Claves para xestionar conflitos escolares. Un sistema de diques

Juan Vaello Orts e Olga Vaello Pecino. Colección Cuadernos de Formación del profesorado do ICE da UB (Horsori Editorial, SL, 2012)

Maria Teresa Díaz López
maitediaz@edu.xunta.es
 CFR de Vigo

 

Nesta obra, coma en obras anteriores de Vaello, atopamos unha visión clara e práctica das relacións socioemocionais que xorden nas aulas.

Nesta ocasión recorre de novo ás metáforas para visualizar a xestión da convivencia coma un sistema de diques (SD), coma un plan de actuacións coordinadas, unha rede de apoios para atopar solucións prácticas, simples e consensuadas, que dispón de mecanismos para detectar «avarías» e corrixilas.

Dentro deste sistema, o alumnado percibe o profesorado como un equipo calmado e empático, que aprende a categorizar os problemas e localizalos no dique de tratamento axeitado. Dentro deste sistema o profesorado obtén unha protección emocional fronte á ansiedade que xeran os conflitos sabéndose parte dunha engrenaxe na que todos son co-responsables.

Todas as actuacións dentro do sistema de diques se fan desde a calma: «no sé que haré, pero lo haré tranquilo».

Un sistema de diques non deixa de ser un sistema complexo, hai que establecer prioridades. Neste libro encontramos estratexias prácticas

para saber por onde empezar, dinámicas grupais para encontrar solucións fáciles a problemas «vitais»: condutas diana, retos e logros, banco de estratexias, técnica 3x3x3 etc.

O primeiro dique son os profesores de aula. Para xestionar a aula, é dicir, para crear as condicións favorables para o traballo e a convivencia, Vaello propón estratexias simples sobre normas, límites, advertencias, cambio de actitudes e compromisos. Propón adestrar a asertividade na aula empregando as súas «cuñas asertivas». Pero a xestión de aula non é unha actuación en solitario, precisa de equipos ou miniequipos educativos actuando con criterios unificados: «El trabajo en equipo es necesario. Si es necesario, ha de ser posible. Para que sea posible se ha de ver fácil, potente, útil y rentable».

O segundo dique é a titoría. Neste nivel encontramos estratexias para realizar de xeito eficaz entrevistas, reunións e mediacións seguindo a técnica dos 5R.

No terceiro e cuarto dique sitúanse a dirección e as institucións sociais. De novo atopamos estratexias para establecer sancións e propoñer intervencións. Familias e Orientación son diques transversais.

Se tivese que poñer cualificativos ás propostas de Vaello, ratificaría as que el mesmo emprega: son fáciles, potentes, útiles e rendibles e para a formación docente «imprescindibles».

 

Sección: