Diseño de espacios educativos: Rediseñar las escuelas para centrar el aprendizaje en el alumno

Título do libro: Diseño de espacios educativos: Rediseñar las escuelas para centrar el aprendizaje en el alumno
Autor: Prakash Nair
Editorial: Biblioteca Innovación Educativa
Autora da recensión: Carmen Vaz Dapía
Enderezo electrónico: cvaz@edu.xunta.es
CFR destino: Vigo

 

 

Respondendo ao seu título, o libro céntrase en como organizar os espazos segundo o punto de vista da aprendizaxe centrada no alumno, que lle permite dirixir a súa aprendizaxe e desenvolver todo o seu potencial persoal e as habilidades necesarias para aplicar o coñecemento teórico á resolución de problemas da vida real e, polo tanto, necesita de marcos físicos adecuados para esta aprendizaxe aplicada. Acepta a perspectiva da aprendizaxe como un proceso recíproco entre o individuo que aprende, o facilitador, as prácticas pedagóxicas, o clima social e o ambiente físico. Así, ao longo do libro, fai referencia continua ao «edificio que aprende», que se adapta de maneira que, en cada momento, pode satisfacer as necesidades tanto do alumnado como do profesorado a medida que van evolucionando. Deste xeito, vainos ofrecendo, nos diferentes capítulos, principios e opcións (segundo as diferenzas de ambiente, o nivel de recursos e as necesidades do alumnado) para lograr de forma progresiva e gradual edificios que aprenden. Resulta moi ilustrativo, para entender como poñer en práctica as novas ideas, a inclusión en cada capítulo das imaxes do antes e o despois. Resalta, tamén, as innovacións particularmente eficaces nos recadros titulados «Idea innovadora» e os exemplos de cambios relativamente sinxelos que se poden implantar nos centros no recadro «Hazlo ahora».

Quizais, dos oito capítulos que ten o libro, os que poden resultar de máis utilidade, polo tipo de espazos aos que fan referencia, sexan os que revisamos a continuación.

O primeiro capítulo refírese á análise dos aspectos visuais, tales como a acústica, a iluminación, as portas, a distribución do mobiliario, a decoración das paredes ou os materiais dispoñibles para aprender, en función das mensaxes que lle emiten ao alumnado.

A continuación, no capítulo dous, o autor ofrece unha lista de aspectos que permiten avaliar as entradas aos edificios e como poden deseñarse para que resulten acolledores.

Como se podería modificar o deseño das aulas e dos corredores para crear comunidades de aprendizaxe aproveitando mellor, como área de uso educativo, o espazo malgastado nos corredores son os contidos do terceiro capítulo.

No capítulo seis, o autor describe como darlle nova vida á biblioteca escolar para convertela nun lugar eficaz que conecte persoas con ideas. Novas bibliotecas nas que os estudantes poidan crear de forma activa contido en papel e electrónico, desde revistas e libros ata documentais e curtas, incluso aplicacións e outros programas informáticos.

O autor tamén aborda o lugar de traballo do profesorado, considerando que se lle pode dar un enfoque centrado na aprendizaxe. Así, no capítulo cinco analiza a importancia da colaboración entre docentes e como poden deseñarse os espazos para que o permitan.

A conexión coa natureza, unha das estratexias educativas que analiza o autor, require a creación de espazos de aprendizaxe exteriores funcionais. Á aprendizaxe máis alá da aula dedícalle o capítulo sete, no que recomenda que os espazos para a aprendizaxe deberían estar conectados visual e fisicamente coa natureza. Propón deseños que promovan o traballo de campo, o xogo, a aprendizaxe ao aire libre creando espazos comúns abertos e zonas verdes en contornas urbanas.

Finalmente, na conclusión, presenta casos específicos de como levar a teoría á práctica que nos proporcionan ideas de como poden os centros comezar a transformar as súas instalacións. Se nos propoñemos abordar esta tarefa na liña da aprendizaxe centrada no alumno, pode ser útil empezar por analizar a adecuación das instalacións seguindo os puntos propostos nos apéndices A (centro de educación primaria) e B (centro de educación secundaria).

 

 

Sección: