Le chat charmant: pílulas de fonética francés – galego

Preséntase unha aproximación á aprendizaxe da fonética francesa a partir dos contrastes e paralelismos desta lingua co galego, a lingua materna do alumnado. Pretendemos amosar as posibilidades que ofrecen as tecnoloxías multimedia no ensino da pronuncia e da corrección fonética dunha lingua estranxeira, sen esquecer os recursos que brinda a lingua materna do noso alumnado. Propoñemos unha serie de unidades didácticas en soporte dixital en forma de “pílulas concentradas de fonética francesa” con referencia ao galego.

María del Mar Cobeta Melchor
IES Antón Alonso Ríos (Tomiño-Pontevedra)
mcobeta@edu.xunta.es
 

Contextualización

O uso dos laboratorios de linguas e dos exercicios de escoita e repetición xurdiu da man de determinados modelos pedagóxicos inspirados na lingüística estrutural. Neste contexto considérase unha vantaxe que o alumno teña a oportunidade de escoitar as súas propias realizacións co obxecto de que poida chegar a autocorrixirse, comparando a súa produción coa nativa (Jones, 1997). Neste enfoque esquécese o clásico concepto de “xordeira fonolóxica” (Polivanov, 1969; Troubetzkoy, 1973): se o alumno non é capaz de percibir aqueles contrastes que non son fonolóxicos na súa lingua materna (galego), parece difícil que chegue a un diagnóstico dos seus propios erros e que, a través da comparación dun modelo que non percibe adecuadamente, chegue a alcanzar unha pronuncia próxima á nativa.

Por este motivo, consideramos fundamental nas etapas iniciais da aprendizaxe da pronuncia dunha lingua estranxeira (primeiro e segundo da ESO) non perder de vista a fonética da lingua materna do alumnado, o galego no noso caso. Así, na nosa proposta facemos fincapé nos contrastes e paralelismos fonéticos e fonolóxicos entre ambas as linguas, o que axiliza e facilita o proceso de asimilación da pronuncia da lingua estranxeira (francés) por parte dos noso alumnado, como xa temos comprobado na aula.

Por outra banda, aínda que o ensino e adquisición de linguas asistida por ordenador e outras tecnoloxías multimedia pode considerarse xa un ámbito ben consolidado (Beatty, 2010), o ensino da pronuncia asistida polas tecnoloxías da información e das comunicacións (TIC) é un campo moito máis recente debido, por unha parte, a que son necesarios recursos que ata hai pouco non estaban dispoñibles na aula e, por outra, á recorrente falta de atención polo nivel fónico na didáctica das linguas.

Con este traballo pretendemos, polo tanto, amosar as posibilidades que ofrecen as tecnoloxías multimedia no ensino da pronuncia e a corrección fonética dunha lingua estranxeira (francés) sen esquecer os recursos que nos brinda a lingua materna do noso alumnado (galego). Polo de agora, non atopamos materiais curriculares multimedia axeitados para o ensino da fonética en primeiro e segundo da ESO con este enfoque bilingüe, polo que propoñemos unha serie de unidades didácticas en soporte dixital en forma de “pílulas concentradas de fonética francesa” con referencia ao galego.

O ensino da pronuncia é un compoñente máis dun deseño curricular, do mesmo xeito que o é o ensino da gramática, do léxico, da cultura ou de calquera outro contido. Pensamos que estas son actividades que un profesor ou profesora debería levar normalmente a cabo nunha clase de lingua francesa e que, polo tanto, terían que integrarse de modo sistemático nas contornas dixitais de ensino-aprendizaxe para a ensinanza das linguas.
 

Obxectivos

Con esta aproximación preténdese axudar o alumnado a perfeccionar a súa pronuncia e desenvolver hábitos articulatorios e prosódicos que lles permitan achegarse o máis posible á persoa falante nativa. É necesario, xa que logo, acadar desde o principio hábitos correctos de pronuncia e desenvolver a capacidade de autonomía do alumnado para que adquira hábitos de autocorrección e de coavaliación, incrementando ao máximo a práctica audio-oral na aula. Preténdese tamén que os estudantes adquiran os coñecementos teóricos básicos que sustentan a fonética, e integrar eses coñecementos e as habilidades adquiridas nas materias correlativas.

Perséguese, así mesmo, que o alumnado poida reforzar e completar os coñecementos adquiridos por medio da análise comparativa coa lingua materna, facilitando a discriminación de parellas de sons próximos, tanto dentro do francés como entre o francés e o galego, e manipulando o sistema de transcrición do alfabeto fonético internacional co fin de poder identificar nun dicionario a pronuncia dos termos tratados na aula.

Finalmente, con este enfoque intentamos favorecer a reflexión sobre a lingua: desenvolver capacidades de observación e análise para a construción do coñecemento disciplinar.

Recursos empregados

Tendo en conta o enfoque académico da proposta, o material educativo desenvolvido (por exemplo, contidos das pílulas, exercicios de autoavaliación, pautas para o profesorado etc.) consiste esencialmente nun conxunto de páxinas escritas na linguaxe de marcaxe HTML5 (Gauchat, 2012), vídeos e ficheiros de son. As páxinas son independentes de calquera servizo de aloxamento ou sistema de xestión de contidos e todas as referencias internas son relativas, polo que o recurso pode consultarse localmente ou despregarse en calquera servidor web no lugar que o xestor do sistema considere máis axeitado. O recurso distribúese como un obxecto de contido compartible (SCO, shareable content object) de acordo coa norma SCORM (Liu et al., 2005) para facilitar a súa integración en plataformas de aprendizaxe como Moodle.

Para realizar os vídeos utilizouse a aplicación Microsoft Power Point, que permite a gravación de secuencias de vídeo e son a partir de presentacións de diapositivas (Lens et al., 2009).

Desenvolvéronse dúas versións do recurso:

  • Unha versión autocontida que inclúe todos os recursos educativos multimedia desenvolvidos. Esta versión pódese distribuír nun soporte físico (por ex., lapis de memoria, disco dixital etc.).
  • Co obxectivo de limitar ao máximo as necesidades de espazo, desenvolveuse outra versión onde os recursos multimedia están aloxados en servidores externos, máis concretamente YouTube, para o caso dos vídeos e Archive.org no caso dos arquivos de son.

Para a práctica na aula ou a práctica autónoma por parte do alumnado proponse a utilización da ferramenta Audacity (Mazzoni e Dannenberg, 2000). Trátase dun programa de fonte aberta moi axeitado para a escoita, gravación e edición de son. Utilizaremos Audacity para escoitar arquivos de son mentres se grava a voz da persoa que practica a fonética, para despois oír á vez o ficheiro de son orixinal e a voz gravada. Grazas a isto, poderemos comparar a pronuncia da persoa que practica coa do audio orixinal. Para isto necesitaremos uns auriculares e un micrófono. Os auriculares son necesarios para evitar acoplamentos entre a nosa voz e a voz gravada.

Pódese obter todo o material desenvolvido no repositorio de contidos educativos do Espazo Abalar (Cobeta, 2017).

Descrición da actividade

Dado que a materia de Francés se imparte nos catro niveis da ESO e no bacharelato, nesta primeira etapa á que vai dirixida o material didáctico, primeiro e segundo da ESO, propoñemos traballar fundamentalmente na descrición do sistema vocálico e consonántico do francés desde unha perspectiva fonética e fonolóxica. Nas unidades didácticas (por exemplo, píldoras de fonética francesa) correspondentes a estes niveis preséntanse unicamente as unidades segmentais, insistindo nos paralelismos e contrastes co galego, e faise só unha sensibilización desde o punto de vista fonético das unidades suprasegmentais. O formato flexible destas pílulas de fonética francesa permitirá ampliar os seus contidos a medida que se avance de nivel. Así, nos derradeiros cursos da ESO e no bacharelato resultará importante amosar de que modo os fonemas inflúen uns nos outros. O alumnado de bacharelato comprenderá que a descrición das unidades acústicas e articulatorias que traballou en primeiro e segundo da ESO tiña un fin meramente pedagóxico, isto é, coñecer as partes dun todo antes de estudalo no seu conxunto.

En definitiva, coas pílulas de fonética francesa que propoñemos deben quedar perfectamente asentadas as bases máis elementais da fonética francesa de xeito que, nos niveis superiores, poidamos profundar sen dificultade noutros aspectos máis complexos.

Os contidos curriculares desenvolvidos foron, polo tanto, os sons vocálicos (orais e nasais) e os sons consonánticos do francés que se sinalan na programación oficial correspondente a primeiro e segundo da ESO.

Podemos dicir que en francés hai dezaseis vogais e dez delas son fonemas esenciais para a comprensión lingüística: [i], [У], [u], /E/ (que pode realizarse como [ε] ou como [e]), /OE/ (que pode realizarse como [œ] ou como [ø] ou [ə]), /O/ (que pode realizarse como [o] ou [ɔ]), /A/ (que pode realizarse como [a] ou [ɑ]), /Ē/ (que pode realizarse como [e] ou [œ̃]), [ɔ̃], e [ɑ̃].

Temos tamén tres semivogais, é dicir, fonemas intermedios entre vogal e consoante: [j], [w], [ɥ].

Finalmente, en francés hai dezaoito consoantes, catorce orais e catro nasais. Elaboráronse unidades didácticas para aquelas que establece a programación oficial destes niveis, as máis representativas do francés, e que manifestan maior dificultade para o alumnado galegofalante, é dicir, [z] / [s], [v] / [b], [ʒ] / [ʃ], e [ʁ].

Desenvolvéronse, polo tanto, vinte unidades didácticas correspondentes a dez sons vocálicos, sete sons consonánticos e tres semivogais:

  1. L’île imaginaire [i].

  2. La lune hulule [У].

  3. Le hibou sourd [u].

  4. Le bébé qui tête le lait /E/ ([ε], [e]).

  5. Le cœur du bonheur /Œ/ ([œ], [ø], [ə]).

  6. Le beau bateau /O/ ([o], [ɔ]).

  7. Les quatre pattes /A/ ([a], [ɑ]).

  8. L’enfant intelligent [ɑ̃].

  9. Le parfum du pain /Ē/ ([e], [œ̃]).

  10. Le pont d’Avignon [ɔ̃].

  11. La fille du soleil [j].

  12. Le doigt droit [w].

  13. La nuit m’ennui [ɥ].

  14. La rose d’Asie [z].

  15. Le poisson et le hérisson[s].

  16. Vive les vacances [v].

  17. La balle bleue [b].

  18. La journée du jeudi [ʒ].

  19. Le chat charmant [ʃ].

  20. Le renard rusé [ʁ].

En canto ás competencias e capacidades xerais, esta proposta contribúe a desenvolver a competencia en comunicación lingüística, a capacidade crítica e autocrítica, a capacidade de análise e síntese, e a competencia para a autonomía e a iniciativa persoal.
Ademais, como capacidades específicas no eido da fonética, promove a capacidade para identificar e producir correctamente os sons da lingua francesa, a capacidade para interpretar as transcricións fonéticas dos termos que aparecen nos dicionarios, a sensibilidade ante os temas lingüísticos, a capacidade para gozar co estudo da diversidade do sistema fonético e fonolóxico do francés, e a sensibilidade para observar as diferenzas e semellanzas entre a fonética francesa e a galega.


Metodoloxía

Combínanse as diferentes metodoloxías do ensino da fonética, sobre todo o método articulatorio, a transcrición fonética, os pares mínimos e o método baseado na audición e a repetición.
No que respecta ao método articulatorio, ofrécese en cada pílula unha descrición explícita dos movementos realizados polas articulacións na produción dun son. O método articulatorio pode proporcionar resultados moi positivos, especialmente no alumnado que teña unha boa retroalimentación oro-sensorial.
O uso da transcrición fonética responde á necesidade de evitar as interferencias producidas pola representación gráfica. Fomenta, así mesmo, a autonomía e a aprendizaxe activa do alumnado e permítelle consultar a pronuncia dos novos termos nos dicionarios.
A técnica dos pares mínimos está inspirada na fonoloxía estrutural. Accédese ao son a través da semántica e da gramática, utilizando oposicións relevantes para o significado (por exemplo, poisson/poison).
A audición e repetición fundaméntanse na retroalimentación propia do proceso audiofonatorio. Os sons aparecerán illados ou integrados nunha estrutura na que se respecten os elementos suprasegmentais. A posibilidade de que o alumnado escoite a súa propia produción favorece unha audición atenta e permite unha autoavaliación da diferenza entre o modelo e a repetición se o alumnado ten correctamente asimilados os paralelismos e contrastes coa lingua materna. Como xa se sinalou, para acadar este obxectivo utilizarase a ferramenta Audacity.
A flexibilidade das unidades didácticas que se presentan permite traballar a atención á diversidade de xeito inclusivo. A estrutura progresiva do contido das pílulas de fonética francesa fainas accesibles a todo o alumnado, xa que consideramos que a resposta á diversidade non consiste en adoptar unhas medidas dirixidas a uns poucos alumnos, senón en contemplar e reflectir esta diversidade na estrutura das unidades didácticas. Non se trata de reducir ou empobrecer as unidades, senón de seleccionar e decidir a extensión e o grao de complexidade dos exercicios. Noutras palabras, na nosa proposta a atención á diversidade baséase na selección das pílulas e da súa secuenciación, tendo en conta que as devanditas pílulas constitúen unidades autocontidas de coñecemento.

Avaliación

O obxectivo é avaliar (ou autoavaliar) o coñecemento e articulación dos sons na cadea falada, é dicir, a competencia fonético-fonolóxica. Polo tanto, valorarase especialmente a habilidade articulatoria (a posición e contacto dos órganos fonadores) e a pronuncia. Así, os aspectos que hai que ter en conta serían:

  • A correcta colocación dos órganos activos (labios, veo do padal e lingua) e dos pasivos (dentes e padal).
  • A correcta identificación e produción dos sons vocálicos e as combinacións de vogais.
  • A correcta identificación e produción dos sons consonánticos e dos grupos consonánticos.
  • A correcta articulación dos fonemas do francés recoñecendo nestes os seus trazos distintivos (nasais/orais; xordos/sonoros...).

No que respecta á habilidade articulatoria, deberíase insistir especialmente nos seguintes aspectos:

  • Sons vocálicos: incidir na apertura e peche da boca.
  • Sons oclusivos: incidir na saída implosiva do aire.
  • Sons nasais: incidir na saída nasal do aire.
  • Sons laterais: incidir na posición adiantada da lingua.
  • Sons fricativos: incidir na saída interdental do aire.
  • Sons vibrantes: incidir na vibración da lingua.
  • Sons africados: incidir na posición palatal da lingua.
  • Sons guturais: incidir na posición atrasada da lingua.

No que respecta á pronuncia, deberase prestar especial atención á corrección na pronuncia dos fonemas vocálicos e consonánticos e os seus trazos distintivos. Así mesmo, deberase ter en conta a discriminación e identificación do son na cadea falada, así como a asociación do son coas diferentes grafías. Nas pílulas recollidas na sección de contidos inclúense exercicios de avaliación destas destrezas. Cómpre ter en conta que nos exercicios de identificación e discriminación de pares opostos o profesor deberá ocultar os pares que aparecen escritos neses exercicios e utilizar unicamente o audio.
 

Conclusións

O alumnado foi moi receptivo ao novo enfoque das sesións de fonética na aula. Na aplicación do recurso nas aulas, puidemos constatar a motivación coa que o alumnado recibiu a nova metodoloxía e o interese que amosou pola nova proposta. A referencia á súa lingua materna (galego) e a análise dos contrastes e paralelismos fonéticos e fonolóxicos entre ambas as linguas (francés/galego), xunto co deseño multimedia das unidades didácticas como “pílulas de fonética francesa”, supuxeron un claro elemento de motivación e axilizaron e facilitaron o proceso de asimilación da pronuncia da lingua estranxeira.

Tradicionalmente, o ensino da pronuncia foi concibido como un elemento árido e pouco motivador que ofrecía resultados pobres ou pouco rendibles. Esta concepción fai que o ensino da fonética, cando se leva á aula, se apoie exclusivamente en recursos de carácter condutista e se centre na articulación e repetición de determinados sons complexos de xeito illado, ademais de prácticas de base lecto-escritora como os exercicios de lectura. Estas prácticas seguen aínda vixentes e en numerosas ocasións considéranse, de xeito equivocado, válidas e suficientes como apoio pedagóxico. Os manuais e recursos existentes no mercado son monótonos e pouco atractivos, sobre todo para o alumando de secundaria, polo que non se usan ou se usan pouco, xa que permanecen ancorados en concepcións metodolóxicas que xa foron abandonadas no proceso de ensino-aprendizaxe dunha lingua estranxeira.

As unidades didácticas desenvolvidas neste traballo resultaron atractivas para o alumnado e eficaces para a aproximación á fonética. Non é necesario que o profesorado sexa experto neste eido, pero si que coñeza os fundamentos teóricos, as aplicacións prácticas e os recursos multimedia necesarios para abordar con garantías o compoñente fónico.

Ligazón ao recurso no repositorio de contidos do espazoAbalar: Le chat charmant

 

Bibliografía: 

 

 

BEATTY, K. (2010): Teaching & Researching: Computer-Assisted Language Learning. Nova York: Routledge (2.ª ed.). DOI: 10.4324/9781315833774.
COBETA MELCHOR, M. M. (2017): “Le chat charmant. 1.º curso de educación secundaria”. Espazo Abalar. Repositorio de contidos educativos. Xunta de Galicia. https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/es/espazo/repositorio/cont/le-chat... [Consultado o 2 de novembro de 2017].
GAUCHAT, J. D. (2012): El gran libro de HTML5, CSS3 y Javascript. Barcelona: Marcombo (1.ª ed.).
JONES, R. H. (1997): “Beyond “listen and repeat”: Pronunciation teaching materials and theories of second language acquisition”, System (25:1), 103-112. DOI: 10.1016/S0346-251X(96)00064-4.
LENTS, N. H. e CIFUENTES, O. E. (2009): “Web-Based Learning Enhancements: Video Lectures Through Voice-Over PowerPoint in a Majors-Level Biology Course”, Journal of College Science Teaching (39:2), 38-46.
LIU, J.-H.; HUANG, B.-S. e CHAO, M. (2005): “The design of learning object authoring tool based on SCORM”, Procs. Of the Fifth IEEE International Conference on Advanced Learning Technologies (ICALT'05), 778-782. DOI: 10.1109/ICALT.2005.263
MAZZONI, D. e DANNENBERG, R. (2000): Audacity [software]. Pittsburg, PA: Carnegie Mellon University.
POLIVANOV, E. (1969): “La perception des sons d’une langue étrangère”. Change (3), 111-114.
TROUBETZKOY, N. S. (1973): Principios de fonología. Madrid: Cincel.