O autismo na escola

Elaboración de materiais para o alumnado con TEA

Rosa María Mosteiro Neira
Laura López López
Carlota González Lesta
Eduardo R. Rodríguez Machado
CEIP Raquel Camacho (A Coruña)

 

Proxecto CEIP Raquel Camacho

En setembro de 2017, nace o proxecto O autismo na escola, iniciativa do profesorado do CEIP Raquel Camacho, o cal está altamente interesado na formación debido á elevada porcentaxe de alumnado con TEA que está matriculado no centro. Este grupo está formado tanto por especialistas coma por titores que están en contacto con este alumnado e amosa unha necesidade de contar con recursos adaptados, ademais da formación para elaboralos eles mesmos, o que dá como resultado uns materiais totalmente individualizados para cada alumno. Creouse unha estrutura de formación interna coa que traballamos de xeito solidario e colaborativo, o que permite sacar o maior rendemento dos recursos e conseguir unha educación de calidade para o noso alumnado.

 

Contextualización do noso proxecto. CEIP Raquel Camacho

O CEIP Raquel Camacho é un colexio de educación infantil e primaria de liña dúas, que conta con cinco unidades de educación infantil e doce de educación primaria. Xeograficamente está situado na parte leste da cidade da Coruña, na parte máis alta do popular barrio de Agra do Orzán. Actualmente obsérvase un incremento progresivo de poboación inmigrante e contamos tamén con varios alumnos de NEAE, algúns deles cunha modalidade de ensinanza combinada (centro ordinario-ASPANAES). Ante estes factores, o equipo docente atopouse coa necesidade de lle dar unha resposta educativa máis funcional e eficaz ao alumnado con TEA escolarizado no noso centro.
 

Necesidade de levar a cabo este proxecto. Xustificación

Tendo en conta os recursos dos que dispón o centro, considerouse que, con maior formación en características do alumnado con TEA, así como en métodos de traballo enfocados a este colectivo, poderiamos rendibilizar moito máis o noso traballo e conseguir mellores resultados na adquisición das distintas destrezas e competencias do alumnado con TEA e, coa formación axeitada, crear materiais e actividades adaptadas para traballar con este alumnado. Pretendemos, tal e como establece a LOMCE, que todo o alumnado poida acadar o máximo desenvolvemento persoal, intelectual, social e emocional, así como os obxectivos establecidos rexéndonos polos principios de normalización e inclusión.

Outro problema co que os mestres do centro nos atopabamos no traballo diario era que cada vez tíñamos máis nenos con NEAE nas aulas e, sobre todo, alumnado con TEA, e a falta de recursos e formación para lle dar resposta a este. Así mesmo, non contabamos con persoal especialista suficiente nin co material adaptado necesario para traballar de xeito conxunto e mellorar as súas competencias e o seu desenvolvemento persoal.

 

Deseño do proxecto e obxectivos perseguidos coa formación

Os obxectivos perseguidos coa realización deste proxecto foron esencialmente encamiñados a:

  • Mellorar as competencias do profesorado implicado en atender o alumnado con TEA, coñecer as súas características psicolóxicas e evolutivas, as estratexias de intervención máis axeitadas e materiais específicos beneficiosos para a atención do devandito alumnado. Unha formación teórica da man de ASPANAES.
  • Sinalizar os espazos e dependencias do centro, facendo deste un lugar máis accesible para todos e, especialmente, para o alumnado con TEA.
  • Elaborar un banco de recursos adaptado ao alumnado con TEA, material manipulativo e moi visual, tendo en conta a idade e as correspondentes programacións.
  • Incentivar no profesorado a elaboración de actividades e materiais para o alumnado con TEA, mediante o grupo de traballo, compartindo diferentes experiencias docentes.

 

Temporización do proxecto

A temporización proposta foi desde finais do mes de outubro de 2017 ata finais do mes de maio de 2019, dous cursos escolares. As sesións levadas a cabo tanto no curso coma no seminario tiveron unha duración diaria de dúas horas cada unha, en horario de tarde.

O pasado curso centrámonos en adquirir unha base conceptual e teórica sobre o TEA da man de formadores de ASPANAES, en comezar a elaborar material pictográfico e curricular para este alumnado e en promover a sinalización de espazos no centro e nas aulas. Durante o presente curso, continuaremos coa formación e a elaboración de material, centrándonos na intervención práctica, xestión do tempo de lecer (dinamización de patios) e en fomentar a inclusión do alumnado TEA na aula e no centro, procurando ofrecer unha axeitada atención á diversidade do noso alumnado.

 

Metodoloxía empregada no proxecto

Todos os materiais e actividades foron elaborados e postos en práctica ao longo do presente curso de acordo cunha metodoloxía integradora e baseada nos seguintes principios:

  • Levar a cabo un traballo estruturado e secuenciado temporal e espacialmente.
  • Anticipar os acontecementos: saídas, visitas, cambios de profesorado, cambios de estancias...
  • Crear un espazo flexible, permitindo distintas modalidades de traballo: individual, en grupo...
  • Situar o alumnado con TEA entre compañeiros de referencia, que actúan como modelos e serven  de axuda nas súas tarefas.
  • Promover sempre a autonomía do alumnado.

 

Resultados do proxecto e valoracións finais

Valoramos a aplicación do proxecto de xeito moi positivo. Cumprimos os obxectivos propostos inicialmente e a participación dos mestres e mestras foi moi satisfactoria. O profesorado implicado conta actualmente con formación básica en:

  • Características e bases neurolóxicas do alumnado con TEA.
  • Comunicación e linguaxe.
  • Adaptacións metodolóxicas na aula.
  • Intervencións en lectoescritura.
  • Habilidades sociais no recreo.
  • Apoio condutual positivo.

Empregando todas as ferramentas e coñecementos extraídos das charlas formativas levadas a cabo no noso centro por profesionais de ASPANAES, puxémonos en marcha coa elaboración de materiais adaptados ao noso alumnado TEA. Valorando sempre as necesidades e prioridades do noso alumnado, creamos un banco de recursos categorizado da seguinte forma:

  • Material manipulativo
  • Material de inglés
  • Material de música
  • Material de primaria
  • Material de infantil

Todo o material elaborado foi empregado tanto polo profesorado implicado na formación coma polo resto de docentes e observouse que era material moi útil na práctica docente diaria e repercutía positivamente nos avances dos nenos e nenas con TEA. Isto resulta moi positivo, porque non só se benefician os docentes participantes no grupo de traballo senón que o fai todo o centro e, polo tanto, todo o alumnado con necesidades. Contamos tamén coa implicación das familias, mediante a elaboración da axenda casa-escola. Estas valoraron positivamente o seu uso, polo que continuaremos utilizándoa en vindeiros cursos.


O traballo en grupo resultou moi funcional, xa que xurdiron múltiples ideas por parte de todos os integrantes que puidemos poñer en común e poder así distribuír responsabilidades tanto individuais coma grupais.

Como comentamos ao inicio do artigo, o noso centro ten un número elevado de alumnado inmigrante con descoñecemento do idioma. Este beneficiouse tanto dos materiais coma das sinalizacións dos espazos, os cales son moi visuais e manipulativos, e axudaron este alumnado a integrarse mellor e aprender de xeito máis funcional o noso idioma.

Polo tanto, deste proxecto benefíciase toda a comunidade educativa e non só o alumnado con TEA, posto que un dos preceptos da nosa formación e do labor educativo como mestres é o ideal de crear unha escola que dea cabida e resposta á ampla diversidade do noso alumnado desde unha perspectiva inclusiva e integradora.

 

 

 

Sección: