Entrevista a Víctor F. Freixanes

Presidente da Real Academia Galega

Entrevista realizada por Juan Granados, director de Eduga

 

 

Juan Granados: Estimado mestre.  Hai ben pouco, no pasado mes de outubro, coincidimos no Foro da Cultura Galega organizado en Compostela polo Grupo Correo Gallego e outras entidades culturais, onde se falou polo miúdo dos novos retos que necesariamente ten que abordar a cultura galega neste contexto de cambio tecnolóxico permanente, tamén de usos de consumo que chegaron para quedarse. Alí escoiteille lembrar unha cita afortunada, que dicía máis ou menos así: “Toda cultura ten que pactar coa tecnoloxía do seu tempo, a que non o faga, morrerá...”.

Víctor F. Freixanes: A cita é de Neil Postman, sociólogo norteamericano, discípulo de Marshal McLuhan. No seu libro Technopoly (1993) comenta que toda cultura está obrigada a pactar historicamente coa tecnoloxía do seu tempo, e a que non o fai, efectivamente, sucumbe. Sucedeu co alfabeto, cos medios impresos, coa revolución audiovisual… Cantas culturas ou linguas quedaron no camiño? Calcúlase que neste século XXI desaparecerán non menos de 3000 linguas. Segundo a UNESCO, cada dúas semanas desaparece unha lingua. Non se trata de facer agoiros, pero a cultura e a lingua galega, que forma parte do primeiro mundo, do mundo desenvolvido, afortunadamente está viva e superou todos eses desafíos aos que se refire Postman. Con problemas, con dificultades, con riscos e ameazas, que están aí. Pero estamos vivos, e cunha capacidade de creación e produción obxectiva. O gran desafío é agora a revolución dixital, a mundialización, a ditadura dos mercados masivos e o pensamento único, a uniformización esmagadora dos hábitos de consumo, modelos dominantes, extraordinariamente poderosos e cunha capacidade de penetración que antes non existía. Durante séculos, a lingua e a cultura galegas (polo menos a cultura tradicional) resistiu no seu localismo, illada na súa condición de periferia case que inaccesible. Hoxe, esa posición xa non se pode soster. Ou estamos no mundo, presentes no concerto das demais propostas, ou os modelos dominantes arrásannos. A revolución tecnolóxica da comunicación é o novo escenario histórico. Desapareceu o factor temporal e o factor espacial. Unha mensaxe, calquera produto ou proposta cultural chega en segundos dun extremo ao outro do planeta, penetra nas nosas casas, na nosa telefonía móbil, nas nosas computadoras e mesmo nas nosas consciencias (na nosa maneira de pensar), a través de produtos informativos, educativos, de lecer e de consumo. Non é unha realidade doada para a viabilidade de discursos coma o noso: a lingua e a cultura galegas, pero é a realidade na que estamos instalados, sobre todo as novas xeracións, e é dende estes postulados, afrontando criticamente desafíos e oportunidades, como temos que actuar.

Juan Granados: A súa disertación fíxome pensar, inevitablemente, no fenómeno do libro dixital e a hexemonía exercida por empresas afortunadas como, moi sinaladamente, Amazon. É unha realidade que a estrutura tradicional do mercado da cultura, aquilo das porcentaxes coñecidas para o autor, para a editorial, a imprenta, a furgoneta, o libreiro… todo o que se entendía como o curso natural das cousas, xa non volverá.  Neste sentido, descargas ilegais polo medio, que nos queda: restrición ou responsabilidade? Hai futuro?

Víctor F. Freixanes: O libro dixital é un produto máis desta nova realidade e, efectivamente, a súa penetración, o seu desenvolvemento, mesmo a súa promoción, produción, comercialización etc. nada ten que ver cos modelos tradicionais. Hai que empezar a pensar as cousas doutra maneira; de feito, o sector do libro hai tempo que está a traballar nesta nova dirección, mesmo tendo en conta que, no que se refire ao libro, os tempos son algo máis pousados ca noutros sectores, se cadra por tratarse dun sector tradicional, con moito peso histórico, moi maduro. O pergamiño conviviu co papel durante séculos. Mais con todo, o que a min me preocupa, en termos culturais, non é tanto o libro, que é unha expresión moi concreta da cultura, coma as novas formas de creación e consumo cultural. Falo do audiovisual, na súa nova proxección nas redes; falo dos produtos específicos para Internet, todo o que ten que ver coa produción e a economía en liña; falo dos hábitos de consumo e de acceso á información por parte da poboación máis nova; falo das redes sociais... Hai un novo universo, extraordinariamente rico, extraordinariamente efectivo en termos de comunicación, que vai mais alá do libro. Historicamente, o libro foi a referencia da cultura, o canon, o prestixio, o recoñecemento da alta cultura. Hoxe, o discurso cultural vai por outros camiños. Hai futuro? Supoño que a pregunta é: hai futuro para a lingua e a cultura galega neste novo espectro amplísimo da comunicación, creación, difusión, consumo etc.? Pois vai depender da capacidade creativa, da capacidade emprendedora da nosa sociedade, dos axentes produtores da cultura galega. Tamén vai depender da sociedade galega e, por suposto, moi especialmente daqueles que teñen responsabilidade de poder e, xa que logo, capacidade para dispoñer de recursos cos que afrontar as nosas propostas de risco e de crecemento. Estamos diante dun problema social e, como todo problema social, dun problema político, que ao final esixe solucións ou propostas políticas. Xa sei que parece que acabamos sempre igual: botándolle a culpa á política e aos políticos, ao goberno fundamentalmente, como se a cuestión non fose tamén cousa nosa. É cousa nosa, do conxunto da sociedade, abofé que si, mais cómpre un plan estratéxico, un proxecto integrador que concite o maior número de vontades, que escoite a todos os sectores e intereses implicados e que dinamice (mesmo estimule economicamente) liñas novas de creación, de distribución, de investigación, de  risco, para estar presentes nese espazo inmenso que é a globalización, unha realidade histórica que non podemos ignorar e na que temos que saber actuar cunha estratexia a curto, medio e longo prazo, estratexia que debe integrarse nun proxecto político común, o máis amplo posible, ao servizo da identidade, os intereses e o futuro de Galicia e da súa cultura. Non só da cultura, tamén da economía, do conxunto da sociedade...

Juan Granados: Así as cousas e ao fío disto, vostede falou na súa exposición, poñendo por exemplo o que está a suceder nos Estados Unidos, da contraposición evidente entre o que entendemos pola cultura tradicional vs o que vostede chama industria creativa.

Víctor F. Freixanes: A ver se o explico ben. Entendemos por “industrias creativas” todas aquelas manifestacións que no ámbito da industria cultural ven a cultura (o compoñente simbólico intanxible), a creación artística, as estratexias de comunicación e persuasión etc. como valor engadido da economía tradicional. Nas sociedades contemporáneas, que son sociedades desenvolvidas e complexas, o compoñente creativo é fundamental para valorar o produto. O deseño industrial, por exemplo. A información complementaria que enriquece unha proposta turística. O valor do patrimonio histórico medioambiental, museístico, ecolóxico… Poño sempre o mesmo exemplo: unha botella de viño branco é unha botella de viño branco elaborado a partir de determinadas castes de uva. De acordo. Pero se engadimos a luz de occidente, a música de Martín Códax, o Pórtico da Gloria, os textos literarios de Cunqueiro ou Cabanillas, o Camiño de Santiago e a historia dos frades de Cluny traendo as cepas históricas desde o Rin, o medio ambiente, a paisaxe de Galicia, o seu patrimonio artístico e cultural, as Rías Baixas, a pintura de Laxeiro ou a dos máis novos, as esculturas de Leiro ou de Manolo Paz etc., cada vez que incorporamos algúns destes elementos, o universo cultural, a significación dese viño branco ascende, o seu valor simbólico (cotización no mercado) aumenta, mesmo sobe espectacularmente. Sucedeu historicamente co champaña, que non deixa de ser un viño branco con burbullas, e mais co coñac, e mesmo co cava catalán… As propostas de futuro para a cultura galega teñen que ser integradoras: un sumatorio de recursos de todo tipo, que van desde a creación artística ata a calidade dos produtos agropecuarios, a pesca, o medio ambiente, a oferta turística, o patrimonio etc., concibido coma un todo, coma un sistema de vasos comunicantes, o que significa que temos que operar sobre o país con estratexias complementarias, que impliquen o conxunto de sectores produtivos, mais tamén con criterios de excelencia e calidade, non con criterios de consumo masivo. Para consumo masivo xa están os chineses, os americanos... Nós temos que xogar doutra maneira. A cultura (a identidade), construída con esixencia, fundamentada en produtos de excelencia e calidade, sen complexos, mais sen paternalismos endogámicos, é o gran valor que podemos achegar ao proxecto histórico e social de Galicia.

Juan Granados: Temos así, polo que vai dicindo, unha vía de esperanza para a creación contando coa oferta de produtos de calidade, ao mellor non necesariamente todos best sellers senón, máis ben, producións que conten co beneplácito do público na media e longa duración, seguindo neste sentido a teoría de Chris Anderson da “cola longa” (Long Tail):

Víctor F. Freixanes: Repito o que dixen antes. A nosa batalla está na excelencia e na calidade, non na cantidade, non nos produtos de consumo masivo. Contra a cantidade non podemos competir. Temos que facer unha cultura con identidade propia no mundo, con marca de excelencia, pois temos recursos para facelo (humanos e simbólicos), ao tempo que mantemos o mercado interior, por suposto.

Juan Granados: Así, nas conversas que tiveron lugar no Foro da Cultura que citamos no inicio, falouse reiteradamente do “drama da gratuidade da cultura”, da dificultade para acadar a xusta monetarización da creación neste contexto de descargas da rede, tanto de música coma de cultura escrita e literatura. Como xestionamos agora os talentos nesta loita permanente do autor por, mesmo, existir?

Víctor F. Freixanes: A cultura da gratuidade é un fenómeno que se dá especialmente na nosa realidade próxima, a cultura española no seu conxunto, nos hábitos culturais da poboación española, moito máis ca noutras realidades sociais. Andan por aí as cifras, non as vou repetir agora: a chea de millóns de perdas que o hábito de acceso libre, sen pagar, aos produtos culturais, de información e lecer, sobre todo a través da rede, produce na industria cultural e nos creadores. O libro sofre, pero sobre todo aféctalle ao mundo da música, da produción audiovisual e ás empresas de información (os xornais). A cuestión é complexa e vén de atrás, e non se explica dunha única maneira. Houbo un momento en que certas institucións financeiras, por exemplo, pularon a oferta gratuíta de cultura como estratexias de promoción comercial, seguramente ben intencionadas, mais tamén paternalistas, pois xeraron na sociedade unha mentalidade perversa segundo a cal a cultura (mesmo o entretemento, o lecer creativo) era unha oferta gratuíta, á que accedías de balde, sen pagar. En Gran Bretaña, nos Estados Unidos, por exemplo, a xente paga por asistir a unha conferencia. Aquí iso é impensable. Aquí todo é gratis, pagado daquela polas caixas de aforro e entidades financeiras, por exemplo, polo goberno, por quen fose... Iso creou un mal hábito. Os xornais empezaron a distribuír libros a un euro. Era unha boa iniciativa, ben intencionada, repito, e seguramente útil no seu momento, pero que construíu toda unha maneira de entender o acceso e o consumo de produtos culturais segundo a cal a cultura era algo que andaba de moca, coma quen, e polo que ninguén pagaba nada porque se cadra tampouco había por que pagala. O resultado é unha política subvencionada que acabou sendo tamén unha política clientelar, por non dicir mansa, acrítica, cun público consumista e acrítico tamén, mal educado. Neste aspecto a cultura da subvención é unha cultura nefasta, o que non quere dicir que non haxa liñas de creación (a creación de risco, a relacionada coa investigación, o servizo público etc.) que non deban ser subvencionadas, apoiadas economicamente. Non. Refírome á estratexia indiscriminada da gratuidade para todo e para todos. Logo hai outra razón: a perda de credibilidade do produto. O que é gratis non se valora. Se ademais está ao servizo do patrocinador ou anunciante (isto na información nótase moito), o público bótase fóra, non valora o que lle ofrecen.  Terceiro factor: a falta de hábito ou destrezas para consumir a través das novas tecnoloxías. Moita xente non paga porque non sabe como facelo ou porque os procedementos de pagamento son fracos, inseguros, complexos, non accesibles... Son moitos factores. Debemos falar tamén do factor educativo: explicarlle á xente (sobre todo á xente nova, desde a escola) que a cultura é creación e que a creación libre necesita creadores libres, para o cal non hai outra vía que apoialos pagando polos seus produtos (prezos razoables), criticando os seus produtos, esixindo calidade neses produtos, para o cal cómpre que exista un retorno económico. Son as leis do mercado, que neste caso está totalmente viciado.

Juan Granados: Como vostede sabe, nós somos esencialmente unha revista educativa. Que mensaxe podería transmitirlles aos docentes e ao alumnado de Galicia sobre a nosa cultura e o seu cultivo amable, consciente e necesario?

Víctor F. Freixanes: Coido que nas reflexións anteriores hai argumentos abondo. Primeiro, o valor da cultura como factor de identidade e singularidade, moi especialmente na era que nos toca vivir: a globalización. Mais tamén a cultura como factor ou activo económico para o desenvolvemento da sociedade (valor engadido). Segundo, a cultura como espazo de liberdade, con creadores libres, o que significa un compromiso activo por parte da cidadanía, para que eses creadores poidan traballar e para que poidamos esixir calidade no seu traballo. Terceiro, esixencia aos poderes públicos para que aviven a investigación (tamén no ámbito da creación cultural), para estabilizar infraestruturas (redes de bibliotecas, aparato educativo, estruturas de investigación, estruturas de distribución e divulgación etc.) de xeito que o produto cultural poida moverse con liberdade, sen intermediacións que o limiten, e poida acceder o máis directamente posible aos seus destinatarios. Crear infraestruturas operativas, eficaces e ben dotadas é a resposta máis eficiente contra a política de subvencións que, na miña opinión, é unha política estéril, inxusta e esgotada. E para rematar, cómpre entender a cultura galega non como un produto local senón como un discurso creativo que nos sitúa no mundo e, polo tanto, un produto universal. A diversidade é unha riqueza e, no caso da cultura e da lingua galega, unha ponte para outros espazos culturais e lingüísticos, tamén para outros mercados e espazos económicos, o universo do hispanismo e a lusofonía moi fundamentalmente, nos que debemos deprender a movernos as xeracións novas sobre todo.

Juan Granados: Moitísimas grazas polas súas respostas e moita sorte na súa andaina como presidente da Real Academia Galega.

 

 

Sección: