Os monumentos prehistóricos de Galicia: megálitos, petróglifos e castros

A proposta consiste na realización na aplicación Cuadernia de tres libros dixitais de 62 páxinas (con 50 de información con textos e imaxes e 10 de actividades) sobre os monumentos prehistóricos de Galicia, analizando tanto os seus aspectos xerais coma os exemplos máis destacados que existen de cada tipo de monumentos.

Antonio Balboa Salgado
CPI de Bembibre (Val do Dubra-A Coruña)
abalboa@edu.xunta.es

Obxectivos

O obxectivo principal consiste no coñecemento dos monumentos de época prehistórica en Galicia. Tamén en fomentar a curiosidade científica e o rigor crítico, coa redacción de textos sintéticos pero moi elaborados, e con imaxes en gran parte orixinais. Así mesmo, búscase concienciar da importancia das novas tecnoloxías na educación, tamén fomentar o coñecemento, o interese, a valoración e a conservación do patrimonio cultural e monumental de Galicia, moi rico en canto aos monumentos prehistóricos e en gran medida descoñecido, así como salientar o seu influxo no presente e como fonte de desenvolvemento. Ademais, búscase potenciar a adquisición de coñecementos e competencias mediante a aplicación a un contexto concreto e próximo.

Recursos empregados

Visitáronse os principais monumentos prehistóricos de Galicia, así como os museos arqueolóxicos e centros de interpretación.

As fotografías empregadas son propias, tanto de xacementos ao aire libre coma de museos e centros de interpretación. Tamén se empregaron e manipularon imaxes cartográficas e no caso dos petróglifos, algúns debuxos.

En canto á redacción dos textos, consultouse toda a bibliografía máis significativa sobre o tema, desde a máis divulgativa ata a máis específica.

Na elaboración dos libros dixitais empregouse Cuadernia, unha boa aplicación de creación de contidos educativos polas súas características técnicas e didácticas, tanto polo seu deseño coma pola posibilidade de crear contidos completos con imaxes e textos, así como unha ampla variedade de actividades multimedia. As dúas facetas son esenciais porque permiten compatibilizar a faceta expositiva co recurso a diversos tipos de actividades.

Descrición da actividade

Normalmente, no desenvolvemento curricular que se leva a cabo na aula, os contidos son explicados desde un punto de vista temático ou temporal. Este tipo de aplicacións didácticas permite desenvolver e agrupar os contidos de modo diferente, neste caso englobando nun conxunto todos aqueles elementos de tipo monumental, patrimonial e artístico que o alumnado debería coñecer e que en moitas ocasións se presentan de modo moi esquemático, disperso ou mesmo non aparecen claramente definidos nas distintas propostas didácticas.

A pesar da súa importancia dentro da investigación histórica, artística e arqueolóxica e do seu impacto popular, bótanse en falta recursos de tipo didáctico, en especial dentro do ámbito das novas tecnoloxías, que poidan ser aplicados na ESO.

En moitos libros de texto, a atención prestada a estas épocas históricas tan importantes na nosa historia resulta moi reducida e sintética. Ademais, desde o punto de vista científico, moito do material publicado sobre estes elementos que pode ser empregado nas aulas é en moitas ocasións antigo, tradicional (segue un esquema clásico), non moi adaptado ao mundo educativo ou está  disperso en publicacións de todo tipo, tanto en formato impreso coma dixital. Ou mesmo non existe xa que, por exemplo, non hai publicada ningunha obra divulgativa de calidade sobre a cultura castrexa, tan importante na historia de Galicia.

Resulta de especial relevancia presentalos nun conxunto único para que o alumnado poida coñecelos desde esa perspectiva global. O obxectivo consiste en fornecer material complementario para a aula actualizado e orixinal, elaborado sintetizando a información dispoñible tanto nas publicacións sobre historia, arte e arqueoloxía de Galicia coma en Internet. Os libros pretenden, polo tanto, servir como “ponte”, tratando de sintetizar a amplísima e dispersa bibliografía existente nunhas propostas o máis didácticas posible.

Prestouse especial atención á lingua empregada, tanto no que se refire ao galego como á claridade expositiva, elaborando textos accesibles e entendibles, sempre desde o rigor histórico. Buscouse unha síntese centrada naqueles aspectos máis salientables, nun deseño lóxico e completo, abarcando todos os puntos de vista posibles e cun afán didáctico. Empregouse un vocabulario sinxelo pero sen renunciar aos termos científicos e remarcáronse os conceptos máis importantes en letra negra.

En canto ás imaxes, a gran maioría son fotos orixinais, xa que se aproveitou a licenza de estudos para visitar moitos dos monumentos máis salientables. Mesmo algunhas das fotografías son significativas ao non ser doadamente localizables ou non existiren imaxes actuais do monumento. Todas están subtituladas e as máis relevantes están manipuladas dixitalmente (caso dos petróglifos) ou coas súas distintas partes sinaladas.

A estrutura do contido dos libros é moi similar. Tratouse de que fose o máis holística posible, combinando aspectos xerais con outros máis concretos, nunha evolución natural, e intercalando monumentos representativos de cada aspecto tratado.

Os principais aspectos aos que se prestou atención dos megálitos, petróglifos e castros son: definición, significado, denominación, cantidade, medidas, forma, localización, contexto histórico europeo, realización, cronoloxía e evolución.

Tamén se analizan os seus diferentes tipos, características e partes. Por exemplo, nos petróglifos, os motivos abstractos (como os círculos e labirintos) e naturais (animais, sobre todo cervos, seres humanos e armamento). Nos megálitos trátanse os menhires, crómlechs, dolmens, mámoas e necrópoles. Así mesmo, a súa decoración con gravados e pinturas e partes como a coiraza, a cuberta e o enxoval. Nos castros analízanse as defensas (murallas, parapetos, escaleiras, fosos), o seu urbanismo (croa, rúas, antecastros, barrios) e as vivendas (forma, materiais, cubertas, vestíbulo, decoración, portas e interior), ademais doutros elementos como os guerreiros castrexos e as saunas.

Ao longo do texto vanse intercalando tamén xacementos especialmente relevantes. No caso dos petróglifos, os da Laxe das Rodas, Lombo da Costa, Laxe das Ferraduras, os do monte Tetón e Tourón, o de Rotea de Mendo ou o da Laxe da Boullosa.

Nos megálitos desenvólvense o Camiño dos Arrieiros, a Lapa de Gargantáns, o dolmen do Meixoeiro, a Mota Grande, as necrópoles de Barbanza e de Santa Mariña, a Mámoa do Rei e os dolmens de Axeitos, Dombate e Cabaleiros, así como a Pedra da Arca e a illa de Guidoiro Areoso.

En canto aos castros, examínanse os de Baroña, Santa Trega, Saceda, San Cibrán de Las e Viladonga.

Cabe destacar que se escolleron estes xacementos por ser os máis significativos, coñecidos ou visitables, pero alúdese a outros moitos exemplos no texto e nas imaxes.

As últimas páxinas de cada libro son sobre outros aspectos que nos pareceron interesantes para abrir o campo de comprensión dos monumentos, por exemplo, como visitalos, as agresións que sofren e os coidados que necesitan, cal foi a súa evolución ao longo do tempo, o folclore asociado con eles e os centros de interpretación e museos onde se pode coñecer máis ou ver o material que apareceu neles. Ademais, introducíronse curiosidades, como a existencia de dolmens intactos ou tamén como se recoñecen os xacementos, por exemplo, coa nova tecnoloxía LIDAR, do máximo interese e aplicación ao contexto máis próximo. Todo isto co fin de facer máis completo e suxestivo o desenvolvemento do tema e crear unha conciencia de protección e valoración do noso patrimonio.

Metodoloxía

Un dos principios básicos consiste en suscitar o interese sobre o patrimonio cultural e patrimonial de Galicia no alumnado a través do estudo xeral e particular dos monumentos prehistóricos máis salientables. A presentación destes elementos é moi visual, o que, combinado con diversas actividades, fai que resulte máis atractivo para os alumnos e supoña unha nova vía de estudo da materia, diferente á que están afeitos.

O proxecto céntrase nos monumentos como mellor modo de atraer a atención do alumnado. Con todo, os elementos non só resultan importantes en si mesmos, senón como manifestacións dun contexto social, económico, político, relixioso e cultural.

Outro factor importante é que se trata de combinar unha metodoloxía expositiva por parte do profesor xunto co traballo persoal por parte do alumnado. Así, os pasos que se poden seguir serían os seguintes: indagación das ideas previas do alumnado, formulación da información básica e instrucións por parte do docente sobre a información, así como dos obxectivos propostos e dos procedementos empregados para acadalos, estudo do material mediante unha lectura comprensiva, realización dos exercicios e recapitulación do aprendido en común.

Outra dimensión salientable radica no emprego das novas tecnoloxías. Os alumnos, ao dispoñeren de propostas máis atractivas visualmente, terán unha aprendizaxe máis lúdica que incentivará as súas ansias de coñecemento.

Os libros dixitais poden ser empregados como material complementario e de apoio dos distintos apartados previstos nas programacións didácticas. Ademais poden ser usados en conxunto ou por partes, xa que as actividades están intercaladas e poden escollerse aquelas que se consideren oportunas —o feito de estar en soporte informático tamén facilita isto—. En función da organización da materia pode distribuírse do modo que se considere oportuno. As súas características permiten un uso a distintos niveis, mesmo con alumnos con necesidades educativas especiais.

Aparecen intercaladas dez actividades multimedia que teñen que ser realizadas polos alumnos para que exerciten e consoliden o aprendido, así como para ter unha referencia do estudado. Son de diversos tipos: preguntas, relacionar, cubrir ocos, emparellar, encrucillado, aforcado etc.

Estes exercicios van intercalados cada cinco páxinas, para que formen pequenas unidades de aprendizaxe, compostas por cinco páxinas con información e unha actividade multimedia, combinando textos, imaxes e actividades, co cal se facilita o proceso de aprendizaxe para todo tipo de alumnos e permite asentar os coñecementos adquiridos e poder avaliar o seu grao de consecución.

Avaliación

En canto á avaliación do alumnado, esta implica tanto as ideas previas nunha sesión común preparatoria coma a corrección das actividades multimedia, que pode ser levada a cabo por eles mesmos e supervisada polos docentes. No que atinxe á avaliación do material, pode facerse unha enquisa oral ou escrita, individual ou en grupo, sobre o seu interese, utilidade e calidade. Tamén se pode poñer en común.

O material está pensado para ser empregado en primeiro da ESO, tanto nas materias de Xeografía e Historia coma noutras relacionadas, ou en actividades de reforzo e apoio.

Conclusións

O que se pretende é, aproveitando o atractivo visual dos monumentos, profundar na materia partindo dos obxectos en si. Trátase de facilitar unha aprendizaxe progresiva, do máis conceptual ao máis concreto, estudando os obxectos en si mesmos e situándoos nos contextos que lles resultan propios.

Un elemento que queremos salientar é que a última páxina dos tres libros dixitais titúlase “Para saber máis” e nela especifícanse libros e páxinas web nos que ampliar coñecementos. As distintas páxinas e blogs citados son moi importantes xa que permiten a xeolocalización dos xacementos. Isto abre unha perspectiva moi enriquecedora, pois facilitan a visita (a pesar de certa dificultade no acceso moitas veces ao estar en lugares agrestes e gran parte deles sen ningún tipo de sinalización) á gran maioría destes xacementos, que anteriormente eran moi difíciles de localizar.

Ademais de seren moitos, están totalmente espallados por toda a xeografía galega, co que resulta doado atopar algúns próximos ou mesmo son un bo motivo para ir visitar algúns dos xacementos máis relevantes noutras partes do país.

A nosa proposta ten tamén, polo tanto, o obxectivo de incentivar o seu coñecemento persoal e a visita do alumnado, individualmente coa súa familia ou en grupo co centro educativo. Unha boa forma de aprecialos, darlle vida fóra da aula e poñelos en valor.

Por último, cos recursos facilitados na rede e as novas técnicas como o LIDAR, o propio alumnado pode indagar sobre os monumentos que ten no seu contorno máis próximo, enriquecendo e ampliando aínda máis o propósito destes traballos sobre os monumentos prehistóricos de Galicia.

Ligazón aos recursos no repositorio de contidos do espazoAbalar:

Monumentos prehistóricos de Galicia: Petróglifos

Monumentos prehistóricos de Galicia: Os megálitos

Monumentos prehistóricos de Galicia: Os castros