Viaxe ao espazo exterior

Roberto Alhambra Sánchez

Contextualización

Viaxe ao espazo exterior é un proxecto educativo global que mellora e amplía o seu predecesor: A tumba do faraón. Ambos os proxectos parten do marco teórico da ABP (aprendizaxe baseada en proxectos) e da ABX (aprendizaxe baseada en xogos) e, aínda que conteñen varios elementos da cada vez máis de coñecida “ludificación”, ningún dos dous é un proxecto que responda ao 100 % á devandita metodoloxía. Cando usamos Viaxe ao espazo exterior na aula, o alumnado sabe perfectamente que a mecánica corresponde a un xogo alleo aos elementos propios da clase, por iso se afasta do espírito global da ludificación.

Para xogar a Viaxe ao espazo exterior co teu alumnado, necesitarás un encerado dixital e conexión a Internet.

Obxectivos

Viaxe ao espazo propón traballar varias materias de maneira transversal e englobar diferentes contidos de primaria tal e como se concibe nun proxecto de educación infantil.
O principal obxectivo do proxecto é articular, mediante un xogo de rol, un proxecto que unifica varias materias, usando os recursos TIC dispoñibles de maneira significativa para o proceso de aprendizaxe do alumnado.
Os obxectivos específicos do proxecto corresponden a cada unha das áreas que integra. Deste xeito, podemos atopar obxectivos directamente relacionados con cada unha das áreas; por exemplo, na área de Sociais (aprender os planetas do Sistema Solar) ou na de Matemáticas (identificar as partes dun corpo xeométrico tridimensional ou poliedro)…

 

Metodoloxía e desenvolvemento do proxecto

Cada alumno creará e asumirá o rol dun membro da tripulación da nave Nexus XII. Na pantalla inicial, tras unha ligazón que nos levará ás regras básicas do xogo, atopamos outra que nos conduce á explicación sobre a creación de personaxes. Aquí, cada alumno deberá elixir entre as catro clases dispoñibles (lémure, pantera, lince e oso) ao máis puro estilo dos xogos de rol. É importante sinalar que cada clase de personaxe é distinta e ten unha habilidade propia que, en determinados momentos do xogo, lle outorgará unhas vantaxes con respecto aos demais personaxes. Desde este apartado pódese imprimir, ademais, unha ficha para que o alumnado describa o seu personaxe como faría na materia de Lingua.
A seguinte sección da páxina inicial lévanos á parte dos datos que usaremos no xogo. Aquí, ademais dunha ligazón a un LIM onde o alumnado deberá facer varios exercicios sobre figuras xeométricas, pode descargar os seus personaxes para elaborar datos na materia de Plástica. A construción de dodecaedros e icosaedros supón un avance significativo na área de Xeometría.
A continuación incorpóranse os elementos de ludificación. A Tenda do Trasgo é unha sección que incorpora a materia de Lingua Estranxeira ao xogo. Nela, o alumnado fará outro LIM con exercicios de Inglés para comunicarse. Tras solucionar os exercicios, os alumnos poderán adquirir algúns dos obxectos que ofrece o Trasgo, tanto para mellorar os seus personaxes coma para usar en clase. Estes son os elementos propios dun proxecto de ludificación que incorpora o proxecto. Non contén badgets senón melloras operativas no ámbito do xogo e no do funcionamento da aula.
Unha sección nova que incorpora Viaxe ao espazo exterior respecto de A tumba do faraón é a carreira polo Pulitzer. Cada alumno, ademais de tripulante da Nexus XII, convértese tamén en xornalista dun medio de comunicación, para o que terá que escribir sobre a marcha do proxecto. Unha maneira máis motivadora de escribir.
Por último, chega a sección definitiva da páxina principal: a aventura.
Tras un pequeno vídeo introdutorio, do mesmo xeito que sucedía en A tumba do faraón, o Señor Simio explicaralles aos alumnos a situación. O planeta Neptuno desapareceu da súa órbita e a Axencia Espacial Europea tratará de atopalo mediante unha misión da que o alumnado formarán parte.
Na Axencia, os alumnos serán informados dos planetas que forman o Sistema Solar (Sociais), deberán solucionar un LIM sobre enerxías (Naturais) para a súa nave, realizar un experimento con medidas e auga para refrixerar a aeronave (Matemáticas), atender á torre de control (Inglés). Unha vez teñan o permiso da torre de control, a Nexus XII engalará rumbo á órbita do desaparecido Neptuno.
A viaxe a través do Sistema Solar divídese en etapas. En cada etapa, ao alumnado preguntaráselle por datos similares como, por exemplo, o diámetro do planeta no que se atopan ou a súa distancia con respecto á Terra e datos semellantes (Matemáticas). A parada en Marte ten a peculiaridade de atoparse con marcianos, que, obviamente, non falarán o noso idioma senón que se comunican en Inglés; tamén haberá que solucionar un LIM para poder comunicarse con estes seres.
Unha vez pasado Urano, o alumnado chegará á órbita de Neptuno. Para atopar o planeta perdido, terá que solucionar outro LIM con exercicios sobre xeografía e movementos planetarios (Sociais).
Unha vez concluído, os alumnos poden volver á tenda do Trasgo para trocar os puntos que foron gañando (incluíndo os puntos por redaccións aos seus “medios de comunicación”) polas recompensas propias dun proxecto de ludificación.

Ligazón ao recurso no repositorio de contidos do espazoAbalar: Viaje al espacio exterior