Análise do tratamento da Transición española no bacharelato

Este estudo analiza o tratamento da Transición española nos manuais da materia de Historia de España de segundo de bacharelato en Galicia e a súa relación coas perspectivas que o alumnado posúe dese período. Os resultados amosan unha nula evolución e unha relación alumnado-manuais afastada da realidade social, polo que se necesita reestruturar a unidade didáctica.

Carlos Lozano González
Graduado en Xeografía e Historia e mestre en Ciencias Sociais pola Universidade de Vigo
carloslozanoglez16@gmail.com

Contextualización

Situados dentro dunha revisión constante do sistema político actual español e nun contexto de crise, tanto económica como de identidade do país (Aparicio, 2017), o modelo que se desenvolveu durante a Transición democrática nas décadas de 1970 e 1980 é criticado polo xeito no que foi reestruturado o Estado. Debatida polos mass media e por amplos sectores sociais afastados dos partidos afíns ao réxime do 78 (Juliá Diaz, 2017), as respostas ofertadas polas novas correntes historiográficas ofreceron teorías alleas ao discurso oficial. A historia da Transición é aberta e controvertida, á vez que necesaria para entender o sistema sociopolítico español (Martínez, 2014), polo que ese debate se debe recoller dentro do sistema educativo.

Malia isto, esa discusión non parece figurar no tratamento da unidade didáctica vinculada a este período. Afectada por un certo subxectivismo dos docentes (González Cortés, 2014) e colocada na cola dos currículos de cuarto da ESO e de segundo de bacharelato (Martínez, 2014; Páez-Camino, 2006), os manuais de texto seguen a manter un discurso de exemplaridade (Marina Carranza, 2015; González Cortés, 2014) e non dan resposta a numerosas temáticas relevantes, caso da perspectiva de xénero (Cobano-Delgado e Llorent-Bedmar, 2014; Sant e Pagès, 2011) ou do peso da violencia na época (Casals i Meseguer, 2016).

Por iso, as numerosas carencias lévannos a procurar unha mellora no ensino desta etapa na secundaria, coa finalidade de reestruturar os manuais de texto e de ampliar o abano de propostas didácticas nas Ciencias Sociais para responder ás necesidades actuais e poder formar a futura cidadanía. Ademais, son case nulos os estudos focalizados no tratamento da historia nos libros de texto en Galicia, a diferenza doutras comunidades e universidades españolas, polo que pretendemos abrir unha nova vía de investigación.

Obxectivos

Os obxectivos xerais céntranse en analizar o tratamento da Transición democrática española nos manuais de Historia de España en segundo de bacharelato en Galicia; en recoñecer e comparar as perspectivas historiográficas sobre o período e o tratamento da perspectiva de xénero nos libros de texto e a súa evolución nos últimos vinte anos; e en coñecer a percepción do alumnado sobre a Transición e comparala coas visións historiográficas expostas nos manuais.

Material e métodos

Debido á inexistencia dun modelo único de instrumento de análise dos manuais de texto, baseámonos na metodoloxía da tese de doutoramento de Fernández Sánchez (2016) e no manual clave  sobre o discurso da época dos profesores Rafael del Águila e Ricardo Montoro (1984), respectivamente. Ademais, ampliamos a nosa base de coñecemento partindo dun amplo marco teórico baseado en numerosos artigos científicos vencellados á didáctica das Ciencias Sociais; doutros relacionados co tratamento de temáticas específicas (Ibáñez e Ortuño, 2012); e dun amplo número de monografías especializadas no período histórico (Tusell Gómez, 2007).

Con todo isto, construímos a nosa ferramenta focalizada nos aspectos formais e valorativos do tratamento desta unidade nos 11 manuais escollidos para a nosa mostra (cadro 1). Elixidos en canto ás nosas posibilidades de obtención, os manuais de texto permítennos analizar e observar unha evolución de tratamento desde 1999 ata 2016, polo que o noso estudo se centrará nas posibles variacións das temáticas expostas, dos enfoques historiográficos defendidos e dos recursos de aprendizaxe desenvolvidos, ademais do vocabulario tratado.

Por outra banda, o noso interese de analizar a percepción do alumnado levounos a elaborar unha enquisa de 20 preguntas onde se procuraron as valoracións, percepcións e saberes do estudantado sobre esta etapa. Partindo, metodoloxicamente, de certos aspectos obtidos no artigo dos profesores De Alba e Navarro (2011), o cuestionario foi resolto por 99 rapaces e rapazas do derradeiro curso de bacharelato do IES Ramón Otero Pedrayo de Ourense.

Cadro 1. Libros de texto da materia de Historia de España de segundo de bacharelato. Fonte: Elaboración propia

Análise de resultados

Os libros de texto

No campo formal, o peso da unidade temática dedicada á Transición foi escaso en todos os libros analizados, xa que non foi superado o 4% do total en 10 dos 11. Ademais, a gran maioría dos contidos expostos tiña un carácter político (gráfica 1).

 

Gráfica 1. Temáticas máis empregadas na Transición española nos manuais utilizados. Fonte: Elaboración propia

 

Por outra banda, os resultados tamén amosaron un número variable de actividades entre cada unha das edicións, aínda que a práctica totalidade delas se vencellaba ao reforzo dos contidos expostos na unidade.

O mesmo aconteceu cos valores e significados das imaxes, mapas ou gráficas engadidas dentro das páxinas das unidades: relación total co contido e unha tendencia a reforzar só o exposto. Por riba, as imaxes seguían a tendencia de reforzar as temáticas políticas, á vez que omitían contidos sociais ou de xénero; nelas, figuraban persoeiros masculinos clave e feitos salientables vencellados, por exemplo, ao nomeamento do rei Xoán Carlos I, á Constitución de 1978 ou á figura de Adolfo Suárez.

No aspecto valorativo, predominou a visión historiográfica tradicional na totalidade dos libros, o vocabulario clásico e oficial do consenso, reforma ou ruptura democrática mantívose e figuraron case sempre os mesmos persoeiros (rei Xoán Carlos I, Adolfo Suárez, Felipe González...) e feitos destacables, como a Lei de reforma política, as primeiras eleccións democráticas (1977), a Constitución de 1978 ou o golpe de Estado de 1981. Este predominio dos feitos observámolo á hora de estruturar a unidade, onde serán elementos primordiais para organizar o tema.

Ademais, o marco cronolóxico establecido pola maioría dos manuais de texto para a época da Transición democrática foi acorde co exposto na historiográfica tradicional: desde a morte de Francisco Franco, en 1975, á vitoria electoral do PSOE, en outubro de 1982 (gráfica 2).

 

Gráfica 2Marcos cronolóxicos establecidos para a Transición española nos manuais de texto analizados. Fonte: Elaboración propia

O alumnado

A primeira parte da nosa enquisa, centrada no coñecemento do alumnado, amosou uns resultados onde a maioría dos enquisados coñecía o réxime ditatorial existente en España ata 1975 (87 %) e a súa principal figura, o xeneral Francisco Franco (88 %). Ademais, máis da metade dos enquisados —54 dos 99— coñecía a figura de Adolfo Suárez e a ampla maioría estableceu o PSOE e o PCE como partidos claves da época. Por outra banda, o alumnado cuestionado estableceu o marco cronolóxico maioritario entre 1975 e 1978 —51 dos 99— (gráfica 3). Só o 21 % o alumnado enquisado citou a algunha muller relevante durante o período e Dolores Ibárruri foi a máis mencionada.

 

Gráfica 3Marcos cronolóxicos establecidos para a Transición española polo alumnado enquisado. Fonte: Elaboración propia

A parte de valoración do cuestionario mostrounos que o 68% das respostas considerou crucial o papel do monarca Xoán Carlos I nesa época e o 43% estableceu a Transición como un proceso rupturista, á vez que o 60% considerou irrelevante o papel xogado pola muller.
Por outra banda, o 84% e o 63%, respectivamente, das enquisas consideraban a morte de Franco e a aprobación da Constitución como o inicio e o fin da Transición.
Ademais, o 76% dos cuestionados recoñecía saber pouco ou moi pouco sobre este período (gráfica 4).

 

Gráfica 4Nivel de coñecemento da Transición do alumnado enquisado. Fonte: Elaboración propia

Os resultados vencellados á percepción do alumnado sobre o período outorgáronlle unha ampla importancia á educación non formal para a ensinanza da etapa, xa que 54 enquisados afirmaron obter os seus coñecementos fóra da escola, a través das súas familias, documentais ou Internet.

Un 79% considera necesario un debate sobre o período, xa que un 67% establece escaso o existente, aínda que un 52 % cre que aumentou nos derradeiros anos. Ademais, o 79 % das enquisas respondidas considera importante o período na historia contemporánea española.

Finalmente, o 56% considera a situación actual da unidade temática pola súa posición final no currículo, mentres que a porcentaxe restante o achaca ao pouco interese dos docentes en explicala, pola súa proximidade no tempo ou pola súa escasa importancia histórica.

Conclusións

A nosa investigación determinou unha serie de resultados que non se afastan doutros obtidos noutras pescudas no Estado español, determinando unha escasa importancia da unidade dentro da materia.

A análise do tratamento mostrou unha gran relevancia concedida ás temáticas políticas por riba doutras de carácter social; un nulo contido relacionado coa perspectiva de xénero e un escaso interese en ampliar os coñecementos da etapa, xa que os recursos de aprendizaxe son ineficaces e escasos. Ademais, os contidos manteñen a visión tradicional do discurso e omiten calquera evolución ou proposta máis actual, e das estruturas das unidades, que apenas variaron co paso das dúas décadas que abranguen os manuais analizados, malia o crecente debate na sociedade.

O alumnado apenas coñece o tema pola educación formal. Está influenciado por fontes imprecisas e subxectivas que seguen a ser, maioritariamente, liñas de coñecemento latitudinais ás perspectivas do discurso oficial exposto nos libros de texto e afastado das investigacións críticas dos derradeiros anos.

 

Bibliografía: 

 

 

Aparicio, V. (2017). La violencia política en la historiografía sobre la Transición. Vínculos de Historia, 6, pp. 328-351.

Casals i Meseguer, X. (2016). La transición española: el voto ignorado de las armas. Barcelona: Pasado & Presente.

Cobano-Delgado, V. e Llorent-Bedmar, V. (2014). La mujer en los libros de texto de bachillerato en España. Cadernos de Pesquisa, 4, 151, pp. 156-175.

De Alba, N. e Navarro, E. (2011). El aprendizaje de la historia de España para la educación ciudadana. Investigación en la escuela, 75, pp. 21-34.

Díaz Julià, S. (2017). Transición. Historia de una política española (1937-2017). Barcelona: Galaxia Gutenberg.

Fernández Sánchez, A. (2016). La enseñanza de la historia a través de los textos escolares (1975-2000): historiografía, metodología y formación de identidades. (Tese de doutoramento en Educación). Madrid: Universidade Complutense de Madrid.

González Cortés, J. R. (2014). Una perspectiva didáctica de la transición. De los testimonios cotidianos a la imágenes militantes. En Iturraga Bareo, D. e Navajas Zubeldia, C. (eds.). España en democracia. Actas del IV Congreso Internacional de Historia de Nuestro Tiempo (pp. 179-189). Logroño: Universidad de La Rioja.

Guitián Ayneto, C. e Pérez García, A. (2006). La Historia de España en el bachillerato. ¿Contribuye su estudio a la comprensión de los grandes problemas y preocupaciones de la sociedad? En Gómez Rodríguez, A. E. e Núñez Galiano, M. P. Formar para investigar, investigar para formar en Didáctica de las Ciencias Sociales (pp. 177-186). Málaga: Editorial Libros Activos.

Ibáñez, C. e Ortuño, J. (2012). La Constitución de 1978 en el bachillerato. Íber. Didáctica de las Ciencias Sociales, Geografía e Historia, núm. 72, pp. 18-24.

Marina Carranza, M. (2015). De democracias, dictaduras, guerras, repúblicas y monarquías: la historia reciente española en los libros de texto. En Colomer Rubio, J. C., Esteve Martí, J. e Ibáñez Domingo, M. (coord.), Ayer y hoy. Debates, historiografía y didáctica de la historia (pp. 52-57). Valencia: Universitat de València.

Martínez, N.; Pineda, F. e Valls, R. (2009). El uso del libro de texto de Historia de España en bachillerato: diez años de estudio, 1993-2003, y dos reformas (LGE-LOGSE). Didáctica de las Ciencias Experimentales y Sociales, núm. 23, pp. 3-35.

Martínez, R. (2014). Profesores entre la historia y la memoria. Un estudio sobre la enseñanza de la transición dictadura-democracia en España. Enseñanza de las Ciencias Sociales, 4, 13, pp. 41-48.

Páez-Camino, F. (2006). Enseñar la recuperación democrática de España: consideraciones sobre la transición en clase de historia. Íber. Didáctica de las Ciencias Sociales, Geografía e Historia, 50, pp. 11-31.

Rivas, M. (2014). La Transición española: la historia de un éxito colectivo, Revista Aequitas. 4, pp. 351-387.

Rodríguez López, E. (2015). Por qué fracasó la democracia en España. La transición y el régimen del 78. Madrid: Traficantes de Sueños.

Sant, E. e Pagés, J. (2011). ¿Por qué las mujeres son invisibles en la enseñanza de la historia? Revista Historia y Memoria, núm. 3, pp. 129-146.

Soto, A. (2012). Ni modélica ni fracasada. La Transición a la democracia en España: 1975-1982. Índice Histórico Español, 125, pp. 117-156.

Tusell Gómez, J. (2007). La transición democrática en España, 1975-1982. Barcelona: Espasa Libros.

Valls, R. (2001). Los estudios sobre los manuales escolares de historia y sus nuevas perspectivas. Didáctica de las ciencias experimentales y sociales, 15, pp. 23-36.

 

Sección: