A materia de Artes Escénicas e Danza. O traballo co corpo e as emocións

Artes Escénicas e Danza é unha materia específica que se imparte en cuarto da ESO. Esta área de coñecemento engloba artes diferenciadas que nunca se traballaron dentro do horario oficial do ensino obrigatorio. A estas artes podémonos achegar de distintas formas. Este artigo pretende mostrar unha proposta da materia na que se fai que os estudantes sexan os protagonistas da súa propia aprendizaxe e que, a partir das emocións, poidan irse descubrindo a si mesmos.

Beatriz Alonso Pérez-Ávila
Profesora de Música de educación secundaria
IES Afonso X o Sabio (Cambre-A Coruña)
beatriz.alonso@edu.xunta.es

 

Carl Orff spoke often of the Schulwerk as an unfinished story. Contemporary elemental movement is the next chapter waiting to be written
(Goodkin, 2004, 60)

 

Contextualización

A área das artes escénicas nunca estivo representada no currículo educativo español. Isto supón unha clara anomalía que non sucede con outras ensinanzas artísticas, como son as artes visuais ou musicais. A materia Artes Escénicas e Danza aparece coa Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro (LOMCE), e vén suplir lixeiramente esta ausencia. É a primeira vez que unha lei de ámbito estatal propón a introdución deste ámbito do coñecemento para todos os centros do territorio. Neste caso, ofrécese como materia específica para cuarto da ESO, xunto con outras sete que pode ofertar cada un dos centros educativos nos que se imparte a educación secundaria, xa sexan públicos, concertados ou privados. Porén, parece que a súa presenza nos distintos centros educativos é aínda escasa. Este feito pode ser debido a diversas causas: por un lado, a falta de tradición da área de artes escénicas e da danza nas etapas obrigatorias do ensino; a súa denominación como específica, que é como se refire a LOMCE ás optativas, polo que precisa a petición previa dun departamento, debe de ser aprobada polo claustro e, polo tanto, pode non ser ofertada; ademais, a materia semella ter pouca continuidade, xa que en Galicia a materia troncal do bacharelato de Artes chamada Artes Escénicas impártese en segundo e só nun escaso número de institutos en Galicia; por último, parece que cobra especial importancia o perfil do profesorado, xa que o Real decreto 665/2015, do 17 de xullo, establece que Artes Escénicas e Danza pode ser impartida polo profesorado de Lingua Castelá, Lingua Galega ou Música —aínda que o Real decreto 665/2015 aclara que terá preferencia o profesorado de Música—, de forma que ás veces parece que ningún departamento sinta como propia a materia, caendo a súa oferta na voluntariedade de persoas concretas que solicitan, a título persoal, impartir esta área de coñecemento que se amosa como unha illa solitaria en cuarto da ESO, case sen preparación previa e sen continuidade posterior. A presenza desta materia nun centro parece que pode supoñer un problema de organización docente, que agrava os problemas entre os distintos departamentos do claustro, con outras materias que xa teñen máis tradición ou que pertencen a departamentos completamente consolidados. Así pois, parece que Artes Escénicas e Danza supón un esforzo titánico para traballar sobre unha temática que, a priori, parece non tan ligada aos estudos de acceso ao corpo, tanto para os docentes de Lingua Castelá e Galega como para os docentes de Música.

É importante achegarnos ao currículo de Artes Escénicas e Danza para entender que os contidos que se desenvolven no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, se dividen en catro bloques: común, teatro, danza e outras artes escénicas, todos eles moito máis próximos aos estudos previos tanto do profesorado de Música como do de linguas. Atopamos unha materia na que se distribúen as historias da danza, do teatro, da ópera, do teatro musical ou do circo; unha materia na que se debe traballar a linguaxe corporal e a voz como elementos indispensables para desenvolver a nosa creatividade corporal, que xorden como un conxunto de disciplinas que, anteriormente, case non estiveran representadas nos centros escolares pero que, por outra banda, son indispensables para o autocoñecemento, para o fomento da creatividade e, sobre todo, para a busca dunha linguaxe propia, sen códigos preestablecidos e que lle poida permitir ao noso alumnado novas formas de comunicación e relación.

No IES Afonso X o Sabio impártese esta materia desde o curso 2016/17, a cal pertence ao Departamento de Música. Cabe sinalar que a súa construción se ligou directamente a un dos proxectos de centro, Afonso a escena, que intenta achegar as artes escénicas ao alumnado, relacionando a música, o teatro, a danza e as artes circenses entre si. Ademais, entendemos esta materia como unha continuidade dentro da área de Música, principalmente, pero tamén da de Educación Física; e que a súa continuidade debe estar noutras materias de primeiro de bacharelato como son: as específicas de Música —Análise Musical I e Linguaxe e Práctica Musical—, a Educación Física e a Anatomía Aplicada; as troncais Literatura Universal, Latín, Grego, Cultura Audiovisual I, Fundamentos da Arte I e as materias obrigatorias Lingua Castelá e Literatura, Lingua Galega e Literatura, Filosofía, Historia Contemporánea e incluso as linguas estranxeiras; outro tanto se podería dicir con respecto á continuidade coas materias de segundo de bacharelato. En Artes escénicas e Danza partimos de competencias xa traballadas polo alumnado en Música e Educación Física: desenvolvemento do ritmo, expresión corporal básica, realización de pequenas coreografías, memorización de pequenos textos e breves dramatizacións, así como un coñecemento básico da historia da ópera, danza e teatro, que servirá para que poidamos afondar nestes coñecementos aos que, posteriormente, o alumnado volverá achegarse na etapa de bacharelato.

Obxectivos

- Estimular a capacidade de comunicación do noso alumnado.
- Favorecer a toma de conciencia do corpo como instrumento de expresión tanto no espazo coma no tempo.
- Potenciar a creatividade do alumnado, así como a súa sensibilidade, imaxinación e atención.
- Facilitar o traballo en equipo e crear conciencia de grupo.
- Descubrir o corpo como elemento fundamental na nosa socialización.

Recursos empregados

Precisamos unha aula grande, as características desta aula son moi concretas e non se darán en case ningún centro. Pero podemos aproximarnos o máis posible:

  • Unha aula grande, na que unhas 25-30 persoas poidan desprazarse no espazo, poidan traballar na súa kinesfera sen molestarse e traballar pequenas coreografías en grupos. Esta aula pode ser o ximnasio.
  • Un equipo de audio con altofalantes; servirá un altofalante potente que sexa portátil e que permita a reprodución de audio nun lapis de memoria.
  • Roupa e calzado cómodos.
  • Un espello de parede.

 

Descrición da materia

Artes Escénicas e Danza distribúese en tres sesións semanais. Por este motivo poderemos repartir os contidos diferenciando áreas, de forma que dediquemos un día á improvisación teatral ou ao traballo da voz, outro día a composicións coreográficas, outro día á expresión corporal etc. Durante o curso 2016/17, no IES Afonso X o Sabio distribuímos a materia da seguinte forma:
1. Un día á semana dedicábase ao traballo de conceptos teóricos. Nesta sesión traballamos as escolas de interpretación, aprendemos sobre os elementos escénicos máis importantes, distinguimos as distintas artes escénicas e traballamos a evolución histórica do teatro, da danza e da ópera, de forma que a materia quedase interrelacionada coa Música, a Cultura Clásica de terceiro da ESO e a Lingua e Literatura e, posteriormente, unha serie de materias anteriormente mencionadas que se cursan en bacharelato.
2. Outro día da semana centrábase no traballo co corpo. Neste caso traballamos fundamentalmente partindo da danza creativa ou educativa e da expresión corporal achegándonos así ao teatro do xesto; o alumnado tamén tivo a oportunidade de facer coreografías, realizar videoclips e incluso xestionar a montaxe dunha flashmob de fin de curso.

Inicio dunha sesión de traballo corporal

 

3. O terceiro día da semana quedou destinado ao traballo coa voz, realizando improvisación teatral, lecturas dramatizadas, monólogos e diálogos, ademais de xogos de vocalizacións, articulacións e respiracións; ao final de curso realizouse a montaxe dunha peza teatral, a cal foi decidida polo propio alumnado e foi a obra de lectura obrigatoria da materia de Lingua Castelá e Literatura para ese curso: La zapatera prodigiosa de Lorca.

 


Ensaios no salón de actos da representación lorquiana

 

Iniciamos unha sesión de clown

 

Metodoloxía

En liñas xerais, a metodoloxía empregada foi moi activa e participativa. Para isto tivéronse en conta os intereses do alumnado, recolléronse as súas achegas e iniciativas para conseguir introducilos dentro do proceso de aprendizaxe. Por outra banda, usáronse métodos propios da actividade das artes escénicas e da danza, utilizando recursos como xogos, improvisacións, observacións e recursos materiais.

A improvisación individual e grupal serviunos para fomentar o desenvolvemento da creatividade, a sensibilidade artística e a desinhibición. A nosa actividade desenvolveuse ao longo do curso, polo que buscamos a simultaneidade dos contidos durante este. Desta forma puidéronse reiterar e combinar os distintos contidos, e incidir sobre eles. As actividades foron diferentes e diversas, gradadas e equilibradas tanto na súa duración coma na súa dificultade, axudando desta forma a que o discente experimentase un maior número de emocións e sensacións de tipo auditivo, visual, táctil e cenestésico. Ademais, foi fundamental buscar as actividades máis atractivas e que captasen a atención do alumnado, contribuíndo considerablemente ao incremento da súa participación, sobre todo na súa dimensión creativa. Así mesmo, remitiron ao traballo grupal ou en parellas, de forma que o discente se puido enriquecer coas súas respostas e as dos demais, de tal forma que descubrise as súas capacidades expresivas e como interaccionan co seu contorno. No desenvolvemento das clases empregáronse músicas e ritmos atractivos, o que permitiu ampliar tamén o espectro musical dos e das estudantes. En xeral, as estratexias metodolóxicas baseáronse nos seguintes principios:

  • Partir do nivel de desenvolvemento do alumnado e das súas  aprendizaxes previas.
  • Posibilitar que o estudantado realice aprendizaxes significativas por si mesmo.
  • Favorecer situacións nas que o estudantado actualice os seus coñecementos.
  • Propiciar a interacción discente, docente-discente e discente-docente co exterior.
  • Proporcionar situacións de aprendizaxe que teñan sentido para o estudantado, nas que se poidan identificar e estean cerca da súa linguaxe.
  • Proporcionar unha variedade de linguaxes para que o alumnado enriqueza a súa vivencia persoal.

Para desenvolver o traballo de expresión corporal utilizouse a metodoloxía desenvolvida por Marta Schinca, unha das grandes creadoras e impulsoras da expresión corporal tanto en España coma no estranxeiro. Á hora de achegarnos ao desenvolvemento do traballo do movemento corporal, partiuse das bases metodolóxicas desenvolvidas por Rudolf Laban e da danza creativa. Ademais, para traballar principios básicos corporais, tamén utilizamos o método Dalcroze e o achegamento Orff, metodoloxías que xa empregamos na aula de música, polo que o alumnado xa está plenamente afeito a estas. Por último, para achegarnos á improvisación teatral, utilizaramos as técnicas básicas de improvisación teatral que parten dos cinco principios básicos que temos sempre que respectar: 1. Se e..., 2. Axudar, 3. Escoitarse, 4. Lanzarse e 5. Divertirse.

Propostas de actividades que se realizan no IES Afonso X o Sabio para construír sesións de danza e expresión corporal

Todas as sesións prácticas se desenvolven dividindo os 50 minutos en tres partes diferenciadas: actividades de iniciación, desenvolvemento e peche.

Todo movimiento tiene lugar al trasladarse el cuerpo o partes del cuerpo de una posición espacial a otra. Por consiguiente, cada movimiento puede explicarse parcialmente mediante esos cambios espaciales de posición. [...] Sea el cuerpo se mueva o esté detenido, lo rodea el espacio. Alrededor del cuerpo está la esfera de movimiento o kinesfera (Laban, 1989, p. 89).

O espazo é concibido a partir da persoa que baila e os seus límites, a kinesfera, que ten tres opcións de movemento:
a. Vertical (arriba-abaixo)
b. Horizontal (saxital: adiante-atrás)
c. Transversal (esquerda-dereita)
Isto xera as dimensións: altura, anchura e profundidade.
O tempo: Laban dota o movemento de duración, velocidade e ritmo.
Enerxía: toma de conciencia do peso, que lle permite ao executante vencer a forza da gravidade e variar así a calidade do dinamismo do movemento.
A combinación dos tres é o que configurará as distintas calidades do movemento. Por exemplo, dentro do espazo podemos ter movementos directos e flexibles, dentro do tempo, os movementos poden ser repetitivos ou prolongados, dentro da enerxía podemos facer movementos máis fortes ou máis lixeiros.

As seguintes actividades pódense combinar ao longo de distintas sesións:

1. Exercicios de iniciación:

Comezamos partindo da nosa kinesfera. Separámonos no espazo para non molestarnos entre nós. Botamos o corpo cara adiante, pouco a pouco, intentando chegar coas mans ao chan, pero separando a cabeza dos ombros e balanceámonos.
- Ascendemos pouco a pouco, comezando pola pelve. Recoñecemos o espazo que nos rodea coas nosas extremidades e co resto do corpo.
- Andamos polo espazo.

  • Recoñecéndoo e mirando a xente aos ollos. Evitamos os círculos. Cambiamos de dirección: primeiro só cara adiante, logo incorporamos camiñar cara atrás, logo en diagonal. Tras isto xogamos coas tres direccións.
  • Co pulso que levamos facemos ritmos cos pés.
  • Engadimos posicións: tocamos o chan coa punta das mans ou pés. Engadimos así o elemento do chan.
  • Combinamos todas as accións traballadas ata agora.

- Facemos un gran círculo entre todos:

  • Unha persoa comeza sinalando un movemento e o do lado repite coma se fose unha sombra ata que acaba o círculo.
  • Alguén propón un movemento e o do lado fai o que consideraría o seu contraste, e así seguimos sucesivamente.

2. Exercicios de desenvolvemento

Formamos parellas: imos xogar coas distintas calidades de movemento, queremos que proben coa base da combinación entre os movementos que se desenvolven no espazo, cun tempo variable e cunha enerxía que tamén pode ir cambiando.
- Traballamos o contraste: unha persoa propón un movemento e a parella fai o contraste. Continúan propoñendo ata que cambian os roles.
- Imitamos e engadimos: facemos un dominó de movementos en parella.
- Imitamos: un guía e o outro segue o que fai o primeiro. Establécese unha “marca” coa que cambiaría a persoa que guía, por exemplo, se alguén queda de costas a guía cambia.

3. Exercicios de peche

Teñen que ser actividades que permitan, dun xeito práctico e globalizador, poñer en práctica o traballado anteriormente.
- Seguir o líder: facemos grupos compostos por unhas cinco ou seis persoas e cada un ten que seguir un líder. Debe ir rotando o encargado de ser o líder. Esta persoa ten que ter moito coidado á hora de propoñer movementos xa que ten que ver que poden facer os demais ou que non.
- Facer a coreografía dunha historia: contamos unha historia, serve calquera conto coñecido. Dividímola en tantas partes como grupos temos e cada un fai a coreografía dunha parte.

Avaliación

A avaliación desta materia parte duns criterios de cualificación moi concretos especificados na programación que se pode consultar na páxina web do IES Afonso X o Sabio, así como os criterios de avaliación e indicadores de logro. Porén, estamos a concretar unha serie de rúbricas específicas para cada actividade que o alumnado debe coñecer antes de comezala.

 

Táboa 1. Exemplo de rúbrica de avaliación de coreografías grupais

 

Descritor

1*

2

3

4

O/A estudante participa activamente na elaboración da coreografía.

 

 

 

 

O/A estudante axuda os seus compañeiros á hora de aprender os pasos.

 

 

 

 

O/A estudante toma decisións e resolve situacións de conflito

 

 

 

 

Os aderezos e vestiario utilizados son apropiados para realizar a actividade.

 

 

 

 

Hai coordinación de movementos dentro do grupo.

 

 

 

 

Os movementos/pasos adecúanse ao ritmo da música (se a hai).

 

 

 

 

Os pasos están executados conforme o disposto.

 

 

 

 

A(s) escena(s) proposta(s) ten/teñen coherencia co relato previo.

 

 

 

 

 

Fonte: Elaboración propia (A escala considera 1 pouco e 4 moito.)

 

Ao longo do curso realizáronse enquisas anónimas ao alumnado. Ao principio de curso, preguntouse por que escolleran esta materia específica e que expectativas tiñan. Ao final de cada trimestre pasóuselles un pequeno formulario para que cubrisen as súas impresións e, ao final de curso, outro específico no que puideron reflexionar sobre o traballo realizado. Todas as súas respostas foron usadas para ir construíndo a materia. En xeral, a resposta do alumnado foi extremadamente positiva, tendo ademais unha gran conciencia de grupo e todos os estudantes traballaron para integrarse e coidarse.
En setembro, en xeral, o alumnado non sabía ben que esperar do que escolleran, porén, ao longo do curso, recollemos algunhas das seguintes impresións:

  • “Esta materia é unha liberación: podo expresarme con liberdade.”
  • “É a única materia na que todo o que digo pode encaixar.”
  • “Teño outra visión do meu corpo.”
  • “Sinto que podo ser eu mesmo, aquí non me xulga ninguén.”
  • “Eu son moi tímida e penso que grazas a Artes non o son tanto.”
  • “Ás veces temos problemas entre nós e aquí temos que resolvelos porque hai que traballar en equipo.”
  • “Non é tan sinxelo chegar a acordos.”
  • “Non sei por que estudamos teoría.”

En xeral, o alumnado valorou moi positivamente o traballo de Danza e Expresión Corporal, así como todo o traballo realizado de interpretación e improvisación teatral. Porén, foi máis crítico coa parte teórica.

Traballando os puntos de apoio, a confianza e a relación interpersonal

 

Conclusións

Artes Escénicas e Danza é unha materia chea de infinitas posibilidades. Dado o seu carácter interdisciplinar fai doado que se traballe partindo da metodoloxía de traballo por proxectos, como se fai en centros como o CPI A Xunqueira de Fene, centro que interrelaciona o alumnado de educación infantil, primaria e secundaria a través de Artes Escénicas e Danza. No IES Afonso X o Sabio partimos do traballo coas emocións. Das propias valoracións do alumnado extráese que eles mesmos foron conscientes de que estaban traballando co seu corpo e de que isto afecta á súa autoestima, á valoración que teñen deles mesmos e dos demais; que os sitúa no espazo e que se expresan con el. Todas estas sensacións fan que, para rapaces e rapazas de 15 e 16 anos sexan unhas vivencias fundamentais que os fan crecer como persoas, estar mellor consigo mesmos e, en definitiva, coñecerse.
 

 

 

Bibliografía: 

 

 

BACHMANN, M. (1998): La rítmica de Jacques Dalcroze: una educación por la música y para la música. Madrid: Pirámide (1.ª ed.).

GOODKIN, D. (2004): Play, sing & Dance, an introduction to Orff Schulwerk. Miami: Schott (2.ª ed.).

LABAN, R. (1987): El dominio del movimiento. Madrid: Fundamentos (1.ª ed.).

LABAN, R. (1989): Danza educativa moderna. México D.F.: Paidós (2.ª ed.).

MARCER, A. (2004): Taller de teatro, cómo organizar un taller y una representación teatral. Barcelona: Alba (1.ª ed.).

PÉREZ-TESTOR, S. (2017): “Vivir las emociones a través de la danza creativa”, Eufonía (71), 30-35.

PÉREZ-TESTOR, S. e GRIÑÓ ROCA, A. (2015): “Danza creativa: el rol del material y la imaginación”, AusArt Journal for Research in Art (3:1), 166-173.

SCHINCA, M. (2010): Expresión corporal. Técnica y expresión del movimiento. Madrid: Wolters Kluver (4.ª ed.).

SCHINCA, M. (2011): Manual de psicomotricidad, ritmo y expresión corporal. Madrid: Wolters Kluver (2.ª ed.).

SMITH-AUTARD, J. (2002): The art of dance in education. London: A&C Black (1.ª ed.).

 

Sección: