O Xurelo: xente pequena que cambia o mundo

Unha ferramenta para achegar o noso alumnado á toma de conciencia sobre os problemas derivados da enerxía nuclear (accidentes, residuos, alternativas, consumo enerxético...) e a necesidade de afrontar o problema da enerxía tanto individual como colectivamente.

María Manuela Abella Cruz. Mestra de primaria xubilada.
marianela@edu.xunta.es

 

DESCRICIÓN DA ACTIVIDADE

O libro LIM O Xurelo: Xente pequena que cambia o mundo está dividido en dous apartados.

No primeiro apartado, «O Xurelo», cóntase a historia da viaxe da embarcación de Ribeira con ese nome que en 1981 protagonizou un episodio de protesta contra os vertidos radioactivos que tiñan lugar na Foxa Atlántica, uns residuos que hoxe en día aínda permanecen alí. Fálase, tamén, da repercusión internacional desa viaxe, das protestas que se orixinaron en distintos puntos de Europa e da decisión, finalmente, de non seguir botando residuos nucleares na Foxa Atlántica.

O segundo apartado céntrase na enerxía nuclear e trata de lle achegar ao alumnado algúns conceptos clave sobre o tema: que son os residuos nucleares e a súa persistencia no tempo, funcionamento dunha central nuclear, principais riscos da enerxía nuclear e os accidentes nucleares de Chernóbil e Fukushima.

Ambos os apartados compaxinan as diapositivas puramente informativas con outras que conteñen actividades destinadas a enfrontar o alumnado cos seus propios preconceptos sobre o tema.

O libro LIM está pensado para ser realizado en dúas sesións como mínimo, xa que, ademais da súa extensión, contén ligazóns a vídeos e páxinas adicionais. Cada docente decidirá se lle parece máis pertinente ver os vídeos de xeito colectivo antes da realización das actividades propostas no Edilim ou deixar que o alumnado vaia accedendo a eles a medida que vai realizando o Edilim. En calquera caso, resulta moito máis enriquecedor para o alumnado facer postas en común e debates sobre o tema que lle axuden a contrastar as súas opinións e afianzalas ou modificalas.

Este obxecto dixital está estreitamente relacionado con outros realizados durante a mesma licenza de estudos, como O cambio climático, Desenvolvemento sustentable, ou Protexer o medio ambiente, que se poden utilizar como complementos para ampliar información ou propoñer o traballo como un proxecto sobre a sustentabilidade, no que cada equipo se encargaría de traballar un dos apartados para despois facer a súa exposición ante o resto da clase.

Aínda que se presenta como un recurso para quinto de primaria, considero que é válido para ser utilizado ata os primeiros cursos da ESO.

OBXECTIVOS

Os obxectivos máis salientables desta actividade son: 

  • Coñecer a historia do barco Xurelo, a súa acción contra os vertidos na Foxa Atlántica e a repercusión desta acción no ámbito nacional e internacional.
  • Respectar as persoas que toman iniciativas en favor do medio ambiente.
  • Coñecer algúns dos riscos derivados do uso da enerxía nuclear.
  • Ser consciente da relación entre os impactos da enerxía nuclear e o consumo de enerxía.
  • Facernos conscientes da necesidade de cuestionar o noso modelo de consumo enerxético e introducir cambios nel coa finalidade dunha maior sustentabilidade.

CONTIDOS

  • O vertido de residuos nucleares na Foxa Atlántica.
  • A viaxe do Xurelo. Repercusións no ámbito nacional e internacional.
  • Orixe dos residuos nucleares: a enerxía nuclear.
  • Funcionamento dunha central nuclear.
  • Riscos da enerxía nuclear. Chernóbil e Fukushima.
  • Importancia das pequenas iniciativas persoais para o medio ambiente.

RECURSOS EMPREGADOS

Para a realización do traballo utilizaremos:

  • EDI da aula, para presentar o traballo e visualizar algún dos vídeos suxeridos.
  • Ordenadores da aula de informática, tanto para traballar co libro LIM como para outras actividades suxeridas (elaboración de gráficas, carteis, presentacións...).

AVALIACIÓN

A posta en común das ideas previas do alumnado permitiranos facer unha avaliación inicial para determinar de onde partimos.

Canto á avaliación do traballo co libro LIM, este permite saber se a solución é a correcta ao premer na icona de avaliación. Ademais, xera un informe que nos indica que actividades foron realizadas, o número de intentos e se o resultado obtido foi ou non correcto. Ofrece tamén información global sobre o número de actividades correctas, incorrectas e pendentes de realizar; así como a porcentaxe de actividades correctas. Ao picar na icona de información que hai na barra superior, accédese ao informe de avaliación.

Iso permítenos facer un seguimento do alumnado no ordenador onde está traballando, tanto de cada alumna e alumno, co fin de lles pedir que repitan algún exercicio se o consideramos necesario, como do grupo, para buscar recursos adicionais se vemos que un exercicio concreto supuxo moita dificultade para a maioría do grupo.

A realización doutras actividades que se suxiren máis abaixo, como unha reflexión colectiva sobre os temas contidos no libro LIM, ou un pequeno proxecto sobre o noso consumo enerxético permiten valorar dunha maneira máis completa en que medida o alumnado acada os obxectivos que nos propoñemos. Ao mesmo tempo, permite abordar o tema dun xeito máis global, involucrando outras materias como a Lingua (creación de textos para os proxectos), as Matemáticas (elaboración de gráficas) ou a Plástica (ilustración dos proxectos).

A elaboración de rúbricas para as distintas tarefas realizadas sobre o tema permitiranos avaliar o grao de adquisición dos conceptos que se pretenden traballar, así como outros elementos relacionados co traballo en equipo (colaboración, capacidade para lograr o consenso, aceptación de ideas discrepantes, grao de implicación no traballo colectivo...).

SUXESTIÓNS

Para complementar este material, propóñense as seguintes actividades:

  • Posta en común das ideas previas do alumnado sobre os contidos recollidos no libro LIM.
  • Proxección de vídeos educativos sobre a materia contida no libro LIM (algúns deles ligados no propio libro).
  • Análise do noso consumo de enerxía. Reflexión sobre as consecuencias do consumo de enerxía actual.
  • Elaboración, por equipos, de propostas de medidas de aforro enerxético que se poden tomar no ámbito persoal (na nosa casa, na escola...) e no institucional. 
  • Elaboración de folletos ou carteis para colocar no colexio nos que se recollan as propostas de aforro enerxético realizadas polo alumnado.
  • Mesa redonda para expoñer as medidas de aforro enerxético consideradas.
  • Elaboración, por equipos, de gráficas do consumo enerxético nas nosas casas durante o último semestre.
  • Reflexión colectiva sobre a importancia das iniciativas persoais á hora de actuar en favor do medio ambiente.
  • Busca de información sobre iniciativas en favor do medio ambiente na nosa comunidade ou nalgún outro lugar e posta en común dos datos obtidos.
  • Posta en común posterior á realización do libro LIM, para compartir as cuestións que fosen xurdindo e valorar o aprendido.

CONCLUSIÓNS

O libro LIM O Xurelo só pretende ser unha ferramenta complementaria doutras actividades e permitir un achegamento ao tema dun xeito lúdico e enmarcado en ferramentas dixitais, que ao noso alumnado lle resultan máis familiares e atractivas.