Galicia: referente da cultura medieval

Proceso de creación dun vídeo educativo nunha escola de educación primaria
O artigo conta como foi a experiencia na elaboración do vídeo titulado Galicia: referente da cultura medieval, premiado no certame Vindevídeos. Explícanse os obxectivos, os procesos levados a cabo, a xustificación histórica e as técnicas empregadas.

Luís Martínez Sánchez. Mestre especialista en Educación Musical
CEIP Ortigueira (Vedra - A Coruña)
lmartinez@edu.xunta.es


 

Introdución

A presenza en Galicia do Pergamiño Vindel foi a oportunidade para que a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocase o certame Vindevídeos, co obxectivo de estimular a creación audiovisual en galego e achegar a cultura trobadoresca ao alumnado de educación primaria e secundaria. En canto coñecemos a convocatoria, pensamos en crear un contido audiovisual que debería cumprir as seguintes condicións, en forma de obxectivos:

  • Reflectir a personalidade do centro a través dos proxectos e áreas nas que estamos a traballar máis intensamente (arquitectura e espazo educativo, coidado da lingua galega).
  • Poder ser usado noutros contextos educativos.
  • Explicar a riqueza artística e cultural da Galicia medieval a través de diferentes disciplinas (literatura, arte, música).
  • Integrar diversas áreas do currículo.

O CEIP Ortigueira é un centro pequeno, con aulas mixtas en educación infantil e nos cursos terceiro-cuarto e quinto-sexto de educación primaria; situación que, lonxe de ser un problema, é unha oportunidade magnífica para desenvolver proxectos colectivos. A creación dun vídeo supón un proceso de aprendizaxe moi complexo, que abrangue moitos aspectos, tarefas, competencias, contidos…, sempre desde a perspectiva de «aprender facendo».

O contido

O vídeo explica a través de voz en off as razóns polas que consideramos que Galicia foi unha verdadeira potencia cultural do medievo:

  • A eclosión do Camiño de Santiago como elemento vertebrador e vía de comunicación e transmisión das vangardas europeas.
  • A realización en Galicia da obra culminante do románico do seu tempo:  O Pórtico da Gloria.
  • O galego-portugués, lingua de prestixio máis alá dos límites xeopolíticos da Galicia actual.
  • Os manuscritos editados en Galicia e/ou en galego-portugués: Códice Calixtino, Pergamiño Vindel, Cantigas de Santa María.
  • A importancia da música que conteñen estes manuscritos.

 

O time lapse

Hai tres momentos do vídeo realizados con esta técnica, que consiste na aceleración das imaxes ou na captura de imaxes en intervalos de tempo: o título, a recreación do Camiño de Santiago e a construción do Pórtico da Gloria.

O título realizouse capturando imaxes de cada unha das letras unha vez escritas á man.

A recreación do Camiño de Santiago ten como referente unha imaxe do Codex Calixtinus e realizouse no patio do centro acelerando as imaxes, simulando cunha corda o límite norte da Península Ibérica e chantando na terra figuras dalgunhas das igrexas e catedrais máis importantes da vía.

A construción do Pórtico da Gloria tamén se levou a cabo coa técnica de aceleración de vídeo. Usamos as pezas do Sistema Lupo —creado polo arquitecto Fermín Blanco—, un material co que xa construiramos a ponte do Gundián e diversos arcos e pontes. O uso do Lupo forma parte do proxecto multianual Repensando a escola, encamiñado á reforma arquitectónica do edificio e do contorno do colexio, que ten como eixe vertebrador a reflexión sobre a relación entre arquitectura e procesos educativos, e que se resume nunha breve frase: «O espazo educa». En maio de 2018, o noso relatorio sobre este proxecto foi seleccionada por Ludantia, Bienal Internacional de Arquitectura para a Infancia.

A lingua

Poderiamos dicir que o CEIP Ortigueira é coma a aldea gala de Astérix e Obélix, en tanto que o noso alumnado é maioritariamente galegofalante, entendendo como galegofalantes as persoas que se comunican en galego en todas as situacións da súa vida diaria (na aula, no patio, na casa, na piscina ou nos adestramentos de fútbol…). Con todo, como vimos reflectindo nos documentos do equipo de normalización lingüística, a calidade da lingua utilizada é cada vez peor, e afecta especialmente ao uso inadecuado do pronome átono, da preposición nas perífrases verbais e ao incremento de castelanismos.

O texto preparado para o vídeo tivo numerosas reelaboracións, condicionado polas restricións de tempo e a sincronización coas imaxes. Estas reelaboracións foron moi produtivas e obrigaron o alumnado a buscar recursos lingüísticos para seleccionar contidos, modificar oracións, abreviar seccións… O rexistro empregado é un estilo culto, propio da linguaxe histórica e musicolóxica.

A lectura ante un micrófono é unha situación especial, que esixe concentración, calma e autocontrol. O alumnado sentiu a presión de «locutar» adecuadamente un texto; a vivencia desta situación foi moi significativa e levou á evocación de reflexións moi interesantes sobre a cantidade de sons que nos rodean cando cremos que estamos en silencio, sobre a concentración precisa ou sobre a tensión que sente a locutora. No noso traballo procuramos a maior corrección retórica e prosódica.

A música

A música medieval en galego-portugués e a que conteñen os manuscritos galegos é obxecto de estudo nas máis importantes universidades do mundo, contido obrigatorio nas ensinanzas de historia da música nos institutos de ensino secundario e obxecto de interpretación por parte dos máis reputados conxuntos especializados internacionais. As obras do Codex Calixtinus e das Cantigas de Santa María foron gravadas en centos de rexistros discográficos.

Durante todo o vídeo soa música interpretada polo alumnado do CEIP Ortigueira en toma de directo, sen modificación de ningún tipo nin engadidos electrónicos.

As composicións que se interpretan versiónanse desde un profundo respecto aos  orixinais, sen poñer nin quitar unha soa nota, é dicir: non son versións facilitadas para o alumnado. Os instrumentos usados son unicamente os que ofrece a Consellería de Educación para a aula de música. As obras son as seguintes:

Cantiga de Santa María número  111 «En todo tempo faz ben». Codex Madrid. S. XIII. Transcrición: Robert Schuchard. Arranxo: Luís Martínez

«Mandad’ei comigo». Martin Codax. Pergamiño Vindel. S. XIII. Transcrición e arranxo: Luís Martínez

«Ad honorem regi summi». Codex Calixtinus. S. XIII. Transcrición: Jordi Savall. Arranxo: Luís Martínez

O proceso e a repartición de tarefas

Coma en calquera outro traballo colectivo e colaborativo, o proceso que se segue e a repartición de tarefas son fundamentais para acadar un resultado satisfactorio no tempo previsto.

Tivemos moito coidado en organizar determinadas tarefas que o alumnado puidese facer de xeito autónomo nos recreos do comedor (pintar catedrais, preparar estacas e carteis,  ensaiar e gravar letras de cabeceira, preparar montaxe Lupo, ensaiar signos, buscar imaxes na Rede…) para non  usar máis sesións de clase das estritamente necesarias.

Dúas actividades fóronse realizando en paralelo no tempo a todas as demais: a preparación da música (durante as sesións correspondentes) e a preparación dos textos (con sucesivas modificacións para adaptalos á secuencia temporal).

Decidimos levar todo o alumnado participante no proxecto durante unha mañá á nave de carga da antiga estación do tren —recentemente rehabilitada— para levar a cabo a gravación da montaxe do Pórtico da Gloria e de todas as pezas musicais que soan no vídeo. Foi unha boa idea, que fixo que tivésemos a todo o alumnado implicado no proxecto concentrado e disposto, ademais de servirnos dun fondo plano, amplo e adecuado para as esixencias visuais.

O alumnado participou nalgúns procedementos da edición final do vídeo usando o programa FILMORA.

Para mellorar

- Cómpre preparar un cadro con toda a estrutura do traballo que se vai realizar. Este cadro debe ser modificable, estar visible para todos os participantes e débense ir marcando as tarefas completadas, os responsables de cada traballo e a súa temporización. Isto axudará a mellorar a organización do traballo, a visualizar os procesos en marcha, facilitará a avaliación final, a presentación de resultados, a memoria descritiva do traballo realizado e a posible exposición pública.

- Débense revisar no momento e en pantalla grande (ordenador) todos os brutos de vídeo que se rexistren. Algúns erros pódense emendar no momento só con revisar os vídeos nun tamaño adecuado e cambiando de pantalla. No noso caso, a imaxe que nos proporcionaba a cámara de vídeo (antiga e de calidade media-baixa) estábanos enganando en relación co que despois percibiamos en pantalla.

- É preciso dispor no colexio dunha gravadora de audio. A calidade da gravación utilizando un aparato especialmente deseñado para ese fin é moito mellor. Ademais, o seu uso pode ser proveitoso noutras moitas actividades.

 

Cadro resumo das actividades realizadas e a súa secuencia temporal. Non  puidemos reconstruír a temporización exacta debido a que non fomos suficientemente meticulosos na toma de notas e na información do proceso.

 

TAREFA

QUEN

CANDO

COMPETENCIAS

Realización de catedrais e igrexas (pintura, recorte, pegado, estacas)

EP4 (voluntarias), EP5-6

Recreo comedor

CCEC

Ensaio e realización time lapse Camiño de Santiago

EP5-6

2 sesións de clase

CCEC,CAA, CSC

Busca de imaxes

EP5-6

Momentos diversos

CD, CCEC

Ensaio das pezas musicais

EP3-4 selección, EP5-6

Horas da materia de Música

CMCT, CAA, CCEC

Preparación dos textos

EP5-6

Momentos diversos da clase de LC

CCL, CAA, CCEC

Preparación e gravación dos signos

EP5-6

Recreo de comedor e unha sesión de LC

CCL, CAA, CCEC, CSC, CD

Preparación e execución do Pórtico da Gloria co Sistema Lupo

EP5-6

Media mañá

CMCT, CSC, CCEC, CAA

Gravación das músicas

EP3-4 selección, EP5-6

Media mañá

CMCT, CSC, CCEC, CAA

Locución dos textos

EP5-6 selección

Unha hora de CCSS

CCL, CCEC, CAA,

Edición do vídeo

Mestre responsable, EP5-6

Traballo individual na casa, un par de sesións de Música

CMCT, CD, CAA, CCEC

 

O vídeo. Galicia, referente da cultura medieval

Bibliografía: 

 

 

LÓPEZ CALO, J. (1982): La música medieval en Galicia. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza e La Voz de Galicia.

VILLANUEVA ABELAIRAS, C.; LÓPEZ CALO, J. (2001): El Códice Calixtino y la música de su tiempo. A Coruña: Fund. Pedro Barrié de la Maza.

GÓMEZ MUNTANÉ, M. (2001): La música medieval en España. Kassel-Reichenberger
 

 

Sección: