Nenos altamente sensibles e o seu posible tratamento nas aulas

Manuela Pérez Chacón, psicóloga infantil e xuvenil colexiada núm. AN06014
Presidenta da Asociación Española de Psicólogos e Profesionais da Alta Sensibilidade
www.pasespana.com

 

Definición do neno altamente sensible (NAS)

A sensibilidade de procesamento sensorial, comunmente chamada alta sensibilidade, é unha característica innata do temperamento. Os nenos altamente sensibles, que identificamos coa sigla NAS, son aqueles menores de idade que posúen este peculiar trazo temperamental ao nacer. O trazo vai acompañar o individuo ao longo de toda a súa vida. Con todo, hai parte do comportamento que se pode moldear, desenvolvendo así a propia personalidade. A importancia da crianza durante o desenvolvemento do menor é fundamental, xa que marcará tanto o seu presente como o seu futuro. Unha educación baseada na atención das súas necesidades será de grande utilidade para afrontar os riscos que derivan da peculiar forma de pensar e sentir que teñen os NAS. Así mesmo, unha educación preventiva fomentará o benestar emocional e, como consecuencia, a calidade do rendemento escolar do menor.

O trazo NAS pódese identificar pola destacada empatía que mostran estes menores desde idades temperás, a súa alta capacidade de procesamento da información e a súa intensa maneira de sentir tanto as emocións positivas como as negativas. Así mesmo, falamos de nenos e nenas que, ante estímulos prolongados ou intensos da súa contorna, chegan a sentirse saturados ou atafegados. Adoitan ser perfeccionistas e creativos. A súa natureza lévaos a reflexionar profundamente antes de actuar. Cando deben tomar unha decisión, o seu pensamento percorre todos os aspectos ou alternativas posibles, o cal leva asociado un tempo de reacción maior. Debido a isto, poden mostrar certa lentitude ao responder preguntas na clase, pero tamén poden dar respostas máis acertadas pola detallada análise que realizou o seu cerebro.

A alta sensibilidade está presente en aproximadamente o 15-20 % da poboación (Aron, 2017). Na bibliografía científica denomínase sensibilidade de procesamento sensorial aquilo que, de forma máis coloquial, chamamos alta sensibilidade. É importante non confundir este termo ao que nos referimos para falar do trazo altamente sensible con outros vocábulos parecidos. Nada ten que ver a sensibilidade de procesamento sensorial co trastorno do procesamento sensorial ou o trastorno da integración sensorial.

As persoas con alta sensibilidade ou sensibilidade de procesamento sensorial mostran ser boas observadoras, fíxanse nos detalles máis sutís. Así mesmo, irrítanse ante os ruídos ou as aglomeracións de xente que lles supoñan altos niveis de estimulación. As súas respostas emocionais son máis intensas e, en ocasións, requiren máis tempo de inactividade. Trátase dun trazo que se identificou realizando estudos sobre a introversión. En cambio, na actualidade os autores afirman que, dentro dese 15-20 % de persoas que posúe o innato trazo, só son aproximadamente un 70 % as persoas introvertidas.

En 2017, a revista Developmental Psycholog publicou o estudo realizado polo psicólogo Michael Pluess da Universidade Queen Mary en Londres. Pluess e colaboradores formularon a identificación de diversos grupos de sensibilidade a partir do desenvolvemento dunha escala infantil altamente sensible. O resultado mostrou tres clasificacións altamente definidas: 25-35 % de individuos altamente sensibles, 41-47 % con nivel intermedio de sensibilidade e un terceiro grupo do 20-35 % de individuos con baixa sensibilidade. Aínda que todos os seres vivos son sensibles á súa contorna, esta investigación demóstranos a existencia de tres grupos diferenciados. Cada un deles mostra diferentes niveis en canto á sensibilidade ambiental.

A particularidade cerebral relacionada coa empatía e a motivación das persoas altamente sensibles demostrouse en investigacións mediante a resonancia magnética funcional. En 2014, a revista científica Brain and Behavior publicou o estudo realizado pola doutora en psicoloxía Bianca Acevedo. Os suxeitos participantes observaron fotografías de persoas queridas fronte a outras de persoas estrañas. Os rostros das fotografías mostraban emocións tanto positivas como negativas ou neutras. O estudo demostrou que as persoas altamente sensibles son máis capaces de recibir estímulos exteriores relacionados coas emocións.

Cabe sinalar a profundidade de procesamento cognitivo como a característica máis significativa nas persoas altamente sensibles. Con todo, sendo algo difícil de observar a primeira ollada, existen investigacións que o avalan. Un estudo comparativo entre a actividade cerebral de persoas altamente sensibles e persoas non altamente sensibles (Jagiellowicz, 2011) foi publicado na revista científica Social Cognitive and Affective Neuroscience. O estudo demostraba como as persoas altamente sensibles usaran durante a tarefa aquelas partes do cerebro responsables do procesamento profundo da información. A tarefa consistía en buscar as diferenzas entre dúas imaxes moi parecidas fronte a buscar diferenzas entre dúas imaxes absolutamente diferentes. Os resultados demostraron maior actividade nas áreas cerebrais encargadas da complexidade perceptiva e detección dos detalles das persoas altamente sensibles.

Tamén na revista científica Social Cognitive and Affective Neuroscience, en 2010, se publicou un estudo que marcaba as diferenzas detectadas en persoas altamente sensibles de dúas culturas totalmente contrapostas. Trataron de observar a relación entre a actividade cerebral de persoas estadounidenses fronte a persoas asiáticas, mentres realizaban tarefas perceptivas con diferente grao de dificultade. O resultado mostrou que non había influencia para as persoas altamente sensibles polo feito de pertencer a unha cultura individualista como a estadounidense ou pertencer a unha colectivista como a asiática. A actividade cerebral dos suxeitos do estudo que non eran altamente sensibles requiría un esforzo adicional ante as tarefas máis difíciles para a súa cultura de orixe. En cambio, non se daba esta necesidade de esforzo extra para os suxeitos altamente sensibles. É dicir, a capacidade perceptiva das persoas altamente sensibles era tan profunda e elaborada nun contexto cultural propio como nun alleo.

 

Problemas na aula

O labor do profesorado é fundamental á hora de actuar evitando dificultades na aula ou ben eliminando problemas que poidan xurdir. Os NAS mostran a súa conduta en función do trazo innato que os caracteriza. Estes factores poden ser intrínsecos ou extrínsecos, segundo a situación en cuestión. Poderiamos, polo tanto, identificar unha conduta propia dun NAS se identificamos o factor que o leva a actuar de tal modo.

Pola súa propia natureza, o neno NAS posúe un pensamento profundo. Digamos que procesa a información de forma exhaustiva. O NAS tende a reflexionar antes de actuar. Isto pode converterse nun problema na aula, a pesar de ser unha calidade bastante valiosa. O neno que procesa a información con profundidade require un maior tempo de reacción ante situacións novas ou ante situacións que lles poidan causar preocupación, inquietude ou mesmo satisfacción. Os profesores poden pensar que se trata de lentitude cognitiva, é dicir, pode parecer que son menos rápidos ao pensar cando, en realidade, non é unha lentitude relacionada con algo patolóxico. O cerebro dos NAS require un maior tempo de análise. Mentres o neno pensa e a súa mente elabora máis información, como proceso inconsciente polo seu trazo innato, a súa conduta cara ao que o observa é máis lenta. Isto obsérvase, por exemplo, cando algúns NAS son máis remisos a saír voluntarios na clase, levantar a man ou saír ao encerado, polo menos ata que senten un feeling ou relación positiva co seu grupo e co docente.

Noutras ocasións, o NAS pode mostrar unha actitude ríxida que o profesorado pode interpretar como conduta de reto. Os NAS son concienzudos e preocúpanse polas inxustizas sociais. Adoitan solidarizarse cos máis débiles e cos que consideran mellores amigos. Por iso, ao observar aquilo que poida parecerlles inxusto, reaccionan deixándose levar polo sentimento de rabia. O contexto escolar, visto como unha microsociedade xerarquicamente estruturada, está cheo de normas, tempos e horarios. Poderiamos dicir que se trata do ambiente ideal para que un neno observe múltiples inxustizas ao longo da mañá. Para eles é inxusto un exame sorpresa, que o profesor lle poña un negativo ao seu mellor amigo ou que un neno doutra clase o empuxe no recreo sen ser castigado polo responsable de vixiar o patio.

Ao tratarse de individuos responsables, preocupados por evitar conflitos e defensores da xustiza, algúns NAS teñen tendencia a desenvolver medos. Por exemplo, o medo a non lles caer ben aos seus compañeiros de clase cando empezan un novo curso ou o medo a non lles agradar aos seus novos profesores. E moitas outras preocupacións que poden desembocar mesmo en fobias. O seu pensamento reflexivo pódese adiantar ás situacións e levalos a preocuparse por cousas das que non existe certeza, tales como pensar nun posible accidente se saen de excursión, crer que por algunha nota máis baixa xa van repetir curso ou non atrevérense a dar a súa opinión por medo ao xuízo social. O profesorado pode pensar que os NAS posúen algún trastorno que os leva a desenvolver as devanditas fobias cando, en realidade, ser NAS non supón padecer ningunha enfermidade. Os medos nestes casos son condutas illadas froito do cerebro pensante, persistente e analítico.

Respecto da autoestima dos NAS, pode verse minguada cando a crianza é negativa. Algo que lles pode danar a autoestima son as constantes comparacións con iguais, as críticas e o non sentirse importantes no seu grupo. Un neno que non dá problemas na clase pode pasar desapercibido no centro, ata o punto de chegar a facerlle sentirse ignorado. Non xerar conflitos con compañeiros da clase, seguir as normas do centro e ser responsable co seu traballo académico pode ser habitual nun NAS ata que se converte en invisible para os demais e empezan a xurdir problemas.

Pautas de actuación para o profesorado

O trazo que caracteriza a nena ou o neno altamente sensible vaino acompañar ao longo de toda a súa escolarización e ao longo da súa vida. Por iso é importante dotar este tipo de alumnado das ferramentas necesarias para que aprenda a regular as súas emocións e o seu comportamento no contexto escolar. Non requirirá unha intervención constante na maioría dos casos. Serán necesarias intervencións momentáneas para as cales o profesorado deberá estar fundamentalmente formado e informado sobre a alta sensibilidade.

As contornas chamadas agresivas polas súas multitudes, berros, desorde ou cheiros intensos xéranlle entropía ao NAS e pódenlle causar desmotivación ante o estudo. Esta incerteza ante o conxunto de mensaxes que recibe o NAS é precisamente o factor que o profesorado debe atender nos momentos precisos. Trátase de dotalos no seu proceso de aprendizaxe das habilidades necesarias para resolver os seus propios conflitos persoais e que logren xestionar de forma adecuada as súas emocións para adaptárense progresivamente ao medio. Todo o mundo rende máis en calquera tarefa cando o ambiente é óptimo para el ou ela. A diversidade na aula pode chegar a ser un reto para o labor do docente. A isto súmase o constante cambio ao que a escola se atopa sometida cos rápidos avances tecnolóxicos. Ademais, ter en conta a particularidade e as diferenzas individuais do alumnado pode converterse nunha bonita pero ardua tarefa nas aulas.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (LOMCE), apostou por unha reforma educativa que implica: «Un conxunto de medidas que mellora as condicións para que todos os alumnos e alumnas poidan adquirir e expresar os seus talentos e alcanzar o seu pleno desenvolvemento persoal e profesional, como soporte da igualdade de oportunidades».

O Real decreto 126/2014, do 28 de febreiro, polo que se establece o currículo básico da educación primaria, no seu artigo 9, que trata sobre o proceso de aprendizaxe e a atención individualizada, establece que: «A intervención educativa debe establecer como principio a diversidade do alumnado, entendendo que deste xeito se garante o desenvolvemento de todos eles á vez que unha atención personalizada en función das necesidades de cada un».

Durante a etapa de educación primaria, dos 6 aos 12 anos aproximadamente, o profesorado pode dotar o neno altamente sensible das ferramentas necesarias para garantir unha participación equitativa na aula, ensinalo a tomar decisións, a expresar pensamentos e sentimentos, fomentar que sexan tolerantes e permitirlle a oportunidade de potenciar a súa creatividade elixindo actividades enxeñosas para a aula. Así mesmo, é o momento óptimo para fomentar a autoestima e habilidades como a empatía e a asertividade. É fundamental que o alumnado aprenda a relacionarse baixo a idea da diversidade, todos son diferentes e iso é enriquecedor. Estratexias tales como descompoñer as tarefas en pasos pequenos para evitar a saturación, permitir que as tarefas sociais se realicen baseadas nunha dificultade progresiva e evitar unha disciplina ríxida e inflexible a prol dun recordatorio suave e privado axudarán considerablemente o alumnado co trazo altamente sensible.

O Real decreto 1105/2014, do 26 de decembro, polo que se establece o currículo básico da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato, fálanos da equidade na educación, entendendo que o obxectivo sexa o alcance do máximo desenvolvemento posible das capacidades persoais do alumnado. Entre o tipo de alumnado ao que se refire, considéranse motivos tales como presentar necesidades educativas especiais, dificultades de aprendizaxe, trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH), así como condicións persoais ou de historia escolar. Neste último grupo, as condicións persoais, son o lugar onde poderiamos encaixar os nenos altamente sensibles e considerar a necesidade de valorar de forma temperá as súas necesidades.

Na etapa de educación secundaria, dos 12 aos 16 anos aproximadamente, son máis capaces de planificar o seu traballo escolar, centrar a atención e pensar de maneira estratéxica. O cerebro a estas idades permítelles ser máis conscientes de si mesmos e dos demais, así como das súas propias opinións e emocións. Algúns menores altamente sensibles van requirir do seu profesorado que lles proporcione máis tempo para resolver determinadas actividades, xa que a súa forma de procesar a información os leva a valorar demasiadas alternativas e mesmo teñen a capacidade de analizar as consecuencias de futuro. Tamén poden necesitar integraren ao seu ritmo aqueles procesos que supoñan unha exposición en público. O profesorado podería empezar con actividades en parella, para ir ampliando progresivamente o rango de individuos. Así mesmo, os profesores e profesoras que atendan a NAS nesta etapa deberán ter en conta as súas condicións persoais, informándose das súas necesidades mediante a comunicación coa familia.

Como conclusión, cabe dicir que os nenos e nenas altamente sensibles, a pesar de ser unha minoría na sociedade, deben ser atendidos en función das súas necesidades educativas. Trátase de estar atentos aos signos que mostren, tales como problemas individuais, con iguais ou cos seus superiores. Previr é a clave para evitar o fracaso escolar deste alumnado, coidando a súa autoestima e os factores que puidesen derivar nalgún trastorno de ansiedade ou depresión. Do mesmo xeito que a lei ampara a diversidade do alumnado con necesidades educativas especiais e do alumnado con altas capacidades intelectuais, o alumnado con alta sensibilidade presenta unhas condicións persoais que poden requirir atención personalizada no contexto escolar.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Antoni, M. (2006). Estrategias para mejorar el rendimiento académico de los adolescentes. Madrid: Psicología Pirámide.

Dabrowski, K. (1964). Positive disintegration. Boston: Little, Brown.

Quiles, M. J. e Espada, J. P. (2004). Educar en la autoestima. Madrid: Editorial CCS.

López, S. e Escudero, V. (2003). Familia, evaluación e intervención. Madrid: Editorial CCS.

Blakemore, S. e Frith, U. (2006). Cómo aprende el cerebro. Las claves para la educación. Barcelona: Ariel.

Pfeiffer, S. (2017). Identificación y evaluación del alumnado con altas capacidades. La Rioja: Unir Editorial.

Sohst, K. (2017). El poder de la sensibilidad. Barcelona: Ariel.

 

 

Sección: