito máis atractivo, suxestivo e provocador ca o tedioso xardín bíblico no que se pode mirar, pero non tocar. Neste novo xardín que Hamilton nos presenta, hai que deixarse levar pola tentación sen sufrimento nin remordemento. A mensaxe que transmite é que todo ser humano ten o deber de consumir e satisfacer os seus apetitos. «Se quere vostede unha mazá, colla dúas: unha para agora e outra para despois. Despois un pouco de xamón e, por que non darlle unha lambida ao chupa-chups que leva Adán…» (1). O estilo de vida naquel intre estaba cambiando, había moitos produtos novidosos para consumir que fixeron a vida máis confortable e doada. Tamén a cultura invadiu as casas cunha morea de películas, música pop, series de televisión etc. que axudaron ao entretemento e á apertura mental e cultural da poboación.

 

Que fai os fogares de hoxe tan diferentes, tan atractivos _Hamilton.

 

Filosofía

Os artistas pertencentes ao movemento pop sentían fascinación pola mocidade, a moda, a cultura popular, o sexo, os medios de comunicación de masas, a tecnoloxía e o comercial. Polo tanto, eran conscientes do poder da fama, das marcas comerciais e da publicidade. Deste xeito, deféndese a arte popular fronte á arte consagrada. Non existe unha cultura elevada oposta a unha cultura de masas, senón que son unha e indivisible. Deste xeito, imaxes extraídas de revistas ou botellas de refrescos son tan válidas coma as pinturas ao óleo ou esculturas de bronce dos museos. A filosofía da arte pop quería borrar a liña divisoria entre ambas.

No proxecto ReGaliza, o alumnado tivo que fusionar a filosofía da arte pop coa lingüística reivindicando o galego e a idiosincrasia galega ao estilo das marcas que podemos atopar hoxe en día como Rei Zentolo, Desenho Galego e Nikis Galicia Style.

 

E logho ti, de quen vés sendo?, 3º ESO

 

Técnica

Cobra importancia a técnica da colaxe. Un exemplo é a obra xa mencionada, Que é o que fai que os fogares de hoxe sexan tan diferentes, tan atractivos?, de Hamilton. A colaxe é unha técnica artística que consiste na unión de distintos elementos (papel, cartón, plástico, obxetos…) na composición sobre unha mesma obra. Pode definirse como unha ensamblaxe de compoñentes variados que adquiren un ton de unidade.

Respecto da orixe da colaxe, hai certas dúbidas sobre se foi Picasso ou Braque o inventor desta nova técnica xa que os dous artistas son coetáneos, traballaron en liñas artísticas semellantes e non sempre publicaron as súas obras. A polémica da primeira colaxe encóntrase nestas dúas obras: Natureza morta con cadeira de palla (1912) de Picasso e Prato de froita e vaso (1912) de Braque. Na primeira, Picasso introduce un anaco de hule no cadro. O artista engade un elemento da vida cotiá na obra para facela máis intelixible e, deste xeito, rompe unha regra na pintura facendo que o hule pase de ser un obxecto sen valor a un obxecto con status artístico. Na segunda, Braque pega sobre o lenzo papel de parede estampado con imitación a madeira, facendo o mesmo ca Picasso, achegándolle intelexibilidade á obra e un elemento real que cobra categoría artística ao cambialo de contexto.

Natureza morta con cadeira de palla (1912) de Picasso e Prato de froita e vaso (1912) de Braque

 

Volvendo ao pop e falando de cor, a arte pop foi unha explosión de cores que na maioría dos casos adoitaron ser planas, pero tamén houbo cabida para as texturas. Un exemplo diso son as obras de Jasper Jonhs. O artista emprega a pintura como un obxecto ou como unha imaxe. Isto é debido a que a súa pincelada é repetitiva e en consonancia co expresionismo abstracto que aínda seguía presente na escena. As súa pintura pode definirse como un conxunto de manchas de cor con esquemas repetitivos simples nos que representa dianas ou bandeiras.

 

Bandeira con catro caras, Jasper Johns, 1955

 

Con todo, a técnica que define por excelencia a arte pop é, sen dúbida, a da serigrafía. Andy Warhol é o seu máximo representante. Usouna como unha nova forma de facer arte. Son moi coñecidas a súas series de Sopa Campbell´s ou Marilyn Monroe, entre moitas outras.

Podemos definir a serigrafía como un método de estampación que consiste en transferir, a través dunha superficie na que se aplica tinta, unha imaxe trazada nun modelo para reproducila noutra superficie, como pode ser papel, cartón, tea etc. É un dos métodos de estampación máis populares hoxe en día.

 

Serie Marilyn Monroe, Andy Warhol, 1980

 

Outra técnica interesante é a de puntos Ben-Day, unha técnica baseada nos mesmos principios do puntillismo. Aplícase cor mediante puntos sobre unha superficie branca, estes puntos nunca se superpoñen, de tal maneira que o ollo humano recibe un resplandor de cor ao redor de cada punto e opera mesturando as cores que os rodean opticamente. Usouse ou segue usándose en impresión para que o custo sexa menor. Esta técnica foi o símbolo de identidade do artista estadounidense Roy Lichtesnstein.

 

M-Maybe, Roy Lichtenstein, 1992

 

Linguaxe

Por unha banda, preténdese coñecer a linguaxe plástica propia da arte pop caracterizada polo uso de elementos da cultura de masas, como a linguaxe de cómic caracterizada polo uso de onomatopeas, tipografías de gran corpo e de trazo expresivo, imaxes seriadas e secuenciadas en viñetas etc. Etiquetas, envoltorios e contedores como caixas, botellas, paquetes…, celebrities, produtos de consumo tamén foron empregados como motivos das obras do pop. Así mesmo, o emprego dunha linguaxe figurativa con cores rechamantes e planas principalmente, así como formas lisas e sinxelas, tamén é un trazo característico do estilo.

Mentres abría lume, Roy Lichtenstein, 1964

 

Por outra, reflexionar sobre o léxico galego e a súa riqueza cultural, sacando á luz localismos, refraneiro e expresións típicas da zona facendo uso do humor e da retranca galega.

Estes catro bloques configuraron un mapa de coñecemento colectivo que foron de utilidade para que o o alumnado se mergullase no mundo da arte pop e a riqueza lingüística de Galicia e, deste xeito, puidesen levar a cabo o proxecto.

 

Alumnado de 3º de ESO traballando

 

Photocall ReGaliza analóxico

O proxecto desenvolveuse durante estes tres últimos cursos na biblioteca do CPI de Bembibre durante o recreo do 17 de maio, Día das Letras galegas. Montábase o photocall e á beira dispoñíanse todos os carteis realizados polo alumnado de terceiro da ESO.

Tanto o alumnado de terceiro da ESO como do resto de niveis e o profesorado podían participar de forma individual ou colectiva, collendo os carteis coas palabras e expresións galegas para posar ante o fotógrafo do photocall, que sempre é un alumno ou alumna de terceiro, e facer a foto ou fotos. Cantas máis fotos, máis regalicias para degustar.

 

 

Photocall analóxico  e  As regalices como premio

 

Photocall ReGaliza en liña

Este curso, coa chegada da covid-19 e o estado de alarma, o proxecto fíxose de forma telemática. Xorde así o ReGaliza, photocall en liña.

Alumnado e profesorado montaron desde as súas casas pequenos lugares para posar mostrando orgullosos frases e palabras que os definen e ensínalle ao resto, nalgunhas ocasións, novas expresións e refrescan outras, quizais xa un pouco esquecidas, seguindo o lema do proxecto «Refresca a lingua».

 

Photocall en liña

 

ReGaliceiro

Chamamos con este nome o conxunto de expresións recollidas durante estes tres cursos nos que realizamos o proxecto:

  • Galicia vella fai bo caldo
  • E ti, de quen vés sendo?
  • Nunca choveu que non escampara
  • Quedei como unha pepa!
  • Ardo e non fumeo
  • A vida é dura coma o cañoto da verdura
  • Sentidiño, que cabeza ten calquera
  • Arre demo!
  • A cabra sempre tira ao monte
  • Outra vaca no millo
  • Malo será!
  • En abril, augas mil
  • Mal raio te parta
  • Réiname o baile
  • Vaiche galano
  • Es máis vello ca un camiño
  • Iso non é peido que rompa os calzóns
  • A lume de carozo
  • Somos corzos ou que!
  • Vai fender o sacho
  • Pasa can, que a cadela é miña
  • Estás coxilitranqueiro
  • Dálle que libra
  • Eses si que son ollos en non os das patacas
  • Torna atrás
  • Ei vai!
  • Es máis bonita ca un arado con pegatinas
  • Vas durmir quente
  • Que Dios cho pague
  • Que riquiño!
  • Fe en Dios e ferro a fondo
  • Dou fe
  • Que che cunda
  • Moza, teño terras!
  • Hai que arar polo regho
  • Quen ten cu, ten medo
  • Ti es de aquí ou vés á festa?
  • Tes que muxir as galiñas?
  • Amigos si, pero a vaquiña polo que vale
  • Voume poñer coma un pito
  • Morra o conto
  • Nos santos
  • Un mar de bicos

 

Liña de traballo

O estudantado baseouse principalmente na tipografías de cómic e linguaxe de cores planas e rechamantes englobadas en bocadiños propios da banda deseñada e linguaxe pop para facer os seus traballos.

Os materiais empregados foron témperas e acrílicos sobre cartón, aínda que tamén se fixeron traballos con goma eva, papeis de cores ou impresos, cartolinas o obxectos para facer colaxes.

Na modalidade en liña houbo estudantes que fixeron o traballo de xeito dixital empregando programas ou apps de edición de fotografía.

 

Procedemento de avaliación

Todos os traballos presentados foron avaliados polo Departamento de Debuxo do CPI de Bembibre. Dado que esta actividade é de carácter voluntario, por ser unha actividade complementaria do departamento e formulada para todos os grupos, a puntuación é dun positivo que se ten conta na avaliación na que se presenta o traballo. Ademais, o curso viuse afectado pola pandemia, o que supuxo un dificultade para o alumnado que traballou individualmente desde a casa seguindo as directrices da docente pola aula virtual.

 

Difusión

A fotos realizadas tanto no photocall analóxico como en liña móstranse en dous espazos virtuais, o blog da materia de Educación Plástica, Visual e Audiovisual e o Instagram.

 

Conclusión

Como experiencia, este proxecto que leva tres cursos de percorrido, e que espero que teña uns cantos máis, foi totalmente satisfactorio no tocante ao traballo, creatividade, participación, implicación e diversión tanto para o alumnado como para o profesorado.

Creo que é unha maneira diferente, divertida e próxima de celebrar o Día das Letras Galegas desde a modernidade da arte pop e a contemporaneidade do deseño gráfico galego das empresas de deseño citadas, ademais de reforzar o vínculo emocional coa lingüística popular galega e os seus costumes.

 
 

(1) Gomperrtz, W. (2014). ¿Qué estás mirando? 150 años de arte moderno en un abrir y cerrar de ojos. Madrid: Ed. Taurus.

 


Bibliografía: 

 

 

 

Palabras clave: 
Sección: