A mesa de luz

Un proxecto interetapas no CPI Dr. López Suárez

María Jesús Rey Rouco, mestra de Audición e Lingüaxe
chusrey@edu.xunta.es
Gabino González Vega, profesor de Tecnoloxía
gabinogv@edu.xunta.es
CPI Dr. López Suárez de Escairón (O Saviñao-Lugo)

 

Esta é a nosa obriga cara ao neno. Darlle un raio de luz e seguir o noso camiño.

María Montessori

 

Introdución

O CPI Dr. López Suárez está situado en Escairón e é un centro de liña única cun total de 175 alumnos nun contorno maioritariamente rural. A pesar de ser un centro que integra educación infantil, educación primaria e educación secundaria obrigatoria, non existen eixes comúns de traballo entre as diferentes etapas e en especial entre a educación secundaria e as etapas anteriores. Por isto, con este proxecto buscabamos como obxectivo principal a colaboración entre os diferentes niveis educativos e que o alumnado non vivise as diferentes etapas que no centro se imparten como elementos illados e sen conexión.

Outros obxectivos do proxecto, ademais dos propios das materias eran:

  • Mellorar a habilidade para resolver problemas.
  • Favorecer a adquisición de actitudes e habilidades para a construción de novos coñecementos e non só a memorización do coñecemento existente.
  • Favorecer a creatividade na solución a problemas reais.
  • Favorecer o traballo en equipo, tanto o cooperativo coma o colaborativo.
  • Favorecer a responsabilidade da propia aprendizaxe.

 

A construción da mesa de luz

Desde o Departamento de Tecnoloxía tratamos de traballar seguindo a metodoloxía da aprendizaxe baseada en proxectos orixinaria das escolas de enxeñería das universidades de Roskilde e Aalborg (Dinamarca, anos sesenta) e que ten como eixe vertebrador a construción dun produto final que intente resolver un problema real. Este modelo ten a súa orixe no construtivismo que postula que os protagonistas da aprendizaxe son o propio alumnado, que asume a responsabilidade de ser parte activa no proceso e está baseado nos traballos de psicólogos e educadores como Lev Vygotsky, Jerome Bruner, Jean Piaget ou John Dewey.

No curso 2016/17, na procura dun proxecto para desenvolver dentro da materia de Tecnoloxía no segundo curso da ESO que seguise as premisas da ABP e que ao mesmo tempo nos puidese favorecer a relación interetapa que buscabamos, atopámonos cunha necesidade real no ciclo de infantil e da aula de Audición e Linguaxe: a mesa de luz. O devandito elemento permitíanos a investigación en estruturas e o traballo coa madeira e a electricidade, tres dos eixes da materia.

Unha vez detectada a necesidade e a súa utilidade para o traballo curricular da materia, o seguinte paso era expoñerlla ao alumnado de segundo da ESO para ver se lle espertaba o interese. A proposta foi maioritariamente aceptada e empezamos a traballar. Buscamos información sobre prezos de mesas e chegamos ao acordo de que a nosa mesa non podía custar máis de 45 € xa que atopabamos na rede mesas a 50 €, así que nós tiñamos que facela máis barata para que fose interesante economicamente falando.

Agrupamos o alumnado en tres grupos e o primeiro paso era a busca das características que deben cumprir as mesas de luz para posteriormente buscar a forma de construír unha. Cada grupo presentou unha solución ao problema partindo de diferentes soportes. Unha delas partía da necesidade da construción total da mesa; esta desbotouse pola dificultade da construción e o orzamento, que superaba amplamente o límite marcado. Outra das solucións empregaba un marco para cadros de nós mariñeiros e tiña como inconveniente a falta de patas para convertela en mesa. A última empregaba unha mesa Lack de Ikea e o seu custo total estaba por debaixo do límite, así que foi a opción elixida por ampla maioría na votación que se realizou.

Para a súa construción, houbo que seguir o seguintes pasos:

1. No taboleiro da mesa Lack márcase un cadro interno a uns 5 cm do bordo. Hai que ter en conta que a mesa é oca e nas esquinas ten uns tacos de madeira que aproveitaremos para darlle solidez.

2. Unha vez marcada, coa axuda do trade e da serra de calar debemos retirar o cadro interno.

3. Unha vez que se retira o cadro, hai que baleirar todo. Neste punto tivemos que decidir que tipo de luz poñiamos, se unha luz branca ou RGB que permitise cambiar as cores. En principio gañaba a opción da RGB polo feito de poder cambiar as cores, pero despois dunha pequena investigación e tendo en conta a proximidade da fonte de luz aos ollos dos usuarios descubrimos que a mellor luz é a branca cálida cunha temperatura de cor entre 3000 e 45 000 k, polo que decidimos pintar de branco o interior para que presentase unha cor uniforme.

4. Colocamos no seu interior unha tira de 4 m de led coas características anteriormente descritas e repartímola ao longo de toda a superficie para obter unha luz o máis uniforme posible.

5. Por último, só queda colocar o metacrilato de 50x50 cm de cor branca opal de 5 mm de espesor e temos a mesa lista para ser entregada ás aulas do centro.

O traballo coa mesa de luz

Unha vez rematadas as mesas de luz, chegou o momento de poñelas en práctica. Foron catro as aulas que decidiron apostar polo seu uso. Unha delas foi  a aula de Audición e Linguaxe, na que participa alumnado de todas as etapas educativas impartidas no centro (EI, EP e ESO).

Había unha certa curiosidade por saber ata que punto o auxe deste material no ámbito educativo era tan merecido e se sería capaz de cumprir as nosas expectativas. Partiamos das referencias pedagóxicas nas que se inspira, o enfoque Reggio Emilia procedente de Italia da man do seu fundador Loris Malaguzzi. Este enfoque atribúe especial importancia aos materiais sensoriais no proceso de aprendizaxe. Defende a necesidade dunha aprendizaxe a través do descubrimento, onde o alumnado poda utilizar todos os seus sentidos.

A mesa de luz de por si xa ía encamiñada a traballar un dos nosos cinco sentidos, a vista, pero non sería o único, pois puidemos comprobar o bo resultado que ofrecía nas tarefas táctiles. A visión, como ben di Regio (2003), é unha fonte moi importante de experiencia e de coñecemento do contorno que nos rodea, xogando un papel primordial no desenvolvemento das capacidades motrices básicas, nas nocións espazo-temporais e na percepción do esquema corporal. A través da vista percibimos aspectos como o tamaño, as formas e as cores. Ademais contribúe ao desenvolvemento da coordinación óculo-manual, tan importante para a grafomotricidade.

Outra idea da que partiamos era que a mesa de luz podía resultar moi atractiva para os nenos e nenas e espertar a súa curiosidade. Autores como Piaget consideran a curiosidade do neno como o motor da súa propia aprendizaxe, o que implicaría un mellor rendemento nas actividades realizadas. Os docentes somos conscientes da importancia de motivar o noso alumnado, por iso se fai necesario empregar materiais e actividades que os sorprendan e que aviven o seu interese. Como di Alonso Tapia, a motivación do alumnado está estreitamente relacionada co interese e o esforzo que manifesta á hora de realizar as súas tarefas. Tiñamos, polo tanto, razóns suficientes para pensar que a mesa de luz podería ser un bo recurso para traballar os contidos da aula.

Partindo disto, propuxéronse uns obxectivos xerais relacionados co seu uso:

  • Desenvolver a estimulación sensorial, base do desenvolvemento global.
  • Favorecer a motivación do alumnado, contribuíndo así a unha aprendizaxe moito máis significativa e efectiva.
  • Mellorar a atención na realización das tarefas.

Tendo como punto de mira estes obxectivos, na aula de Audición e Linguaxe empregouse a mesa de luz como recurso material para traballar a competencia comunicativo-lingüística abarcando desde os prerrequisitos da linguaxe (atención, memoria, percepción...) ata as súas dimensións: forma (fonética, fonoloxía e sintaxe), contido (semántica) e uso (pragmática).

As actividades realizadas foron encamiñadas a traballar os seguintes aspectos:

Relaxación

A tensión muscular, a angustia ou estrés teñen efectos negativos no rendemento dos nenos e nenas e inflúen tamén nas alteracións da fala, ben sexa na articulación, nas disfonías ou no ritmo da fala. Non hai nada como comezar unha sesión de audición e linguaxe cuns momentos de relaxación. Os nenos gozan palpando ou observando bolsas e botellas sensoriais que colocamos enriba da mesa de luz resaltando así as formas e cores que conteñen. Tamén fixemos o noso xardín zen utilizando sal. A mesa crea un ambiente de tranquilidade e sosego que pode complementarse con música relaxante. E unha actividade que lles encanta e que consegue mellorar a relaxación.

Sopro

A auga adoita ser un elemento de diversión. Se ademais lle sumamos facer burbullas con palliñas, vaia festa! Usando un recipiente de plástico transparente enchémolo de auga, botámoslle colorante alimenticio e fixemos xogos de sopro. Segundo a súa capacidade para soprar, podían ver como as burbullas eran máis ou menos grandes.

Tamén fixemos carreiras de barquiños, estes eran de vea e precisaban do noso “vento” para desprazarse.

Outra actividade de sopro coa que gozaron moito foi a de descubrir un personaxe escondido. Encima da mesa de luz colocamos un loro debuxado nunha lámina de acetato e tapámolo con plumas de cores variadas. O xogo consistía en descubrir, dun só sopro, de que animal se trataba. Este xogo é máis axeitado para sesións individuais pola súa brevidade e porque a curiosidade é un factor a favor na motivación, a cal se reduce no momento en que se descubre o loro.

Praxias bucofaciais

Para unha correcta articulación precísase unha axeitada mobilidade dos órganos que nela interveñen. Utilizando láminas transparentes debuxamos distintas caras con distintas praxias. O obxectivo da actividade consistía en imitalas. Podemos poñer a mesa cara ao espello, o que nos permite colocar a lámina diante da cara e comparar as posicións.

Conciencia fonolóxica

En ocasións podemos atoparnos ante alumnos que teñen dificultades para diferenciar uns sons dos outros. Un dos exercicios realizados ía encamiñado á distinción entre o son da letra s e o son da letra z. O que fixemos foi facer dúas bocas, cada unha das cales mostraba como se debían colocar os órganos de articulación para cada un dos fonemas, acompañadas da grafía do son. Deste xeito facíase a asociación son-grafía-posición tipo. A actividade consistía en presentar distintas imaxes. Unhas comezaban por s e outras por c/z. Os nenos e nenas tiñan que ir colocando as tarxetas segundo o son polo que comezaban.

Outro xogo foi un dominó de sons. Neste caso traballando co fonema /r/. Por último, tamén xogamos coa ra brincadora, que a través dos seus chimpos sobre os nenúfares nos indicaba que sílabas deberían levar as palabras que debiamos dicir.

En todos os casos, as tarxetas, fotos e imaxes deben estar realizadas en acetatos, transparencias ou papeis moi transparentes para sacar proveito da luminosidade da mesa de luz.

Ampliación do vocabulario

Aproveitando que a temática da biblioteca se centrou no tema do mar, utilizamos imaxes de animais mariños para coñecer que animaliños poden vivir nos nosos mares e océanos. As cores a través da luz fanos moito máis atractivos.

Tamén para mellorar o vocabulario fixemos grupos de familias semánticas empregando letras magnéticas de cores e imaxes translúcidas. Con algún grupo engadíase a palabra escrita.

Sintaxe

Creamos oracións ordenando palabras. Estas poden estar impresas en tiras de acetato ou ben ser escritas polo profesor ou polo alumnado con rotulador para encerado. Incluso podemos utilizar unha cor para cada palabra segundo a súa función inspirándonos no material de Enséñame a hablar de Gloria López (imaxe 7 á esquerda).

Expresión oral

A imaxinación xoga un papel importantísimo no desenvolvemento e na aprendizaxe dos nenos e nenas, e que mellor que contar historias nas que cada un pode darlle renda solta á súa creatividade. Para iso utilizamos figuras en negro, a modo de monicreques. A partir de aí, cada alumno tiña liberdade para ir achegando as súas ideas e entre todos ir desenvolvendo un conto (imaxe 7 á dereita).

Imaxe 7

Lectoescritura

- Grafomotricidade

  • Neste caso xogamos con pasta de cores e utilizamos un plástico transparente para non manchar a mesa de luz (motricidade fina).
  • Para unha boa grafía o traballo dos trazos é básico. A actividade consistía en seguir co dedo os trazos debuxados en distintas direccións (coordinación viso-manual). Tamén o fixemos empregando rotuladores.
  • Utilizando sal sobre unha bandexa transparente traballamos as grafías. Cos dedos imos percibindo pasiño a pasiño o camiño que debemos percorrer.
  • Coa mesa de luz puidemos calcar de maneira sinxela os debuxos máis difíciles sobre papel cebola.
  • As mandalas visualmente son moi atractivas, poro moito máis se as facemos sobre unha mesa de luz.

- Conciencia silábica e formación de palabras

  • Os cubos de construción non só serven para facer castelos. Nesta actividade utilizámolos para escribir unha sílaba nos máis pequenos. A combinación de dúas sílabas daba lugar a un cubo dobre e de tres a un triplo. Esta actividade ten a vantaxe de que permite visualizar a estrutura das palabras en sílabas dunha maneira máis tanxible.
  • Formamos palabras con letras magnéticas ou escritas en vasos de cores, tapóns...
  • Realizamos sopas de letras sobre transparencias.
  • Asociamos un debuxo co seu nome e escribímolo con letras magnéticas.

Aínda que as actividades aparecen clasificadas en función de aspectos concretos, unha mesma tarefa permítenos traballar distintos obxectivos e contidos. Do mesmo xeito, unha mesma actividade pode realizarse de moitas maneiras introducindo un gran número de variables.

Avaliación do proxecto

Se temos en conta que “a aprendizaxe baseada en proxectos é un modelo de aprendizaxe no que os/as estudantes planean, implementan e avalían proxectos que teñen aplicación no mundo real máis aló da aula de clase” (Blank, 1997; Harwell, 1997; Dickinson, 1998), non podemos avaliar o traballo desenvolvido polo alumando de segundo da ESO dun xeito diferente a sumamente satisfactorio. Mostra disto é que no presente curso xa temos en marcha un novo proxecto de utilidade no centro, O xardín vertical, que será empregado polo alumnado de primaria, pero iso xa é outra historia.

En canto ao emprego da mesa de luz consideramos a súa avaliación como positiva, xa que resulta efectiva á hora de motivar, incentivar e mellorar a atención e concentración das tarefas propostas na aula fronte ao uso doutros materiais. Púidose empregar nas distintas etapas educativas desde educación infantil ata ESO adaptando a complexidade das actividades ao grupo ou alumnado ao que ía dirixido.

Puidemos comprobar a afirmación de Regidor (2005) que di que, mediante a estimulación e a visión repetida de obxectos axeitados, un neno pode prolongar o seu período de fixación e así desenvolver a súa capacidade de concentración e de atención. Atención e concentración que se reflectía no éxito acadado na realización das actividades.

A mesa de luz resultou ser un material que só polo feito de usala espertaba a curiosidade e o interese do alumnado. Dicía Allan Bloom “La educación es el movimiento de la oscuridad a la luz”. Que mellor maneira de conseguilo que a través dunha mesa de luz!

Aínda que as actividades aparecen clasificadas en función de aspectos concretos, unha mesma tarefa permítenos traballar distintos obxectivos e contidos. Do mesmo xeito, unha mesma actividade pode realizarse de moitas maneiras introducindo un gran número de variables.

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

REGIDOR, R. (2005): Las capacidades del niño: Guía de estimulación temprana de 0 a 8 años. Madrid. Palabras.

ALONSO TAPIA, J. (1991): Motivación y aprendizaje en el aula. Cómo enseñar a pensar. Madrid. Santillana.

VERGARA RAMIREZ, J. J. (2015): Aprendo porque quiero: el aprendizaje basado en proyectos (AbP), paso a paso. Madrid. Ediciones SM.

 

 

 

Sección: