Os materiais didácticos e musicais. Unha guía docente para a súa avaliación

Rosa M.ª Vicente Álvarez
Mestra no CEIP Ramón Cabanillas – Santiago de Compostela
Profesora na Universidade de Vigo – Campus de Ourense
Investigadora do Grupo STELLAE – Universidade de Santiago de Compostela

 

Introdución

O próximo mes de xaneiro de 2019, concretamente o xoves 24 e o venres 25, terá lugar en Santiago de Compostela o ME DM&International Symposium. Trátase dunha actividade que reunirá especialistas teóricos e prácticos para debater sobre os materiais didácticos, unindo por primeira vez a estudosos e didactas expertos no ámbito da educación musical. Conversarase sobre a repercusión do uso, no ensino xeral e especial, de determinados recursos e medios e da súa relevancia na pedagoxía musical actual. Ademais, intentarase establecer que hai das pedagoxías musicais máis vangardistas nos materiais didácticos que temos á nosa disposición como docentes.
Este debate iníciase cunha pregunta que todas e todos, como docentes, nos fixemos algunha vez: Como podo saber se os materiais musicais son de calidade antes de utilizalos no contexto da aula?


Para situarnos en contexto, debemos poñer sobre a mesa algúns dos datos presentados polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte en xaneiro de 2016. Estes datos, extraídos dos informes anuais elaborados por ANELE (Asociación Nacional de Editores de Libros de texto e material de Ensino), que aglutina máis do 90 % das editoriais, poñen de manifesto que o libro de texto non universitario supón máis da metade da facturación obtida polos gremios editoriais en España; en incremento, xa sexa en formato impreso ou dixital. Ademais, os recursos materiais editados polas grandes compañías educativas son utilizados de maneira masiva na maior parte das escolas.

A hipótese de partida atópase cunha situación que, se non é grotesca, é cando menos curiosa. O profesorado novel (cando non o experimentado que acaba de chegar ao centro educativo) atópase, con frecuencia, coa imposición dun libro de texto, situación que o leva a non poder aplicar o que aprendeu na facultade, de modo que esa aprendizaxe é esquecida en poucos anos e o hábito ou dependencia do material editorial vólvese crónico.

Estudos independentes sobre os materiais e recursos musicais desenvolvidos desde a universidade en Galicia indican que en educación infantil (Vicente, 2011) o 49 % do profesorado utiliza materiais impresos (UD e guías globalizadas) e na etapa de primaria o libro de texto é utilizado por un 70 % do profesorado (Gillanders, 2011).

A cuestión que nos aborda como docentes é: Reflexionamos sobre a acción de avaliar os materiais didácticos que utilizamos? E esta cuestión lévanos a unha metarreflexión: Que aspectos dos materiais nos levan a elixir entre uns ou outros? A primeira idea que parece máis sensata é a de elixir aquel recurso que resulta máis familiar ou aquel que, ademais, é novo pero fácil de manexar.

Análise e características do material por antonomasia: o libro de texto musical

A LGE desenvolve o camiño definitivo cara á xeneralización do libro de texto tal e como o coñecemos hoxe (en 1974 establécese a norma de mantelo durante 4 anos), así xorden os libros de texto de EXB por materias. A LOXSE consolida a utilización dun libro de texto que se viña albiscando desde a desaparición do Parvulito, a Enciclopedia Álvarez ou os cadernos de Raias, entre outros. O Real decreto 1744/1998, do 31 de xullo, sobre o uso e supervisión dos libros de texto, regulariza a elección e duración no territorio MEC, que reafirma o costume dos 4 anos de permanencia en centros e que se mantivo ata agora, tamén para o resto de comunidades autónomas do país.

Este «novo» formato de material educativo permaneceu invariable independentemente de lei educativa desde hai máis de 40 anos e é de uso xeneralizado na maior parte dos países occidentalizados.

Existen múltiples e variadas guías para de avaliación dos materiais. Desde finais dos anos oitenta e a década dos noventa supoñen a consolidación desta liña de estudo: Zabalza, Rosales, Martínez Bonafé, Prendes, Area, Rodríguez son, entre outros, os destacados. No ámbito musical, Oriol, Sustaeta e Ráez (1993), Vicente, G. (2009), Vicente, R. (2011), Tejada (2016), entre outros.

Vicente (2011) identifica diferentes fórmulas para elixir os materiais educativos. A metade do profesorado avalía os recursos, pero a elección dos materiais depende da opinión de compañeiros de profesión (34 %), do que outros profesionais contan (17 %) ou das posibilidades de coñecelos, que depende, na maior parte dos casos, do comercial que se achega ao centro educativo (14 %). Os resultados revelan que a realización desta tarefa é informal, sen un criterio común ou básico e minimamente acordado cos compañeiros.

Os materiais musicais curriculares son un obxecto de estudo de valor. Os materiais didácticos e musicais das editoriais educativas son os de maior mercado en educación e son utilizados por un número importante de escolas de forma xeneralizada. A produción dos álbums ilustrados e musicais como contido de aprendizaxe e de entretemento aumentou os últimos 20 anos procurando novos formatos. Ademais, veñen desenvolvendo, por parte do profesorado e das editoriais, materiais didácticos con tecnoloxía dixital para implementar a escola 2.0.

Pero, que definimos como materiais musicais editados? Como hipótese de partida, os materiais musicais curriculares son:

  • os materiais editados por compañías editoriais en colaboración ou non co profesorado (desde infantil ao ensino secundario), físicos ou dixitais,
  • os materiais colgados en plataformas educativas, elaborados por docentes ou non,
  • aqueles nos que subxace unha finalidade educativa e unha metodoloxía de traballo baseada en actividades e/ou xogos musicais ou con música.

A liña de investigación baseada na análise de contido pon de manifesto que a maior parte dos materiais curriculares se fundamentan nun paradigma técnico e profesionalizador baseado na aprendizaxe da lectoescritura e en habilidades exclusivamente musicais. Os estudos sobre a concepción dos materiais curriculares, en canto á fundamentación, estrutura e finalidade, supoñen estes recursos como artefactos mediadores de coñecemento que prescriben e pechan o contido curricular da aula. Outros estudos poñen o punto de mira no problema da presenza ou ausencia do libro de texto nas aulas e, en consecuencia, na dependencia do ou da docente a ese medio.

A pesar de que o peso da decisión recae no equipo docente e nos centros educativos, avaliar os recursos, e moito menos os musicais, nos centros educativos non é unha cuestión que se trate nas reunións (Vicente, 2011). Só o 31 % do profesorado acorda a cuestión nos plans do centro, e os máis interesados por esta cuestión son os docentes menos experimentados.

O instrumento para a avaliación dos materiais didácticos e musicais

A liña de investigación seguida para abordar a avaliación e o desenvolvemento dunha guía parte da análise de pensamento e práctica docente co obxectivo de conseguir prácticas reflexivas e profesionais da avaliación dos materiais didácticos. A guía é unha formulación práctica que propicia un proceso sistemático para a análise dos materiais didácticos a través da formulación de preguntas sinxelas, posibilitando unha análise completa do material analizado:
    a) Presentación: Existe un índice? Existen partituras, audios…? Hai estratexias? Hai métodos? De que modo son explícitos ou non?
    b) Estrutura: Existe fórmula ou patrón? É claro? A forma do material é un libro de texto, un DVD, un libro musical etc.?
    c) Planificación e/ou programación didáctica: Puntos que hai que tratar? Liña do proceso? Obxectivos, contidos, tempos etc. son claros? Tipo de didáctica na que se apoia: é UD, é proxecto etc.?
    d) Proposta de tarefas: Tipos? De preparación, de avaliación, individuais/grupais, tempos etc.? Materiais auxiliares?

A guía de avaliación dos materiais musicais escolares baséase na teoría do flow. Desde este punto de vista, a valoración dos recursos faise antes da súa aplicación, polo que obtemos unha aproximación do que conseguiremos con eles. Ademais, hai que ter en conta que a análise se realiza para coñecer as posibilidades do material e non das capacidades docentes. A análise dos materiais didácticos supón o coñecemento do produto final. A idea é illar o contido das propostas do material para coñecer as posibilidades que ofrece como xerador ou non de experiencias óptimas de aprendizaxe (definidas como flow por Mihaly Csikszentmihalyi, 1975). Este autor definiu as experiencias óptimas de aprendizaxe como o estado no que as persoas están intensamente implicadas no que están a facer e, ademais, lles resulta divertido facelo (1999).
Para iso, teremos en conta dúas categorías de análise:

  • A formulación metodolóxica dos materiais editados: pretendemos pescudar se estes instrumentos propoñen estratexias didácticas diversificadas, se están fundamentados en metodoloxías musicais activas, etc.
  • As limitacións ou aspectos facilitadores de experiencias óptimas de aprendizaxe: relativos á planificación, desenvolvemento e avaliación curricular dos textos escolares.

O éxito na aprendizaxe depende da satisfacción das expectativas, o autocontrol e a produción de benestar no proceso de aprendizaxe, o que depende dunhas condicións externas (metas concretas; axuste do desafío que se presenta; mecanismos de retroalimentación intrínseco; distractores da tarefa principal) e unhas condicións internas (habilidade-oportunidade, concentración-distracción, perder o ego-saír da conciencia).

A avaliación de materiais proporciona a información sobre as virtudes e límites do propio sistema educativo e dos seus docentes. O éxito da análise supón:

  • Observar e mellorar o que se fai.
  • Coñecer os antecedentes, as tarefas e os resultados.
  • Comprobar os efectos esperados e os logros accidentais.
  • Determinar unhas conclusións amplas e claras.

Deste xeito, o programa propón unha análise de tres aspectos relacionados coa didáctica:

  • A calidade intrínseca, que é a que ten que ver coa relación establecida entre contido e tarefas; ademais, establécese pola calidade técnica do recurso.
  • O contexto, do cal observaremos o perfil ao que se dirixe o recurso e a súa idoneidade (alumnado, profesorado, centro-dinámicas); ademais, obsérvase a través do establecemento ou non de necesidades de orientación.
  • A viabilidade, en canto á adecuación da relación entre o contido e as tarefas e en canto á adecuación respecto da situación de partida.

 

Análise dos materiais didácticos e musicais. Exemplos

A continuación presentamos algúns resultados, froito da análise de diversos materiais que atopamos nas editoriais comerciais e nos materiais elaborados polo profesorado no repositorio educativo institucional.

3.1. Educación infantil


O material elixido de educación infantil para a súa análise extráese dos recursos do repositorio do Proxecto Abalar (2010). Este repositorio é unha estratexia autonómica e de carácter público que ten a finalidade de integrar as tecnoloxías na práctica educativa para mellorar o sistema educativo galego mediante a transformación das aulas tradicionais en dixitais, financiado polo Programa 2.0 estatal. A realidade é que os centros dispoñen dun kit dixital en cada aula desde os 3 anos de idade. Ademais, o profesorado participa en actividades de formación presenciais e a distancia (Fernández, 2016). Os recursos que pode utilizar un docente nesta etapa atópanse nun repositorio onde a maior parte dos materiais están elaborados por docentes. Avaliamos un material didáctico en concreto para traballar a discriminación auditiva, a altura do son: grave-agudo, notas iguais-diferentes, escala de dó maior, a audición musical e o timbre: piano.
No tocante á guía  extraemos as seguinte reflexións. Existe unha fórmula ou padrón claro que consiste nunha única tarefa de discriminación auditiva. Preséntase a través dunha explicación breve relacionada coa contextualización dos vermes e das follas que teñen o mesmo son. Non existe unha planificación ou programación clara. O profesorado debe manipular o material e decidir o momento onde utilizalo. É un material en formato Flash e o seu uso é individual. Non ten supervisión en canto á almacenaxe de resultados nin un seguimento da actividade. Ten autocorrección. No relativo ás tarefas, propón o exercicio da discriminación auditiva. Soa o timbre das notas dun piano. O neno ou nena selecciona o verme que ten o son da folla e arrastra ata colocalo no lugar no que coincide o son. Tamén pode experimentar e xogar a inventar cancións.


3.2. Educación primaria


O material elixido para exemplificar un material dixital dunha editorial comercial é de quinto de primaria no tocante á educación musical. Este preséntase como unha interesante alternativa das grandes editoriais, publica material específico para as materias relacionadas con multimedia, música, medicina, economía, educación física e filosofía, ademais de publicar contos e outros contidos. É unha editorial que actualmente, no relacionado coa educación musical, presenta o mesmo traballo en todas as comunidades autónomas e ofréceo en dúas linguas, castelán e galego. Ademais dá acceso a unha contorna virtual desde a que acceder a material multimedia.
Material en formato PDF con contido multimedia, permite certas funcionalidades interactivas (o movemento de notas musicais ou a audición). Preséntase como un lector de libro electrónico. É un complemento do libro de texto impreso, cuxa guía se lle facilita ao docente e dispón de recursos CD-ROM ou multimedia fóra da plataforma, adquiridos xunto co libro impreso.
Todos os materiais son tarefas ou microtarefas interactivas formuladas como material complementario ao material impreso, son realizables polo alumnado de maneira individual e independente, con autocorrección por parte de alumnado, pero non permiten revisión ou gardar datos para a avaliación.
No tocante á guía extraemos as seguintes reflexións. Esta editorial presenta un material estruturado nunha unidade didáctica con catorce actividades. Inicia a unidade cun conto musicalizado, desenvolvendo unha versión sinxela da metodoloxía proposta por Pilar Escudero. Emprega rimas populares (dúas diferentes en distintas actividades ao longo da unidade) nun primeiro momento, para a memoria rítmica e o traballo vocal, e ademais representa os nenos de pé en movemento, e noutra actividade presenta a rima con percusión de altura indeterminada (instrumental Orff).
Na presentación dispón dun índice claro con diversas tarefas organizadas en UD. A planificación didáctica segue unha liña na programación e as actividades presentan unha progresión na dificultade técnica. A variedade de actividades é limitada, son de lectoescritura, de organoloxía, etc. Baséase na mestura de diferentes metodoloxías activas. O material utiliza actividades para a aprendizaxe da teoría musical (neste caso, traballa a intensidade sonora) e a escritura musical: ritmos, estudo do pentagrama, o compás e a entoación, a través do solfexo, a interpretación vocal e a percusión corporal (instrumental Orff). Doutra banda, presenta actividades para o coñecemento da organoloxía (instrumento de tecla). Vai terminando a unidade presentando notación non convencional na que se solicita a invención dunha partitura contemporánea e por último preséntase un musicograma (idea de J. Wuytack) pero con imaxes concretas. Esta editorial presenta tarefas máis complexas que teñen certa dificultade pero supoñen retos alcanzables. Con todo, deixa pouco espazo para que o grupo-clase (profesor ou alumnado) presente alternativas, improvisacións ou creacións propias, todo está medido e calculado. É interesante o feito de que utilice diversas ideas de diferentes métodos recoñecidos: C. Orff, J. Wuytack, P. Escudero, S. Aschero etc.

3.3. Materiais válidos para calquera etapa do ensino xeral ou especial: O álbum ilustrado musical


Trátase dun formato de material didáctico en libro-CD con 12 cancións para bailar e unha pista de vídeo. Ademais, presenta a estrutura dunha clase de baile tipo, a forma de presentar un baile (danza) etc. Preséntase como un material que aglutina bailes de todo o mundo para a diversión. O fío condutor é a historia dun raparigo cociñeiro que non sabe bailar e se embarca nesta tarefa por casualidade. Vai desenvolvendo as diferentes danzas, que están ordenadas segundo a súa dificultade. En cada unha aparece unha introdución, a partitura, a letra, a descrición da danza (forma espacial, estrutura musical, estrutura rítmica, estrutura coreográfica). Ademais, amósase cada parte do baile por separado. Introduce os obxectivos, os contidos musicais (ritmo, esquema corporal, lateralidade, dimensión espazo-temporal, dramatización e expresión corporal e cooperación), suxestións pedagóxicas e adaptacións (para nenos de 3 a 6 anos e para adolescentes e/ou adultos).
O material preséntase con sinxeleza. Amosa os principais recursos que pode necesitar o docente para o ensino musical: a partitura, o audio, o vídeo, a presentación de obxectivos e contidos, estratexias para aumentar ou diminuír a dificultade do baile segundo a idade.
O contido é de calidade sonora e visual e as tarefas responden á idoneidade do contexto infantil, ao tipo de profesor, que pode non ter unha alta cualificación en música, e ás dinámicas do centro educativo. As metas que propón son alcanzables e, ademais, supoñen un desafío. Céntrase no contido que trata: o ensino dunha danza. Lévanos a gozar do baile en grupo.

Conclusións

En primeiro lugar, obsérvase o predominio da tarefa individual fronte á grupal. Propóñense actividades sen ter en conta o alumnado, as súas características, e sobre todo non se ten en conta o desenvolvemento do grupo-clase. Doutra banda, a percepción das habilidades anteriores do alumnado en relación co que se presenta como obxectivo non é relevante. O traballo indicado nos materiais de cando en cando parte do que cada alumno sabe e non considera os distintos niveis de capacidades. Ademais, presenta a tarefa de forma antinatural, sen ter en conta o que o alumnado sabe ou o que lle gustaría aprender, relacionado co tema que trata.
Así mesmo, o desafío que mostran as actividades é casual, a relación entre as actividades non é clara. Algunhas delas están inconexas coa propia música ou o uso que se fai dela está fóra da propia realidade musical. Non supón metacognición a través de preguntas como: Por que toco/bailo/xogo? Para que toco/bailo/xogo?
O docente ten liberdade de elección nos materiais didácticos e musicais, pero un limitado coñecemento musical ou sobre o desenvolvemento do contido curricular pode limitar as súas opcións. Por outra banda, o custo dos materiais fai que o desenvolvemento didáctico quede condicionado ao que as editoriais presentan nos recursos curriculares destinados a educación infantil e primaria. Os materiais específicos de educación musical para estas etapas limítanse a determinados aspectos auditivos e exercicios de fácil execución ou que non requiren da utilización de instrumentos musicais ou só a frauta. Outros países (Estonia, Letonia ou Lituania, algunhas escolas de Inglaterra…) avogan polo uso de materiais relacionados con metodoloxías activas e déixanlle ao docente o labor curricular de desenvolver as unidades e os proxectos educativos.
O libro de texto e outros materiais deseñan o noso estilo de ensino e propician distintas aprendizaxes no alumnado, definindo ao longo dos anos o tipo de docente no que nos convertemos.
A conclusión pasa, quizais, non por abandonar os materiais didácticos editoriais que, como outros estudosos analizaron, poden ser un punto de apoio no noso labor de docentes, senón que debemos formularnos seriamente a posibilidade de establecer un estilo de ensino e aprendizaxe a partir daquilo que temos ao noso alcance e desenvolver un labor enriquecido e aberto cara á aprendizaxe.
Podemos romper co estilo tradicional de utilizar o libro de texto e outros materiais, sobre todo a través das tecnoloxías dixitais e empezar a consideralo como o que sempre debeu ser: un compendio de tarefas e exercicios para empregar segundo a nosa propia guía ou padrón: a programación didáctica que cada ano debemos reconstruír e revisar. Deste xeito, os libros de texto poderán servir realmente para completar o noso labor docente e non ao revés. Debemos reflexionar sobre iso e deixar de delegar a nosa responsabilidade de programar nos materiais editados.

 

 

Bibliografía: 

 

 

AREA, M. (2017): «La metamorfosis digital del material didáctico tras el paréntesis Gutenberg». Revista Latinoamericana de Tecnología Educativa, 16(2), pp. 13-28.
DÍAZ, M. (1998): «Materiales para la enseñanza de la música en la educación general». Revista dHemsy, V. (1977). Fundamentos, materiales y técnicas de la educación musical. Ensayos y conferencias: 1967–1974. Buenos Aires: Ricordi.e psicodidáctica, 5, pp. 83-94.
FERNÁNDEZ, J. P. (2016): «La adquisición y desarrollo de la competencia digital en alumnos de educación secundaria. Estudio de caso». Cuadernos de Investigación Educativa, 7, 2, xullo-decembro, pp. 83-98.
GUILLANDERS, C. (2011): «Resources for music education in Galician primary schools». En Rodríguez, J.; Horsley, M.; Knudsen, S. (eds.). Local, national and transnational identities in textbooks and educational media. Santiago de Compostela: IARTEM.
GUSTEMS, J. (2003). La flauta dulce en los estudios universitarios de “Mestre en educació musical” en Catalunya: Revisión y adecuación de contenidos (unpublished doctoral dissertation). Barcelona: Universitat de Barcelona.
JUBANY, J. (2010): «Didáctica de la música en la educación obligatoria: recursos digitales y el caso del karaoke». Revista Eufonía, 50, pp. 88-99.
LÓPEZ, N. (2017): «Necesidades del profesorado especialista de Música de los centros de primaria de Castilla-La Mancha». LEEME Lista Electrónica Europea de Música en la Educación, 39, pp. 74-102. (Recuperado de http://musica.rediris.es/leeme/revista/17lopez.pdf).
CSIKSZENTMIHALYI, Mihaly (1975): Beyond Boredom and Anxiety: Experiencing Flow in Work and Play. Jossey-Bass.
ORIOL, N.; SUSTAETA, I. e RÁEZ, J. L. (1993): Guía de recursos didácticos. Madrid: Santillana.
PAREDES, J. (1998): Análisis etnográfico de los usos de recursos y materiales didácticos en educación primaria. Estudio de los casos de dos centros (tese de doutoramento). Madrid: Universidad Complutense de Madrid.
REFSUM, A. (2007): Action-Sound. Developing Methods and Tools to Study MusicRelated Body Movement (tese de doutoramento). Oslo: University of Oslo, Departament of Musicology.
RODRÍGUEZ, J. e VICENTE, R. M. (2015): «The music materials in early childhood education: a descriptive study in Galicia (Spain)». International Journal of Music Education, pp. 1-15. (Recuperado de http://journals.sagepub.com/doi/abs/10.1177/0255761415619423).
ROMERO, J. (2003). Los medios y recursos para la educación musical en primaria (tese de doutoramento). Huelva: Universidad de Huelva.
SERRANO, R. M. (2017). «Tecnología y educación musical obligatoria en España: referentes para la implementación de buenas prácticas», Revista Electrónica Complutense de Investigación en Educación Musical, 14, pp. 153-169. (Recuperado de: https://revistas.ucm.es/index.php/RECI/article/view/54848).
TEJADA, J. e PÉREZ, M. (2016): «Diseño y evaluación de un programa informático para la educación musical de maestros no especialistas. El caso de emoLAB». Revista Electrónica Complutense de Investigación en Educación Musical, vol. 13. (Recuperado de: http://dx.doi.org/10.5209/RECIEM.52072).
VICENTE, G. (2009). Movimiento y danza en educación musical: un análisis de los libros de texto de educación primaria (tese de doutoramento). Murcia: Universidad de Murcia.
VICENTE, G. (2010). «El libro de texto en educación musical». Espiral. Cuadernos del Profesorado, 3 (5), pp. 30-35. (Recuperado de https://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/3160858.pdf).
VICENTE, R. M. (2011). Os materiais didácticos e musicais en educación infantil. Un estudo descritivo e interpretativo da percepción docente en Galicia (tese de doutoramento). A Coruña: Universidade de Santiago de Compostela. (Recuperado de: http://hdl.handle.net/10347/3629).
VICENTE, R. M. (2017). «Is there music in didactic materials? Searching for optimal learning experiences: an evaluation of music materials». En Pieridou, Avra e outros. Early childhood music education in the Mediterranean. Raising children´s musicality, evaluation music learning and enabling teachers´preparation, pp. 207-220. (Recuperado de: http://www.meryc.eu/MERYC_Eu_Conference_Procehttp://www.meryc.eu/MERYC_Eu_Conference_Proceedings_Cambridge_2017.pdfedings_Cambridge_2017.pdf).
 

Sección: