Proxecto Jane Jacobs

Arquitectura e educación
Proposta de transformación do espazo educativo combinando arquitectura e educación co alumnado como axente transformador protagonista.

Alba Amor Fernández, mestra de educación primaria e Inglés no CPI O Cruce (Cerceda- A Coruña)

alba.amor.fernandez@edu.xunta.gal

Sara Prieto Hortas, arquitecta especialista en urbanismo

xangalsa@gmail.com

 

Contextualización

O CEIP San Francisco Javier é un centro de educación infantil e primaria de titularidade pública ─pertence á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional─  e conta con dúas liñas.

Está localizado próximo a Catro Camiños, en concreto, na zona da Cubela, nun dos barrios comerciais máis importantes da cidade, que conta con edificios modernos, xardíns, instalacións deportivas, servizos municipais, e situado preto da estación de autobuses e da de ferrocarril e do edificio de Servizos Múltiples da Xunta de Galicia.

É unha zona ben planificada, con abundantes áreas de ocio, rúas peonís acondicionadas para o paseo e abundantes xogos infantís (parque Cubela, parque de Oza…).

Actualmente obsérvase un incremento progresivo de poboación inmigrante e conta tamén con alumnado de NEAE, algún cunha modalidade de ensinanza combinada (centro ordinario-ASPANAES).

O grupo co que se realizou a experiencia era un grupo de 27 alumnos de segundo de educación primaria, do que Alba Amor Fernández era titora. É salientable, e consideramos necesario destacalo, que este  grupo traballaba sistematicamente coas metodoloxías de aprendizaxe cooperativa e o traballo por proxectos, o que estamos convencidas de que facilitou en gran medida a realización desta experiencia educativa.

Introdución

Da necesidade de enfocar a aprendizaxe como un proceso no que o alumnado debe ter un papel protagonista, xorde esta proposta na área de Educación Artística, en concreto, na área de Plástica.

Trátase dunha proposta aberta, onde profesionais de diferentes campos (arquitectura e educación) deseñan unha experiencia educativa desde unha postura común: as nenas e nenos son cidadáns de plenos dereitos que se deben involucrar nos cambios da súa contorna.

Obxectivos

Os obxectivos principais desta experiencia son os seguintes:

  • Transmitir valores: tolerancia, respecto (polos demais e polo medio), convivencia, sentido crítico e inclusión.
  • Promover un rol activo do alumnado: apoderalo para que propoña, critique e se involucre nos cambios do seu contorno.
  • Empregar metodoloxías activas: aprendizaxe cooperativa e traballo por proxectos.
  • Desenvolver a curiosidade espacial, a creatividade e a imaxinación a través do xogo, a exploración e a experimentación.
  • Vincular o currículo coa realidade, empregando actividades transversais e vencellando os contidos da área de Educación Plástica coa súa contorna.

 

Descrición da actividade

O taller que elaboramos dividiuse en dúas sesións de 120 minutos cada unha e, a maiores, o alumnado afondou de xeito autónomo co seu equipo cooperativo na tarefa de observación da contorna do centro educativo e do patio en períodos non lectivos.

Primeira sesión

Na primeira sesión, a actividade inicial foi realizar unha «choiva de ideas», escoitar o alumnado, tanto as súas inquedanzas respecto do tema que iamos tratar como do que eles entendían como «arquitectura» e como «urbanismo».

Como equipo, entendemos desde un principio que é de vital importancia ter en conta a perspectiva de cada neno e o que poden achegar, por iso, a primeira sesión consistiu en debater e intentar dar resposta a cada unha das súas preguntas.

Na segunda parte da sesión, aproveitamos para presentarlles a figura de Jane Jacobs e explicarlles por que os seus estudos e a súa metodoloxía son de vital importancia e por que se empregan aínda na actualidade.

Jane Jacobs foi unha divulgadora científica, teórica do urbanismo (aínda que non cursou estudos de arquitecta) e activista sociopolítica. Defensora da vida no barrio, da observación como metodoloxía do cambio e da análise.

Como actividade final da primeira sesión, levamos á aula unha iniciativa vinculada con ela, que se está a desenvolver en moitas cidades do mundo, os Jane walks (os paseos de Jane). Neles inténtase vencellar unha acción cotiá, como pode ser un paseo desde o domicilio de cada un ata o colexio ou o parque, coa análise da cidade, dos problemas das rúas e do espazo público. É dicir, intenta incorporar a observación da realidade e a análise da problemática existente no noso camiño do día a día, para que todos sexamos axentes do cambio, axentes intervenientes na sociedade e no espazo público.

Para realizar o Jane walk, fabricamos, a partir dunhas láminas de goma eva de cor negra, unhas lentes coma as de Jane Jacobs e intentamos transmitirlle ao alumnado que eran unhas lentes máxicas, porque con elas todos podiamos observar a nosa contorna e buscar a problemática do que nos rodea. Intentar ver a nosa realidade desde outra perspectiva, máis crítica.

Con esas lentes aproveitamos para dar un paseo polo colexio, tanto polo edificio como polo patio, pero desde unha perspectiva diferente. O paseo foi por unha ruta que seguramente o alumnado faga máis de dez veces semanalmente, pero nesta ocasión a ruta tiña que facerse desde un punto de vista máis crítico, analizando a «problemática» existente no centro, algo que, obviamente, muda segundo o axente que o ve.

Como o alumnado dentro da aula se organiza e traballa por equipos cooperativos, cada secretario era a persoa encargada de ir apuntando cada unha das anotacións que se observaban.

É importante outorgarlle ao alumnado a posibilidade de criticar a realidade na que vive e na que xoga, darlle a oportunidade de xulgar, por si mesmo, se o medio que pisa e observa é o que lle gusta ou se, pola contra, desexaría que fose doutro modo.

Consideramos que a docencia é máis global e de maior calidade cantas máis opinións de distintas persoas (sexa cal sexa a idade) teña en conta.

Entre sesións

Entre a primeira e a segunda sesión, decidimos deixarlle a cada alumno un sobre. Crear expectación e o factor sorpresa xera no alumnado unha curiosidade. Isto é de vital importancia nestas idades e na vida en xeral. A curiosidade é o motor que move a procura de novos coñecementos e de novas solucións ás problemáticas da vida real.

Con cada sobre intentamos implantar unha semente de curiosidade en cada unha das nenas e nenos. Contiñan tarxetas que amosaban por unha cara a imaxe dunha arquitecta e pola outra algunha obra que esta deseñase ou executase para que, se o desexaban, profundasen sobre iso. Un dos obxectivos era que o alumnado aumentase o seu número de referentes femininos en diferentes ámbitos profesionais.

E a semente deu froitos!

Segunda sesión

Na segunda sesión, o punto de partida foi a noso mantra de todo o proxecto: «escoitar o noso alumnado», porque consideramos que os nenos son cidadáns de plenos dereitos capaces de analizar, criticar e propoñer.

Fixemos unha segunda «choiva de ideas» sobre as conclusións ás que chegaran no  paseo e as propostas que tiñan pensadas para solucionar os problemas que atoparan no colexio e no patio, enmarcando as súas propostas baixo o título «O noso patio ideal».

Nun primeiro momento, todas as propostas estaban contidas, cunha creatividade bloqueada, é dicir, coma se non tivesen a confianza suficiente en si mesmos para propoñer accións inexecutables e un pouco tolas. Sorprendeunos o grao de sensatez e de realismo de todo o alumnado, que propoñía «pintar as paredes» ou «cambiar as portas», en lugar de «poñer unha piscina na cuberta do colexio» ou «poñer un tobogán que vaia da cuberta ao patio». Todo isto cambiou cando unha de nós escribiu no taboleiro como proposta algunha tolemia, foi coma un código para o alumnado, como se lle désemos permiso para que de verdade fosen honestos e dixesen o que de verdade se lles ocorría para implementar no seu centro educativo.

As propostas foron múltiples, moitas inexecutables, algo lóxico e que desexabamos ao deseñar a implementación da experiencia. Pero diso se trataba, de transitar entre a realidade e o imaxinario, sen perder nunca de vista a creatividade.

A continuación, para intentar facelos conscientes de que son axentes do cambio, elaboramos uns planos do colexio e do patio para que puidesen plasmar algunhas das ideas que propuxeran sobre a transformación do espazo.

Por último, elaboramos unha maqueta colaborativa do centro, de tipo volumétrico e esquemático, para que traballasen sobre ela. Ocorréusenos trasladar a maqueta a unha zona común, como son os corredores do centro, para que o resto do alumnado do CEIP puidese achegar ideas ao proxecto e intentar establecer unha estrutura asamblearia, que deixase a un lado os niveis educativos e as idades (tanto de alumnado como do equipo docente) para traballar xuntos por un mesmo obxectivo.

O noso obxectivo principal era que imaxinasen propostas e fosen conscientes de que calquera espazo polo que transiten no seu día a día pode ser obxecto de cambio, sempre que exista alguén que se pare a observalo e analizalo desde un punto de vista crítico que lles outorgará independencia e capacidade para desenvolver un pensamento propio e libre.

Metodoloxía

O deseño metodolóxico da proposta partiu do uso de metodoloxías activas, entre elas a aprendizaxe cooperativa e o traballo por proxectos, xa que ambas se estaban a empregar co grupo e porque son metodoloxías intrínsecas ao traballo no eido da arquitectura.

En relación co traballo por proxectos, este emprégase na arquitectura desde sempre de xeito sistemático e implica competencias que consideramos básicas tamén na esfera do mundo educativo como son falar en público e traballar en equipo.

Por outra banda, a aprendizaxe cooperativa e a asignación de roles son fundamentais tamén en ambos os mundos (arquitectura e educación), porque axuda a que se estableza entre os membros dun equipo a necesaria interdependencia positiva para que se cumpran os obxectivos de xeito eficaz e se lle saque o máximo rendemento ás fortalezas e diferentes intelixencias múltiples das persoas.

O noso obxectivo no ámbito metodolóxico era promover a aprendizaxe significativa (que as súas ideas sobre os elementos da súa contorna e vida cotiá se convertesen en detonantes da acción); a experimentación, posta en práctica dos contidos, ensaio e deseño de propostas; e o vínculo coa realidade, experimentando nun contexto real. Todo isto coa finalidade de que aprendesen a coñecer, facer, ser e convivir como axentes de cambio na súa contorna.

Avaliación

En relación co proceso de avaliación, o equipo multidisciplinar que deseñou a experiencia considera, tras un proceso de autoavaliación, que a ampliación do número de sesións co alumnado enriquecería a experiencia. Desa maneira, os equipos cooperativos poderían traballar sobre a maqueta anteriormente mencionada nun tempo dedicado de xeito específico para este fin e, para que a continuación, deseñasen e creasen elementos que puidesen transformar o espazo segundo as súas ideas (creación de mobiliario con material de refugallo, pintado da zona do patio etc.).

En relación coa avaliación e as impresións dos alumnos participantes na experiencia, amosáronse moi satisfeitos coa idea de seren axentes protagonistas nos cambios da súa contorna e desexosos de poder levalos a cabo; pensamos que esta toma de conciencia e este apoderamento tivo unha gran repercusión no alumnado e na súa mirada.

Tendo isto en consideración, así como o interese das familias do grupo participante, outro aspecto que consideramos tras avaliar a experiencia foi a posibilidade de crear un proxecto de aprendizaxe-servizo no que, coa colaboración das familias do alumnado e demais membros da comunidade escolar, se realizase unha transformación de diferentes espazos do centro educativo.

No que respecta ás dificultades, pensamos que estas aparecerían, de ser o caso, na aplicación real das ideas á contorna; pero consideramos que, a pesar de que puidesen xurdir, esta sería a fase que máis pegada tería no centro e na comunidade educativa, polo que esperamos que, en futuras ocasións nas que apliquemos a experiencia, poidamos ampliala e levar a cabo as transformacións.

Conclusións

Queremos rematar o relato desta experiencia educativa cunha das preguntas que a fixo nacer: Que lle achega a arquitectura á educación?

Estamos seguras de que, tal e como menciona Tonucci, os espazos son ferramentas de aprendizaxe e de que, se deseñamos as cidades tendo en conta as necesidades da infancia e a súa opinión, crearemos espazos máis inclusivos e mellores para todos. As cidades son educadoras, a forma de habitar constrúenos e por iso debemos desenvolver un papel activo neste ámbito desde nenos.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Campo, A. (2014). Quiero ser arquitecto. Madrid: Mairea Libros.

Bo Bardi, L. (2014). Lina Bo Bardi por escrito. Mexico: Alias.

Bowkett, S. (2017). Croquis City. Un libro de arquitectura para dibujar. Barcelona: CocoBooks.

Cassany, M. (2017). Casas: atlas de hogares del mundo. Barcelona: Mosquito Books.

Ellis, C. (2015). Mil hogares. Madrid: Alfaguara.

Galeano, E. (1998). Patas arriba: la escuela del mundo al revés. Madrid: Siglo XXI.

Gehl, J. (2010). Ciudades para la gente. Buenos Aires: Ediciones Infinito.

Herem, T. (2014). Dibújame una casa: ideas de arquitectura para crear y colorear. Barcelona: CocoBooks.

Jacobs, J. (1961). The Death and Life of Great American Cities.

Mizieliska, A. (2017). Casas. Barcelona: CocoBooks.

Rigaud, L. (2009). Popville. Madrid: Kókinos.

Serrano, M. (2016). Jane Jacobs, cuatro entrevistas. Barcelona: GG.

Tonucci, F. (2015). La ciudad de los niños. Barcelona: Grao.

Tonucci, F. (2019). Por qué la infancia. Barcelona: Destino.

 

 

Sección: